DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Venres, 17 de abril de 2009 Páx. 7.473

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2009 pola que se establecen delegacións de competencias na execución do orzamento de gastos e en contratación.

A fórmula da delegación competencial é utilizada polas administracións públicas co fin de conseguir unha maior axilización nos trámites e resolución dos asuntos administrativos. O volume económico da Universidade de Vigo e a súa organización en unidades centrais e periféricas (campus, centros e departamentos), así como o seu volume de contratación pública, fan necesaria a utilización desta técnica administrativa, de xeito que a xestión económica e contractual sexa áxil, racional e eficaz.

Polo antedito, de conformidade co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acorda ditar a seguinte resolución:

1. Deléganse no xerente, con independencia das competencias que lle outorgan a Lei Orgánica de Universidades e os estatutos da Universidade de Vigo, e, por suplencia, no vicexerente de Xestión Económica, as seguintes competencias:

a) A de autorizar, dispoñer e contraer obrigas sobre os créditos de gasto da universidade, a excepción dos mencionados nos números 2, 3, 4 e 5 desta resolución.

b) As de actuación como órgano de contratación da universidade nos termos establecidos na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, agás o establecido nos números 2, 3 e 4 desta resolución.

2. Delégase nos/as vicexerentes do campus de Ourense e do campus de Pontevedra e nos/as administradores/as de centro/ámbito/campus, dentro do seu ámbito funcional, a contratación de subministracións e servizos non suxeita a regulación armonizada que poidan adxudicarse por procedemento negociado por razón de contía cando o seu valor estimado (IVE non incluído) non sexa superior ao establecido no artigo 161.2º da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público. Esta delegación inclúe as facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas sobre os créditos correspondentes.

A Xerencia, por proposta do vicexerente ou administrador correspondente, poderá ordenar que un expediente de contratación se centralice por razón da súa complexidade ou da carga administrativa existente no centro.

3. Delégase nos/nas vicexerentes do campus de Ourense e do campus de Pontevedra e nos/nas administradores/as de centro/ámbito/campus, dentro do seu ámbito funcional, a tramitación e sinatura de contratos de subministracións e servizos baseados nun acordo marco concluído pola universidade con un ou varios empresarios. O procedemento de adxudicación aterase ao establecido no artigo 182 da Lei de contratos do sector público e ao correspondente prego de cláusulas administrativas particulares do acordo marco, que poderá establecer limitacións a estas facultades. Esta delegación inclúe as facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas sobre os créditos correspondentes.

4. Deléganse as facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor segundo o establecido na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público e ás indemnizacións por razón de servizo nos órganos que figuran no anexo a esta resolución respecto aos créditos que teñan encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

As referencias que nas Normas de desenvolvemento do orzamento 2009 se fan aos órganos mencionados no seu artigo 14.1º entenderanse feitas aos órganos mencionados neste número.

5. Delégase nos órganos que figuran no anexo a esta resolución, respecto aos créditos que teñan encomendados, a competencia para contraer obrigas por gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos previamente autorizados e dispostos pola xerencia.

6. Non poden ser obxecto de delegación as competencias que se delegan nesta resolución e, en todo momento, o reitor pode avocar para si aquelas.

7. Quedan sen efecto as delegacións establecidas na Resolución reitoral do 11 de xullo de 2006 no seus números 13, c e d, no xerente e 14 nos administradores de centro, ámbito ou campus (DOG nº 138, do 18 de xullo de 2006, corrección de erros no DOG nº 131, do 6 de xullo de 2007).

8. Esta resolución terá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 1 de abril de 2009.

Alberto Gago Rodríguez

Reitor da Universidade de Vigo

Ver referencia pdf "07300D017P049.PDF"