DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Martes, 14 de abril de 2009 Páx. 7.192

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 3 de abril de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de intervencións arqueolóxicas en conxuntos históricos, zonas arqueolóxicas ou xacigos catalogados ou inventariados e se procede á súa convocatoria para o ano 2009.

A Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, establece no seu artigo 63 que, cando, como requisito previo para a realización de calquera tipo de obra que afecte un conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacigos catalogados ou inventariados, a Consellería de Cultura e Deporte ou a figura de planeamento vixente determine a necesidade de realizar intervencións arqueolóxicas, a citada consellería colaborará no financiamento do custo da execución do proxecto se se trata dun promotor particular.

Hoxe en día, un gran número destas intervencións arqueolóxicas desenvólvense no ámbito urbano, nos conxuntos históricos da comunidade autónoma declarados ben de interese cultural, onde a declaración afecta tanto o solo coma o subsolo polo interese histórico e arqueolóxico destas áreas, e onde gran parte da evolución histórica deses asentamentos está nese subsolo susceptible de ser estudado con método arqueolóxico; e no medio rural no contorno dos bens inventariados.

A execución dun proxecto arqueolóxico, pola singularidade dos bens sobre os que se actúa, require, de acordo co disposto nos artigos 61 e 62 da citada Lei 8/1995 e o Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, a presentación e autorización previa dun proxecto arqueolóxico e a entrega dunha memoria con posterioridade ao remate da actividade en que se reflicta o desenvolvemento e resultados destes traballos arqueolóxicos.

Conscientes de que a elaboración das memorias cos resultados destes traballos arqueolóxicos, que unha vez presentadas quedan á disposición do público en xeral co fin de facilitar outros estudos e investigacións, repercute de xeito directo sobre a execución dos proxectos promovidos polos particulares, e de que a Consellería de Cultura e Deporte debe fomentar o estudo e difusión deste patrimonio arqueolóxico, é polo que se entende que a colaboración cos promotores particulares debe ter en conta que se cumpran todas as obrigas da autorización arqueolóxica concedida como é a entrega da memoria cos resultados da actuación e o depósito dos materiais arqueolóxicos.

Á vista do exposto e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 63 da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, en uso das facultades que teño atribuídas, en virtude do artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar a concesión de axudas, polo procedemento abreviado de concorrencia non competitiva, aos promotores particulares de calquera tipo de obras que afecten un conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacigos catalogados ou inventariados, nos casos en que a Consellería de Cultura e Deporte ou a figura de planeamento vixente determine a necesidade de realizar intervencións arqueolóxicas, en concepto de colaboración no financiamento do custo da execución do proxecto arqueolóxico realizado de acordo cos requisitos establecidos no artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Ao abeiro do artigo 19.2º da Lei de subvencións de Galicia, non será necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4º da citada lei.

2. Para os efectos desta orde considéranse custos de execución do proxecto arqueolóxico os custos financiados polo promotor que figuren nos orzamentos dos proxectos arqueolóxicos autorizados polo director xeral de Patrimonio Cultural.

Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables e excluídas.

1. Quedan comprendidas no ámbito desta orde as intervencións arqueolóxicas enunciadas no artigo 57 da citada Lei 8/1995, así como os controis arqueolóxicos, debidamente autorizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. Quedan excluídas:

a) As actividades arqueolóxicas promovidas por particulares derivadas das medidas protectoras e correctoras establecidas nos estudos de impacto ou efectos ambientais, así como as incluídas nas correspondentes declaracións ambientais, establecidas en virtude do disposto no artigo 32 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

b) As actuacións que, na data de publicación desta orde, xa foron obxecto de indemnización pola Consellería de Cultura e Deporte por sentenza xudicial, ou subvencionadas en anteriores convocatorias, así como as executadas en bens inmobles da Igrexa Católica

c) As intervencións arqueolóxicas respecto daquelas obras obxecto de sanción en materia de patrimonio cultural.

d) E, en todo caso, se o promotor da obra é unha Administración pública ou concesionario ou se os bens inmobles obxecto da actuación son públicos.

Artigo 3º.-Financiamento e contía global das axudas.

As axudas reguladas nesta orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias e nas contías globais que se detallan a continuación:

-Modalidade A: noventa e cinco mil euros (95.000 €) para axudas a empresarios (persoas físicas ou xurídicas) con cargo á aplicación 12.03.433A.7700.

-Modalidade B: cincuenta mil euros (50.000 €) para axudas a persoas físicas que non teñan a condición de empresario e entidades sen ánimo de lucro con cargo á aplicación 12.03.433A.7810.

Estes importes poderán ser ampliados nos termos previstos no artigo 31.2º da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Normativa aplicable.

A tramitación de solicitudes e concesión destas axudas axustarase ao disposto nesta orde; na Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; nos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei xeral de subvencións; na Lei 16/2008, do 23 decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o 2009 e demais normativa de aplicación.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os empresarios (persoas físicas ou xurídicas) na modalidade A e as persoas físicas e xurídicas sen ánimo de lucro na modalidade B, que promoveran as intervencións arqueolóxicas comprendidas no ámbito desta orde, desenvolvidas en bens inmobles de titularidade privada, sempre que non se atopen en ningún dos supostos dos puntos 2º e 3º do artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia, e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que as actuacións arqueolóxicas, autorizadas e realizadas, estean finalizadas na data de publicación desta orde e os xustificantes dos custos pagados pola execución, estean referidos ao vixente exercicio orzamentario.

b) Que as actuacións se desenvolvesen conforme os proxectos arqueolóxicos presentados e se cumprisen as obrigas de responsabilidade da dirección de acordo co establecido no Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que se acredite a presentación e a entrega dos correspondentes informes valorativos, ou das memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais de acordo co citado Decreto 199/1997.

Artigo 6º.-Axudas.

1. As axudas consistirán nunha subvención que se percibirá por unha soa vez por beneficiario e obra, polas seguintes contías:

-Ata o 50% dos custos da execución do proxecto arqueolóxico autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e co límite de 20.000 € por proxecto, no caso que se acredite a presentación e entrega das correspondentes memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais. Esta porcentaxe poderá chegar ao 30%, co límite de 12.000 €, no caso de que a actuación realizada xa fora subvencionada en anteriores convocatorias co 20% dos custos por ter entregado o informe valorativo a que se refire o parágrafo seguinte.

-Ata o 20% dos custos da execución do proxecto arqueolóxico autorizado, e co límite de 8.000 €, no caso da presentación e entrega tan só dos correspondentes informes valorativos.

2. O importe das subvencións percibidas para cada intervención arqueolóxica non poderá ser, en ningún caso, de tal contía que illada ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que figura no anexo I desta orde, xunto coa documentación que se relaciona a continuación:

-Copia compulsada do DNI e do NIF do solicitante, ou do CIF no caso de persoas xurídicas. No caso de que se actúe por medio de representante, deberá acreditarse a representación por un medio válido en dereito.

-Copia compulsada dos documentos acreditativos da personalidade no caso de que o solicitante sexa persoa xurídica.

-Copia compulsada das facturas, referidas ao vixente exercicio orzamentario, ou documentos equivalentes, dos custos pagados pola execución do proxecto arqueolóxico, que figuren no orzamento do proxecto arqueolóxico autorizado polo director xeral de Patrimonio Cultural.

-Declaración responsable de todas as axudas solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución, para a mesma finalidade, de entidades públicas e privadas con indicación das correspondentes contías (segundo o modelo que figura como anexo II).

-Declaración responsable de non estar incurso en supostos de prohibicións para obter a condición de beneficiarios de subvencións (segundo o modelo que figura como anexo II).

-Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta do solicitante.

-Copia compulsada acreditativa da alta censual (modelo 036), se é o caso, así como o recibo de ter pagado o imposto de actividades económicas do último exercizo. No caso de estar exento de pagamento, substituirase por unha declaración responsable en que se indique a circunstancia que deu lugar á dita exención.

-Os informes valorativos ou as memorias técnicas e a acta de depósito de materiais establecidas no Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, de non estaren presentadas con anterioridade.

Os modelos normalizados de solicitude e declaracións exixidas estarán a dispor dos interesados no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Deporte, nas súas delegacións provinciais ou na páxina web da consellería: //http:culturaedeporte.xunta.es/oficina/procedementos, na epígrafe de trámites e axudas para cubrilos.

2. A presentación de solicitudes polo interesado implicará:

a) Aceptación íntegra do establecido nas bases reguladoras fixadas na orde da convocatoria, así como dos requisitos e as obrigas que nelas se fixan.

b) A autorización á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte para solicitar as certificacións acreditativas de que se está ao día das obrigas tributarias estatais e autonómica e da Seguridade Social, así como que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, disposición adicional cuarta da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e outras normas tributarias, e demais disposicións de aplicación.

c) A autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nos rexistros públicos de subvencións que proceda e na páxina web oficial da Consellería de Cultura e Deporte.

3. No caso de que nun mesmo inmoble e polo mesmo promotor se realizasen varias actuacións arqueolóxicas autorizadas, estas presentaranse nunha única solicitude especificándoas na instancia, á cal se xuntará a documentación acreditativa dos custos orixinados por cada unha delas de xeito inequívoco.

Artigo 8º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes, xunto coa documentación exixida no artigo 7º, presentaranse preferentemente no rexistro xeral da Xunta de Galicia ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes iníciase a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto polo prazo dun mes.

Artigo 9º.-Tramitación, resolución e recursos.

1. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como órgano instrutor da Consellería de Cultura e Deporte, examinará as solicitudes presentadas e a documentación achegada. No suposto de que as solicitudes non cumpran os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación conteña erros ou sexa insuficiente, a unidade administrativa encargada da tramitación dos expedientes requirirá os interesados para que, no prazo de dez días, acheguen os documentos preceptivos que emenden os erros detectados, coa indicación de que se así non o fixesen teranse por desistidos da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A tramitación e resolución das solicitudes presentadas efectuarase por rigorosa orde de entrada das solicitudes do xeito previsto no artigo 8.1º. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural elaborará unha listaxe de todas as solicitudes presentadas, asignándolles un número correlativo, segundo a data e a hora da presentación da solicitude.

3. Revisada e ordenada a documentación e completada, se é o caso, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural elaborará a proposta de concesión ou denegación das axudas, que será elevada ao titular da Consellería de Cultura e Deporte, que resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas no prazo máximo de tres meses desde que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano administrativo competente para resolver.

No suposto de que o número de solicitudes presentadas, que cumpran coas condicións administrativas e técnicas establecidas nesta orde para adquirir a condición de beneficiario, supuxer o esgotamento da contía máxima fixada, a Consellería de Cultura e Deporte acordará a inadmisión de posteriores solicitudes e publicarao no DOG e na páxina web. Ao mesmo tempo, cando o importe das subvencións concedidas acade a contía establecida no artigo 3º desta orde, o órgano xestor deixará constancia no expediente mediante un certificado de esgotamento de crédito.

4. A Consellería de Cultura e Deporte resolverá o procedemento de concesión no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución. O procedemento e contido da resolución axustarase ao artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A resolución de concesión ou denegación da axuda notificaráselles aos interesados e terá que ser motivada. No Diario Oficial de Galicia publicarase un estracto da resolución de concesión que deberá conter indicación da norma reguladora, beneficiarios, crédito orzamentario, cantidade concedida e finalidade da axuda. Desta mesma información darase conta na páxina web da Consellería de Cultura e Deporte e nos rexistros públicos de subvencións.

5. A resolución de concesión ou denegación da axuda pón fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou directamente, recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados de igual modo.

6. De non notificarse resolución no prazo indicado no parágrafo 3 anterior, entenderase desestimada a solicitude correspondente, e poderá interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira de Cultura e Deporte no prazo de tres meses, ou ben interpoñer recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de seis meses. Os prazos sinalados para estes casos comezarán a contarse desde que transcorra o prazo para resolver sinalado no parágrafo 3 anterior.

Artigo 10º.-Aceptación das axudas.

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Ademais das obrigas xerais establecidas no artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, para a percepción das axudas públicas, os beneficiarios están obrigados a facilitar toda a información que lle requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O incumprimento de calquera das obrigas mencionadas será causa de revogación da subvención ou de reintegro, se é o caso, dos importes percibidos e dos xuros de demora correspondentes.

Artigo 12º.-Pagamento.

Unha vez concedida e aceptada a axuda, a cantidade adxudicada librarase de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa aplicable.

Con carácter previo ao pagamento, o beneficiario da axuda deberá presentar unha declaración complementaria actualizada do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou das entidades vinculadas ou dependentes (anexo II).

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, se é o caso, á súa revogación.

Artigo 14.-Reintegro.

Procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida e a exixencia dos xuros de demora nos casos e termos previstos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración estatal e autonómica, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá realizar as comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde.

Terceira.-Aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ditará as instrucións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2009.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

Ver referencia pdf "07000D008P024.PDF"