DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Martes, 14 de abril de 2009 Páx. 7.177

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 25 de marzo de 2009 pola que se aproba o deslindamento dos montes veciñais en man común de San Salvador de Poio, no concello de Poio (Pontevedra), pertencentes á comunidade de montes de San Salvador de Poio.

Examinado o expediente de deslindamento do monte veciñal en man común de San Salvador de Poio, no concello de Poio (Pontevedra), pertencente á comunidade de montes de San Salvador de Poio, e tendo en conta os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Os montes de San Salvador de Poio foron declarados veciñais en man común a favor dos veciños desta parroquia por resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común con data do 19 de novembro de 1981, de acordo coa seguinte descrición:

Nome do monte: montes de San Salvador de Poio.

Cabida: 62 ha.

Estremas:

Norte: montes de San Xoán de Poio.

Leste: termo municipal de Pontevedra.

Sur: predios particulares.

Oeste: predios particulares.

Por Resolución do 10 de maio de 2007 o Xurado Provincial clasifica as parcelas:

Monte da Barca, cos seguintes datos:

Cabida: 0,54 ha.

Estremas:

Norte: ponte da Barca.

Sur: autoestrada do Atlántico.

Leste: ponte da Barca.

Oeste: ponte da Barca e estrada.

Monte de Viñas, cos seguintes datos:

Cabida: 1.596 m² (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: predios particulares de Mercedes López Viñas e camiño.

Sur: camiño.

Leste: predios particulares de herdeiros de Argibay e Manuel Lores.

Oeste: predios particulares de Manuel Ferreira.

O 27 de febreiro de 2008 o Xurado Provincial de Montes Veciñais resolveu os recursos de reposición interpostos contra a anterior resolución e acordou modificala no senso de non clasificar como veciñal en man común o monte denominado Monte de Viñas.

O monte veciñal está inscrito no Rexistro da Propiedade número 1 de Pontevedra no tomo 879, libro 59 de Poio, predio 5906, inscrición 1ª.

Segundo.-Por sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 27 de abril de 2006 condénase a administración a tramitar e rematar o expediente de deslindamento e marcaxe dos montes de San Salvador de Poio. En execución desta sentenza o director xeral de Montes e Industrias Forestais aproba o 2 de setembro de 2006 a execución do deslindamento.

Por Edicto do 28 de marzo de 2007, da Delegación Provincial de Pontevedra, publicado no Diario Oficial de Galicia do 7 de maio de 2007, anúnciase o comezo do deslindamento, emprázanse os interesados para o día 22 de agosto de 2007 para comezar o apeo, e ábrese un prazo de 45 días para a presentación de documentación.

Notificouse persoalmente ás persoas de que se coñecía o seu enderezo, aos concellos afectados, á comunidade de montes propietaria e ás comunidades de montes estremeiras.

A documentación presentada remitiuse ao Gabinete Xurídico Territorial para o seu informe de conformidade co artigo 100 do Regulamento de montes aprobado polo Decreto 485/1962, do 22 de febreiro.

O 28 de maio de 2007 solicitouse do Rexistro da Propiedade que se consignase nota á marxe da inscrición de dominio do monte, que foi efectuada o 15 de xuño de 2007.

Unha vez recibido o informe do Gabinete Xurídico, o enxeñeiro operador emitiu o seu informe de clasificación de predios ou dereitos con data do 18 de setembro de 2007, que foi aprobado polo xefe do Servizo de Montes e Industrias Forestais o 20 de setembro de 2007, que ordenou a práctica das correspondentes anotacións preventivas.

O 20 de setembro de 2007 solicítase do Rexistrador da Propiedade a práctica da anotación preventiva de varios predios. A dita solicitude foi efectuada o 14 de novembro de 2007.

Terceiro.-O apeo comezou no monte o día 22 de agosto de 2007 e finaliza o 26 de marzo de 2008. O enxeñeiro operador emitiu o seu informe o 26 de maio de 2008. O 29 de maio de 2008 publícase no Diario Oficial de Galicia un edicto polo cal se abría o período de vista do expediente, de que foron notificados debidamente todos os interesados.

As reclamacións presentadas durante o período de vista foron enviadas ao Gabinete Xurídico Territorial para o seu informe, de acordo co artigo 122 do Regulamento de montes. O 28 de agosto de 2008 o letrado emitiu o seu informe. Deuse traslado dese informe, xunto coa documentación presentada, á comunidade propietaria do monte, para que de conformidade co artigo 124 do Regulamento de montes manifestase se accedía ou non ás pretensións deducidas. O 19 de setembro de 2008 recibiuse no Servizo Provincial de Montes e Industrias Forestais o informe da comunidade de montes.

O 26 de febreiro de 2009 o xefe do Servizo de Montes e Industrias Forestais de Pontevedra emite o informe e proposta sobre o deslindamento.

Cuarto.-Durante o período de vista presentáronse as seguintes reclamacións:

Concello de Poio, Carmen Esperón Sertal, Belén Raposo Pérez, José Pernas Martínez, Miguel Lamela Méndez, Rubén Alvar Abilleira, Antonio Fernández Troitiño, Estanislao Corbal Durán, José Mª Rivas González, Antonio Pablo Froiz Prieto e Pedro Abilleira Cotón.

Vistos os informes do Gabinete Xurídico Territorial e da comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Salvador de Poio, cabe sinalar:

-Pedro Abilleira Cantón, presenta escritura do predio e di que se encontra fóra da proposta do enxeñeiro operador.

-Antonio Pablo Froiz Nieto, está de acordo co apeo.

-O concello de Poio alega que algunhas vías e parte dunha rotonda pertencen ao dominio público municipal, pero por congruencia na delimitación do monte veciñal en man común non se pode entender que as marxes dunha vila sexan monte veciñal e as vías non, posto que os montes veciñais se basean nos aproveitamentos dos veciños desde tempo inmemorial, e normalmente se aproveitan antes da construción e asfaltamento das vías a que se refire o concello; ademais a declaración de monte veciñal en man común é independente de que estea incluído no catálogo de bens municipais de calquera tipo. Por outra banda, a servidume que posúan esas vías seguirá existindo.

-Belén Raposo Pérez e Miguel Lamela Méndez maniféstanse conformes co trazado da liña proposta polo enxeñeiro operador. Respecto ao levantamento topográfico das parcelas que quedarían dentro do monte veciñal, non tería lugar, a non ser que fosen enclaves, que non é o caso. De todos os xeitos, na liña apeada e proposta polo enxeñeiro operador non se inclúe ningunha parcela dentro do monte veciñal de San Salvador das representadas por ambos.

-Antonio Fernández Troitiño, en representación de Promociones Fernández Taboada S.L., alega que o trazado do apeo de monte veciñal debería discorrer do piquete número 104 ao piquete número 106, sen pasar polo número 105, que quedaría dentro da súa propiedade. En realidade a porción de predio que reclama é mínima; e visto que a comunidade veciñal propietaria reclama neste punto non só esa parte do predio senón que tamén toda a testa á vía incluíndo esta, conclúe o enxeñeiro operador, que o trazado máis adecuado é o proposto, como xa explicou no seu informe. O reclamado neste caso trátase dunha pequena porción de terreo fóra do cerramento da leira, e entre este e unha vía asfaltada, cuxa posesión por parte do alegante non foi demostrada. Respecto á servidume que tamén reclama, non cabe dúbida de que existe unha explanación que discorre polo monte veciñal en man común e chega á entrada da leira e alí se encontra unha porta de entrada nela.

-Estanislao Corbal Durán, está de acordo co apeo.

-José María Rivas González, non presenta reclamación, unicamente comunica o novo domicilio para efectos de notificacións.

-Rubén Albar Abilleira, en nome propio e en representación das súas irmás alega que entre os piquetes números 50 e 64, existía un camiño entre o valo da súa propiedade e o monte veciñal en man común, así como puxo de manifesto nas súas alegacións en campo na acta número V e foi corroborado por algúns particulares de predios estremeiros e polos propios representantes da comunidade veciñal de San Salvador; alegando tamén que por este suposto camiño se extraeu madeira en 1990; reclámao como público e que se exclúa do monte veciñal en man común.

Nas actas e no informe do enxeñeiro operador queda reflectida a imposibilidade de determinar tal camiño de saca, máis cando incluso para acceder ao valo da propia leira houbo que rozar todo tipo de vexetación por parte da administración forestal e despois ao longo de todo o valo, para poder unicamente pasar andando con dificultade encontrándose eucaliptos e distintas especies arbóreas e arbustivas a menos dun metro deses muros no tramo do alegante e das leiras privadas contiguas.

Por outra banda de ter existido este camiño en desuso, tamén sería monte veciñal, porque entendemos que a saída natural das leiras particulares da zona non sería pola parte de arriba, onde se supón que se encontraba o dito camiño, ao oeste delas, senón polo leste que é a parte máis baixa, que actualmente ten comunicación coas zonas urbanizadas e que non se incluíu no monte veciñal en man común. A saca de madeira por arriba da leira e polo suposto camiño é totalmente imposible na actualidade e dificilmente crible que se fixese en 1990, xa que non existe ningún documento ou sinais que o demostren. O documento presentado é de venda de madeira, non inclúe as vías de saca.

-José Martínez Pernas, en nome e representación de Inmobiliaria La Caeira, S.A., fai dous tipos de alegacións:

A primeira, xeral, baseándose no Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado, na parte que non se axusta a el e fala da parcela número 120. Ao non referirse a tramos, piquetes ou aliñacións do apeo é moi difícil discernir a que punto se refire. Por outra banda, o concello non alegou nada referente á discrepancia entre o seu plan xeral e o apeo proposto polo enxeñeiro operador como delimitación do monte veciñal en man común de San Salvador.

A segunda concrétase na parcela denominada A Barca, delimitada no informe do enxeñeiro operador polos piquetes do número 1 ao número 10. Argumenta que forma parte dun predio matriz inscrito no rexistro da propiedade adquirida por compra en 1946 e incluso que a expropiación para a construción da autoestrada AP-9 foi cobrada polos seus proxenitores.

Esta parcela foi declarada monte veciñal en man común en 10-5-2007 posteriormente á expropiación da autoestrada polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común e posteriormente foi impugnada polo alegante e ratificada polo Xurado Provincial en data 27-2-2008 baseándose no aproveitamento por parte dos veciños da parroquia de San Salvador desde tempo inmemorial, logo o apeo desta parcela e a súa proposta como monte veciñal é congruente coas resolucións do Xurado Provincial.

-Carmen Esperón Sertal, como presidenta da comunidade veciñal de San Salvador, do concello de Poio, propietaria do monte veciñal en man común, alega:

Respecto á parcela principal: basicamente que o xurado de clasificación de montes de Pontevedra en 1981 lle asignou ao monte unha cabida aproximadamente de 62 ha e no apeo actual con base na posesión, que é a que analiza o enxeñeiro operador, e nos informes do letrado xefe do Gabinete Xurídico Territorial de Pontevedra sobre os títulos presentados polos interesados neste deslindamento, non foi posible atribuír a esta parcela as 62 ha que o 19 de novembro de 1981 foran clasificadas e unicamente con base nun boceto a escala 1:25.000 que nada ten que ver coa realidade do monte nestes momentos e tampouco seguramente no ano en que se debuxou.

En concreto as súas reclamacións:

1º No apeo do piquete 28 ao 29 non poden ir como propón a comunidade polo 28a, 28b e 28c ata o 29, posto que esa parcela de monte pertence á parroquia de San Xoán e en ningún momento na clasificación do monte de San Salvador se di que ocupe ningún terreo na parroquia estremeira de San Xoán.

2º O feito de dividir a parcela principal en dúas: a principal e a do Bao, é simplemente para simplificar. O único que gañaría o monte en man común é unha entrada a unha leira particular que non ten ningún sentido. Esta alegación ten que ver coa seguinte que incluiría ir do piquete 38 ao 41 polos auxiliares 38a, 38b, 38c e 38d, en vez das principais 39 e 40. O único que se discute é un camiño público que unicamente neste tramo sería monte veciñal, o cal carece de toda lóxica e, ademais, cando moitos propietarios do outro lado da vía afirman que os seus predios sempre tiveron saída ao camiño público.

3º A liña alternativa proposta pola comunidade que iría desde o piquete número 53 ao número 107 polos piquetes auxiliares de 53a ao 53b, é totalmente inviable, posto que se incluirían dentro do monte veciñal máis de 80 propietarios particulares, clasificados no punto A polo Gabinete Xurídico Territorial da Delegación de Presidencia en Pontevedra, o que significa que se encontran amparadas polo artigo 34 da Lei hipotecaria que lles garante a súa propiedade, a falta de sentenza xudicial en contra e, ademais, se comprobou no apeo e se reflectiu nas actas correspondentes que non existe un aproveitamento veciñal, máis ben ao contrario, pois se trata dun terreo urbano segundo o planeamento municipal aprobado e urbanizado con grande cantidade de vivendas (unifamiliares e bloques) que se incluirían na zona reclamada para a comunidade como monte veciñal en man común.

4º A liña proposta pola comunidade do piquete 130 ao 131, cuxo trazado partindo do piquete 130 iría polos auxiliares do número 1 ao número 10 da parcela número 5 que se apeou a petición da comunidade propietaria e do número 10 ao número 131. Este apeo atravesaría unha estrada asfaltada que sería veciñal nun pequeno tramo de aproximadamente 2 metros e o tramo das leiras afectadas se encontran ou ben amparadas polo artigo 34 da Lei hipotecaria ou delimitadas por muros, cuxa posesión é a título particular e nunca veciñal en man común, incluíndo unha casa unifamiliar. Ademais, esta zona reclamada como monte non está incluída no boceto a escala 1:25.000 de clasificación do monte de 1981, onde o monte veciñal só chegaría ata a estrada asfaltada anteriormente citada e é por onde se desenvolve o apeo proposto polo enxeñeiro operador.

Respecto ao enclave A:

A reclamación sobre unha parte do enclave A, que figura como propiedade dos irmáns Luís e Serafín Veiga Castiñeira, segundo consta nas actas, nas vexetacións existentes, nas partes con muros, así como as investigacións que puido realizar o enxeñeiro operador, a día de hoxe, a posesión desta leira delimitada polos piquetes A3 ata o A12 e logo ata A3, non vén sendo aproveitada polos veciños en réxime xermánico en calidade de donos e si polos irmáns Veiga Castiñeira, nesta parte que a comunidade reclama como da súa propiedade.

Respecto á parcela do Bao:

Á reclamación sobre a parcela do Bao xa se respondeu anteriormente por que non convén unila á parcela principal; de todos xeitos tampouco está incluída no boceto de clasificación do monte de San Salvador de Poio de 1981. Sobre a parte sur que reclaman iría desde o piquete número 6 ata o número 9, polos auxiliares 6A, 6B, 6C, 6D, 6F e 6G, que incluiría dentro do monte unha parte de terreo en que non se presentan documentos de propiedade por parte dos particulares. De todas as formas atravesaría unha estrada asfaltada unicamente nun pequeno tramo, cando o resto é público. Ademais, a leira que se incluiría como monte veciñal está ocupada por naves de formigón e chabolas habitadas desde hai moitos anos, polo que o aproveitamento por parte de veciños da comunidade de montes de San Salvador a día de hoxe non existe en absoluto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-De acordo co disposto nos reais decretos 167/1981, do 9 de xaneiro; 1706/1982, do 24 de xullo, e 1535/1984, do 20 de xuño, sobre transferencias de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza, no Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e no Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, o conselleiro do Medio Rural é competente para ditar esta orde.

Segundo.-O Servizo de Montes e Industrias Forestais de Pontevedra é competente para levar adiante o devandito deslindamento, cumpridas todas as prescricións legais en canto á publicidade, notificación e demais requisitos exixidos nos artigos 82 ao 125 do Regulamento de montes aprobado polo Decreto 485/1962, do 22 de febreiro.

Terceiro.-As resolucións do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común atribúen a propiedade destes ás comunidades veciñais, encanto non exista sentenza firme en contra, ditada pola xurisdición ordinaria, segundo determina o artigo 30 do Decreto 260/1992, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Tendo en conta os preceptos legais citados e demais de xeral aplicación e o informe-proposta do xefe do Servizo de Montes e Industrias Forestais de Pontevedra, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais,

DISPÓN:

Primeiro.-Aprobar o deslindamento das tres parcelas do monte veciñal en man común pertencente á parroquia de San Salvador de Poio, concello de Poio, de acordo coas actas, rexistro topográfico e planos que figuran no expediente, quedando as parcelas coas descricións seguintes:

A)

Provincia: Pontevedra.

