DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 01 de maio de 2009 Páx. 8.234

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 246/2009, do 30 de abril, polo que se modifica o Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, polo que se aproba o regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia.

A Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, procedeu á organización da Administración hidráulica de Galicia para o exercicio daquelas competencias referidas tanto ás augas dos recursos e aproveitamentos que discorren integramente polo territorio de Galicia como ás obras hidráulicas que se realicen nel. Para tal efecto, e dentro deste esquema organizativo, esta lei crea o ente autónomo Augas de Galicia, que se configura como un elemento central, tanto desde a perspectiva da actuación administrativa como da participación das persoas usuarias da auga, na adopción das decisións que as afecten.

O capítulo II da Lei 8/1993, do 23 de xuño, dedícase ao organismo autónomo Augas de Galicia, prevendo que o seu goberno e administración estarán a cargo da Presidencia do organismo e da Xunta de Goberno.

O Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia foi aprobado polo Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, sendo posteriormente modificado polos decretos 146/2003, do 6 de febreiro, e 132/2008, do 19 de xuño. No primeiro destes últimos decretos modificouse a composición dos órganos de goberno de Augas de Galicia, incluíndose a figura da dirección xeral do organismo como órgano de apoio á Presidencia, pero carente de funcións propias pois unicamente exercía aquelas que lle foran expresamente delegadas por esta.

Procede agora, co obxecto de acadar unha máxima eficacia na xestión, suprimir a figura da Dirección Xeral de Augas de Galicia, volvendo ao esquema orixinario dos órganos de goberno establecidos na Lei 8/1993, reguladora da Administración Hidráulica de Galicia.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do trinta de abril de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificase o Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, nos seguinte termos:

1. Modifícase o número 3 do artigo 6, que queda redactado como segue:

«Nas cidades de Lugo e Ourense existirán oficinas de Augas de Galicia que exercerán as funcións que lles encomende a Presidencia en materia de obras hidráulicas de interese autonómico no ámbito das súas respectivas provincias».

2. O artigo 7 queda redactado como segue:

«Artigo 7.-Son órganos de goberno de Augas de Galicia:

a) A Presidencia do organismo.

b) A Xunta de Goberno».

3. O artigo 12 queda redactado como segue:

«1. Desempeñará a presidencia de Augas de Galicia a persoa que así sexa nomeada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do titular da consellería competente en materia de ambiente.

2. A presidencia, que ten categoría de dirección xeral, exerce a representación legal do organismo, autoriza as accións e os recursos que lle corresponden en defensa dos seus dereitos e exerce as funcións directivas e executivas».

4. Modifícase o artigo 13, coa seguinte redacción:

«Artigo 13.

1. Son atribucións da Presidencia:

a) Outorgar as autorizacións e concesións relativas ao uso e aproveitamento do dominio público hidráulico e tamén as referentes ao réxime de policía das augas e dos seus leitos e dos aproveitamentos hidráulicos de competencia da Xunta de Galicia, así como as autorizacións de vertedura de augas residuais desde terra ao litoral galego.

b) Aprobar definitivamente os proxectos de obras e instalacións e decidir a prestación dos servizos polo organismo en forma directa ou mediante intervención da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos.

c) Exercer a dirección superior e a coordinación dos servizos do organismo.

d) Elaborar o anteproxecto de orzamentos do organismo.

e) Autorizar os gastos e ordenar os pagamentos dentro dos créditos aprobados.

f) Aplicar o réxime económico-financeiro de utilización do dominio público hidráulico, así como o resto das exaccións atribuídas a Augas de Galicia.

g) Propoñer ao órgano competente o nomeamento dos titulares das unidades administrativas que se regulan nos artigos 39 a 42 deste regulamento.

h) Presidir a Xunta de Goberno e os órganos colexiados de xestión que se constitúan, e velar por que os seus acordos se axusten á legalidade vixente.

i) Resolver os recursos administrativos da súa competencia.

j) Ter coñecemento de calquera asunto que non se atribúa á competencia doutro órgano de Augas de Galicia.

2. As funcións e atribucións referidas no parágrafo anterior, coa excepción da referida na letra h), poderán ser delegadas, parcialmente ou na súa totalidade, nun ou en varios titulares das unidades administrativas a que se refire o artigo 39 deste regulamento.»

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO

E INFRAESTRUTURAS