DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Luns, 04 de maio de 2009 Páx. 8.247

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 31 de marzo de 2009 pola que se procede á creación do ficheiro de datos de carácter persoal correspondente ao Rexistro de Ascensores.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro (BOE nº 298, do 14 de decembro), regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, así como o uso posterior destes datos polos sectores público e privado.

A finalidade desta regulación é protexer os dereitos fundamentais das persoas físicas e especialmente o seu honor e intimidade, tanto persoal como familiar.

No seu artigo 20.1º dispón que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio dunha disposición xeral publicada no BOE ou no diario oficial correspondente.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1998, do 20 de outubro e pola Lei 7/2002, do 27 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante esta orde, a Consellería de Innovación e Industria crea o ficheiro automatizado de datos de carácter persoal correspondente ao Rexistro de Ascensores e á súa versión telemática (Xira - Sistema Informático para a Xestión Integral do Rexistro de Ascensores).

Artigo 2º.-Contido.

A información exixida no artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal para as disposicións de creación de ficheiros, está contida no anexo desta orde para o ficheiro que se crea.

Artigo 3º.-Finalidade e usos do ficheiro.

Os datos de carácter persoal rexistrados neste ficheiro automatizado da Consellería de Innovación e Industria creado por esta orde só serán utilizados para os fins expresamente previstos no anexo e por persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os declarados no anexo. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que aterse ao disposto na normativa vixente respecto a esta materia, e principalmente ao disposto no artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Artigo 5º.-Órgano responsable dos ficheiros.

A responsabilidade sobre os ficheiros creados por esta orde correspóndelle ao órgano de administración sinalado no anexo.

Así mesmo, no anexo detállase a unidade ante a que se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan nos ficheiros.

Artigo 6º.-Nivel de protección e medidas de seguridade.

Os ficheiros creados por esta orde atópanse clasificados atendendo ao disposto no artigo 80 e seguintes do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. No anexo aparece a clasificación (nivel básico, medio ou alto) dos ficheiros creados baixo esta orde.

O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade e integridade dos datos, así como as conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999 e nas súas normas de desenvolvemento.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2009.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO

Rexistro de Ascensores

a) Finalidade.

Xestionar o Rexistro de Ascensores, creado en aplicación do Regulamento de aparellos de elevación e mantemento e da Directiva do Parlamento Europeo e do Consello 95/16/CE, sobre ascensores.

b) Usos previstos.

Supervisión e control dos ascensores, e por ende do mercado relativo a estes aparellos elevadores na comunidade autónoma.

c) Colectivo sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal.

Persoas ou representantes de empresas que soliciten o rexistro dun ascensor.

d) Procedemento de recollida de datos.

Instancias normalizadas ou procedemento telemático (Xira).

e) Tipos de datos.

De carácter identificativo: nome, NIF, enderezo e teléfono.

Datos do establecemento: situación, características técnicas do ascensor e empresa ou empresas que realizan a instalación e se van encargar do seu mantemento.

f) Cesións previstas.

Empresas mantedoras de ascensores.

g) Órgano da Administración responsable do ficheiro.

Consellería de Innovación e Industria; Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

h) Servizo ou unidade ante a que se pode exercer o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos que constan no ficheiro.

Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, ed. administrativo San Caetano s/n, 15704, Santiago de Compostela.

i) Nivel de seguranza.

Básico.