DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 23 de abril de 2009 Páx. 7.851

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 14 de abril de 2009 pola que se convoca un curso de autocad para elaboración de atestados e dispositivos de tráfico, que se desenvolverá a través da internet.

Dentro das actividades programadas para o ano 2009, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso de autocad para elaboración de atestados e dispositivos de tráfico, que se desenvolverá a través da internet, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: Autocad para elaboración de atestados e dispositivos de tráfico.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 60.

Modalidade: en liña.

Obxectivos.

1. Perfeccionar os coñecementos de expresión gráfica.

2. Especializarse no manexo de paquetes de deseño para a confección de atestados ou informes.

3. Adoptar técnicas automatizadas para a representación gráfica nos informes.

Contido.

Parte teórica: funcionalidades do programa autocad.

Parte práctica: formulación de casos prácticos.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as.

Persoal das forzas e corpos de seguridade en xeral, terá preferencia o dos corpos de policía local de Galicia e da unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, e no caso de quedaren prazas vacantes cubriríanse con persoal dos restantes corpos de seguridade que teñan destino na Comunidade Autónoma de Galicia; neste caso, por rigorosa orde de entrada de solicitudes.

Prazas ofertadas.

50 prazas.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación.

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 11 de maio, ás 14.00 horas.

As persoas que desexen inscribirse nesta actividade cubrirán a súa solicitude de participación a través da páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na epígrafe Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, e non serán admisibles outros modelos de solicitude. A solicitude cuberta adecuadamente entenderase presentada na Agasp, sen necesidade de remitila documentalmente unha vez que a teñan cuberta. A aplicación comunicaralle ao/á usuario/a a efectividade de ter cursada a solicitude.

Todas aquelas persoas que formalicen a solicitude de participación deberán inscribirse como alumnas/os na plataforma de formación en liña da academia, á que se accede a través da web http://agasp.xunta.es na epígrafe de Formación en liña.

Calquera continxencia para formalizar a inscrición será atendida a través do teléfono 886 20 61 07, en horario das 9.00 ás 14.00 horas.

Listaxe de solicitudes seleccionadas.

O día 14 de maio de 2009 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no taboleiro de anuncios e no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios previstos no artigo 20 do Regulamento de réxime interior da Agasp (Orde do 4 de febreiro de 2009. DOG nº 30, do 12 de febreiro), en relación co artigo 45 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

As persoas comprendidas na listaxe disporán de prazo ata o día 18 de maio para acceder á plataforma e inscribirse no curso.

Rematado este prazo, as persoas seleccionadas non inscritas perderán o dereito a participar no curso, e a academia procederá a cubrir as vacantes coa listaxe das reservas, segundo a orde correspondente. Esta inscrición faraa a academia e comunicarase por correo electrónico á persoa interesada.

O curso estará operativo o día 20 de maio ás 9.00 horas.

Incompatibilidade.

A participación neste curso resultará incompatible coa admisión do/a alumno/a noutra actividade da Agasp que se desenvolva pola internet ou en edicións anteriores desta mesma temática.

Obrigas das persoas seleccionadas.

As persoas que resulten seleccionadas e confirmen a súa inscrición no prazo previsto no punto anterior, teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, cando menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: a través da plataforma de formación en liña.

Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado.

Data de comezo: 20 de maio.

Data de remate: 6 de xullo.

Exixencias.

* O alumnado participante, utilizando as funcionalidades para o deseño do programa de autocad deberá realizar os informes técnicos que se exixen en cada actividade, coidando que o resultado recolla todas e cada unha das medidas indicadas, requisito indispensable para ser avaliado.

* O alumnado terá que axustarse en todo momento ao calendario que establece a convocatoria do curso para a realización dos traballos e casos prácticos. Non se permitirá o envío de ningún dos traballos fóra do prazo establecido.

* A non realización dalgún dos traballos implicará a baixa do/a alumno/a no curso.

* Os casos prácticos serán avaliados de 0 a 10 puntos, e establécese en 5 puntos a súa superación. Os que non alcancen esta puntuación mínima causarán baixa no curso.

Requirimentos técnicos mínimos para os equipos do alumnado.

As persoas con interese en desenvolver esta actividade formativa deberán dispor do programa Autocad, versión 2000 ou superior, para poder traballar desde os seus propios equipos.

Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónico) son de nivel básico:

Hardware.

A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

Software.

Calquera navegador web actual (de versión recente) sobre calquera sistema operativo de uso común.

Por exemplo:

-En Windows pódense empregar o Mozilla Firefox, o Opera ou o Internet Explorer.

-En Linux pódese empregar o Firefox, o Konqueror ou o Opera.

Comunicacións.

Para acceder á estrutura de xestión do curso abonda unha conexión de baixa velocidade (por exemplo: unha conexión telefónica con módem a 40 Kbps permite interactuar comodamente coa ferramenta de xestión do curso).

Casos prácticos:

Durante o desenvolvemento do curso o alumnado participante deberá realizar unha serie de casos prácticos de acordo cun calendario de presentación; a non realización dalgún no prazo establecido será sancionada coa baixa no curso. No suposto de que os exercicios non alcancen un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do profesor, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso.

Ver referencia pdf "07800D015P051.PDF"

A realización dos casos prácticos farase a través da plataforma de formación en liña.

Certificados e/ou diplomas.

Unha vez rematado o curso e feita a avaliación correspondente, expediranse os diplomas ao alumnado participante, que, segundo o previsto na convocatoria, poderán alcanzar os seguintes:

Certificado de participación:

Exixencias:

-Participar activamente no curso e realizar satisfactoriamente os seis exercicios prácticos segundo a cualificación indicada.

Certificado de aproveitamento:

Exixencias:

-As indicadas no punto anterior.

-Proba presencial final do conxunto do curso, consistente nun ou en dous exercicios prácticos. Só poderá participar o alumnado con dereito ao certificado de participación.

Proba final e certificado de aproveitamento.

O día 6 de xullo ás 11.00 horas (primeira quenda), ou ás 16.00 horas (segunda quenda), o alumnado que opte ao certificado de aproveitamento deberá superar a proba presencial final indicada. Noutro caso outorgaráselles certificado de participación activa. A proba final desenvolverase na sede da Agasp.

5. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro de 2009, esta actividade terá unha baremación de 0,600 puntos no caso de obter certificado de participación, e de 1,200 puntos no caso de obter certificado de aproveitamento.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 14 de abril de 2009.

P.S. (Disposición primeira Orde 31-1-2008;

DOG nº 23, do 1 de febreiro)

María Isabel Durántez Gil

Directora xeral de Interior