Nome: parcela principal.

Pertenza: comunidade de montes veciñais en man común de San Salvador de Poio.

Estremas:

Norte: parroquia de San Xoán e concello de Pontevedra.

Sur: propiedades particulares.

Leste: propiedades particulares.

Oeste: parroquia de San Xoán e propiedades particulares.

Descrición das estremas do perímetro exterior:

A estrema norte comeza no piquete número 16 do apeo e avanza con orientación practicamente leste en liña quebrada ata o número 37. Estremeiros neste tramo: Guillermo Barragán Salgueiro, Carmen Muñiz Carballa, parroquia de San Xoán, comunidade de montes de Campañó (Pontevedra), Ceferino Nogueira e outros.

A estrema leste comeza no piquete número 37 avanzando con orientación maioritariamente sur en liña quebrada ata o número 54. Estremeiros neste tramo: Ceferino Nogueira, camiño forestal, José Rey Amoedo, Pedro Alonso Muñiz, Fernando Alvar Abilleira, Rufino Torres Castiñeira, Carmen García Santos, Eloy Torres Pérez, Manuel Torres Lodeiro, Pedro José Abilleira Cotón, Joaquín Paz Cochón, Joaquín Vidal Torres, Peregrina Torres Castiñeira, Sek Atlántico, S.L. e outros.

A estrema sur estaría delimitada entre os piquetes número 54 e número 130 progresando en dirección fundamentalmente oeste con liñas entre piquetes con direccións norte, sur e oeste. Estremeiros neste tramo: Jesús Iglesias González, Amador Area Villar, Ramón García Pedrosa, concello de Poio, Matilde Abilleira Soto, irmáns Pérez Bernal, Rosalía Viñas Alonso, Benito Viñas Alonso, Carmen Viñas Viñas, Joaquín Vidal Torres, Eusebia Graña Casas, herdeiros de Martínez Veiga, Eduardo Suárez Pérez, Manuel Santamaría Crespo, Manuel Francisco Castro Rial-Abad, Antonio Pablo Rial Prieto, María Teresa Pazos Currás, Mario Mesina Moreno, Inmobiliaria A Caeira, S.L., Invercanosa, Promocións Fernández Taboada, Rafael Iglesias Rodríguez, Jaime Iglesias Rodríguez, herdeiros de Joaquín Rodríguez Méndez e Margarita Rodríguez, Manuel Couso Bravo e irmáns, Emilio Muñiz Muñiz, Evangélica Rodríguez Muñiz, Emilio Muñiz Vidal, Pilar Abilleira Muñiz, Angelita Alonso Muñiz, Rosana Rodríguez Viñas e outros.

A estrema oeste discorre desde o piquete número 130 ata o número 16 en liña quebrada de piquete a piquete e con distintas orientacións, sendo a dominante no tramo norte. Estremeiros no tramo: Valentín González Aris, Ángel Martínez Muñiz, Laura Graña Esperón, Matilde Abilleira Soto, Luís Macías Somoza, Jaime Rebollo Vilariño, Pablo Escudero Sobral, comunidade veciñal da parroquia de San Xoán, Jesús Abilleira Alonso, Fidel Quindas Rodríguez, Dolores Cereijo Esperón, herdeiros de Josefa Castro Cochón, Benito Martínez Ucha, Concepción Martínez Muñiz, herdeiros de Antonio Buceta, Salino Muñiz Pousada, Gloria Muñiz Carballa e outros, ademais de estrada asfaltada ao comezo do tramo.

Enclaves:

Enclave A: leira cerrada, na súa maior parte, situada ao suroeste da parcela principal do monte de San Salvador. Definida polos piquetes A1 ata o A18 como figura no plano do expediente do deslindamento.

Cabida:

Cabida total da parcela principal do monte de San Salvador: 28,21 ha

Cabida do enclave A: 1,6 ha.

Cabida da parcela principal pertencente á comunidade veciñal da parroquia de San Salvador: 26,61 ha.

B)

Provincia: Pontevedra.

Nome: parcela O Bao.

Pertenza: comunidade de montes veciñais en man común de San Salvador de Poio.

Estremas:

Norte: propiedades particulares.

Sur, leste, oeste: estrada asfaltada.

