DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Martes, 14 de abril de 2009 Páx. 7.175

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 73/2009, do 2 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada AC-170 (Guísamo-Santa Marta de Babío) a prol do Concello de Bergondo.

O 3 de agosto de 2007, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e o Concello de Bergondo asinaron un convenio para a mellora da seguridade viaria, sendas peonís e beirarrúas na AC-170. Na cláusula segunda do mencionado convenio o concello dá a súa conformidade e aceptación da transferencia da titularidade do tramo obxecto de actuación na estrada AC-170.

O 18 de febreiro de 2009, o Servizo de Conservación e Explotación emitiu informe favorable sobre o cambio de titularidade da estrada AC-170 (Guísamo-Santa Marta de Babío) en toda a súa lonxitude desde o p.k. 0+000 ata o p.k. 2+010, a favor do Concello de Bergondo.

O artigo 54 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, establece que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas entregaranse aos concellos respectivos.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes estimou adecuado o cambio de titularidade da estrada AC-170 (Guísamo-Santa Marta de Babío), susceptible de cesión ao concello por estar incluída no Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, facendo referencia a aquelas susceptibles de ser transferidas, tendo en conta que a estrada citada adquiriu características netamente urbanas.

A estrada AC-170 (Guísamo-Santa Marta de Babío), que se prevé transferir concorren as seguintes características: o treito mencionado discorre polo núcleo urbano de Bergondo e posúe beirarrúas en todo o seu percorrido, con edificacións e servizos urbanos, o que lle confire características de tráfico propiamente urbanas.

Conforme o sinalado no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia en reunión do día dous de abril de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o cambio de titularidade, a favor do Concello de Bergondo, da estrada AC-170 (Guísamo-Santa Marta de Babío).

Artigo 2º

A estrada incorporarase á relación de estradas de titularidade do Concello de Bergondo como sinala o artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

Artigo 3º

Correspóndenlle ao Concello de Bergondo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Artigo 4º

A entrega da vía formalizarase, durante os dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Disposición derradeira

Esta decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de abril de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes