DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Venres, 03 de abril de 2009 Páx. 6.734

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 25 de marzo de 2009 pola que se publican os procedementos de vixilancia da saúde, avaliación de riscos e xestión de emerxencias do Plan de prevención de riscos laborais da Administración xeral da Xunta de Galicia.

Mediante Decreto 17/2009, do 21 de xaneiro, foi aprobado o Plan de prevención de riscos laborais para a Administración xeral da Xunta de Galicia en cumprimento do establecido na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais. O plan contén unha serie de capítulos onde se recolle a política en materia de seguridade e saúde laboral así como os principios, compromisos e responsabilidades a seguir no exercicio das actividades, procesos e servizos que se desenvolverán co establecemento de diversos procedementos.

O obxectivo fundamental do Plan de prevención de riscos laborais é o de integrar a seguridade e saúde laboral no sistema xeral de xestión da Administración xeral da Xunta de Galicia e fomentar unha cultura da prevención que asegure o cumprimento efectivo e real das obrigas preventivas.

En aplicación da disposición adicional única do citado Decreto 17/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de prevención de riscos laborais na Administración xeral da Xunta de Galicia, facultase a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a redacción de cantos procedementos sexan necesarios para a aplicación e implantación do citado plan.

Por tanto, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación procedementos do Plan de prevención de riscos laborais para a Administración xeral da Xunta de Galicia.

Apróbanse os procedementos de vixilancia da saúde, avaliación de riscos e xestión de emerxencias do Plan de prevención de riscos laborais para a Administración xeral da Xunta de Galicia.

Os citados procedementos figuran como anexos a esta orde.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2009.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO I

Procedemento de vixilancia da saúde

1. Obxecto e ámbito de aplicación.

A vixilancia da saúde consiste na observación do estado de saúde do persoal traballador en función dos riscos inherentes ao seu traballo.

O obxecto deste procedemento é establecer a sistemática para a xestión da vixilancia da saúde das traballadoras e traballadores no ámbito recollido tanto na Resolución do 19 de xullo de 2008 da Dirección Xeral de Relacións Laborais pola que se ordena o rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia do acordo sobre dereitos de participación do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais, como no Decreto 204/1997, do 24 de xullo, polo que se crea o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

2. Desenvolvemento.

2.1. Tipoloxía.

A realización da vixilancia da saúde dos traballadores e traballadoras, nas condicións fixadas polo artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, debe ser:

1. Unha avaliación da saúde dos traballadores inicial despois de se incorporaren ao traballo ou despois da asignación de tarefas específicas con novos riscos para a saúde.

2. Unha avaliación da saúde dos traballadores que volvan ao o traballo logo de unha ausencia prolongada por motivos de saúde.

3. Unha vixilancia da saúde a intervalos periódicos.

2.2. Contido.

A vixilancia da saúde deberá comprender:

-Historia clínica en función dos riscos inherentes ao traballo.

-Exploración clínica que comprenderá o control da visión, espirometría, otoscopia, audiometría e electrocardiograma.

-Analítica de sangue e de urina.

-Exame médico para mulleres que comprenderá: estudo citolóxico, exploración mamaria e mamografía, se procede.

-Proba específica para homes maiores de 50 anos: determinación do antíxeno prostático en sangue. (PSA).

A vixilancia da saúde someterase aos protocolos específicos que, se é o caso, existan e sexan de obrigada aplicación.

2.3. Práctica.

A vixilancia da saúde so poderá levarse a cabo cando a traballadora ou o traballador presten o seu consentimento, agás os casos previstos na lei de carácter obrigatorio.

Para a realización dos recoñecementos médicos teranse en conta os riscos laborais presentes nos postos de traballo, para o que contará coa información ao respecto dispoñible: avaliacións de risco, resultados das investigacións de accidentes e enfermidades profesionais.

As medidas de vixilancia e control da saúde dos traballadores serán desenvolvidas por persoal sanitario cualificado de conformidade co disposto no artigo 22.6º da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e no artigo 37.3º do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención.

Os resultados dos informes médicos trataranse de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e entregaranse persoalmente en soporte papel ou telematicamente logo do consentimento do traballador.

As conclusións que deriven dos recoñecementos efectuados en relación coa aptitude das traballadores e traballadores para o desempeño do posto de traballo serán comunicadas aos responsables do departamento ou centro de traballo.

2.4. Solicitude de recoñecemento médico.

Periodicamente a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza garantirá ao persoal traballador a vixilancia e control do estado da súa saúde mediante a publicación no DOG, ou calquera outro método que facilite a difusión, da convocatoria do anuncio dos recoñecementos médicos.

A solicitude farase de forma individualizada conforme estableza a convocatoria e xerará un xustificante de solicitude que deberá presentarse debidamente cuberto e asinado ao persoal sanitario no momento da cita no centro médico que corresponda.

A información indispensable que se solicita para a realización da vixilancia da saúde é a seguinte:

-Identificación da persoa traballadora.

-Consentimento para a realización de actos sanitarios precisos para a vixilancia da saúde e para os que, en caso de urxencia ou por causas imprevistas, resultasen preceptivos ou necesarios.

-Consentimento para recibir por correo electrónico os resultados dos recoñecementos médicos.

Todo o anteriormente exposto realizarase coas garantías do dereito á intimidade e á salvagarda dos datos conforme a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección da datos de carácter persoal.

3. Atribución de competencias.

Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

-Establecer as canles da citación do traballador ou traballadora para a práctica da vixilancia da saúde e da comprobación da súa efectiva asistencia.

-Entrega ao persoal traballador dos resultados dos informes médicos.

-Traslado aos responsables dos departamentos ou centros de traballo dos certificados de aptitude das traballadoras e traballadores para o desempeño do seu posto de traballo. Nos supostos de «non aptitude», «aptitude con restricións» e «traballadoras e traballadores especialmente sensibles», procederase ao traslado inmediato ao responsable do centro.

ANEXO II

Procedemento de avaliacións de riscos

1. Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto deste documento é establecer a sistemática para a planificación e realización da identificación de perigos, avaliación e control de riscos laborais nos centros de traballo dependentes da Administración xeral da Xunta de Galicia.

2. Definicións.

Avaliación de riscos: proceso dirixido a estimar a magnitude daqueles riscos que non se puidesen evitar, obtendo a información precisa para que o empresario estea en condicións de tomar unha decisión apropiada sobre a necesidade de adoptar medidas preventivas e, chegando o caso, sobre o tipo de medidas que se deben adoptar.

Centro de traballo: calquera área, edificada ou non, en que o persoal traballador teña que permanecer ou a que deba acceder por razón do seu traballo e que se localiza por un enderezo postal único e determinado.

Identificación de perigo: proceso mediante o que se recoñece que existe un perigo e se definen as súas características.

Perigo: un foco ou unha situación cun potencial capaz de danar en termos de lesión humana, enfermidade, dano á propiedade, o contorno do lugar de traballo ou unha combinación destes.

Probabilidade: posibilidade ou frecuencia de que se materialice un perigo.

Risco: combinación da severidade e probabilidade que poidan derivar da materialización dun perigo.

Risco laboral: a posibilidade de que un traballador ou traballadora sufra un determinado dano derivado do traballo.

Severidade: consecuencia, en termos de gravidade, que normalmente se espera cando se materializa un perigo.

3. Desenvolvemento.

Planificación e programación das visitas para a avaliación de riscos.

Na programación anual do Servizo de Prevención de Riscos Laborais estableceranse os centros de traballo que deban ser avaliados, priorizando en función dos seguintes criterios:

-Magnitude dos riscos e persoal exposto.

-Datos de sinistralidade.

-Datos da vixilancia da saúde.

-Perigosidade dos equipamentos.

-Antigüidade da avaliación.

-Calquera outro que se considere.

Ademais dos criterios anteriormente expostos, poderán valorarse as peticións feitas polos responsables dos centros de traballo, polos delegados de prevención e polos comités de seguridade e saúde laboral.

A programación anual será sometida a consulta e participación no seo do Comité de Seguridade e Saúde Laboral Intercentros.

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais establecerá un calendario de visitas para a realización das avaliacións de risco. As visitas serán comunicadas a cada responsable do centro de traballo e as delegadas e delegados de prevención con antelación suficiente.

Identificación dos postos de traballo.

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais partirá da información contida na relación de postos de traballo (RPT) da Función Pública e da Administración de Xustiza, da que se nutre a base de datos da aplicación informática de xestión da prevención de riscos laborais.

As características dos postos definiranse tendo en conta tamén, con carácter xeral, a natureza da actividade, e as do persoal traballador que deban desempeñalo.

A persoa responsable do centro de traballo verificará e contrastará os datos anteriores e, de ser o caso, facilitará os datos precisos do centro e a relación de postos de traballo.

Identificaranse tamén os equipamentos de traballo, as substancias ou preparados químicos, e o acondicionamento dos lugares de traballo.

Para tales efectos, as persoas responsables dos distintos centros de traballo facilitarán aos técnicos avaliadores a información e documentación que se requira no momento da realización da avaliación de riscos relativa ás instalacións, equipamentos, produtos, materiais, actividade e organización do traballo.

Identificaranse, así mesmo, aqueles postos de traballo que pola súa natureza ou polos seus riscos intrínsecos, non poidan ser desempeñados por unha traballadora embarazada. De igual xeito, identificaranse aqueles que non poidan ser desempeñados por unha muller en período de lactación.

No seguinte enderezo de intranet da Xunta de Galicia, http://webriscos.xunta.es, atópanse o modelo de enquisas para a recollida de información previa á avaliación de riscos, a través da que poderá ser consultado o persoal traballador. Unha vez cuberto, remitirase a ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais, a través do correo electrónico prevencion.riscos.laborais@xunta.es ou por calquera outro medio que se considere oportuno. Os membros do Servizo de Prevención teñen o deber de sixilo profesional.

Realización das avaliación de riscos.

O persoal que realice a avaliación de riscos terá a cualificación requirida no capítulo VI do R.D. 39/1997, regulamento dos servizos de prevención.

No proceso de toma de datos e identificación de riscos poderán estar presentes as delegadas e delegados de prevención, que poderán efectuar propostas, suxestións e indicacións que consideren oportunas.

Para a redacción dos documentos de avaliación de riscos utilizarase o método «guía de avaliación de riscos laborais», editado pola Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo, segundo a guía do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo. O método baséase nunha secuencia de 3 fases que son:

-Identificación de riscos.

-Avaliación de riscos e

-Plan de acción.

Comunicación do resultado das avaliacións.

A Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza remitirá o documento de avaliación de risco de cada departamento ou centro de traballo a través da secretaria xeral correspondente.

As avaliacións deberán permanecer en cada centro de traballo á disposición da autoridade laboral e sometelas a consulta e participación no seo do comité de seguridade e saúde laboral polos delegados de prevención e representantes da Administración.

O documento de avaliación de riscos contén a valoración de cada un dos riscos de cada posto de traballo (avaliación de riscos) así como as medidas preventivas correspondentes (plan de acción).

As persoas responsables dos distintos centros de traballo impulsarán o establecemento das medidas preventivas contidas na avaliación de riscos e no plan de acción sen prexuízo de sometelas ao comité de seguridade e saúde correspondente para a súa consulta e participación.

Así mesmo, promoverán a cultura de información ao persoal traballador, instando a consultar a páxina web da Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Servizo de Prevención de Riscos Laborais).

Os membros dos comités de seguridade e saúde laboral realizarán o seguimento dos plans de acción mediante a consulta e participación no seo do respectivo comité de seguridade e saúde laboral.

Actualizacións das avaliacións.

A avaliación de riscos será actualizada cando cambien as condicións de traballo e, en todo caso, será sometida a consideracións e revisarse, se así for necesario, con ocasión de danos para a saúde derivados do traballo tanto se fose por accidente como por enfermidade laboral.

5. Asignación de competencias.

Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

-Elaborar a planificación e programación das avaliacións de risco.

-Comunicar aos responsables dos centros de traballo e ás delegadas e delegados de prevención os calendarios de visitas para a realización das avaliacións.

-Solicitar a información e documentación que poida ser de interese para as avaliacións de risco.

-Elaborar os documentos de avaliación de riscos e plan de acción.

-Arquivar e custodiar as avaliacións e documentación xerada. Enviar unha copia a cada responsable do centro de traballo correspondente.

-Elaborar as avaliacións de riscos.

-Propoñer as accións preventivas que se van tomar.

-Elaborar e por á disposición a través da web a información para previr os riscos inherentes ás distintas actividades desenvolvidas.

Persoa responsable do centro de traballo.

-Facilitar ao Servizo de Prevención as diversas localizacións do persoal traballador do seu departamento con expresión do enderezo postal.

-Facilitar a información e documentación relativa a substancias ou preparados químicos e calquera outra que poida ser de interese para a avaliación de riscos.

-Informar ao persoal traballador da existencia do modelo de enquisa de recollida de información previa para a realización das avaliación de riscos. As enquisas atópanse no seguinte enderezo da intranet da Xunta de Galicia. http://webriscos.xunta.es.

-Achegar ao Servizo de Prevención as «enquisas» de recollida de información previa para a realización das avaliación de riscos cando o persoal traballador non a enviase previamente por correo electrónico.

-Acompañar os técnicos do Servizo de Prevención, ou designar persoa que os represente, nas visitas de avaliación.

-Analizar as accións propostas na avaliación de riscos e no plan de acción e impulsar a súa execución. Favorecer a cultura da información sobre riscos laborais invitando ao persoal a acceder á documentación e información contida na páxina web http://webriscos.xunta.es.

-Darlle traslado das avaliacións de risco, aos delegados/as de prevención, para a súa consulta e participación, no seo do comité correspondente.

-Manter o documento no centro de traballo á disposición da autoridade laboral.

Comité de seguridade e saúde laboral intercentros.

-Consulta e participación sobre a programación anual.

Comité de seguridade e saúde laboral.

-Consulta e participación sobre o control e seguimento das avaliacións de risco e plan de acción.

Delegadas e delegados de prevención.

-Acompañar os técnicos nas visitas de avaliacións de risco.

-Facer propostas, suxestións e indicacións no momento da toma de datos para a realización das avaliacións de risco.

-Consulta e participación no seo do comité das avaliacións de risco e do plan de acción.

Persoal traballador.

O persoal traballador ten a obriga de coñecer os riscos e a información das medidas preventivas inherentes ao seu posto de traballo. No seguinte enderezo da intranet da Xunta de Galicia, http://webriscos.xunta.es , atópase información pormenorizada para o coñecemento dos riscos máis usuais na Administración xeral da Xunta de Galicia. Esta obriga devén en terse por enterada/o dos riscos inherentes aos postos de traballo na Administración, ben que poderá solicitar ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais calquera outra que considere complementaria para salvagardar a seguridade e saúde no desempeño das súas tarefas.

ANEXO III

Procedemento do Plan de prevención de riscos laborais

Xestión de emerxencias.

1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Este procedemento ten por obxecto desenvolver a sistemática para o establecemento das medidas de emerxencia recollidas no artigo 20 da Lei de prevención de riscos laborais nos centros de traballo da Administración xeral da Xunta de Galicia, de xeito que proporcionen a preparación e resposta ante emerxencias, loita contra o lume ou primeiros auxilios ao persoal traballador.

2. Establecemento das medidas de emerxencia.

As medidas de emerxencia permitirán en cada centro:

-Analizar as posibles situacións de emerxencia.

-Adoptar as medidas necesarias en materia de primeiros auxilios, loita contra incendios e evacuación do persoal traballador.

-Formar o persoal suficiente para pór en práctica as medidas anteriores (grupos de acción), comprobando periodicamente, se é o caso, o correcto funcionamento.

-Informar as persoas ocupantes dos edificios sobre como actuar en caso de emerxencia.

Para a aplicación das medidas adoptadas anteriormente, terase en conta o tamaño e a actividade e deberanse organizar as relacións que sexan necesarias cos servizos externos, en particular, en materia de primeiros auxilios, asistencia médica de urxencia, salvamento e loita contra incendios, de forma que se garanta a súa rapidez e eficacia.

2.1. Análise das posibles situacións de emerxencia.

Analizaranse aquelas situacións de emerxencia que con máis probabilidade poidan afectar a actividade do centro e que poidan ter repercusión na seguridade.

Como información de partida emprégase o historial de accidentes ou emerxencia acaecidos ata o momento, as características físicas do edificio (altura, vías horizontais e verticais, número de saídas a nivel da rúa e o seu largo, as instalacións, as actividades que se realizan, número de persoal traballador ou visitantes, así como calquera outra información relacionada que se posúa.

2.2. Elaboración das medidas de emerxencia.

Con todos os datos obtidos durante a identificación de situacións de emerxencia, procederase á elaboración das correspondentes medidas de emerxencia que conteñan, como mínimo:

1. Análise xeral do edificio, con indicación das características do inmoble e do seu contorno.

2. Medios de protección existentes, que incluirá a relación dos medios materiais e humanos.

3. Plan de acción, polo que se deseña a secuencia de actuación que se seguirá en caso de emerxencia.

4. Implantación que conterá a designación do persoal dos grupos de acción e os programas necesarios de adestramento, formación, información e simulacros, de forma que o persoal do centro estea en condicións de aplicar as indicacións establecidas nas medidas de emerxencia.

Os contidos básicos das medidas de emerxencia figuran como anexo deste procedemento (anexo ME-01).

2.3. Implantación das medidas de emerxencia.

Grupos de acción. De entre o persoal do centro de traballo e de forma voluntaria constituiranse e formaranse os equipos denominados grupos de acción, que intervirán no caso de emerxencia, tendo en conta os seguintes criterios:

A persoa responsable do centro de traballo será a que desempeñe a xefatura de emerxencia ou elixirá o candidato máis idóneo para estas funcións. Tamén proporá e, se é o caso, designará, o xefe/a de intervención así como o resto dos membros dos grupos de acción.

Cando, por calquera razón, a persoa que desempeñe a xefatura de emerxencia deixe de ocupar o seu posto de traballo, deberao comunicar ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais para os efectos de ser substituída por outra.

Xefatura de emerxencia:

No que atinxe ás medidas de emerxencia, á persoa que desempeñe a xefatura de emerxencia correspóndelle:

-Manter os contactos cos servizos externos en aplicación das medidas de emerxencia e co Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

-Buscar a forma de incentivar o labor do xefe de intervención e do resto dos integrantes dos grupos de acción ou seguridade (EPI, EAE, EPA).

-Decidirá a activación e posta en marcha das medidas de emerxencia.

-Decidirá a fin da emerxencia.

Xefe/a de intervención:

-Xefe/a de intervención será a persoa que mellor coñeza o edificio e as súas instalacións.

-Deberá coñecer o estado de mantemento e funcionamento dos elementos de seguridade.

-Informará a xefatura de emerxencias de cantas anomalías e necesidades aprecie no edificio.

-Colaborará na preparación e realización de simulacros.

-No caso de sinistro, comunicará as actuacións aos grupos de acción.

-Encargarase da transmisión da alarma xeral e do fin desta aos grupos de acción, unha vez que o decida a xefatura de emerxencias.

-Prestará todo o apoio posible ás actuacións dos servizos exteriores de intervención.

-Manterán contacto cos ditos servizos exteriores en períodos de normalidade.

Equipo de primeira intervención (EPI).

-Integrarán este equipo un grupo de persoas do centro de traballo, formados en emerxencias, incendios e primeiros auxilios, segundo o programa de formación establecido no anexo ME-03.

-As misións encomendadas aos equipos de primeira intervención son: utilizar os medios de protección e tranquilizar os usuarios ata a chegada dos medios externos.

Equipo de alarma e evacuación (EAE).

-Integrarán este equipo un grupo de persoas do centro de traballo formados en emerxencias, incendio e primeiros auxilios, segundo o programa de formación establecido no anexo ME-03.

-As misións encomendadas son dar a alarma, avisar da evacuación e indicar as vías de saída ata o espazo exterior seguro, ata a chegada dos medios externos.

Equipo de primeiros auxilios (EPA).

Formarán parte deste equipo un grupo de persoas do centro de traballo que deben estar formados en emerxencias, incendio e primeiros auxilios, segundo o programa de formación establecido no anexo ME-03.

As misións consisten en proporcionar os primeiros auxilios ao persoal que o requira, ata a chegada dos medios externos.

No caso de que non houbese suficientes persoas voluntarias para integrar e completar os grupos de acción, o responsable do centro de traballo, ou no caso de edificios ou centros de traballo sectorizados, os máximos responsables en materia de persoal, poderán designar o persoal que considere máis oportuno (anexo ME-04).

O número de integrantes dos grupos de acción estará en función das características do centro de traballo, tal como quedará definido no documento de medidas de emerxencia deseñadas.

Formación dos grupos de acción. O Servizo de Prevención levará a cabo a seguinte acción formativa dirixida aos grupos de acción:

Curso inicial de prevención de riscos laborais: emerxencias, loita contra o lume e primeiros auxilios.

Curso de refresco de prevención de riscos laborais: emerxencias, loita contra o lume e primeiros auxilios.

O contido e persoal ao que vai dirixido así como a duración, figuran no anexo ME-03.

Xornadas de difusión das medidas de emerxencia. Todo o persoal traballador do centro será informado das medidas de emerxencia a través das xornadas de difusión.

O contido, persoal ao que vai dirixido e duración destas xornadas figuran no anexo ME-03.

Para a comprobación da eficacia das medidas de emerxencia realizaranse simulacros de emerxencia e evacuación.

Para a aplicación destas medidas organizaranse as relacións que sexan necesarias cos servizos externos en particular en materia de primeiros auxilios (061), salvamento e loita contra incendios (bombeiros), policía, etc., e, en todo caso, con Emerxencias de Galicia 112.

Logo da realización dun simulacro e inmediatamente despois, a persoa responsable do departamento ou centro de traballo xuntamente coas persoas membros dos grupos de acción e co asesoramento do Servizo de Prevención elaborarán un informe, indicando as repercusións sobre as posibles deficiencias atopadas no exercicio.

2.4. No caso de centros con pouco persoal traballador e moita afluencia de persoal alleo ou noutros en que, polas circunstancias que fosen, non se puidesen implantar as medidas de emerxencia tal como se describe neste procedemento, entenderase que estas son coñecidas mediante a entrega a cada persoa traballadora da documentación de emerxencia necesaria. Esta documentación distribuirase tamén polos corredores do edificio e permanecerá en sitio ben visible para coñecemento dos usuarios en xeral.

3. Medidas de emerxencia en centros pequenos.

En centros ou departamentos de menos de 50 persoas traballadoras o documento de medidas de emerxencia rexerase polo contido que se establece no anexo ME-02, podendo utilizarse tamén o anexo ME-01.

4. Atribución de competencias.

Servizo de Prevención de Riscos Laborais:

-Será o encargado de elaborar as medidas de emerxencia e colaborar en todas as fases da implantación.

-Será o encargado da formación dos grupos de acción e da difusión do documento a todo o persoal traballador do centro obxecto das medidas de emerxencia, coa colaboración da persoa responsable de cada departamento ou centro de traballo.

-Confeccionará a documentación de emerxencia para entregar ao persoal traballador e distribución en lugares ben visibles do edificio para coñecemento dos usuarios en xeral.

Responsable do centro de traballo:

-Correspóndelle impulsar a elaboración e implantación das medidas de emerxencia do seu centro, para o que contará coa colaboración do Servizo de Prevención.

-Colaborará co Servizo de Prevención na elaboración do documento medidas de emerxencia.

-Designará os membros dos grupos de acción.

-Promoverá a realización de simulacros e convocará, se é o caso, as reunións cos servizos externos para a coordinación das actividades de intervención. (Emerxencias de Galicia 112), así como as posteriores para a análise das posibles deficiencias observadas.

-Facilitará a entrega da documentación de emerxencia e demais instrucións a cada persoa traballadora así como a distribución por zonas do edificio ben visibles para información xeral dos usuarios.

-Autorizará a acción formativa aos grupos de acción para que sexa impartida polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

Persoal traballador.

-Correspóndelle a cada traballadora ou traballador velar, mediante o cumprimento das medidas de prevención que en cada caso sexan adoitadas, pola súa propia seguridade e saúde no traballo e pola daquelas outras persoas a que poida afectar a súa actividade profesional, de conformidade coas instrucións recibidas nas xornadas de formación e difusión.

-O incumprimento polos traballadores das obrigas en materia de prevención de riscos a que se refire o precepto anterior terá a consideración de incumprimento laboral para os efectos do artigo 58.1º do Estatuto dos traballadores ou de falta, se é o caso, conforme o establecido na correspondente normativa reguladora do réxime disciplinario dos funcionarios públicos ou do persoal estatutario ao servizo das administracións públicas.

7. Anexos e formatos.

-Anexo ME-01: contido non exhaustivo das medidas de emerxencia.

-Anexo ME-02: contido non exhaustivo das medidas de emerxencia para centros de menos de 50 traballadores.

-Anexo ME-03: formación.

-Anexo ME-04: designación como compoñente dos grupos de acción.

ANEXO ME-01

Contido básico das medidas de emerxencia

Introdución.

I. Obxectivos.

II. Normativa aplicable.

1. Análise xeral do inmoble.

1.1. O edificio.

1.2. Medios externos de protección.

1.3. Características construtivas.

1.4. Ocupación.

1.5. Comunicacións verticais.

1.6. Saídas.

1.7. Condicións de evacuación.

1.8. Análise das posibles situacións de emerxencia.

2. Medios de protección.

2.1. Sistemas preventivos.

2.2. Sistemas de protección.

2.3. Medios humanos.

3. Plan de actuación.

3.1. Secuencia.

3.2. Organigrama (grupos de acción).

3.2.1. Xefatura de emerxencia.

3.2.2. Xefatura de intervención.

3.2.3. Equipo de primeira intervención (EPI).

3.2.4. Equipo de alarma e evacuación (EAE)

3.2.5. Equipo de primeiros auxilios (EPA).

3.3. Evacuación. Punto de reunión seguro.

4. Implantación.

4.1. Responsabilidade. Obxectivos.

4.2. Coordinación de accións: medios humanos e medios técnicos.

4.3. Programa de formación e difusión.

4.4. Simulacros de emerxencia.

4.4.1. Organización e desenvolvemento dos simulacros.

4.4.1.1. Fase de preparación.

4.4.1.2. Fase de execución.

4.4.1.3. Fase de xuízo crítico.

4.5. Actualización das medidas de emerxencia.

5. Anexos.

1. Proposta de melloras.

2. Investigación de sinistros.

3. Manual de prevención.

4. Planos.

ANEXO ME-02

Contido básico das medidas de emerxencia para centros

de menos de 50 traballadores

1. Xeneralidades.

2. Datos do centro de traballo.

3. Responsable da decisión de evacuación.

a) Funcións da persoa responsable da decisión de evacuación.

b) Teléfonos de urxencia.

4. Activación das medidas de emerxencia.

a) Estudo das distintas situacións de emerxencia.

5. Punto de encontro seguro.

6. Esquema de actuación en caso de emerxencia.

7. Programa de simulacros.

ANEXO ME-03

Formación

Xornada de difusión e posta en común das medidas de emerxencia.

Dirixida a todo o persoal do centro.

Contido:

-As medidas de emerxencia.

-Normas de prevención e actuación.

Duración: 1 hora.

Curso inicial de prevención de riscos laborais: emerxencias, loita contra o lume e primeiros auxilios.

Dirixido ás persoas titulares das xefaturas de emerxencia, xefaturas de intervención e integrantes dos grupos de acción: equipo de primeira intervención (EPI), equipo de alarma e evacuación (EAE) e equipo de primeiros auxilios (EPA).

Contido:

Emerxencias:

-Análise do risco.

-Medidas de protección.

-Plan de acción.

-Implantación.

Primeiros auxilios:

-Coñecementos básicos.

-Chamada de socorro.

-Atención específica a persoas en situación de maior vulnerabilidade.

-Avaliación básica das vítimas.

-Actuacións concretas ante accidentes.

-Práctica RCP.

Incendio:

-Conceptos básicos.

-Axentes extintores.

-Equipos de protección contra incendios.

-Práctica con lume real: extintores e BIE.

Duración: 12 horas.

Curso de refresco: emerxencias, loita contra o lume e primeiros auxilios.

Curso teórico-práctico en materia de extinción de lumes, emerxencia e primeiros auxilios para as persoas integrantes dos grupos de acción coa finalidade de refrescar os coñecementos adquiridos no curso inicial.

Dirixido ás persoas titulares das xefaturas de emerxencia, xefaturas de intervención e integrantes dos grupos de acción (EPI, EAE e EPA), das medidas de emerxencia.

Contido:

Parte teórica (2 horas).

Incendio:

-Conceptos básicos.

-Axentes extintores.

-Equipos de protección contra incendios.

-As medidas de emerxencia.

Primeiros auxilios:

-Coñecementos básicos.

-Chamada de socorro.

-Atención específica a persoas en situación de maior vulnerabilidade.

-Avaliación básica das vítimas.

-Actuacións perante accidentes.

Parte práctica (3 horas):

-Práctica RCP.

-Manexo de extintores e BIE con lume real.

Duración: 5 horas.

ANEXO ME-04

Designación como compoñente dos grupos de acción

das medidas de emerxencia

Centro de traballo.........................................................

1º Fundamentos xurídicos.

O artigo 20 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, establece que o empresario, tendo en conta o tamaño e a actividade da empresa, así como a posible presenza de persoas alleas a ela, deberá analizar ás posibles situacións de emerxencia e adoptar as medidas necesarias en materia de primeiros auxilios, loita contra incendios e evacuación dos traballadores, designando para iso ao persoal encargado de pór en práctica estas medidas e comprobando periodicamente, se é o caso, o seu correcto funcionamento. O citado persoal deberá posuír a formación necesaria, ser suficiente en número e dispoñer de material adecuado, en función das circunstancias antes sinaladas.

2º Feitos.

-Mediante Decreto 17/2009, do 21 de xaneiro, aprobouse o Plan de prevención de riscos laborais para a Administración xeral da xunta de Galicia.

-Mediante esta orde publicase o procedemento xestión de emerxencias do Plan de prevención de riscos laborais.

-Atópanse á disposición do centro de traballo, o documento de medidas de emerxencia elaborado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

Xa que logo:

Designo a... , como:

q Xefe de Emerxencia.

q Xefe de Intervención.

q Membro do Equipo de Primeira Intervención.

q Membro do Equipo de Alarma e Evacuación.

q Membro do equipo de Primeiros Auxilios.

En.......................... o....... de.................... de.......

O responsable do centro de traballo ou sector.

Asdo. Recibín