Descrición de estremas do perímetro exterior:

A estrema norte vai desde o piquete número 1 ata o piquete número 4 en dirección predominante leste. Estremeiros: Ceferino Nogueira e local social dos veciños do Bao.

A estrema leste discorre entre os piquetes número 4 e número 7 en liña quebrada con orientación maioritariamente suroeste. Estremeiros: estrada asfaltada.

A estrema sur queda delimitada polos piquetes do número 7 ata o número 9 en dirección oeste. Estremeiros: estrada asfaltada.

A estrema oeste avanza desde o piquete número 9 ao número 1 en dirección noroeste.

Estremeiros: estrada asfaltada.

Enclaves: ningún.

Cabidas:

Cabida total da parcela do Bao: 0,27 ha.

Cabida total da parcela do Bao pertencente á comunidade de montes veciñais en man común de San Salvador de Poio: 0,27 ha.

C)

Provincia: Pontevedra.

Nome: parcela Monte da Barca.

Pertenza: comunidade de montes veciñais en man común de San Salvador de Poio.

Estremas:

Norte: ponte da Barca.

Sur: dominio público da autoestrada AP-9 e camiño de acceso a vivendas particulares.

Leste: ponte da Barca e dominio público da autoestrada AP-9.

Oeste: camiño e escaleiras de acceso a vivendas particulares.

Descrición de estremas do perímetro exterior:

A estrema norte discorre entre o piquete número 2 e número 4 en dirección leste. Estremeiros: estrada de acceso a ponte da Barca.

A estrema leste vai desde o piquete número 4 ata case o piquete número 6 en dirección primeiro sureste e logo suroeste. Estremeiros: estrada asfaltada e dominio público da autoestrada AP-9.

A estrema sur quedaría delimitado desde antes do piquete número 6 ata o piquete número 7. Estremeiros: dominio público da autoestrada AP-9 e camiño de acceso a vivendas particulares.

A estrema oeste avanza desde o piquete número 7 ao número 2 en liña quebrada con dirección predominante noroeste. Estremeiros: camiño de terra de acceso a vivendas e escaleiras.

Enclaves: esta parcela non presenta enclaves.

Cabidas:

Cabida total da parcela Monte da Barca: 0,36 ha.

Cabida total da parcela Monte da Barca pertencente á comunidade de montes veciñais en man común da parroquia de San Salvador: 0,36 ha.

Servidumes: o monte de San Salvador áchase atravesado por camiños e pistas de servizo, así como, redes eléctricas e de telefonía.

Dentro do perímetro do monte deslindado áchanse as seguintes ocupacións:

Na parcela principal do monte: unha cesión de terreo para a construción da Escola de Canteiros a favor da Deputación de Pontevedra, e as ocupacións das antenas de retransmisión existentes no alto do monte.

Na parcela da Barca un pequeno parque infantil, con diversos aparellos.

Segundo.-Que se cancele total ou parcialmente de calquera inscrición rexistral en canto sexa contraditoria coa descrición dos montes veciñais en man común de San Salvador de Poio.

Terceiro.-Que se recoñeza como posuído por particulares o enclave A da parcela principal do monte de San Salvador de acordo coa descrición incluída no punto primeiro dos seguintes propietarios: Carmen Rodríguez Muñiz, Josefa Abilleira Torres, Ramón Abilleira Alonso, herdeiros de Eulogio Abilleira Portas, José Luís Veiga Castiñeira, Serafín Manuel Veiga Castiñeira e Antonio Fernández Fraga.

Cuarto.-Declarar expresamente que no referente ás reclamacións de propiedade, esta resolución esgota a vía administrativa e queda expedita a xudicial civil.

Quinto.-Que se notifiquen os novos datos resultantes da descrición do monte ao rexistro provincial de montes veciñais en man común de Pontevedra.

Sexto.-Que se inmatricule o monte coas características resultantes no rexistro da propiedade.

Sétimo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Os interesados poderán interpoñer contra esta orde recurso de reposición, con carácter potestativo, no prazo dun mes ante o conselleiro do Medio Rural, ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Ambos os prazos se computarán desde o día seguinte ao da recepción da notificación persoal polos interesados, ou da publicación para os que non puidesen ser notificados persoalmente.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2009.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural