DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Mércores, 15 de abril de 2009 Páx. 7.263

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 3 de abril de 2009 pola que se constitúen os pactos territoriais de emprego da Coruña, de Santiago, de Pontevedra e de Vigo e se adscriben os concellos de Monfero e Calvos de Randín aos pactos territoriais de Ferrol e A Limia-Verín respectivamente.

O Decreto 98/2008, do 15 de maio, polo que se crean e regulan os órganos consultivos denominados pactos territoriais de emprego, configura estes como órganos de carácter colexiado, de participación institucional e de concertación entre os seus integrantes, para a xestión coordinada do conxunto dos recursos públicos que se destinan ao emprego no ámbito territorial do pacto e adscritos ao departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de emprego.

O citado decreto establece no seu artigo 3 parágrafo primeiro que poderán crearse ata un máximo de quince pactos territoriais de emprego que, no seu conxunto, abranguerán a totalidade do territorio de Galicia.

Pola disposición adicional segunda do Decreto 98/2008, do 15 de maio, constitúense os pactos territoriais de emprego da Costa da Morte, de Lugo, de Valdeorras e do Salnés, e consonte o establecido no parágrafo segundo do artigo 3 do citado decreto, que establece que corresponde ao titular do departamento con competencias en materia de traballo dispoñer mediante orde a creación dos pactos territoriais, pola Orde do 3 de xuño de 2008 constitúense os pactos territoriais de emprego da Barbanza, Ferrol, da Mariña, de Lemos, de Ourense, da Limia-Verín e de Deza-Tabeirós.

Procede agora a creación dos catro pactos territoriais restantes ata completar os quince previstos.

É polo que, en virtude das competencias outorgadas polo artigo 3.2º do Decreto 98/2008, do 15 de maio, polo que se crean e regulan os órganos consultivos denominados pactos territoriais de emprego, tendo en conta o ditame do Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Constitución dos pactos territoriais de emprego da Coruña, de Santiago, de Pontevedra e de Vigo.

1. Créanse catro pactos territoriais de emprego, co que se completa o mapa de pactos de Galicia, cuxo ámbito territorial abranguerá os concellos que se sinalan:

-Pacto Territorial de Emprego da Coruña.

Abranguerá o territorio dos seguintes concellos: Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cerceda, Cesuras, Coirós, A Coruña, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza dos Ríos, Paderne, Sada, Sobrado dos Monxes, Vilarmaior e Vilasantar.

-Pacto Territorial de Emprego de Santiago.

Abranguerá o territorio dos seguintes concellos : Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, Dodro, Frades, Melide, Mesía, Negreira, Ordes, Oroso, Padrón, O Pino, Rois, Santiago de Compostela, Santiso, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

-Pacto Territorial de Emprego de Pontevedra.

Abranguerá o territorio dos seguintes concellos: Barro, Bueu, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cotobade, Cuntis, A Lama, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas e Vilaboa.

-Pacto Territorial de Emprego de Vigo.

Abranguerá o territorio dos seguintes concellos: Arbo, Baiona, Cangas, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño, Tui e Vigo.

2. Os pactos territoriais de emprego creados ao abeiro desta orde rexeranse polas normas contidas no Decreto 98/2008, do 15 de maio, polo que se crean e regulan os órganos consultivos denominados pactos territoriais de emprego.

Artigo 2º.-Modificación de pactos existentes.

1. O concello de Monfero inclúese no Pacto Territorial de Ferrol.

2. O concello de Calvos de Randín, que pertencía ao Pacto Territorial de Ourense, inclúese no Pacto Territorial da Limia-Verín.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Colocación para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2009.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo