DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Martes, 28 de abril de 2009 Páx. 8.062

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 24 de abril de 2009 pola que se determina a adscrición dos órganos suprimidos como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e se encarga o despacho dos asuntos de diversos órganos da consellería.

Mediante Decreto 79/2009, do 19 de abril, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e intégrase nela a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

No Decreto 83/2009, do 21 de abril, fíxase a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e estrutúrase a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en seis órganos superiores coa adscrición de seis organismos públicos.

Ao abeiro do disposto na disposición transitoria primeira do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, cómpre determinar a adscrición dos órganos suprimidos aos novos órganos, mentres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica no nivel de dirección xeral.

Así mesmo, producidos os cesamentos das persoas titulares dos centros directivos das consellerías de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, e de Vivenda e Solo, cómpre adoptar as medidas inmediatas para que, sen prexuízo dos posteriores nomeamentos dos/as novos/as titulares dos centros directivos, se asegure o correcto funcionamento do servizo e a resolución, se é o caso, dos asuntos encomendados aos devanditos centros directivos.

Por todo isto, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asumirá temporalmente, ata que se regule por decreto a nova estrutura orgánica desta consellería, as competencias correspondentes ás secretarías xerais das consellerías de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, e de Vivenda e Solo, así como as competencias da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda da Consellería de Vivenda e Solo, que foron suprimidas polo Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

2. Adscríbense á Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas as subdireccións xerais e todos os servizos dependentes dos citados centros directivos suprimidos, así como o persoal dependente deles.

Artigo 2º

Encoméndase temporalmente ao secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ata que se produzan os nomeamentos das persoas titulares dos centros directivos desta consellería, o desenvolvemento das accións e o exercicio das competencias correspondentes aos seguintes centros directivos:

-Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

-Dirección Xeral de Infraestruturas.

-Dirección Xeral de Mobilidade.

-Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL