DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 23 de abril de 2009 Páx. 7.820

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 17 de abril de 2009, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se regulan axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares para o exercicio 2009.

Segundo o Decreto 211/2005, do 3 de agosto, que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 231/2005, do 11 de agosto, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral de Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de política inmigratoria e de retorno en Galicia, así como a xestión de todos os procedementos que desas materias deriven.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia desconcentra no secretario xeral de Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Para darlle cumprimento aos obxectivos que ten encomendados, esta secretaría xeral convoca unha resolución de axudas económicas en favor de emigrantes retornados e os seus familiares que teñen por obxecto a protección de situacións de carencia que puidesen derivar do retorno.

No marco desta resolución preténdese reforzar a cobertura ás persoas da terceira idade que se atopen nunha especial situación de vulnerabilidade, así como contar cun complemento das axudas concedidas para sufragar, cos límites establecidos, gastos derivados do retorno consistentes en: traslado de enxoval, gastos de viaxe do retorno e tradución e legalización de documentos.

Estas axudas fundaméntanse en feitos de urxente atención, teñen carácter meramente paliativo e destínanse a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno que, polas súas circunstancias, requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos polos afectados, de tal xeito que alcancen a complementar ou aliviar a carencia de recursos. Por estes motivos e dada a súa excepcionalidade por razóns de interese social e humanitario, proponse un mecanismo de tramitación e resolución que, sen prexuízo da obxectividade da concesión e das garantías na súa aplicación, facilite a cobertura, o curso e a resolución sobre as peticións que se formulen.

Todo isto de acordo co disposto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto e no exercicio das facultades que me confire a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas aos/ás emigrantes galegos/as retornados/as e aos seus familiares, para atender situacións de necesidade ou precariedade económica derivadas do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Orzamento.

A concesión das axudas previstas nesta resolución de convocatoria faise con cargo á partida orzamentaria 04.50.312C.480.0 (código de proxecto 2006 00027) que se inclúe nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

O importe que se destinará a este programa de axudas será de douscentos mil euros (200.000 €), queda condicionada a concesión destas axudas ao dito límite orzamentario, de acordo co procedemento establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, esa asignación orzamentaria poderá ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Beneficiarios/as.

1. Poderán ser beneficiarios/as e solicitar estas axudas:

a) Os/as cidadáns/ás españois que tiveron o seu lugar de residencia no estranxeiro e volvesen a Galicia sempre que, antes de emigrar, tivesen a súa última veciñanza administrativa en Galicia e así estivese acreditado no correspondente consulado de España, así como os emigrantes naturais de Galicia que tiveron o seu lugar de residencia no estranxeiro e volveron á comunidade autónoma.

b) Os familiares das persoas indicadas na alínea anterior unidos a estes por matrimonio ou que sexan parella de feito, parentesco por consanguinidade ou afinidade en primeiro grao, ou por adopción e parentes consanguíneos de segundo grao, así como os viúvos/as ou orfos/as deses emigrantes.

Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.

De existir varios/as solicitantes integrados/as dentro dos graos de parentesco sinalados neste punto que convivan no mesmo domicilio, só un/unha deles/as poderá ser beneficiario/a das axudas reflectidas nesta resolución. Neste suposto, concederase a axuda de maior contía e, no caso de ter o mesmo importe, concederase tendo en conta a entrada da solicitude no Rexistro da Secretaría Xeral de Emigración.

2. Os/as anteditos /as beneficiarios/as deberán acreditar estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno e ter a súa residencia actual en Galicia.

Artigo 4º.-Requisitos.

1. Os requisitos exixidos para poder ser beneficiarios/as, que deben estar referidos ao momento da solicitude, son os seguintes:

a) Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.

b) Ter traballado no exterior durante un período mínimo dun ano.

No caso das persoas que obtivesen ou recuperasen a nacionalidade española, deberán acreditar que ese período de traballo sexa posterior á data de obtención ou recuperación da dita nacionalidade.

-Quedarán eximidos deste requisito:

-Os/as solicitantes que teñan 65 anos ou máis na data de publicación desta resolución ou que cumpran 65 anos ao longo do ano 2009.

-Os/as solicitantes que teñan recoñecida unha discapacidade por un organismo público oficial español nun grao igual ou superior ao 65%.

-Os/as solicitantes menores de 18 anos.

c) Non ter transcorrido máis dun ano entre a data do seu retorno a España e a da publicación desta resolución.

Os/as solicitantes que teñan 65 anos ou máis na data de publicación desta resolución ou que cumpran 65 anos ao longo do ano 2009 quedan exentos do cumprimento deste requisito, sempre que non sexan beneficiarios/as de ningún tipo de pensión nin de prestación periódica concedida pola Administración estatal ou autonómica.

d) Estar empadroado/a e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Carecer de rendas ou ingresos suficientes, computando como tales todo tipo de rendas, incluso as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante ás previstas nesta resolución.

Entenderanse como rendas ou ingresos insuficientes os que non superen, en cómputo global, o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), fixado para o ano 2009 en 527,24 € mensuais, e relativos á renda per cápita da unidade familiar entendida tal como se sinala no artigo 5º desta resolución.

Así mesmo, terán a consideración de rendas para os efectos da percepción destas axudas, as seguintes:

-Rendementos do traballo.-Inclúe as rendas netas do traballo por conta allea, bolsas e outras axudas semellantes.

-Pensións e prestacións.-Inclúe os ingresos netos de todo tipo de pensións e prestacións.

-Rendas do capital mobiliario.-Inclúe os rendementos netos das distintas contas bancarias e investimentos financeiros.

-Rendas do capital inmobiliario.-Inclúe os rendementos brutos dos bens inmobles arrendados, diferentes da vivenda habitual.

-Rendas de actividades económicas, profesionais, empresariais ou agrarias.-Compútase como rendas o rendemento neto reducido (ingresos menos gastos) dos distintos tipos de actividades.

Para o cálculo das rendas, cando se perciban con periodicidade superior á mensual, computaranse en pro rata mensual sobre o período ao cal correspondan, excepto as que se obteñan nun único pagamentos, que se ratea o seu importe entre doce meses.

f) Carecer de bens mobles e/ou inmobles cuxo valor supere o límite establecido no número 3 deste artigo.

Para estes efectos só se computarán como bens mobles o diñeiro en efectivo e os efectos mercantís que non estean depositados nunha entidade financeira valorados polo seu importe, así como os depósitos bancarios ou a prazo, accións, valores ou participacións en sociedades, participacións en fondos ou plans de pensións ou de investimento ou calquera outra relación en que apareza en posición acredora dunha entidade financeira, o valor para computar destes efectos será o que conste na correspondente certificación bancaria.

Polo que respecta aos bens inmobles teranse en conta todos, a excepción da vivenda habitual e o seu valor será o que figure no recibo do imposto que os grave ou no seu defecto, no contrato de compravenda.

2. Quedan excluídos/as das axudas desta convocatoria os/as beneficiarios/as de anteriores convocatorias da Secretaría Xeral de Emigración de axudas extraordinarias a emigrantes galegos/as retornados/as e aos seus familiares.

3. Quedan excluídos/as das axudas desta convocatoria os/as solicitantes que teñan bens patrimoniais (mobles e/ou inmobles), entendidos tal e como se recolle neste artigo punto 1. f), cuxo valor supere o límite de 15.000 € máis 5.000 € adicional por cada membro da unidade familiar, entendida tal e como se sinala no artigo 5 desta resolución.

Artigo 5º.-Criterios de adxudicación.

A adxudicación das axudas efectuarase, para os/as solicitantes aos/ás cales se fai referencia no artigo 6.1º b), conforme os criterios e a gradación que se establece a seguir:

1. Situación económica per cápita mensual da unidade familiar do/a solicitante ponderada consonte o total de ingresos e de rendas percibidas e o número de membros da unidade familiar, segundo o seguinte baremo:

a) Ingresos e rendas inferiores ao 50% do IPREM: 3 puntos.

b) Ingresos e rendas do 50% ao 80% do IPREM: 2 puntos.

c) Ingresos e rendas superiores ao 80% do IPREM e ata o IPREM: 1 punto.

Entenderase como unidade familiar, en todo caso, a integrada polo/a solicitante e o seu cónxuxe, ou parella de feito, non separado legal ou de feito e, de ser o caso, os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao en liña ascendente e descendente do/a solicitante, así como os seus cónxuxes, ou parellas de feito, non separados legal ou de feito, sempre que convivan co/coa solicitante.

Para estes efectos só se computarán como membros da unidade familiar os que consten na certificación municipal de empadroamento e convivencia prevista no artigo 8º.1.4 desta resolución.

2. Número de fillos/as menores de 18 anos por conta do/a solicitante: 2 puntos polo/a primeiro/a fillo/a e un punto máis por cada fillo/a a partir do/a primeiro/a.

3. Situación de discapacidade do/da solicitante e/ou de membros da unidade familiar:

Discapacidade igual ou superior ao 33% e inferior ao 65%: 1 punto por persoa.

Discapacidade igual ou superior ao 65%: 2 puntos por persoa.

No caso de que necesite axuda de 3ª persoa para as actividades básicas da vida diaria, aumentarase nun punto a valoración por persoa que se atope na antedita situación.

4. Estado de saúde do/a solicitante ou dos membros da unidade familiar consonte a necesidade de tratamentos médicos continuados debidamente acreditados, sempre e cando non se tivese valorado no número 3 deste artigo: 1 punto por persoa.

5. Solicitante ou membros da súa unidade familiar que sexan vítimas da violencia de xénero: 2 puntos.

Artigo 6º.-Natureza e contía das axudas.

1. As axudas teñen carácter persoal, serán de pagamento único, por unha soa vez, e o seu importe establécese do seguinte xeito:

a) Para os/as solicitantes que teñan máis de 65 anos ou que cumpran esta idade ao longo do ano 2009 sempre que a renda per cápita da unidade familiar, entendida tal como se sinala no artigo 4º.e) da resolución, sexa inferior ou igual ao IPREM: 3.060 €.

b) Para os/as solicitantes menores de 65 anos a contía será variable e establecerase en función dos criterios recollidos no artigo 5º desta resolución, de acordo co seguinte:

-Situación de especial necesidade valorada de 5 puntos en diante: 1.224 €.

-Situación de necesidade valorada de 1 a 4 puntos: 969 €.

2. As contías establecidas no número 1 anterior poderán incrementarse para sufragar gastos derivados do retorno consistentes en: traslado de enxoval, gastos de viaxe do retorno e tradución e legalización de documentos, ata:

-350 € nos supostos da alínea a).

-300 € nos supostos de especial necesidade, valorada de 5 puntos en diante da alínea b).

-250 € nos supostos de necesidade valorada de 1 a 4 puntos da alínea b).

Artigo 7º.-Información, solicitude e prazo.

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral de Emigración, a través dos seguintes medios:

a) Portal web oficial desta secretaría xeral (http://www.galiciaaberta.com/), onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta resolución.

b) Así mesmo, poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía do cidadán situada na páxina web da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/).

2. As solicitudes dirixiranse á Secretaría Xeral de Emigración, sita na rúa Os Basquiños nº 2, Santiago de Compostela, e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Cando o/a solicitante estea incapacitado/a ou sexa menor, formulará a solicitude no seu nome o seu representante legal. En tal caso achegarase a documentación que acredite este extremo.

3. O prazo de presentación das solicitudes será desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2009.

Artigo 8º.-Documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo o modelo oficial establecido como anexo a esta resolución ao cal deberán xuntar a seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente compulsada:

1) DNI ou pasaporte en vigor do/a solicitante.

2) Documentos xustificativos da condición de galego/a determinada no artigo 3.1º a) e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco das sinaladas no artigo 3.1.b) da resolución, acreditación documental do vínculo do/a solicitante.

3) Libro de familia do/a solicitante, se é o caso. No seu defecto, achegarase certificado de matrimonio ou certificación do Rexistro de Parellas de Feito de Galicia. En caso de separación legal ou divorcio, ou disolución dunha parella de feito, achegarase a correspondente sentenza xudicial firme ou certificación rexistral.

4) Certificación municipal emitida con posterioridade á data de entrada en vigor desta resolución que acredite a alta do/a solicitante no padrón do concello galego onde teña fixada a súa residencia e a convivencia dos membros da unidade familiar. No caso de non poder achegar o certificado de convivencia, acreditará o dito extremo mediante unha certificación na cal consten todos os membros que figuren inscritos no mesmo domicilio.

5) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno. Este documento será o que acredite o tempo traballado no exterior e a data de retorno a España. No caso de non poder achegar o certificado de emigrante retornado, considérase como data de retorno a que consta na baixa consular.

Para os/as solicitantes que retornen de países pertencentes ao Espazo Económico Europeo, de non poder achegar o certificado de emigrante retornado substituirase este pola certificación relativa aos períodos computables para a concesión das prestacións por desemprego (certificado E-301), se é o caso.

6) Baixa consular do/a solicitante expedida polo consulado do/dos país/países de procedencia. No caso de non poder achegar a baixa consular, calquera outro documento oficial expedido polas autoridades deste ou destes país/países que permita acreditar fidedignamente o tempo de residencia nel.

7) Certificación de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, se é o caso.

8) Certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos económicos e rendas de calquera tipo do/a solicitante e da súa unidade familiar entendida como se sinala no artigo 5º. De non percibirse rendas ou ingresos, achegarase declaración responsable do/a solicitante de que ningún membro da unidade familiar, incluído o/a interesado/a, percibe ingresos económicos e rendas de calquera natureza.

9) Declaración responsable do/a solicitante de que ningún membro da unidade familiar, incluído el/ela mesmo, ten outros bens, mobles ou inmobles, a excepción da vivenda habitual, e de telos, acreditación do seu valor, tal e como se recolle no artigo 4º.1 f).

10) Cando o/a solicitante sexa o cónxuxe, parella de feito, viúvo/a ou orfo/a do/a emigrante galego/a, achegará, ademais, o correspondente certificado de defunción expedido pola autoridade competente do país onde se producise o falecemento.

11) Informe médico actualizado expedido polos servizos públicos de saúde españois, no caso de alegar enfermidade.

12) Certificado expedido polo órgano competente en España que acredite o grao de discapacidade, no caso de alegar tal circunstancia.

13) No caso de alegar ser vítima de violencia de xénero, documento oficial que acredite tal situación (sentenza xudicial, informe do Ministerio Fiscal).

14) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes, incluída na solicitude.

15) Declaración, que se inclúe na solicitude, en que o/a solicitante presta o seu consentimento para que a Secretaría Xeral de Emigración poida recadar da Axencia Estatal da Administración Tributaria a subministración directa e telemática da información relativa aos ingresos, ás rendas e á situación patrimonial do/a solicitante, así como dos demais membros da unidade familiar.

16) Cando tamén se solicite axuda para atender os gastos establecidos no artigo 6º.2 desta resolución, deberán presentar documentación acreditativa de que eses gastos xa se efectuaron mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinais, fotocopia compulsada ou formato electrónico admisible legalmente.

Para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas á axuda subvencionada, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante a achega do correspondente extracto bancario que irá acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou xustificante do provedor.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopias dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

Poderase aceptar a xustificación do pagamento mediante xustificante do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros, sempre que eses gastos se efectúen no ámbito do comercio retallista ou de empresas prestadoras de servizos a usuarios finais, ou sexan unha práctica común habitual no tráfico económico. No caso de documentos administrativos, entederase pagado sempre que conste nel a contía que debe ser satisfeita polo/a usuario/a.

17) Declaración expresa de non estar incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que impiden obter a condición de beneficiario/a das subvencións reguladas por esta lei, que se inclúe na solicitude da resolución desta convocatoria de axudas.

18) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, que se inclúe na solicitude da resolución desta convocatoria de axudas.

19) Calquera outra documentación que a Secretaría Xeral de Emigración considere necesaria para a valoración e resolución da axuda.

2. Cando os documentos achegados ao expediente polos/las solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles para calquera destes idiomas.

3. A Secretaría Xeral de Emigración poderá solicitar dos servizos sociais comunitarios do concello onde tivese fixada a residencia o/a solicitante, a emisión dun informe social en que se reflicta a súa situación familiar, sociolaboral e económica, co fin de valorar a oportunidade da concesión da axuda solicitada.

Os ditos servizos sociais poderán remitir este informe xunto coa solicitude e o resto da documentación necesaria para a súa valoración, sen mediar solicitude previa da secretaría xeral, cando o/a solicitante utilice estes servizos como apoio para a tramitación da axuda.

Artigo 9º.-Obrigas dos/das beneficiarios/as.

Son obrigas dos/as beneficiarios/as:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral de Emigración, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentase a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá presentar unha declaración responsable de estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias, da Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia antes dos pagamentos.

c) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/ 2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) As demais obrigas previstas no artigo 11 da antedita lei.

Artigo 10º.-Consentimentos e autorizacións.

Os/as solicitantes prestan o seu consentimento para incluír, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relativos ás axudas recibidas, así como as sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Economía e Facenda, ante a cal se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Salvo nos casos sinalados no artigo 9.4º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Emigración publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación dos/as beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas, polo que, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, a presentación da solicitude, salvo declaración en contra, leva implícita a autorización á Secretaría Xeral de Emigración para ceder os datos dos/as beneficiarios/as a aqueles organismos da Administración xeral do Estado con competencias similares na materia, co fin do exercicio das funcións que lle son propias.

De conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas de contía igual ou superior a 3.000 euros, con indicación da norma reguladora, beneficiario/a, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 11º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a Secretaría Xeral de Emigración requirirá o/a interesado/a para que, no prazo máximo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, darase por desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e ditará resolución para o efecto.

Artigo 12º.-Resolución.

As solicitudes tramitadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, unha vez constatada a situación de necesidade ou precariedade económica das persoas solicitantes, de acordo co disposto no artigo 5º desta resolución, serán resoltas atendendo á data da súa presentación.

Corresponderalle ao secretario xeral de Emigración a resolución destas axudas, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, no prazo máximo de 6 meses, contado desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Recursos.

Contra as resolucións que se diten, que poñen fin á vía administrativa, poderán os/as interesados/as interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolución expresa; se non o fose, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

As ditas resolucións poderán ser impugnadas directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. Se non o fose, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14º.-Reintegro.

Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, no caso de obtención da subvención que falsee as condicións requiridas para iso ou oculte aquelas que o impedisen, segundo o disposto no artigo 33 a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Supostos excepcionais de retorno.

1. No suposto de situacións imprevistas nos países de orixe que supoñan retornos excepcionais de galegos/as no exterior a Galicia, a Secretaría Xeral de Emigración poderá ditar unha resolución en que se determinen os/as beneficiarios/as segundo o país ou países de procedencia, sempre que estean incluídos nos supostos previstos no artigo 3, e o prazo, se é o caso, para poder solicitaren as axudas ao abeiro deste artigo.

2. Nestes casos concederase un anticipo do 50% das axudas previstas no artigo 6, achegando xunto coa solicitude, debidamente cuberta, prevista no artigo 8.1, a documentación establecida nos puntos 1), 6), 8), 9), e 14) do número 1 do citado artigo 8.

O restante 50% achegarase logo da presentación e verificación da documentación prevista no punto seguinte.

3. O resto da documentación exixida, tal e como se recolle no artigo 8, deberana presentar os/as beneficiarios/as no prazo dun mes desde a notificación da resolución da concesión da axuda.

4. De non achegar a dita documentación, iniciarase o procedemento de reintegro da axuda recibida tal e como se prevé no artigo 14 desta resolución.

Artigo 16º.-Instrucións e aclaracións.

A Secretaría Xeral de Emigración poderá ditar as instrucións e aclaracións precisas para o axeitado desenvolvemento e cumprimento da presente resolución.

Artigo 17º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases será de aplicación a lexislación básica do Estado sobre subvencións (Lei 38/2003, do 17 de novembro, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo); a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento que resulte de aplicación.

Artigo 18º.-Recursos contra a presente resolución.

Contra esta resolución cabe interpoñer, potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ser impugnada directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2009.

Manuel Luis Rodríguez González

Secretario xeral de Emigración

Ver referencia pdf "07800D003P020.PDF"