DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 23 de abril de 2009 Páx. 7.847

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

DECRETO 84/2009, do 26 de marzo, polo que se autoriza a transacción dos dereitos mineiros no ámbito de execución da Plataforma Loxística-Industrial Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan).

No proceso de expropiación de terreos para a construción da Plataforma Loxística-Industrial Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan), os propietarios afectados recorreron ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para exixir o pagamento de cantidades por explotación dos recursos mineiros. O dito tribunal ditou varias sentenzas contraditorias.

A partir da sentenza do 29 de outubro de 2008, a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén sostendo unha liña uniforme, de estimación dos recursos dos expropiados, ordenando a retroacción do expediente, para a inclusión da avaliación dos dereitos mineiros.

Para evitar dilacións no proceso que puidesen afectar a viabilidade do proxecto Plisan, as administracións públicas promotoras do proxecto consideran que sería preciso chegar a un acordo extraxudicial cos propietarios dos terreos para o aboamento dunha cantidade pactada pola privación dos recursos mineiros.

As partes intervenientes no convenio establecen de común acordo a cantidade de 4,03 euros por metro cadrado, do que resulta unha contía total de 7.712.521,31 euros, correspondentes a unha superficie de 1.913.777 m², por todos os recursos mineiros obxecto de explotación, como prezo xusto que se lles debe aboar anticipadamente aos afectados pola explotación dos recursos mineiros por parte das entidades beneficiarias en proporción á súa cota de participación:

-O Instituto Galego da Vivenda e Solo, cunha cota de participación do 18,295% achegará unha cantidade igual a 1.411.005,77 €.

-A Autoridade Portuaria de Vigo, cunha cota de participación do 60,580% achega unha cantidade igual a 4.672.245,41 €.

-A Zona Franca de Vigo, cunha cota de participación do 21,125% achega unha cantidade igual a 1.629.270,13 €.

O feito de que esteamos ante unha transacción supón a aplicación do disposto no artigo 22.1º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que dispón que deberá autorizarse a sinatura do convenio mediante un decreto que incorpore como anexo o texto do propio convenio.

Por todo isto, por proposta da conselleira de Vivenda e Solo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de marzo de dous mil nove,

DISPOÑO

Artigo único.-Autorizar a sinatura do convenio entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Autoridade Portuaria de Vigo, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, e os propietarios que teñan procedementos xudiciais abertos ou sentenzas favorables para o pagamento e reembolso correspondente aos recursos mineiros existentes no ámbito da Plataforma Loxística-Industrial Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan), de conformidade co disposto no artigo 22.1º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, convenio que figura como anexo.

Santiago de Compostela, vinte e seis de marzo de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

ANEXO

Convenio para o pagamento e reembolso correspondente aos recursos mineiros existentes no ámbito da Plataforma Loxístico-Industrial Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan)

En Pontevedra, ... de... de 2009.

Dunha parte:

-Teresa Táboas Veleiro, conselleira de Vivenda e Solo e presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo, en virtude da representación legal que ten atribuída no artigo 4 do Decreto 506/2005, do 22 de setembro; artigo 10 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, en relación coa disposición adicional 7ª do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, que fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia; artigo 21 do Regulamento do IGVS, aprobado polo Decreto 288/1988, do 29 de setembro.

-Jesús Paz Arias, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, no seu nome e representación, conforme o acordo adoptado pola orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 1 de xuño de 2007.

-María Teresa Pisano Avello, delegada do Estado na Zona Franca de Vigo, no seu nome e representación, nomeada polo Real decreto 932/2008, do 30 de maio.

Doutra parte:

..., en representación dun total de... expropiados pola Plisan que se relacionan no anexo que se xunta ao presente convenio, de acordo co poder outorgado ante o notario... da cidade de... nº protocolo que se exhibe neste acto.

Estes interesados interpuxeron recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do TSX de Galicia, en que impugnaban o acordo do 18 de xullo de 2005 polo que se aprobaba o expediente de taxación conxunta, por non ter incluído como bens afectados pola expropiación os dereitos mineiros que segundo os recorrentes existían nos predios expropiados. Diversas sentenzas do TSXG revogan o acordo do 18 de xullo de 2005, ditado polo secretario xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; en concreto, e entre elas, con data do 29 de outubro de 2008, a Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG pronunciou o seguinte ditame na sentenza 02430/2008 en relación co recurso 0008207/2006:

«Estimar o recurso contencioso-administrativo interposto fronte ao acordo do 18 de xullo de 2005, ditado polo secretario xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia, que resolveu o recurso interposto fronte ao previo acordo en virtude do cal se aprobou de maneira definitiva o expediente de expropiación forzosa para a execución da Plisan, debemos revogalo para os únicos efectos de retrotraer as actuacións no procedemento de taxación conxunta ata o momento de elaborarse a relación de bens e dereitos afectados, co fin de incluír na relación de bens e dereitos de que é titular o demandante, a eliminación do aproveitamento potencial dos recursos mineiros identificados polo perito de parte coa extensión e contido delimitado pola porcentaxe que lle corresponda de acordo coas regras establecidas no último parágrafo do fundamento cuarto».

Esta sentenza difire doutras anteriores emitidas pola Sección Terceira da Sala do Contencioso Administrativo do TSXG, en que se desestiman os recursos interpostos contra a Resolución do 18 de xullo de 2005 que resolvía os recursos de reposición contra o acordo de aprobación definitiva do proxecto expropiatorio da Plisan (Recurso nº 00087/13/2005, sentenza 02240/2008, do 10 de xullo de 2008).

A partir da sentenza do 29 de outubro de 2008, a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén sostendo unha liña uniforme, de estimación dos recursos dos expropiados, ordenando a retroacción do expediente, para a inclusión da avaliación dos dereitos mineiros.

Ante esta situación, as partes teñen a vontade de chegar a unha solución extraxudicial que evite a persistencia dunha situación de conflito, co ánimo de evitar os prexuízos derivados de procesos longos, tanto no plano económico como no da execución material das obras públicas en prazos razoables, evitando os problemas que inevitablemente derivan dunha situación conflitiva que se vén alongando no tempo, que afecta moitos cidadáns e que pode repercutir negativamente na conclusión dun proxecto de importancia estratéxica.

Todas as partes se recoñecen no que respectivamente interveñen capacidade legal para asinar o presente convenio de liquidación, e para o efecto,

EXPOÑEN:

Primeiro.-Os expropiados relacionados no anexo presentaron en tempo e forma os oportunos recursos contencioso-administrativos ante o órgano xudicial competente, reclamando a indemnización dos recursos mineiros que forman parte dos predios expropiados na súa condición de propietarios destes.

Segundo.-Con data do 1 de marzo do ano 2006, a Asesoría Xurídica do IGVS emitiu informe con respecto do posible dereito indemnizatorio a prol dos propietarios polos recursos mineiros existentes nos predios da súa propiedade, chegando, en resumo ás seguintes conclusións:

Os propietarios do solo onde existan xacementos da sección A da Lei de minas teñen dereito a seren indemnizados pola explotación destes recursos.

A contía da indemnización debe fixarse entre un 10 e un 30% dos beneficios netos da explotación.

Serán as empresas mineiras as que se responsabilicen das indemnizacións pola explotación dos citados recursos na súa condición de beneficiarias, de acordo co convenio asinado o día 31 de marzo de 2003 entre os promotores de Plisan e as empresas mineiras.

Só serán indemnizados aqueles propietarios que, ademais de demostraren a existencia dos recursos mineiros no solo da súa propiedade correspondentes á sección A, acudisen en tempo e forma á xurisdición contenciosa.

Terceiro.-Tendo en conta que a día de hoxe existen sentenzas contraditorias sobre o dereito ou non da indemnización dos recursos mineiros, as administracións actuantes rentenden que sería necesario un acordo extraxudicial que puxese fin aos recursos contencioso-administrativos interpostos garantindo o pagamento aos recorrentes e evitando dilacións que puidesen afectar a viabilidade do proxecto da Plisan. E así, acordan xunto cos propietarios o seguinte convenio:

ACORDAN:

Primeiro.-As partes asinantes deste convenio conveñen en poñer fin á incerteza derivada da xurisprudencia contraditoria antes sinalada, o que implica a consideración dos dereitos que os expropiados invocan e a declarada vontade, por parte daquelas, de poñer fin aos litixios en curso.

A sinatura deste convenio ten como finalidade solucionar extraxudicialmente os conflitos xurídicos existentes, en atención ás razóns expostas anteriormente. En ningún caso supón que por parte da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, dos seus organismos autónomos ou das demais entidades públicas parte deste, se acepte como válida a doutrina contida nas sentenzas sobre o recoñecemento de dereitos mineiros, no presente proxecto expropiatorio ou noutros que no futuro se poidan levar a cabo.

Como anexo ao presente convenio xúntase listaxe de propietarios que reclamaron diante da xurisdición contencioso-administrativa pola privación dos recursos mineiros, en que figuran as contías indemnizatorias que corresponden a cada un.

Este convenio condiciona os seus efectos á súa sinatura e aceptación por parte de todos os propietarios a que se fai referencia no parágrafo anterior.

Segundo.-As partes establecen de mutuo acordo a cantidade de 4,03 € por m2, do que resulta unha contía total de 7.712.521,31 €, correspondentes a unha superficie de 1.913.777 m2, por todos os recursos mineiros obxecto de explotación como prezo xusto que se lles debe aboar anticipadamente aos afectados pola explotación dos recursos mineiros por parte das entidades beneficiarias en proporción a súa cota de participación:

-Instituto Galego da Vivenda e Solo, cunha cota de participación do 18,295% achega unha cantidade igual a 1.411.005,77 €.

-Autoridade Portuaria de Vigo, cunha cota de participación do 60,580% achega unha cantidade igual a 4.672.245,41 €.

-Zona Franca de Vigo, cunha cota de participación do 21,125% achega unha cantidade igual a 1.629.270,13 €.

A anterior cantidade inclúe todos os conceptos que se considerar.

Terceiro.-Para efectuar o pagamento, en virtude do presente convenio encoméndaselle a Xestur Pontevedra, S.A. efectuar o aboamento da contía total no prazo dun mes desde o asinamento do presente convenio. Este pagamento executarase en todo caso contra a previa presentación da documentación referida no acordo cuarto por cada un dos interesados e segundo o que proceda.

A Autoridade Portuaria de Vigo e a Zona Franca de Vigo aboarán dentro do ano 2009 a Xestur Pontevedra, S.A. as cantidades que lles corresponden en proporción á súa participación na Plisan quedando obrigada Xestur Pontevedra, S.A. ao pagamento da totalidade aos afectados.

A parte correspondente ao IGVS é asumida por Xestur Pontevedra, S.A. por ser titular dos terreos por resolución de alleamento con data do 16-7-2008.

Para poder materializar a execución destes pagamentos co fin de poder habilitar a correspondente partida orzamentaria, a Administración expropiante certificará a relación individualizada de propietarios que teñan presentado, en tempo e forma, recurso contencioso-administrativo polo aproveitamento mineiro indicando se este foi estimado ou se encontra en trámite. A citada relación incluirá, cando menos, a identificación do propietario, o número de recurso contencioso-administrativo, o número de predio no expediente de expropiación, que o recurso mineiro que se aboará pertence á sección A e finalmente o importe para indemnizar.

Cuarto.-As partes asinantes, en correspondencia cos acordos establecidos neste documento, comprométense a desistir dos procedementos xudiciais ou administrativos interpostos diante dos órganos competentes, así como daqueles en comparecesen, en relación co pagamento de calquera cantidade en concepto de dereitos mineiros para estes efectos achegarán no prazo máximo dun mes a partir da sinatura de este convenio a correspondente solicitude de desistencia presentada ante o órgano xudicial competente ou, no caso de contar con sentenza firme, presentación da correspondente renuncia á execución.

Os expropiados incluídos no ámbito subxectivo do presente convenio renuncian a calquera acción xudicial presente ou futura en relación con calquera cantidade, en concepto de capital, indemnizacións, xuros ou calquera outro concepto derivado dos dereitos mineiros da Sección A) existentes nos predios de que eran propietarios.

Quinto.-Sen prexuízo do establecido no presente convenio, as administracións actuantes proseguirán o trámite aberto de reclamación contra as empresas mineiras asinantes dos convenios con data 31-3-2003 e 26-3-2004 para facer efectivo o seu cumprimento.

Sexto.-Este convenio ten carácter administrativo. Correspóndenlles ás administracións intervenientes as facultades que a vixente lexislación lles atribúe, para interpretar este convenio, resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento, modificalo por razóns de interese público, acordar a súa resolución e determinar os seus efectos no caso de incumprimentos das súas estipulacións e da lexislación vixente; contra os seus acordos e reclamacións caberán os correspondentes recursos en vía administrativa ou contenciosa-administrativa, de conformidade coa legalidade vixente.

E como mostra de conformidade asinan o presente convenio, estendido sobre un total de páxinas, na data e lugar sinalados.