DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Mércores, 01 de abril de 2009 Páx. 6.625

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 26 de marzo de 2009 pola que se modifica a Orde do 17 de febreiro de 2009 pola que se convocan bolsas de formación de tecnólogos e persoal de apoio á investigación, bolsas de prácticas para os recentemente titulados en especialidades agrarias, forestais, veterinaria, tecnoloxía dos alimentos e bioloxía e bolsas de prácticas para alumnos e recentemente titulados de formación profesional da familia agraria.

No Diario Oficial de Galicia nº 37, do 23 de febreiro de 2009, publicouse a Orde do 17 de febreiro de 2009 pola que se convocan bolsas de formación de tecnólogos e persoal de apoio á investigación, bolsas de prácticas para os recentemente titulados en especialidades agrarias, forestais, veterinaria, tecnoloxía dos alimentos e bioloxía e bolsas de prácticas para alumnos e recentemente titulados de formación profesional da familia agraria.

No punto 1º do artigo 11 das bases reguladoras establécese: 1. Para a adxudicación das bolsas de tecnólogos e de persoal de apoio á investigación, a comisión de avaliación, unha vez publicada a lista definitiva de posibles bolseiros, ordenados segundo a súa puntuación, de maior a menor, convocará os candidatos para a elección de destino na Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, o día 17 de abril, ás 10.00 horas da mañá.

Diversas dificultades de carácter técnico, así como atrasos producidos na recepción da documentación provocaron que a fase de instrución se prolongase máis alá das datas previstas afectando, en consecuencia, á publicación das listaxes provisionais de solicitantes. Por tal motivo cómpre modificar o prazo de elección de destino marcado inicialmente para esa data.

Por todo isto, e no uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o número 1º do artigo 11 das bases reguladoras da Orde do 17 de febreiro de 2009 pola que se convocan bolsas de formación de tecnólogos e persoal de apoio á investigación, bolsas de prácticas para os recentemente titulados en especialidades agrarias, forestais, veterinaria, tecnoloxía dos alimentos e bioloxía e bolsas de prácticas para alumnos e recentemente titulados de formación profesional da familia agraria, que quedará redactado como se expón:

1. Para a adxudicación das bolsas de tecnólogos e de persoal de apoio á investigación, a comisión de avaliación, unha vez publicada a lista definitiva de posibles bolseiros, ordenados segundo a súa puntuación, de maior a menor, convocará os candidatos para a elección de destino na Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, o día 28 de abril, ás 10.00 horas da mañá.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2009.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural