DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 22 de abril de 2009 Páx. 7.736

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

O compromiso cos principios de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Administración da Xunta de Galicia supuxeron unha redución do 25% nas consellerías que anteriormente compoñían o Goberno, como reflicte o Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito, e en lóxica consecuencia, este compromiso coa austeridade, eficacia e eficiencia debe ter o seu correspondente reflexo nas estruturas orgánicas correspondentes ás consellerías creadas en virtude do antedito decreto. Así, prodúcese agora unha nova redución que chega ao 17% nas secretarías xerais, direccións xerais e órganos de igual categoría con respecto á situación anterior, e salvagardando, en todo caso, a necesaria eficacia e eficiencia no funcionamento da Administración antes sinalada.

Na súa virtude e segundo o disposto no artigo 4.15º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de abril de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

a) A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral.

2. Dirección Xeral de Xustiza.

3. Dirección Xeral de Administración Local.

4. Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.

5. Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

6. Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

7. Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.

b) Quedan adscritas organicamente a esta consellería as delegacións territoriais da Xunta de Galicia na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. As delegacións territoriais terán nivel orgánico de dirección xeral.

c) Así mesmo, quedan adscritas a esta consellería as delegacións da Xunta de Galicia no exterior.

d) Igualmente, quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Escola Galega de Administración Pública.

2. O organismo autónomo Academia Galega de Seguridade Pública.

3. O ente público Axencia Galega de Emerxencias.

Artigo 2º

a) A Consellería de Facenda estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral e do Patrimonio.

2. Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

3. Dirección Xeral de Orzamentos.

4. Dirección Xeral de Tributos.

5. Dirección Xeral de Política Financeira.

6. Dirección Xeral de Planificación e Fondos.

7. Dirección Xeral da Función Pública.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Estatística.

2. O organismo autónomo Tribunal Galego de Defensa da Competencia.

3. O ente público Centro Informático para a Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contable.

4. O Consello Económico e Social de Galicia, ente institucional de dereito público, consultivo, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño.

Artigo 3º

a) A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral.

2. Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

3. Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

4. Dirección Xeral de Infraestruturas.

5. Dirección Xeral de Mobilidade.

6. Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

2. O organismo autónomo Augas de Galicia.

3. O organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

4. O ente público Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos.

5. O Xurado de Expropiación Forzosa, con nivel orgánico de dirección xeral.

Artigo 4º

a) A Consellería de Economía e Industria estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral.

2. Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

3. Dirección Xeral de Comercio.

4. Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

5. Dirección Xeral de Promoción do Sector Audiovisual e Contidos Dixitais.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Consumo.

2. O ente público Instituto Galego de Promoción Económica.

3. O ente público Instituto Enerxético de Galicia.

Artigo 5º

a) A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral.

2. Secretaría Xeral de Universidades.

3. Secretaría Xeral de Política Lingüística.

4. Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

5. Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

b) Queda adscrito a esta consellería o ente público Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional.

Artigo 6º

a) A Consellería de Sanidade estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral.

2. Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación.

b) O Servizo Galego de Saúde, organismo autónomo de carácter administrativo, estará adscrito organicamente a esta consellería e estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

2. Dirección de Asistencia Sanitaria.

3. Dirección de Recursos Económicos.

4. Dirección de Recursos Humanos.

Artigo 7º

a) A Consellería de Cultura e Turismo estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral.

2. Secretaría Xeral para o Turismo.

3. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

4. Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura.

b) Queda adscrito a esta consellería o organismo autónomo Axencia Galega das Industrias Culturais.

Artigo 8º

a) A Consellería de Traballo e Benestar estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral.

2. Secretaría Xeral de Familia e Benestar.

3. Dirección Xeral de Relacións Laborais.

4. Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

5. Dirección Xeral de Formación e Colocación.

6. Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal.

7. Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

2. O Consello Galego de Relacións Laborais, ente institucional de dereito público, consultivo, creado pola Lei 5/2008, do 23 de maio.

Artigo 9º

a) A Consellería do Medio Rural estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral.

2. Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

3. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

4. Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais.

5. Dirección Xeral de Montes.

6. Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria.

2. O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

3. O ente público Instituto Galego de Calidade Alimentaria.

Artigo 10º

a) A Consellería do Mar estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral.

2. Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica.

3. Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños.

4. Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O ente público Portos de Galicia.

2. O ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño.

Disposicións adicionais

Primeira.-Establecerase mediante decreto a estrutura orgánica das delegacións territoriais, o seu ámbito territorial e as súas competencias.

Segunda.-As secretarías xerais das respectivas consellerías previstas neste decreto asumen as funcións e competencias atribuídas ás secretarías xerais técnicas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro. As demais secretarías xerais exercerán, de ser o caso, as funcións e competencias que lles sexan atribuídas en cada caso polos respectivos decretos que regulen as estruturas orgánicas dos departamentos aos cales organicamente figuren adscritas segundo o establecido neste decreto.

Terceira.-As referencias aos correspondentes conselleiros, conselleiras e consellerías, contidas na normativa reguladora dos diferentes organismos autónomos e entes públicos, deberán entenderse referidas respectivamente a aqueles aos cales están adscritos en virtude do disposto neste decreto.

Disposicións transitorias

Primeira.-Mediante as disposicións oportunas dos conselleiros e conselleiras respectivos determinarase a adscrición dos órganos dependentes das secretarías xerais e direccións xerais suprimidas, como consecuencia da estrutura orgánica que se fixa nos artigos precedentes, aos centros directivos correspondentes mentres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica no nivel de dirección xeral.

Segunda.-Os órganos dependentes dos centros directivos que non fosen obxecto de supresión manterán a súa estrutura e funcións ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e, en particular, aquela normativa que regule estruturas orgánicas co nivel de dirección xeral non recollidas neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura administrativa, sen que en ningún caso se poida orixinar incremento de gasto.

Segunda.-A Consellería de Facenda realizará as modificacións orzamentarias necesarias para lle dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de abril de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza