DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Xoves, 02 de abril de 2009 Páx. 6.671

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 24 de marzo de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas para a realización de proxectos de investigación en biomedicina e ciencias da saúde nos centros do Sistema Sanitario Público Galego.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.19º, recoñécelle á nosa comunidade autónoma a competencia no fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2º da Constitución.

A Lei de saúde de Galicia 8/2008, do 10 de xullo, no capítulo III, da investigación biomédica no Sistema Público de Saúde de Galicia, no artigo 131, entre os principios xerais, no punto 1, di: «A Administración sanitaria promoverá a investigación biosanitaria como un instrumento para a mellora da saúde da poboación tendo en conta as prioridades marcadas polo Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica e polo Plan de saúde. Todos os centros e servizos sanitarios estarán en disposición de favorecer e desenvolver a investigación».

A mesma Lei de saúde de Galicia, no seu título VI, do Servizo Galego de Saúde, no seu capítulo I, de principios xerais, establece, no artigo 94, as súas funcións, e na letra f) a promoción da docencia e a investigación en ciencias da saúde no ámbito dos centros, servizos e establecementos sanitarios asistenciais.

Segundo o Decreto 45/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, correspóndelle á Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria a planificación, a través da Subdirección de Docencia e Investigación Sanitaria, a programación e avaliación dos programas de investigación sanitaria.

A Consellería de Sanidade, considerando a transcendencia da actividade investigadora realizada no sector sanitario público, e na liña do recollido tanto polo Plan nacional de I+D+i coma polo Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica (en adiante PGIDIT 2006-2010), considera necesario habilitar recursos para fomentar e incentivar a investigación sanitaria que se realiza nos centros que integran o Sistema Sanitario Público de Galicia, como elemento necesario para o impulso da mellora cualitativa da atención que se presta á saúde da cidadanía, e como activo indiscutible para a excelencia do propio sistema.

Por tal motivo, a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria, proponse fomentar a investigación sanitaria, e facilitar a dedicación dos profesionais a esta actividade, poñendo os recursos financeiros necesarios para levar adiante proxectos de investigación que sexan coherentes coa política sanitaria actual, innovadores, e que respondan a criterios de calidade contrastados.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confiren os artigos 36.4º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia (modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro),

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria e determinación dos requisitos necesarios para a concesión de axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para a realización de proxectos de investigación nos centros do Sistema Sanitario Público de Galicia.

Artigo 2º.-Requisitos xerais.

1. Poderán acollerse ás axudas a que se refire esta orde os grupos de investigación que pertenzan aos centros do Sistema Sanitario Público de Galicia.

2. Os integrantes dos grupos de investigación deberán ter formalizada a súa vinculación funcionarial, estatutaria ou contractual co centro solicitante, polo menos no intervalo de tempo comprendido entre o momento da presentación da solicitude e o remate do proxecto de investigación de que se trate.

Non obstante, poderán formar parte do grupo de investigación profesionais que teñan formalizada a súa vinculación funcionarial, estatutaria ou contractual con outras institucións públicas ou privadas, sempre que estes profesionais non participen como investigador principal e non supoñan máis do cincuenta por cento (50%) do grupo de investigación.

3. Só se poderá participar como investigador nun proxecto desta convocatoria. Non poderán ser investigadores principais os que consten como tal en proxectos concedidos na convocatoria de 2008 (Orde do 27 de xuño de 2008), ou en proxectos concedidos en calquera das convocatorias do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica (Incite), ou do Plan nacional de I+D+i, excepto que finalicen no 2009.

4. Poderanse presentar proxectos iniciados a partir do 1 de xaneiro de 2009, e a súa duración poderá ser de dous ou de tres anos, sempre tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias nos sucesivos exercicios.

5. As axudas concedidas serán compatibles con outras axudas ou subvencións públicas destinadas á mesma finalidade. Esta compatibilidade estará condicionada a que o importe das ditas axudas, illada ou conxuntamente, non supere o custo do proxecto de investigación.

6. Os proxectos que impliquen investigación en seres humanos ou a utilización de mostras biolóxicas de orixe humana deberán respectar o establecido na Lei 14/2007, do 3 de xullo, sobre investigación biomédica, os principios fundamentais establecidos na Declaración de Helsinki, no Convenio do Consello de Europa sobre dereitos humanos e biomedicina, na Declaración Universal da UNESCO sobre xenoma humano e dereitos humanos, así como os requisitos establecidos na lexislación vixente en materia de investigación biomédica, protección de datos de carácter persoal e bioética.

7. Os proxectos que impliquen experimentación animal deberán aterse ao disposto na normativa legal vixente e, en particular, ao Real decreto 1201/2005, do 10 de outubro, sobre protección dos animais utilizados para experimentación e outros fins científicos.

8. Os proxectos de investigación seguirán as prioridades establecidas no Programa sectorial de biomedicina e ciencias da saúde, do Plan galego de I+D+i e na Acción estratéxica en saúde, do Plan nacional de I+D+i vixente. Terán unha consideración de especial prioridade os proxectos con orientación clínica que aborden temas sinalados no Plan de saúde de Galicia 2006-2010.

9. Os traballos publicados como consecuencia dos proxectos financiados farán constar unha referencia explícita á axuda recibida, que inclúa o código e organismo financiador. Os autores destes traballos remitirán unha copia deles á Subdirección Xeral de Docencia e Investigación Sanitaria da Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria, co fin de incorporalos aos sistemas de información sobre investigación sanitaria existentes.

Artigo 3º.-Solicitudes e documentación.

1. O modelo oficial de solicitude será o que consta como anexo desta convocatoria, que se presentará debidamente cuberto e coa sinatura do/a investigador/a principal (IP) e do/a xerente do centro solicitante, que supón o coñecemento da proposta presentada, recoñece a súa viabilidade e o compromiso do centro de apoiar a correcta realización do proxecto en caso de que a axuda solicitada sexa concedida.

2. Xunto coa solicitude achegaranse os seguintes documentos:

a) Memoria científica do proxecto.

b) Memoria económica.

c) Curriculum vitae dos integrantes do grupo de investigación.

d) Declaración doutras axudas solicitadas ou concedidas por calquera Administración pública para o mesmo proxecto.

e) Para que os centros xestionen as súas actividades de investigación de acordo co previsto nos respectivos convenios a través das fundacións declaradas de interese galego de conformidade coa Lei 12/2006, ademais da documentación citada anteriormente, presentarán:

-Escrito asinado polo/a xerente do centro que autorice o libramento dos fondos procedentes das axudas concedidas a estas entidades.

-Escrito do representante da fundación en que asume a xestión da axuda que lle poida corresponder, de ser o caso.

-Declaración responsable de non estar incurso en causa de prohibición para a obtención de subvencións das establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007,do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, asinada polo representante legal da fundación, de conformidade co previsto no artigo 13 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

A información sobre investigadores, resumo do proxecto e contías das axudas concedidas introducirase no sistema de información sobre investigación existente na Consellería de Sanidade.

f) Para os proxectos que impliquen investigación en seres humanos (incluídos os proxectos observacionais que requiran recollida de información da historia clínica individual) ou utilización de mostras biolóxicas de orixe humana exixirase o preceptivo informe do Comité Ético de Investigación Clínica de Galicia, ou ben xustificante de telo solicitado antes da data final de presentación de solicitudes. Neste último caso o investigador principal deberá achegar á solicitude o compromiso expreso de xuntar o citado informe antes de que se resolva a convocatoria.

3. Para os efectos da presentación de documentación, en relación aos curriculum vitae a que fai referencia o número 2.c, poderanse empregar os modelos do Instituto de Saúde Carlos III ou da Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria.

Todos os documentos que é preciso entregar para a solicitude estarán dispoñibles na páxina web www.sergas.es/idisaude.

Artigo 4º.-Forma e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes, xunto coa documentación indicada no artigo precedente, poderanse presentar no rexistro da Consellería de Sanidade, ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A presentación en prazo do formulario de solicitude e das memorias científica e económica é un requisito indispensable, pois non se admitirán memorias adicionais á presentada co formulario de solicitude.

O modelo de solicitude cubrirase necesariamente por vía electrónica, a través do enderezo http: www.sergas.es/idisaude. Unha vez enviada telematicamente, os solicitantes deberán imprimir a solicitude e proceder á sinatura dos orixinais para presentar no rexistro co resto da documentación necesaria. A información contida na documentación presentada no rexistro deberá necesariamente coincidir coa remitida telematicamente.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da entrada en vigor desta orde.

3. Se a documentación presentada resultase incompleta ou non cumprise os requisitos determinados nesta orde, requirirase o solicitante, mediante notificación persoal e anuncio na páxina web da Consellería de Sanidade, para que no prazo de 10 días proceda a completar ou emendar as deficiencias observadas, coa advertencia de que, de non facelo no prazo indicado, se lle terá por desistido da súa solicitude e se procederá ao seu arquivo, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose na forma prevista no artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 5º.-Competencias.

1. A tramitación das solicitudes corresponderá á Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria da Consellería de Sanidade, que actuará como órgano instrutor do expediente e que organizará os traballos de avaliación e selección, e solventará as incidencias que se poidan producir en relación coa tramitación administrativa.

2. A conselleira de Sanidade será o órgano competente para resolver sobre o outorgamento ou denegación das axudas convocadas, así como para ordenar a súa restitución no caso de incumprimento do beneficiario, sen prexuízo de delegación noutros órganos da Consellería de Sanidade.

Artigo 6º.-Orzamento.

1. O orzamento previsto para este exercicio ascende a un total de douscentos oitenta e seis mil cincocentos dous euros (286.502 euros), que se imputarán ás seguintes aplicacións dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009:

-Douscentos sesenta e oito mil trescentos sesenta e sete euros (268.367 euros) con cargo á aplicación 1303.411A.780.1.

-Dezaoito mil cento trinta e cinco euros (18.135 euros) con cargo á aplicación 5001.412A.780.0.

2. O orzamento previsto para o exercicio 2010 ascende a un total de trescentos corenta e oito mil oitenta e sete euros (348.087 euros), que se imputarán ás seguintes aplicacións dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o dito ano:

-Trescentos tres mil oitocentos sesenta e sete euros (303.867 euros) con cargo á aplicación 1303.411A. 780.1.

-Corenta e catro mil douscentos vinte (44.220 euros) con cargo á aplicación 5001.412A.780.0.

3. O orzamento previsto para o exercicio 2011 ascende a un total de trescentos mil euros (300.000 €), que se imputarán ás seguintes aplicacións dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o dito ano:

-Cento cincuenta mil euros (150.000 euros) con cargo á aplicación 1303.411A.780.1.

-Cento cincuenta mil euros (150.000 euros) con cargo á aplicación 5001.412A.780.0.

4. O importe máximo para cada axuda será de vinte e seis mil euros (26.000 euros) por proxecto e ano, ao cal se engadirá cada anualidade como máximo o 21%, en concepto de custos indirectos, tal e como se especifica no artigo 7.2º desta orde.

5. O financiamento das sucesivas anualidades estará condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos seguintes exercicios.

6. As subvención imputaranse ás aplicacións orzamentarias indicadas, nas cales existe crédito adecuado e suficiente no orzamento da comunidade autónoma para o ano 2009, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos correspondentes criterios de valoración, e tendo en conta o disposto nos artigos 31.2º da Lei 9/2007, de subvencións da comunidade autónoma, e 30 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o seu regulamento. A asignación das axudas nunha ou noutra aplicación orzamentaria e anualidade poderase facer de forma íntegra por proxectos ou proporcionalmente, segundo o considere en cada anualidade máis adecuado a Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria como órgano instrutor, sen que deba establecerse a mesma proporcionalidade en todos os exercicios para cada

proxecto subvencionado.

Artigo 7º.-Conceptos subvencionables.

1. O importe das axudas concedidas poderase dedicar aos seguintes conceptos:

a) Gastos de persoal para colaborar nas actividades de investigación do proxecto. Esta contratación efectuarase atendendo aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade e non discriminación. O seu obxecto determinará con claridade as funcións que se van realizar, e a súa vinculación directa co proxecto de investigación para o que se contrata, facendo coincidir o remate do proxecto e o dos contratos subscritos, sen que en ningún caso a duración destes poida exceder os tres anos. O importe mínimo para a contratación a tempo completo será de 21.000 euros por persoa e ano no caso de titulados superiores, e 18.000 euros no caso de titulados medios ou FP.

A subscrición do contrato non implicará relación contractual ou de servizo entre a persoa contratada para o grupo de investigación e a Consellería de Sanidade ou o Servizo Galego de Saúde.

b) Adquisición de bens ou contratación de servizos, entre os cales se poderán incluír:

-Material inventariable e bibliográfico. O adquirido con cargo á axuda concedida pasará a formar parte do material inventariable do centro en que se execute o proxecto, no cal permanecerá unha vez rematado este.

-Material funxible.

-Outros gastos, sempre que estean debidamente especificados e xustificados, e garden relación directa co proxecto desenvolvido ou resulten necesarios para el.

Non se poderá subcontratar máis do 50% do importe da cantidade concedida, de conformidade co establecido no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Axudas de custo por desprazamento, debidamente xustificadas en relación co proxecto. Na primeira anualidade non se admitirán gastos derivados da difusión do proxecto.

2. O centro a que pertence o investigador principal do grupo de investigación que leve a cabo cada un dos proxectos seleccionados e financiados nesta convocatoria percibirá unha cantidade adicional equivalente como máximo ao 21% do importe da axuda concedida en cada caso, en concepto de custos indirectos.

Artigo 8º.-Áreas prioritarias.

Para os efectos da avaliación e selección dos proxectos, terase en conta que estes versen sobre áreas prioritarias de investigación, considerándose como tales as seguintes:

-As determinadas no Plan de saúde de Galicia 2006-2010.

-As determinadas no Plan integral de atención á saúde da muller en Galicia.

-As do Plan estratéxico de saúde mental 2006-2011.

-As determinadas no Programa sectorial de biomedicina e ciencias da saúde do PGIDIT 2006-2010.

-Accións investigadoras que sexan de especial interese para a poboación ou para o Sistema Sanitario de Galicia e resulten debidamente xustificadas.

Artigo 9º.-Órganos de avaliación e selección.

1. A avaliación e selección das solicitudes debidamente presentadas ou emendadas en prazo realizarase, respectivamente, avaliadores externos e unha comisión de selección.

2. Os avaliadores externos serán profesionais expertos de acreditado nivel científico-técnico seleccionados polo órgano xestor.

3. A comisión de selección estará integrada por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a (con voz pero sen voto), 2 vogais que deberán ser profesionais da Consellería de Sanidade e 2 vogais en representación de institucións sanitarias relacionadas coa investigación. Os membros da comisión serán designados por resolución da conselleira de Sanidade, por proposta da Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria.

Artigo 10º.-Procedemento.

O procedemento desenvolverase en dúas fases:

1. Na primeira fase terá lugar a avaliación científica dos proxectos presentados. Cada un dos proxectos será sempre examinado por dous avaliadores externos, de xeito independente, baixo o principio de estrita confidencialidade, e emitirá cada un o correspondente informe.

a) A puntuación máxima nesta primeira fase será de 70 puntos, que se asignarán de acordo cos seguintes criterios:

-Calidade científico-técnica do proxecto: deseño, metodoloxía e plan de traballo en relación cos obxectivos presentados (máximo 40 puntos).

-Relevancia científica e sanitaria, contribucións agardadas, novidade e relevancia dos obxectivos para o sistema sanitario e o ámbito da biomedicina e ciencias da saúde (máximo 10 puntos).

-Viabilidade da proposta: perfil do investigador principal, composición do grupo de investigación, contribucións realizadas previamente na área de investigación que aborda o proxecto, rigor e adecuación do plan de traballo e actividades propostas aos obxectivos presentados (máximo 10 puntos).

-Aspectos éticos da proposta (máximo 5 puntos).

-Equilibrio entre o orzamento solicitado e os obxectivos presentados (máximo 5 puntos).

b) Os avaliadores poderán formular observacións e realizar os axustes que crean convenientes sobre calquera dos elementos integrantes do proxecto, sempre orientados a garantir a excelencia científica, a factibilidade e o respecto aos principios éticos aplicables.

c) A puntuación obterase calculando a media entre a puntuación outorgada por cada un dos avaliadores. No caso de que entre as puntuacións outorgadas a un mesmo proxecto polos avaliadores exista unha discrepancia significativa, solicitarase a valoración do proxecto por un terceiro avaliador. A puntuación final do proxecto será o resultado da media das dúas puntuacións máis próximas.

2. Na segunda fase, a comisión de selección examinará os proxectos e seleccionará aqueles que acadasen un mínimo de 50 puntos logo da aplicación dos criterios determinados no número 1 deste artigo.

A continuación, a comisión procederá a avaliar os proxectos, aos cales poderá asignarlles un máximo de 30 puntos mediante a aplicación dos seguintes criterios:

-Adecuación dos proxectos ás prioridades establecidas (máximo 12 puntos).

-Presentación do proxecto por investigadores principais emerxentes (máximo 4 puntos). Enténdese por investigador emerxente aquel que non participase como investigador principal en ningún proxecto financiado con fondos públicos e avaliación externa nos últimos cinco anos.

-Proxectos presentados por equipos de investigación que integren profesionais de atención primaria e de enfermaría (máximo 3 puntos).

-Proxectos presentados en que a temática ou ámbito de estudo inclúa a atención primaria da saúde (máximo 2 puntos).

-Incorporación da perspectiva de xénero no proxecto (máximo 4 puntos), sempre que na memoria científica se xustifique.

-Participación de mulleres na composición dos equipos de investigación (máximo 2 puntos).

-O emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as cales se solicita a axuda (máximo 3 puntos), sempre que se manifeste de forma explícita no proxecto. Para facilitar o proceso de avaliación externa recoméndase enviar a memoria científica tamén en castelán.

3. Rematada a segunda fase, a comisión de selección elaborará un informe que conterá a puntuación obtida por cada proxecto e formulará a correspondente proposta de adxudicación, unha vez ordenadas as solicitudes segundo a puntuación total obtida, incluíndo unha proposta de orzamento para cada solicitude financiable ata esgotar o crédito dispoñible. Acompañarase dunha relación de suplentes, que quedará en reserva por se se produce algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben un incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Este informe elevarase ao órgano instrutor.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. O órgano instrutor elevará este informe e a proposta de resolución á conselleira de Sanidade, quen resolverá sobre a adxudicación das axudas aos solicitantes que resulten seleccionados.

2. O prazo para ditar e notificar a resolución será de 6 meses, contados a partir da data de apertura do prazo de presentación de solicitudes.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www. sergas.es). As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación.

4. Transcorrido o prazo de 6 meses sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer os recursos procedentes.

Artigo 12º.-Recursos.

As resolucións -expresas ou presuntas- de concesión/denegación das axudas a que se refire esta orde poñen fin á vía administrativa e poderán ser obxecto de recurso potestativo de reposición, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ou ben se poderá recorrer contra elas na vía contencioso-administrativa, de conformidade co previsto na lexislación reguladora desta orde xurisdicional.

Artigo 13º.-Aceptación da axuda concedida.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, o interesado manifestará expresamente a aceptación da axuda concedida, mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria, dentro dos 10 días seguintes á data de notificación da resolución de concesión da axuda.

2. De non presentarse a aceptación no prazo indicado, entenderase que renuncia á axuda.

Artigo 14º.-Xustificación dos fondos percibidos.

1. Antes do 30 de outubro de cada un dos anos para os que foi aprobado o proxecto de investigación, a entidade xestora dos fondos remitiralle á Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria da Consellería de Sanidade a seguinte documentación relativa ao traballo desenvolvido:

-Memoria científica, asinada polo IP, na cal se desenvolva o plan de traballo realizado e os obxectivos acadados, conforme a solicitude presentada.

-Certificación do gasto relativo aos distintos conceptos subvencionables asinada polo representante legal da entidade xestora.

-Declaración complementaria, asinada polo investigador principal, do conxunto das axudas públicas aprobadas, pendentes ou concedidas no exercicio corrente para o proxecto de investigación.

Para os efectos determinados neste parágrafo, terá a consideración de entidades xestoras dos fondos as referidas no artigo 3.2º e) desta orde.

A non remisión en prazo da citada documentación, se está incompleta ou incorrecta, pode determinar a denegación da continuidade do financiamento do proxecto nas seguintes anualidades establecidas na súa concesión.

2. Dentro dos dous meses seguintes ao remate do proxecto de investigación, o investigador principal presentará un informe final no cal se recolla a descrición dos logros e a consecución dos obxectivos preestablecidos.

3. A non presentación das xustificacións anuais e/ou da memoria final pode determinar a non concesión de axudas en futuras convocatorias.

4. Calquera modificación sobre o proxecto aprobado inicialmente notificarase coa debida antelación e se xustificará debidamente ante a Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria da Consellería de Sanidade, á cal lle corresponderá autorizala ou rexeitala.

Artigo 15º.-Pagamento.

1. O pagamento efectuarase contra presentación da documentación que se refire no parágrafo 1 do artigo anterior.

2. O libramento dos fondos asignados farase a prol da fundación de investigación autorizada para realizar a súa xestión, tal e como se indica no artigo 3.2º e).

Artigo 16º.-Control.

Os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que teñan encomendadas.

Artigo 17º.-Reintegro das axudas.

1. O incumprimento dos compromisos e obrigas adquiridos de conformidade co proxecto presentado e con esta orde dará lugar por parte da conselleira de Sanidade á revogación da axuda concedida e ao reintegro das cantidades percibidas, sen prexuízo das responsabilidades que resulten exixibles.

2. A revogación e o reintegro da axuda poderán ser totais ou parciais. No caso de acordarse o reintegro da axuda, o perceptor quedará obrigado a aboar os xuros de mora xerados desde o pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e tendo en conta a normativa sobre subvencións aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional

No non previsto nesta orde será de aplicación supletoria a normativa autonómica en materia de subvencións vixente no momento do seu outorgamento.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos sete días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2009.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "06400D004P015.PDF"

ANEXO I (continuación)

Ver referencia pdf "06400D004P015.PDF"