DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 22 de abril de 2009 Páx. 7.735

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Polo Decreto 79/2009, do 19 de abril, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. En virtude do disposto nel, este decreto fixa os órganos superiores que dependerán da Presidencia da Xunta de Galicia tendo en conta os criterios de eficacia e eficiencia que deben inspirar a actuación e organización administrativa e as áreas de competencias que, pola súa importancia e natureza, procede que queden adscritas funcionalmente á Presidencia da Xunta de Galicia.

Na súa virtude e segundo o disposto no artigo 4 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de abril de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.

a) Dependerán funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza os seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral da Presidencia:

1.1. Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia.

2. Asesoría Xurídica Xeral, con nivel orgánico de dirección xeral.

3. Secretaría Xeral de Medios, á cal estará adscrito o ente público Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

3.1. Dirección Xeral de Comunicación.

4. Secretaría Xeral da Igualdade.

5. Secretaría Xeral da Emigración.

6. Secretaría Xeral para o Deporte.

7. Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Disposición adicional

Queda adscrito á Presidencia o organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Disposicións transitorias

Primeira.-Mediante orde da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza determinarase a adscrición dos órganos dependentes das secretarías xerais e direccións xerais suprimidas como consecuencia da estrutura orgánica que se fixa nos artigos precedentes ás secretarías e centros directivos correspondentes mentres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica destes órganos.

Segunda.-Os órganos dependentes das secretarías e dos centros directivos que non fosen obxecto de supresión manterán a súa estrutura e funcións ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 231/2005, do 11 de agosto, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e, en particular, aquela normativa que regule estruturas orgánicas dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia co nivel de secretaría ou dirección xeral non recollidas neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura administrativa, sen que en ningún caso se poida orixinar incremento de gasto.

Segunda.-A Consellería de Facenda realizará as modificacións orzamentarias necesarias para lle dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de abril de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza