DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 22 de abril de 2009 Páx. 7.750

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 13 de abril de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 42/2008, do 28 de febreiro, de creación do Rexistro de Instalacións Interiores de Subministración de Auga de Galicia e a autorización das empresas instaladoras.

O Decreto 42/2008, do 28 de febreiro, de creación do Rexistro de Instalacións Interiores de Subministración de Auga de Galicia e autorización das empresas instaladoras establece que a organización e funcionamento deste rexistro será regulado mediante orde; así mesmo, tamén se establece que se regulará mediante orde tanto os requisitos para a obtención do carné de instalador, como os das empresas instaladoras autorizadas así como a inscrición deles no correspondente rexistro.

O Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, aproba o Código técnico da edificación (CTE), derrogando toda a normativa existente en materia de instalacións interiores de subministración de auga. O documento básico DB-HS 4 do CTE pasa a ser a norma de referencia en relación coas condicións técnicas que deben cumprir as instalacións de subministración de auga nos edificios. Non obstante, a devandita norma non aborda algunhas cuestións que estaban perfectamente reguladas na normativa derrogada, e que se considera necesario incluír nesta orde co obxecto de unificar criterios impedindo que se dean situacións non desexadas no sector.

Cómpre, polo tanto, desenvolver nesta orde o indicado nos artigos 3º e 5º do Decreto 42/2008 en relación co disposto no CTE, que ten carácter de lexislación básica, e que é, neste momento, a norma básica para as instalacións interiores de subministración de auga, co fin de que se manteñan as súas condicións e garantías mínimas, así como a cualificación do persoal técnico e das empresas que levan a cabo a súa execución.

Para a elaboración desta norma tivéronse en conta os preceptos e as condicións precisas do réxime de autorizacións establecido en CE do Parlamento Europeo e do Consello do 12 de decembro de 2006 relativa aos servizos no mercado interior (DOUE L376, do 27 de decembro).

De conformidade coa xurisprudencia do tribunal de xustiza, os obxectivos de saúde pública, a protección dos consumidores, a sanidade animal e a protección do ámbito urbano constitúen razón imperiosa de interese xeral que permiten xustificar a aplicación dos réximes de autorización e outras restricións.

Os requisitos do procedemento de autorización de empresas a que se refire o artigo 9 desta orde cumpren coas condicións e criterios establecidos nos artigos 9 e 10 da referida Directiva 2006/123/CE. O acceso á condición de empresa autorizada non vai supeditada ao cumprimento dos requisitos prohibidos no artigo 14 da directiva.

En cumprimento do disposto no artigo 15 da Directiva 2006/123/CE avaliáronse os requirimentos desta norma que se precisan para obter a autorización, constatándose que todos eles cumpren coas condicións de non-discriminación, necesidade e proporcionalidade a que se refire o seu artigo 15.3º. Non supoñen discriminación en razón de nacionalidade, por seren os requisitos iguais para todas as empresas calquera que sexa a súa procedencia, non sendo os requisitos administrativos elementos que poidan inducilas a deixar de prestar este servizo neste Estado membro. Respéctanse os principios de necesidade e proporcionalidade, sendo preciso o réxime de autorizacións para protexer a saúde e a seguridade dos usuarios destas instalacións, non podendo conseguirse de forma menos restritiva.

O requisito de dispoñer dun número mínimo de empregados con carné profesional de fontanaría proporcional ao número de operarios que forman parte do cadro de persoal da empresa xustifícase plenamente pola necesidade de cumprir cuns requisitos técnicos e humanos mínimos. Por outra banda, a renovación da autorización atópase suxeita soamente ao cumprimento continuo dos requisitos da propia autorización.

A Comunidade Autónoma de Galicia dispón de competencias exclusivas en materia de industria, sen prexuízo do que determinen as normas do Estado, segundo queda recollido no artigo 30.2 º do Estatuto de autonomía aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Na súa virtude, conforme as atribucións conferidas e por proposta do director xeral de Industria, Enerxía e Minas

DISPOÑO:

Capítulo i

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto desenvolver o Decreto 42/2008, do 28 de febreiro, de creación do Rexistro de Instalacións Interiores de Subministración de Auga de Galicia e autorización das empresas instaladoras, en relación coas condicións para a tramitación destas instalacións, a documentación que se presentará ante a Administración, as condicións que deben reunir os axentes que as realicen, así como desenvolver determinadas prescricións técnicas establecidas para as anteditas instalacións.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Esta orde é de aplicación ás instalacións interiores definidas no documento básico HS4 do CTE, é dicir, ás instalacións de subministración de auga nos edificios incluídos no ámbito de aplicación xeral do CTE.

As obras de ampliacións, modificacións, reformas ou rehabilitacións das instalacións existentes considéranse incluídas cando se amplía o número ou a capacidade dos aparellos receptores existentes na instalación.

2. En relación coa competencia profesional das empresas e os instaladores autorizados de fontanaría definidos nesta orde, realízanse as seguintes precisións respecto ao ámbito de aplicación:

-Inclúe a parte das instalacións de auga quente sanitaria en instalacións interiores particulares, desde a chave que se instalará no inicio de cada derivación particular ou desde os equipamentos que cubran a demanda de AQS (quentador, caldeira, acumulador,...).

-Non inclúe as conducións da parte común das instalacións de auga quente sanitaria ata a chave que se instalará no inicio de cada derivación particular, nin a parte de auga para calefacción (sexan particulares ou xerais) que están reguladas polo Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o regulamento de instalacións térmicas nos edificios, ou disposición que o modifique ou substitúa.

Capítulo ii

Condicións para a posta en servizo das instalacións interiores de subministración de auga

Artigo 3º.-Posta en servizo de instalacións interiores de subministración de auga.

Conforme o establecido no artigo 3º do Decreto 42/2008 as instalacións a que se refire esta orde deberán ser inscritas no rexistro correspondente antes da súa posta en servizo.

Para a inscrición da instalación e depósito da documentación relativa a esta, a empresa instaladora autorizada de fontanaría presentará ante a delegación provincial da consellería competente en materia de industria que lle corresponda, como mínimo, a seguinte documentación:

a) Solicitude de inscrición cuberta conformeao modelo que se publica como anexo I desta orde.

b) Proxecto técnico, asinado por técnico competente e visado polo correspondente colexio oficial ou, se é o caso, memoria técnica segundo o modelo que se publica como anexo II desta orde, redactada e asinada polo instalador autorizado da empresa instaladora.

c) Certificación de dirección de obra segundo modelo que se publica como anexo III desta orde, só no caso de ser necesario a elaboración dun proxecto técnico, en que se fará constar expresamente que a instalación se executou de acordo co proxecto específico e que cumpre con todos os requisitos exixidos na regulamentación técnica vixente. Faranse constar, así mesmo, os resultados das probas e recoñecementos de carácter xeral ou parcial a que houber lugar, así como, se é o caso, as variacións de detalle que o director técnico realice sobre o expresado no proxecto orixinal.

d) Certificados de instalación segundo o modelo que se publica como anexo IV desta orde, expedido por cuadriplicado (destinados á Administración, ao titular, á empresa subministradora e á empresa instaladora). Serán emitidos pola empresa instaladora que executase a obra e asinado polo instalador autorizado correspondente.

e) Esbozo de trazado. Consistirá en, polo menos, un debuxo en planta das canalizacións de subministración de auga e situación dos materiais instalados con indicacións sobre a altura pola que discorren. No devandito esbozo empregarase a simboloxía establecida no apéndice D do documento básico HS 4 do Código técnico da edificación.

Para a inscrición e depósito da documentación relativa a instalacións para billa de obra, a empresa instaladora autorizada de fontanaría presentará ante a delegación provincial da consellería competente en materia de industria que lle corresponda, como mínimo, a documentación mencionada no parágrafo anterior exceptuando o relativo ao esbozo de trazado.

A inscrición, que non supón a aprobación técnica do proxecto ou memoria técnica, nin un pronunciamento favorable sobre a idoneidade técnica da instalación, farase baixo a responsabilidade dos axentes que interviñeron.

Conforme o establecido no punto 2.1 do documento básico HS 4 do Código técnico da edificación, as empresas subministradoras de auga deberán certificar por escrito as condicións de subministración relativas ao punto de enganche facilitado por esta, antes do inicio das obras para realizar a devandita instalación. No dito certificado virán detallados, polo menos: os datos de presión de servizo, caudal, número e diámetr/s das acometidas, localización dos puntos de conexión coa rede existente e as recomendacións que crea convenientes a empresa subministradora.

A empresa instaladora autorizada de fontanaría estará obrigada a entregar ao titular da instalación unha copia do manual de uso e mantemento e o esbozo de trazado da devandita instalación, e fará constar a data de entrega nos devanditos documentos.

As empresas subministradoras de auga deberán exixir ao titular da instalación o certificado da instalación debidamente dilixenciado pola delegación provincial da consellería competente en materia de industria correspondente á situación da instalación, non procedendo a subministración regular de auga mentres este documento non se presente.

Non obstante o indicado no punto precedente, cando existan circunstancias obxectivas polas cales sexa preciso contar con subministración de auga antes de poder culminar a tramitación administrativa das instalacións, estas circunstancias, debidamente xustificadas e acompañadas das garantías para o mantemento da seguridade das persoas e bens e da non perturbación doutras instalacións ou equipamentos, deberán ser expostas ante a delegación provincial da consellería competente en materia de industria, a cal poderá autorizar, mediante resolución motivada, a subministración provisional para atender estritamente aquelas necesidades.

Artigo 4º.-Instalacións que requiren proxecto técnico para a súa execución.

1. Requirirán da elaboración dun proxecto, para a súa execución e posta en servizo, as instalacións que se enumeran a continuación:

a) Instalacións en edificios.

a. Con 30 ou máis subministracións por portal ou 60 ou máis subministracións no conxunto dos portais do edificio.

b. De 14 ou máis plantas.

b) Instalacións para calquera destino, con caudal simultáneo igual ou superior a 3 l/s, calculado conforme o establecido na norma UNE 149201:2008, sobre abastecemento de auga.

c) Reformas e ampliacións de:

a. Instalacións incluídas nos puntos anteriores.

b. Instalacións que como consecuencia de reformas ou ampliacións queden incluídas nos devanditos puntos.

Con carácter xeral, o deseño e cálculo das instalacións dun edificio ou establecemento desenvolverase, ben como separata do proxecto xeral do edificio ou ben nun ou varios proxectos específicos. Os proxectos serán redactados e asinados por técnicos titulados competentes que, cando fosen distintos do autor do proxecto xeral, deberán actuar coordinadamente con este e aterse aos aspectos básicos da instalación reflectidos no proxecto xeral do edificio ou establecemento.

No proxecto específico das instalacións interiores de subministración de auga deberá figurar, ademais de cantas descricións, cálculos e planos sexan necesarios para definilas e, polo tanto, executalas, aquelas recomendacións e instrucións necesarias para o bo funcionamento, mantemento e revisión da instalación proxectada.

2. Nas instalacións non incluídas no número 1 deste artigo poderá substituírse o proxecto por unha memoria técnica, redactada e subscrita polo instalador autorizado de fontanaría da empresa instaladora, segundo o modelo recollido no anexo II.

Artigo 5º.-Execución das instalacións.

En todos os casos a execución de instalacións obxecto desta orde corresponde ás empresas instaladoras autorizadas de fontanaría e debe levarse a cabo de acordo co proxecto específico ou memoria técnica da instalación.

A devandita execución será realizada por instaladores autorizados de fontanaría, por si mesmos ou supervisando a execución operarios especialistas pertencentes ao persoal da empresa. No caso de que se requira proxecto, a instalación executarase baixo o control e responsabilidade do técnico titulado director de obra.

Se no curso da execución da instalación, o instalador autorizado considerase que o proxecto ou memoria técnica de deseño non se axusta ao establecido nesta orde, deberá poñer por escrito tal circunstancia en coñecemento do autor do dito proxecto ou memoria, e do propietario. De non haber acordo entre as partes, someterase a cuestión ao órgano competente da comunidade autónoma, para que este resolva no prazo máis breve posible.

Unha vez finalizadas as obras e antes da posta en servizo das instalacións, o instalador autorizado da empresa instaladora estará obrigado a realizar as probas de resistencia mecánica e estanquidade, de acordo co establecido no punto 5.2.1 do documento básico DB-HS 4 do CTE.

Unha vez finalizada a instalación e efectuadas as probas correspondentes, o instalador autorizado deberá emitir os correspondentes certificados de instalación, indicados na alínea d) do artigo 3.

As empresas instaladoras non poderán emitir certificados de instalacións que correspondan a obras non executadas por elas, salvo autorización expresa do órgano competente en materia de industria.

Artigo 6º.-Inspeccións das instalacións de fontanaría.

A delegación provincial da consellería competente en materia de industria, de oficio ou por instancia de parte, poderá realizar cantas inspeccións e comprobacións considere oportunas mediante o seu persoal facultativo e técnico, tanto durante a execución das instalacións receptoras como unha vez postas en servizo.

Artigo 7º.-Mantemento e revisións periódicas.

Os titulares das instalacións serán responsables de mantelas axeitadamente de acordo co previsto no punto 7 do documento básico DB-HS 4 do CTE, así como do cumprimento do previsto no Real decreto 865/2003, do 4 de xullo, polo que se establecen os criterios hixiénico-sanitarios para a prevención e control da lexionelose cando esta normativa sexa de aplicación, en especial ao referido no anexo 3 do citado real decreto.

A empresa instaladora facilitará ao titular da instalación a documentación técnica recollida no artigo 3 desta orde, entre a que se inclúe o manual de uso e mantemento das instalacións de fontanaría emitido por ela, que recollerá a identificación das súas instalacións e os consellos e operacións recomendadas para garantir o período de vida útil destas.

Capítulo iii

Empresas instaladoras e instaladores autorizados

Artigo 8º.-Axentes que interveñen na instalación e mantemento.

As actividades de montaxe, reparación, revisión e mantemento de instalacións de fontanaría só serán realizadas por empresas instaladoras de fontanaría, mediante o persoal do seu equipo que posúan o carné de fontanaría ou o persoal que estea baixo a súa supervisión.

Artigo 9º.-Requisitos para a autorización das empresas instaladoras.

Para obter a autorización como empresa instaladora de fontanaría presentarase, ante a delegación provincial da consellería competente en materia de industria, a correspondente solicitude xunto coa documentación que acredite o cumprimento dos requisitos establecidos a continuación, que serán igualmente exixibles ás empresas con domicilio social fóra desta comunidade autónoma.

Os devanditos requisitos serán os seguintes:

a) Dispoñer, polo menos, dun operario con carné profesional de instalador de fontanaría contratado a xornada completa, ou estar dado de alta como autónomo cando o propio instalador é persoa física, ou é socio da súa propia empresa, se é o caso.

b) Que a relación entre o número total de operarios e o de operarios con carné de instalador de fontanaría non sexa superior a dez.

c) Ter cuberta a responsabilidade civil que poida derivarse da súa actuación, mediante unha póliza de seguros conforme o establecido no artigo 10 desta orde.

d) Dispoñer dun local e dos medios técnicos adecuados para o desenvolvemento da súa actividade, ademais daqueles equipos exixibles desde o ámbito da seguridade laboral.

e) Ter as súas instalacións inscritas no rexistro de establecementos industriais de Galicia.

As empresas interesadas deberán presentar na delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de industria a solicitude de autorización que figura como anexo V a esta orde, debidamente cuberta e acompañada da documentación indicada.

A autorización de empresa instaladora terá unha validez de tres anos, sempre e cando se manteñan as condicións que permitiron a súa concesión, e deberá ser renovada antes de que finalice o devandito prazo, para o que se presentará a solicitude incluída no anexo V desta orde debidamente cuberta e asinada, xunto coa documentación que se cita no dito anexo.

As empresas teñen a obriga de notificar á delegación provincial da consellería competente en materia de industria as altas e baixas do persoal con carné no prazo dun mes.

Artigo 10º.-Seguro de responsabilidade civil.

As empresas instaladoras de fontanaría deberán ter subscrito un seguro de responsabilidade civil que cubra en todo momento os danos ocasionados como consecuencia do desenvolvemento da súa actividade.

A contía mínima será de trescentos mil euros (300.000 €) por sinistro e ademais trescentos mil euros (300.000 €) por cada vítima que se poida producir, e deberá ser actualizada anualmente de acordo coas variacións do índice xeral de prezos de consumo publicado polo Instituto Nacional de Estatística.

Para xustificar o cumprimento deste requisito o titular da entidade debe achegar o certificado do seguro de responsabilidade civil segundo o modelo que figura no anexo VI desta orde, así como copia compulsada do recibo de pagamento da correspondente póliza.

Artigo 11º.-Responsabilidades e obrigas das empresas instaladoras de fontanaría.

1. A empresa instaladora de fontanaría será responsable:

a) De que a execución, reparación, mantemento e revisión das instalacións sexan efectuadas de conformidade co seu proxecto, se o houber e, en calquera caso, que a instalación cumpra a normativa vixente de aplicación, e que fosen efectuadas con resultado satisfactorio e baixo a súa directa responsabilidade as probas e ensaios regulamentarios.

b) Das deficiencias de execución das instalacións que constrúan ou reparen e de que os equipos e accesorios instalados sexan conforme as normas que sexan exixibles.

2. As empresas instaladoras de fontanaría terán as seguintes obrigas:

a) Cumprir en todo momento os requisitos mínimos especificados no artigo 9.

b) Controlar a execución dos traballos que levan a cabo os seus instaladores autorizados e demais operarios ao seu servizo, así como que os materiais utilizados cumpran a regulamentación vixente, e sexan adecuados ao tipo e características da instalación requirida polo usuario.

c) Emitir os preceptivos certificados de instalación unha vez executadas as instalacións, reparacións ou revisións, e efectuadas as probas e ensaios regulamentarios. Os devanditos certificados serán subscritos por un instalador autorizado da empresa.

Artigo 12º.-Requisitos para a obtención do carné profesional de instalador fontanaría.

O instalador de fontanaría é toda persoa física que, polos seus coñecementos teórico-prácticos da tecnoloxía da fontanaría así como da normativa vixente, está autorizada para realizar as operacións a que se refire a esta orde, acreditada mediante o correspondente carné profesional de instalador de fontanaría, expedido pola consellería competente en materia de industria.

Para a obtención do carné profesional de instalador de fontanaría, os interesados deberán remitir á delegación provincial da consellería competente en materia de industria a correspondente solicitude segundo o modelo que figura como anexo VII desta orde e acreditar que se reúnen os seguintes requisitos:

1. Ser maior de idade.

2. Estar en posesión dun certificado de estudos primarios.

3. Superar un exame ante o órgano competente en materia de industria na forma prevista na Orde do 27 de decembro de 2000. Para presentarse ao devandito exame, os interesados deberán remitir a dita solicitude que figura como anexo VII desta orde á delegación provincial da consellería competente en materia de industria.

Os profesionais que se atopen en posesión dunha titulación que, en virtude da normativa vixente, outorgue atribucións abondas para a realización das actividades consideradas nesta orde, poderán obter o carné de instalador de fontanaría con só acreditar a titulación.

Tamén poderán obter o carné de instalador de fontanaría os profesionais que poidan acreditar unha experiencia laboral de polo menos dous anos como oficial técnico nunha empresa instaladora de fontanaría autorizada, cando dispoñan dunha das seguintes titulacións de formación profesional:

-Título de grao medio en montaxe e mantemento de instalacións de frío, climatización e produción de calor.

-Título de grao superior en mantemento e montaxe de instalacións de edificio e proceso.

-Título de grao superior en desenvolvemento de proxectos de instalacións de fluídos, térmicas e de manutención.

-Título equivalente aos anteditos, conforme o establecido no anexo II do Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo (BOE nº 110, do 8 de maio).

O carné de instalador de fontanaría acredita que se posúe a formación idónea para realizar e manter as instalacións que se indican no artigo 2º desta orde, pero non faculta para o exercicio da profesión, que debe realizarse no seo dunha empresa instaladora autorizada.

Os carnés de instalador de fontanaría terán unha validez de cinco anos e deberán renovarse ante a delegación competente en materia de industria que lle corresponda conforme o establecido no artigo 1 da Orde do 27 de decembro de 2000 (DOG nº 11, do 16 de xaneiro de 2001). Admitirase a validez dos carnés expedidos por outra comunidade autónoma.

Por razóns de evolución tecnolóxica da fontanaría ou cambios substanciais na súa regulamentación, a consellería competente en materia de industria poderá establecer requisitos complementarios, que poderían estar baseados en cursos de formación adicionais ou superación de probas, para a obtención do carné profesional.

Artigo 13º.-Ámbito de actuación do instalador autorizado en instalacións de fontanaría.

O instalador autorizado en instalacións de fontanaría está facultado para realizar, no seo dunha empresa instaladora que cumpra os requisitos desta orde, as operacións seguintes:

1. Executar por si mesmo calquera instalación receptora de auga, así como as súas modificacións ou ampliacións, ou supervisar a súa execución por operarios especialistas pertencentes ao persoal da empresa instaladora.

2. A execución da obra ou a supervisión da súa realización por operarios especialistas no equipo, estando todo iso baixo o control e responsabilidade do director de obra da instalación de fontanaría, cando se trata de instalacións, ampliacións ou modificacións para as que sexa preceptivo un proxecto subscrito por técnico titulado competente.

3. Realizar por si mesmo ou supervisar a execución por operarios especialistas, do mantemento, revisións periódicas e reparacións de calquera instalación receptora de auga.

4. Verificar e poñer en funcionamento, logo da realización de ensaios e probas regulamentarias, as instalacións executadas por el mesmo ou baixo a súa supervisión, subscribindo os boletíns de instalación establecidos na normativa vixente, sen prexuízo das atribucións do técnico director de obra, cando o houber.

Artigo 14º.-Obrigas dos instaladores autorizados en instalacións de fontanaría.

O instalador autorizado en instalacións de fontanaría terá as seguintes obrigas:

1. Que os diversos traballos e operacións efectuadas se axusten á regulamentación técnica en vigor sobre as instalacións de fontanaría.

2. Subscribir os certificados de instalación establecidos pola normativa vixente relativos ás instalacións que executase por si mesmo ou por supervisión do persoal da empresa instaladora.

3. Todas aquelas outras a que a boa ética profesional obriga.

Artigo 15º.-Réxime sancionador.

Non cumprir calquera dos requisitos ou das condicións reguladas nesta orde que serviron de base para a autorización como empresa instaladora de fontanaría ou a inobservancia de preceptos regulamentarios, poderá constituír causa de revogación desta.

A resolución de revogación, que deberá ser motivada, será ditada polo director xeral competente en materia de industria, conforme o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Sen menoscabo do establecido no parágrafo anterior, o incumprimento das condicións da autorización de empresa instaladora de fontanaría, ou a inobservancia de preceptos regulamentarios, poderá dar lugar a sancións que, se é o caso correspondan, de conformidade co disposto no título III da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia.

As sancións serán impostas logo de instrución de oportuno expediente, tramitado conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico de las administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Capítulo iv

Prescricións técnicas das instalacións interiores

de subministración de auga

Artigo 16º.-Condicións técnicas das instalacións.

As instalacións de subministración de auga dos edificios deseñaranse, executaranse e manteranse na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co previsto no documento básico DB-HS 4 subministración de auga, do código técnico da edificación, aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, e a norma UNE 149201:2008.

Poderanse adoptar solucións distintas ás propostas na devandita norma que posúan un nivel prestacional equivalente, sempre que se xustifique tecnicamente e se conte coa aprobación mediante resolución expresa da consellería competente en materia de industria.

As empresas ou entidades subministradoras de auga poderán propoñer especificacións que fixen as condicións técnicas que deben reunir aquelas partes das instalacións dos consumidores que teñan incidencia apreciable na seguridade, funcionamento e homoxeneidade do seu sistema, así como do conxunto da rede que teña a consideración de pública cuxo mantemento e/ou explotación dependa finalmente daquelas. Sen a autorización expresa da consellería competente en materia de industria non será válida ningunha especificación, recomendación ou circular das devanditas empresas no ámbito de aplicación desta orde.

Artigo 17º.-Caudal simultáneo.

Para os efectos do cálculo do caudal simultáneo aplicarase o disposto no antedito documento básico DB-HS 4 e na norma UNE 149201:2008, debendo estimarse para os baixos comerciais do edificio un caudal mínimo de 0,2 l/s por cada 50 m2 ou fracción da súa superficie en planta.

Artigo 18º.-Condicións técnicas para a instalación dos contadores.

Cando nun mesmo edificio existan distintos usuarios, deberanse instalar baterías de contadores divisionarios.

Ademais do sinalado no documento básico DB-HS 4, os contadores divisionarios instalaranse en baterías aloxadas en armarios ou cuartos establecidos para tal fin, situados na planta baixa, entresollado ou primeiro soto do edificio, en zona de uso común do inmoble e nun lugar de doado e libre acceso, que poderá servir de paso ao local que albergue o grupo de presión ou o sistema de tratamento de auga que se deseñará de acordo co establecido no punto 3.2.1.5.1 do antedito documento básico DB-HS 4. Deberán permitir de forma directa a lectura dos contadores. Estarán dotados de iluminación eléctrica e toma de corrente. Deberán dispoñer de sumidoiros de desaugamento de capacidade abonda para que no caso de avaría, descoido ou rotura non poidan producirse inundacións no local. O desaugadoiro realizarase por gravidade.

Os armarios ou cuartos en que se instale a centralización de contadores divisionarios terán unha altura libre da zona de manipulación dos equipamentos de como mínimo de 2 metros e un espazo libre frontal de 1 metro, medido desde a válvula de saída do contador. Ademais, os tubos que forman a batería deberán quedar separados, como mínimo, dos paramentos que a rodean, unha distancia de 0,2 metros e os contadores en alturas, referidos ao chan, comprendidas entre un máximo de 1,50 metros e un mínimo de 0,30 metros. No caso de que houbese baixos sen dividir a centralización de contadores deberá contar cunha previsión de 1 contador por cada 150 m2 ou fracción da súa superficie en planta do antedito baixo.

Cando se instalen 16 ou máis contadores, será preceptiva a súa instalación nun cuarto destinado unicamente para este fin.

No caso de empregar armarios, instalaranse portas que cubran a totalidade da superficie do antedito armario.

Artigo 19º.-Condicións de deseño dos sistemas de sobreelevación.

De acordo co establecido no punto 3.2.1.5, do mencionado documento básico HS 4, no caso en que se instalen sistemas de sobreelevación con grupos de presión de accionamento regulable, estes deberán dispoñer en todos os casos dun depósito auxiliar de alimentación que evite a toma de auga directamente polo equipo de bombeo. A capacidade do citado depósito calcularase de acordo co establecido no punto 4.5.2.1 de antedito documento básico HS 4.

Artigo 20º.-Condicións de deseño da rede de retorno na rede de distribución.

Conforme o establecido no número 2 do punto 2.3 do antedito documento básico DB-HS 4 do código técnico da edificación, en instalacións individuais, a rede de distribución debe estar dotada dunha rede de retorno cando a lonxitude da canalización de ida ao punto de consumo máis afastado sexa igual ou maior que 15 m, medida como proxección sobre o forxado da planta.

Disposicións transitorias

Primeira.-Edificios e proxectos aos cales non será de aplicación esta orde.

Esta orde non será de aplicación preceptiva aos edificios que no momento da súa entrada en vigor estean en construción, nin aos proxectos que dispoñan de licenza de obra agás no relativo á súa reforma, mantemento, uso e inspección, con independencia do establecido na normativa aplicable.

Segunda.-Instaladores e empresas instaladoras existentes.

1. As empresas que cando se publique esta orde estivesen autorizadas para desenvolver a actividade de instaladoras e/ou mantedoras de instalacións de fontanaría, deberán acreditar ante a delegación provincial da consellería competente en materia de industria que lle corresponda, o cumprimento das condicións establecidas nesta orde, antes do vencemento da súa habilitación. Non obstante, deberán cumprir os requisitos exixidos nesta orde desde o momento da súa entrada en vigor.

En caso de incumprimento do anterior, a delegación provincial da consellería competente en materia de industria denegará a súa renovación unha vez que venza o seu prazo de vixencia.

2. Os carnés de instalador de fontanaría existentes cando entre en vigor esta orde, manterán a súa validez, quedando suxeitos ao ámbito de actuación e obrigas establecido nesta orde. Unha vez finalizado o período de validez, quedarán suxeitos ao réxime de renovacións establecidos nesta orde.

Terceira.-Empresas subministradoras.

As entidades e empresas subministradoras existentes terán un prazo dun ano, a partir da entrada en vigor desta orde, para adaptar as súas recomendacións ou especificacións de orde técnica ou administrativa ao establecido nesta orde.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o anexo I e o anexo II da Orde do 27 de decembro de 2000 pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial, no relativo a carnés e empresas de fontanaría, así como calquera outra disposición da devandita orde que se opoña ao establecido nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Norma supletoria.

No non previsto nesta orde aplicarase supletoriamente o previsto na Orde do 27 de decembro do 2000.

Segunda.-Habilitación normativa.

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de industria para modificar os anexos contidos nesta orde, así como para ditar cantos actos sexan necesarios para a súa aplicación.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor no prazo de 20 días desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2009.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

Ver referencia pdf "07700D005P022.PDF"