DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Martes, 14 de abril de 2009 Páx. 7.177

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 75/2009, do 4 de marzo, polo que se crea un instituto de educación secundaria en Ponteareas (Pontevedra).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31 e o Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, determinan o marco competencial para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

De conformidade coa Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e atendendo ao disposto no artigo 1.3º do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, e, finalmente, tendo en conta a racional distribución das ensinanzas que se van impartir nos centros escolares existentes no concello e as necesidades educativas previstas para a zona, faise precisa a creación dun instituto de educación secundaria no concello de Ponteareas que atenda ao crecente aumento de poboación do concello e acolla o novo alumnado da ESO e bacharelato procedente dos veciños concellos de Covelo e Mondariz.

En consecuencia, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de marzo de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o instituto de educación secundaria de Ponteareas, código 36024781, con capacidade para 16 unidades de educación secundaria obrigatoria.

Disposición derradeira

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria queda autorizada para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do disposto neste decreto.

Santiago de Compostela, catro de marzo de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria