DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Martes, 14 de abril de 2009 Páx. 7.174

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 71/2009, do 26 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Camariñas, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais da Ponte do Porto.

O Concello de Camariñas, en sesión que tivo lugar o día vinte e seis de setembro de dous mil oito, aprobou o proxecto de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Ponte do Porto e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente foi tratado na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo o concello, na localidade da Ponte do Porto, se están a producir continuas verteduras que xeran unha grave contaminación ambiental no río Grande e na ría en xeral, co conseguinte prexuízo para a calidade das augas, recursos pesqueiros e marisqueiros da zona.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de marzo de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Camariñas, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de colectores xerais e EDAR da Ponte do Porto; de ser o seu caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e seis de marzo de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza