DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Martes, 14 de abril de 2009 Páx. 7.176

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 74/2009, do 2 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade dos tramos das estradas AC-180 (p.k. 0+810 ao 1+360), AC-181 (p.k. 3+260 ao 3+520) e AC-182 (p.k. 3+350 ao 3+770) a prol do Concello de Oleiros.

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a lei dispón no artigo 54 que as estradas autonómicas ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas y se lles entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da Administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

Ao abeiro das mencionadas previsións legais, o Concello de Oleiros solicitou a transferencia da titularidade dos treitos das estradas AC-180 (Carballo- Oleiros), p.k 0+810 ao 1+360, AC-181(Arillo (AC-173)-Oleiros), p.k. 3+260 ao 3+520 e AC-182 (O Espírito Santo (N-VI)-Oleiros), p.k. 3+350 ao 3+770.

A Dirección Xeral de Obras Públicas, de acordo co informe emitido polos servizos técnicos competentes, formula proposta favorable á transferencia da titularidade. Desta proposta déuselle traslado ao Concello de Oleiros que, con datas do 11 de marzo de 2009 e 22 de novembro de 2007 respectivamente, manifesta a súa aceptación.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes xulga adecuado o cambio de titularidade dos treitos das estradas AC-180, AC-181 e AC-182 mencionadas, tendo en conta que adquiriron características netamente urbanas.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de abril de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o cambio de titularidade a favor do Concello de Oleiros:

1. Do treito da estrada AC-180 (Carballo-Oleiros), p.k. 0+810 ao 1+360.

2. Do treito da estrada AC-181 (Arillo (AC-173)-Oleiros), p.k. 3+260 ao 3+520 (rúa Eugenio Pardo Conchado).

3. Do treito da estrada AC-182 (O Espírito Santo (N-VI)-Oleiros), p.k. 3+350 ao 3+770 (rúa Ledicia).

Artigo 2º

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os treitos das estradas AC-180, AC-181 e AC-182 incorporaranse á relación de estradas de titularidade do Concello de Oleiros.

Artigo 3º

A entrega das vías formalizarase, no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4º

Correspóndenlle ao Concello de Oleiros, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de abril de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes