DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Venres, 17 de abril de 2009 Páx. 7.557

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2009, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de monumento, en favor do cuartel de San Fernando, na cidade de Lugo.

A historia do cuartel de San Fernando iníciase no mes de xaneiro de 1779 no Palacio do Pardo, sendo rei Carlos III e ministro da Guerra o Conde de Ricla. Ambos os dous, en colaboración co arquitecto maior das obras reais, Francisco Sabatini, deciden erixir na cidade de Lugo un cuartel destinado a atender os inválidos do exército.

O lugar elixido foron uns terreos próximos ao hospital de San Bartolomeu, que se atopaba situado no lugar que hoxe ocupa o colexio da Milagrosa, na praza de Ferrol. Varias deberon ser as razóns que propiciaron a elección do soar e, entre elas, tivo que influír desde logo a proximidade do hospital de San Bartolomeu, porque a Coroa desexaba que fora a Orde de San Xoán de Deus, que rexentaba naquel tempo esta institución asistencial, quen se encargará tamén de xestionar e dirixir o novo cuartel. Asemade, debeu valorarse o feito de que os terreos elixidos se atopasen intramuros e, ao propio tempo, nas proximidades do camiño da Coruña, unha das principais arterias de acceso á cidade. Cómpre lembrar que uns anos antes tivera lugar a apertura dunha nova porta na muralla, a do Príncipe ou de San Fernando, a cal favorecería o acceso dos enfermos procedentes dos barrios situados ao norte da cidade e permitiría a chegada das tropas que nun futuro puidesen aloxarse no acuartelamento. Un terceiro

argumento en favor do establecemento nesta zona era a existencia dun abastecemento de auga abundante e continuo, que aseguraba un caudal permanente moi necesario para un edificio sanitario destas características.

Pola documentación que se conserva, o proxecto inicial elaborado polo enxeñeiro militar Bartolomé Amphoux previa a construción dun cuartel que permitiría albergar a seis compañías de inválidos e un batallón de infantaría (un total aproximado de 1.240 homes), que compartirían o mesmo edificio pero que nunca coincidirían, xa que se pretendía delimitar dúas zonas independentes no inmoble, coas súas entradas e escaleiras propias. Unha vez elaboradas as trazas, Francisco Sabatini introduciu os cambios pertinentes para que o custo da construción non excedese do orzamento dispoñible.

No proxecto orixinal, o edificio organizaríase darredor de dous patios, cada un coa súa correspondente fonte, o primeiro orientado ao norte, destinado ás compañías de inválidos, e o segundo orientado ao sur, ao batallón de infantaría. Ambos estarían separados mediante un pavillón, no que se aloxarían os soldados de infantaría.

Na actualidade os dous patios porticados están unidos, polo que o cuartel presenta unha planta rectangular moi pouco frecuente en edificios destas características, que ben coa eliminación do pavillón de infantaría desapareceu o corpo de edificio común que compartían ambos os dous claustros e alterou o aspecto de cada un deles.

O inmoble organizouse en dúas plantas en que se repetía a mesma distribución. Na inferior localizábanse todos os servizos necesarios para o bo funcionamento do acuartelamento, tales como as cociñas, as despensas, o vestíbulo de acceso, os cárceres, a botica, e os cuartos dos enfermos, ademais das enfermarías. Na planta superior repetíase a distribución, coa excepción de que sobre o vestíbulo de acceso e os cárceres se habilitou un quinto pavillón para albergar os soldados transeúntes da arma de infantaría.

Segundo o proxecto de Amphoux, tanto as enfermarías como os cuartos para aloxar os soldados cubriríanse con bóvedas en que se empregaría pedra da zona, pero esta proposta suporía un encarecemento importante da obra, polo que Francisco Sabatini propuxo cubrir os pavillóns cunha cuberta de madeira; dadas as proporcións que presentaban, fíxose necesario dividir lonxitudinalmente cada unha das estancias cunha arcada integrada por cinco arcos de medio punto que serviran de apoio ao teitume de madeira.

Polo demais, o proxecto foi dunha sinxeleza extraordinaria, evitando todo ornato que puidese resultar superfluo pero buscando a funcionalidade do edificio e adaptando cada espazo ao uso que ía desempeñar. A cociña (antigo bar de oficiais) aínda conserva a súa estrutura orixinal cos seus abovedamentos primitivos; sucede o mesmo coas escaleiras, cuxos zócolos son de granito como medida profiláctica para evitar contaxios, e coas seis enfermarías e os nove cartos para as tropas, que constitúen as dependencias máis orixinais de todas e que se conservan sen modificacións significativas. En todos os casos mantivéronse os tabiques que delimitan os ditos espazos, as portas de acceso orixinais e as arcadas de arcos de medio punto de cadeirado perfectamente escuadrado que dividían cada unha das enfermarías. Tamén se conserva en inmellorables condicións o anllar que ocupa o faiado do edificio e que mantén sen aparentes cambios a armazón cunha estrutura de pontón e ponte dunha singularidade

excepcional.

Por todo isto, logo de 225 anos, o cuartel de inválidos de San Fernando conserva a estrutura e organización espacial proxectada orixinalmente, constituíndo un exemplo de extraordinaria importancia dentro do capítulo da arquitectura neoclásica, coa particularidade de ser o único acuartelamento que se erixiu na cidade de Lugo na época ilustrada.

Á vista do exposto, e constando no expediente os informes da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, do Consello da Cultura Galega, da Universidade de Santiago de Compostela e da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Lugo, favorables todos eles á declaración do inmoble como monumento e á proposta de delimitación do contorno de protección, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no exercicio das competencias atribuídas polo Decreto 36/2006, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Deporte, e en virtude do disposto polo título I da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, así como polo Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, vistos os informes dos seus servizos técnicos

RESOLVE:

Primeiro.-Incoar o procedemento para a declaración de ben de interese cultural coa categoría de monumento, en favor do cuartel de San Fernando, na cidade de Lugo.

Para os efectos previstos no artigo 11 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia a delimitación da zona afectada pola declaración figura como anexo á presente resolución.

Segundo.-Comunicar esta resolución ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural para a súa anotación preventiva, así como ao Concello de Lugo, segundo dispón o artigo 10 da Lei de patrimonio cultural de Galicia.

Terceiro.-Dispoñer a apertura dun período de información pública polo prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, co fin de que cantos teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, situadas no edificio administrativo San Caetano, s/n, bloque 3º, 2º andar, en Santiago de Compostela, previa petición de cita.

Cuarto.-Consonte o disposto polo artigo 35 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, esta resolución determina a aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto para os bens xa declarados, e, en concreto, a suspensión das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas pola declaración, así como dos efectos das xa outorgadas. Esta suspensión dependerá da resolución ou caducidade do expediente incoado.

As obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia, tivesen que realizarse con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, de autorización dos organismos competentes da Consellería de Cultura e Deporte.

Quinto.-En aplicación do disposto polo artigo 12 da Lei de patrimonio cultural de Galicia, o expediente terá que resolverse no prazo máximo de 20 meses contados a partir da data en que se incoou. Transcorrido este producirase a caducidade do expediente se se solicitase o arquivo das actuacións ou se dentro dos sesenta días seguintes non se dita resolución.

Sexto.-Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2009.

Felipe Arias Vilas

Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición da delimitación do contorno de protección

do monumento

Comeza a delimitación no punto A, no encontro das fachadas do nº 13 (codificación PEPRI) co nº 14 (sen incluír este) do quinteiro 1301 da rúa San Froilán, e continúa pola medianeira e a súa prolongación ata o encontro coa cara interior da muralla no punto B, onde xira para seguir a cara interior das murallas ata o punto C, xirando para tomar unha liña que vai polas fachadas sur dos números 6, 5, 4, 3 e 2 do quinteiro 1305 ata o punto D. Atravesa a rúa de San Marcos, ata o encontro das fachadas do nº 2 co nº 3 do quinteiro 1402, segue polo linde norte da parcela da edificación nº 3 ata atopar os lindes sur das parcelas das edificacións número 35, 34 e 33, seguindo polo linde sur da parcela da edificación nº 30 ata a fachada coa rúa Quiroga Ballesteros no punto E, onde atravesa ata o encontro de fachadas do nº 01 (incluíndo este) co nº 02 do quinteiro 1401, rodeando o nº 01 ata o punto F, onde atravesa a rúa de Bolaño Rivadeneira ata o encontro de fachadas dos números 04 e 05 do

quinteiro 1308, e segue polo linde de parcelas dos números 04 e 05 ata o encontro de fachadas dos números 01 e 24 na rúa Manuel Amor Meilán, que atravesa ata o punto G e segue pola liña de traseiras desde o nº 5 ata o encontro de fachadas dos números 03 e 31 do quinteiro 1309 na rúa San Froilán, na cal cruza ata atopar o punto de inicio (punto A) onde se pecha a delimitación.

Ver referencia pdf "07300D061P135.PDF"