DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 23 de abril de 2009 Páx. 7.847

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 22 de abril de 2009 pola que se suspende o prazo de presentación de candidaturas para a renovación do Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia.

O Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, desenvolveu a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, configurando un novo réxime dos consellos reguladores así como un novo réxime electoral.

A Orde do 29 de agosto de 2008, pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Mexillón de Galicia e do seu Consello Regulador, contén as normas para a elección dos membros do pleno do Consello Regulador, establecendo a duración do seu mandato en catro anos. Unha vez expirado o mandato do actual Consello Regulador, pola Orde do 2 de abril de 2009 convocáronse as eleccións e ditáronse normas para a renovación do devandito Consello Regulador.

Por outra banda, a recente reestruturación administrativa levada a cabo polo Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, vén incidir directamente no desenvolvemento do proceso electoral convocado, estando ademais, por ese motivo, aínda pendente a renovación dos órganos competentes para levar a cabo o citado proceso, polo que se considera oportuno suspender o prazo de presentación de candidaturas, mentres non conclúa o actual proceso de traspaso de poderes e reestruturación administrativa postos en marcha.

Por todo o anterior, no uso das facultades que teño conferidas,

dispoño:

Artigo único.-Suspender, ata que conclúa o actual proceso de reestruturación administrativa derivado da toma de posesión do goberno resultante das recentes eleccións autonómicas, o prazo de presentación de candidaturas establecido no artigo 6 da Orde do 2 de abril de 2009 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación do Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2009.

Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar