DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Xoves, 02 de abril de 2009 Páx. 6.663

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 23 de marzo de 2009 pola que se establecen as bases e se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións a proxectos de accións de investigación-acción que teñan relación co esforzo global anti VIH/sida.

A infección polo VIH (virus de inmunodeficiencia humana) e a sida (síndrome de inmunodeficiencia adquirida) continúan sendo un dos principais problemas de saúde pública que padece a nosa sociedade, polo que cómpre o incremento e mellora das actividades encamiñadas a enfrontalos.

Dentro do marco das actividades anti VIH/sida en Galicia débeselle dar prioridade a atender a demanda e financiamento de proxectos de accións de investigación/acción co obxectivo dobre de que, ao mesmo tempo que se contribúe directamente á acción global anti-VIH tamén, mediante a avaliación e valoración desas experiencias, se poidan estender aquelas que acheguen resultados positivos e útiles no proceso de lograr unha maior exixencia das nosas accións, aconsellado polas estratexias e directrices marcadas no ámbito da infección por VIH/sida.

Polo exposto, conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 4/2006, do 30 de xullo, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e de acordo coas facultades que me atribúen os artigos 36.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e entidades destinatarias.

1. O obxecto desta orde é a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas económicas para proxectos de accións de investigación-acción, actividades de interese comunitario no campo da prevención, información e divulgación, vixilancia epidemiolóxica e atención sociosanitaria do VIH/sida.

2. Estas axudas irán dirixidas a asociacións e concellos que desenvolvan actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Actividades subvencionables.

1. As actividades que se desenvolverán que poden ser obxecto das subvencións reguladas nesta orde estarán encadradas dentro das actividades anti VIH/sida no campo da saúde pública.

2. Terán consideración preferente aquelas actividades que aborden os seguintes contidos:

a) Realización de accións preventivas sobre colectivos de especial interese para evitar a transmisión do VIH/sida e, en especial, a facilitación de medios preventivos. Entre os colectivos de especial interese, priorízanse os de persoas vivindo co VIH, prostitución, homosexualidade, inmigrantes, persoas usuarias de drogas inxectadas (UDI), mocidade non escolarizada, mulleres, persoas internas en institucións penitenciarias e colectivos marxinados.

b) Información e divulgación sistemática de contidos relacionados co VIH e a sida.

c) Accións destinadas a evitar a discriminación.

d) Estudos do nivel de información, actitudes e comportamentos da poboación galega ou colectivos desta, en relación con esta infección.

e) Programas de prevención en casas de acollida para persoas afectadas por VIH/sida.

f) Actividades de formación do persoal que realice a súa actividade no campo do VIH/sida.

3. Incluiranse como accións preventivas aquelas que recollan os enfoques relacionados a continuación:

1. Prostitución.

1.1. Facilitación e fomento do uso do preservativo.

1.2. Educación para a saúde das/dos profesionais do sexo.

-Proxectos realizados con participación das/dos interesadas/os.

-Información e divulgación de contidos sobre a prevención do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS).

-Promoción da realización da proba do VIH e revisións médicas periódicas.

1.3. Educación para a saúde dos/das clientes da prostitución.

-Información sobre VIH/sida e outras ITS.

-Promoción da realización da proba do VIH.

2. Prevención da transmisión do VIH en homes con prácticas homosexuais ou bisexuais.

-Programas de información e educación para a saúde coa participación e colaboración de asociacións ou organizacións de homosexuais.

-Fomentar o uso do preservativo.

-Promoción da realización da proba do VIH.

-Programas específicos para a mocidade con prácticas homo/bisexuais.

-Programas tipo outreach que faciliten o acceso á información acerca das medidas de prevención e aos medios necesarios para levalas a cabo.

3. Redución de riscos en persoas usuarias de drogas inxectadas (UDI).

3.1. Programa de intercambio de xiringas.

-Facilitación e intercambio de xiringas nos programas de redución do dano.

3.2. Prevención da transmisión sexual do VIH desde os centros de atención a drogodependentes, tanto libres de drogas como de redución de danos.

-Facilitación de preservativos, información e divulgación de contidos sobre sexo seguro.

3.3. Programas de rúa ou de achegamento con participación de persoas usuarias ou ex-usuarias.

4. Mocidade.

4.1. Mozas e mozos non escolarizados ou pertencentes a grupos con elevada vulnerabilidade social (internas/os en centros tutelares de menores, minorías étnicas marxinadas, familias desestruturadas, etc.).

-Facilitación de medios preventivos.

-Información e divulgación sobre VIH/sida.

4.2. Programas dirixidos á mocidade escolarizada no ámbito da promoción de hábitos sexuais saudables.

-Educación para a prevención do VIH no contexto de programas de educación afectivo-sexual.

-Facilitación de preservativos.

5. Mulleres.

-Talleres de sexo seguro que teñan en conta a influencia das relacións de xénero.

-Accións encamiñadas á promoción dunha atención integral ás mulleres, que inclúa a promoción da detección precoz do VIH e doutras infeccións de transmisión sexual (ITS).

-Facilitación de preservativos femininos e/ou masculinos dirixidas especificamente a mulleres.

-Valoraranse especialmente aquelas propostas que integren a perspectiva de xénero na súa elaboración e execución.

Artigo 3º.-Destino das axudas.

1. As axudas concedidas irán destinadas a cubrir a totalidade ou parte dos gastos de financiamento do proxecto realizado neste ano, de acordo cos seguintes conceptos:

a) Materiais e recursos necesarios para levalos a cabo.

b) Desprazamentos e actividades de organización relacionadas co seu desenvolvemento.

c) Actividades formativas dos propios membros do grupo de intervención.

d) Deseño e dirección.

2. Estas axudas serán compatibles con calquera outra subvención percibida para a mesma finalidade sen que, en ningún caso, o importe da subvención concedida poida ser de tal contía, que illada ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

3. Subvencionaranse ata un máximo de 10 proxectos por asociación e 5 por concello, seleccionándose por orde de puntuación.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

O importe total das axudas reguladas por esta orde ascende a douscentos setenta e seis mil euros (276.000 €), que se fará efectivo con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias, en que existe crédito orzamentario suficiente:

-1302.413.A.481.0 por un importe de 255.000 €, para asociacións.

-1302.413.A.460.0 por un importe de 21.000 € para concellos.

Este importe poderá verse incrementado a través das oportunas modificacións orzamentarias, de conformidade co previsto no artigo 30.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei de subvencións.

Artigo 5º.-Requisitos da solicitude.

1. As solicitudes formularanse de acordo co modelo que figura no anexo I desta convocatoria e xuntarase unha memoria explicativa do proxecto que se estea ou se pretenda realizar, memoria que se elaborará seguindo o modelo que figura no anexo II cunha extensión máxima de 15 páxinas.

2. As entidades peticionarias das axudas presentarán, coa solicitude inicial do proxecto, unha declaración de conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas das distintas administracións públicas competentes ou, no seu defecto, unha declaración de que non solicitaron ningunha outra subvención para o citado proxecto, segundo o modelo que figura no anexo III.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Saúde Pública, e mais a documentación complementaria deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Sanidade ou nos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

2. O prazo de presentación de solicitudes (anexo I, II e III de cada proxecto) será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Criterios de prioridade na valoración e selección das solicitudes e concesión das subvencións.

O procedemento para a concesión de subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva a través da comparación das solicitudes dos proxectos presentados, co fin de establecer unha prelación entre elas. Para a selección das solicitudes formuladas valoraranse as seguintes características en relación co VIH/sida e puntuaranse como segue:

1. Dispor de local social por parte da entidade solicitante: ata un máximo de dous locais e 40 puntos.

En propiedade: 20 puntos.

En cesión dunha administración pública: 15 puntos.

En arrendamento: 10 puntos.

En cesión dunha persoa ou institución privada: 5 puntos.

2. Dispor de traballadoras/es asalariadas/os para realizar o proxecto: ata un máximo de 400 puntos. Por traballador/a asalariado/a: 100 puntos.

3. Número de voluntarias/os participantes no proxecto: ata un máximo de 40 puntos.

Por voluntaria/o participante: 5 puntos.

4. Segundo o tipo de colectivo ao que vai dirixido. Valorase un só colectivo, e de existir máis dun valorase só o considerado como principal seguindo a seguinte priorización:

Persoas vivindo co VIH/sida e o seu contorno: 50 puntos.

Prostitución: 40 puntos.

Homosexuais e bisexuais: 40 puntos.

UDI: 30 puntos.

Persoas internas en prisións: 30 puntos.

Mozas e mozos non escolarizadas/os ou pertencentes a grupos con elevada vulnerabilidade social (internas/os en centros tutelares de menores, minorías étnicas marxinadas, familias desestruturadas, etc): 30 puntos.

Transeúntes, persoas sen fogar e minorías étnicas marxinadas: 30 puntos.

Inmigrantes: 20 puntos.

Mulleres: 20 puntos.

Mozas e mozos escolarizadas/os: 10 puntos.

Poboación xeral: 10 puntos.

Neste punto non se valorarán os proxectos consistentes en: charlas, obradoiros, cursos, recollida e divulgación de información que non vaian acompañadas de facilitación regular e continuada ao longo do ano de medios preventivos tales como facilitación de preservativos, xiringas, realización de probas diagnósticas, citas e acompañamentos a institucións sanitarias.

5. Duración das actividades sobre a poboación diana previstas no proxecto: 10 puntos por mes.

6. Accións de facilitación de preservativos:

Á poboación xeral: 5 puntos.

A mozas/os escolarizadas/os: 10 puntos.

A mulleres: 15 puntos.

A mozas/os non escolarizadas/os ou pertencentes a grupos con elevada vulnerabilidade social: 20 puntos.

A inmigrantes: 20 puntos.

A transeúntes, persoas sen fogar e minorías étnicas marxinadas: 20 puntos.

A persoas que exercen a prostitución: 50 puntos.

A homes con prácticas homosexuais: 50 puntos.

A persoas vivindo co VIH/sida e o seu contorno: 80 puntos.

7. Accións de intercambio de xiringas e facilitación de preservativos:

A UDI: 30 puntos.

A internas/os en prisións: 30 puntos.

8. Accións de información e divulgación:

A poboación xeral: 5 puntos.

A mocidade escolarizada: 5 puntos.

A mocidade non escolarizada ou pertencente a grupos con elevada vulnerabilidade social: 10 puntos.

A UDI: 10 puntos.

A internas/os en prisións: 10 puntos.

A transeúntes, persoas sen fogar e minorías étnicas marxinadas: 10 puntos.

A inmigrantes: 15 puntos.

A homes con prácticas homosexuais: 15 puntos.

A mulleres, tendo en conta as relacións de xénero: 20 puntos.

A persoas que exercen a prostitución: 20 puntos.

A persoas vivindo co VIH/sida e o seu contorno: 30 puntos.

9. Promoción da realización da proba do VIH e revisións médicas periódicas nas persoas con prácticas de risco para a infección por VIH: 50 puntos.

10. Proxectos que prevexan a participación de educadoras/es de pares: 20 puntos.

11. Dispor de Programa de prevención en casas de acollida para persoas afectadas por VIH/sida: 40 puntos.

12. Realizar programas de prevención con persoas vivindo co VIH/sida e o seu contorno: 30 puntos.

13. Programas monográficos exclusivamente de loita contra a discriminación das persoas afectadas polo VIH/sida: 150 puntos.

Nestes proxectos non se valorarán as accións de facilitación de medios preventivos e información e divulgación recollidas nos puntos anteriores excepto as dirixidas a persoas vivindo co VIH e o seu contorno.

14. Estudos do nivel de información, actitudes e comportamentos da poboación galega ou colectivos desta, en relación con esta infección: 150 puntos.

Nestes proxectos non se valorarán as accións de facilitación de medios preventivos e información e divulgación recollidas nos puntos anteriores.

15. Actividades de formación do persoal que realice a súa actividade no campo do VIH/sida: 10 puntos.

16. Proxectos que continúan respecto de anos anteriores: 20 puntos.

17. Rigor metodolóxico do proxecto presentado: ata un máximo de 120 puntos.

Valorarase:

-A xustificación do proxecto: 0 a 20 puntos. Puntuación mínima exixida 5 puntos.

-Definición e cuantificación de obxectivos: 0 a 20 puntos. Puntuación mínima exixida 5 puntos.

-Material e método empregado con definición da poboación e plan de traballo: 0 a 60 puntos. Puntuación mínima exixida 20 puntos.

-Avaliación dos resultados: 0 a 20 puntos. Puntuación mínima exixida 5 puntos.

Deberá acadarse a puntuación mínima en todos e cada un dos puntos. Non se subvencionarán proxectos que neste punto 17 non acaden a puntuación mínima, independentemente das puntuacións acadadas nos outros puntos.

18. Coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto: 10 a 60 puntos.

19. Presentar un documento de ter algunha certificación acreditativa de calidade (ISO, FQM, etc.): ata un máximo de 40 puntos.

ISO, FQM: 40 puntos.

Outras: 20 puntos.

20. Os proxectos que recollan a perspectiva de xénero: 100 puntos.

21. Para os efectos da concesión da subvención, a comisión de valoración poderá considerar que non sexan tidas en conta aquelas solicitudes que non obteñan unha puntuación superior ao 75% da puntuación media.

Artigo 8º.-Instrución e Comisión de valoración.

1. A instrución do procedemento de concesión das subvencións corresponderalle á Dirección Xeral de Saúde Pública, que realizará de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación de datos en virtude dos cales debe realizar a proposta de resolución.

2. Durante a instrución do procedemento constituirase, como órgano colexiado, unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo anterior, avaliará as solicitudes e emitirá o correspondente informe.

Esta comisión estará integrada polos seguintes membros:

-O/a director/a xeral de Saúde Pública ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

-O/a subdirector/a xeral de Epidemioloxía e Sistemas de Información, ou persoa en quen delegue.

-A/o xefa/e do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles.

-Un/unha técnico/a do devandito servizo, que actuará como secretario/a.

3. O/a director/a xeral de Saúde Pública, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución debidamente motivada, que deberá expresar a entidade solicitante ou a relación de entidades solicitantes para as que se propón a concesión das subvencións, e a súa contía, especificando a súa avaliación e os criterios de valoración seguidos para efectuala.

Artigo 9º.-Resolución.

1. Unha vez emitida a proposta de resolución, a/o conselleira/o de Sanidade ditará resolución de conformidade co previsto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A devandita resolución será motivada e deberá conter, de maneira expresa, ademais da entidade solicitante ou relación de entidades solicitantes ás que se lles concede a subvención, a desestimación do resto das solicitudes, se é o caso.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de tres meses desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución, a solicitude entenderase desestimada por silencio administrativo.

A resolución deberá ser notificada ás entidades beneficiarias de forma individualizada, de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 10º.-Reformulación das solicitudes.

Cando o importe da subvención concedida na proposta de resolución sexa inferior á solicitada pola entidade beneficiaria, poderase instar á entidade beneficiaria á reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable.

Unha vez que a solicitude mereza a conformidade da Comisión de valoración, remitirase con todo o actuado ao órgano competente para resolver.

En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, condicións e finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes.

Artigo 11º.-Recursos.

Contra a resolución do procedemento, que pon fin á vía administrativa, as entidades interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ante a/o conselleira/o de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución á entidade interesada, e recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir da referida notificación.

De presentarse recurso potestativo de reposición, non poderá acudirse á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

Artigo 12º.-Xustificación e aboamento.

1. O pagamento das subvencións aos proxectos seleccionados poderá realizarse mediante pagamentos parciais, á conta da liquidación definitiva, a medida que a entidade beneficiaria xustifique os gastos realizados, ata unha porcentaxe máxima do 80% da subvención concedida. O 10% do importe total da subvención poderá ser solicitado como adianto coa presentación da correspondente memoria, previa á súa xustificación posterior, para afrontar os gastos derivados da posta en marcha do proxecto.

O 20% restante librarase no momento da completa xustificación, por parte da entidade beneficiaria, do cumprimento da finalidade e demais condicións coas que lle foi concedida.

2. Unha vez realizado o proxecto, deberá remitirse á Dirección Xeral de Saúde Pública, ata o 10 de novembro de 2009 (derradeira data para a presentación da documentación) a correspondente conta xustificativa, prevista no artigo 44.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade co previsto no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a conta xustificativa abranguerá:

-Unha memoria de actuacións xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

-Os xustificantes de gasto xunto cunha relación ordenada e detallada de todos eles en que figurará o nome da asociación ou concello, o título do proxecto e a cantidade total xustificada. Esta relación estará asinada pola persoa responsable da entidade solicitante.

-Independentemente da data de adxudicación da subvención, aceptaranse xustificantes de gastos relacionados co proxecto desde o 1 de xaneiro de 2009.

-Unha declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, ou declaración de non ter solicitada ningunha outra axuda para un mesmo proxecto (anexo III).

En todo caso, segundo o disposto no artigo 31.7º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 60.4º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, as entidades beneficiarias terán acreditado con anterioridade ao pagamento que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen perxuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non estarán suxeitas a esta obriga as entidades beneficiarias das subvencións nos supostos sinalados no artigo 48.1º da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

Así mesmo, e ata o 17 de novembro do ano 2009, deberá presentarse ante a Dirección Xeral de Saúde Pública a memoria xustificativa do proxecto, que conterá as distintas fases de realización, así como os resultados e conclusións.

Artigo 13º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

Tendo en conta o artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, son obrigas das entidades beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ás entidades beneficiarias en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3º do artigo 15 da Lei de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 14º.-Revogación e reintegro das axudas.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas desta orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social e da Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro pola entidade beneficiaria ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 33.1º b) da Lei de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 15º.-Infraccións e sancións.

No relativo a esta materia rexerá o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non contidos neste orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento, Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Segunda.-A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación e difusión dos proxectos seleccionados.

Terceira.-Autorízase o/a director/a xeral de Saúde Pública para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Cuarta.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2009.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "06400D003P007.PDF"

ANEXO II

Aspectos que deben considerarse na memoria do proxecto para o cal se solicita a subvención:

1. Datos de identificación:

-Nome da entidade ou colectivo que o solicita xunto coa copia cotexada do CIF.

-Datos de filiación (nome, apelidos, DNI, domicilio, tfno., correo electrónico) do/a representante da entidade ou colectivo.

-Datos bancarios xunto coa certificación bancaria orixinal.

-Título do proxecto.

-Lugar de realización e cronograma.

-Datos de filiación (nome, apelidos, DNI, domicilio, tfno.,correo electrónico) do/a responsable ou coordinador do proxecto.

-Nome, apelidos e DNI das persoas asalariadas e voluntarios/as do proxecto, indicando os seus datos profesionais, funcións e tempo dedicado ao proxecto.

2. Especificación dos criterios de prioridade que se poidan achegar segundo artigo nº 7 desta orde.

3. Deseño:

-Xustificación do proxecto.

-Obxectivos que se pretenden.

-Material e método.

-Criterios de avaliación.

4. Orzamento:

-Recursos dos que xa se dispón para o proxecto.

-Recursos humanos.

-Recursos materiais que é necesario adquirir.

-Gastos de desprazamento e organización.

-Outros gastos.

-Outras axudas solicitadas ou dispoñibles.

Ver referencia pdf "06400D003P007.PDF"