DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Mércores, 01 de abril de 2009 Páx. 6.617

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2009, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se regula a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a asociacións de emigrantes retornados e inmigrantes para o ano 2009.

A existencia de asociacións de emigrantes retornados e inmigrantes maniféstase como unha consecuencia lóxica dos movementos migratorios, sendo unha canle de convivencia, participación e integración social destes colectivos nas sociedades onde desenvolven as súas actividades, así como de mantemento das tradicións culturais dos países de orixe ou de emigración dos seus asociados.

Este fenómeno asociativo, que pode considerarse homoxéneo na xeografía das sociedades occidentais e que, na maioría dos supostos, deriva dos movementos migratorios consecuencia dos cambios acaecidos na nova orde económica mundial, no caso de Galicia maniféstase cunha peculiaridade derivada da súa caracterización de comunidade eminentemente emigratoria do século XX, e que, nos últimos anos do século anterior, supuxo o retorno de emigrantes co fin de acadaren unha nova vida laboral ou desfrutaren do seu retiro, despois dun período de traballo no exterior.

Esta resolución ten como finalidade contribuír á existencia destas asociacións a través de axudas que lles permitan a realización das súas actividades, que contribúan a aqueles fins de convivencia, integración social e mantemento de tradicións culturais, considerando estas, ademais, desde un punto de vista de interculturalidade coa sociedade galega.

Tendo en conta o anterior, aínda que esta resolución de axudas se dirixe a asociacións que maioritariamente sexan de emigrantes retornados e inmigrantes, valórase que nas ditas asociacións e nas súas actividades participen membros da sociedade galega que non teñan ese carácter, ou doutros colectivos, como canle de convivencia, integración social e acadamento de fins de interculturalidade.

O Decreto 211/2005, do 3 de agosto, que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 231/2005, do 11 de agosto, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, configura a Secretaría Xeral de Emigración como o órgano superior da Administración da comunidade autónoma a que lle corresponden, entre outras, as competencias en política inmigratoria e de retorno en Galicia, así como a xestión de todos os procedementos que desas materias deriven.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral de Emigración a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Esta convocatoria, ademais das bases establecidas nela, adáptase ao disposto na normativa de aplicación, especialmente á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

O financiamento das axudas previstas nesta resolución de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas 04.50.312C.481.0 (125.000 euros) e 04.50.312C.781.0 (70.000 euros) que figuran na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2009.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto regular, para o exercicio 2009, a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a asociacións de emigrantes retornados e inmigrantes radicadas en Galicia e que desenvolvan programas que favorezan a integración social destes colectivos na nosa comunidade autónoma.

Artigo 2º.-Requisitos das entidades solicitantes.

As asociacións que soliciten a axuda con cargo a esta convocatoria deberán reunir, na data do remate do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

a) Estar debidamente inscrita como asociación sen ánimo de lucro no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e constituída maioritariamente por emigrantes retornados ou inmigrantes.

b) Ter entre os seus fins estatutarios a atención a emigrantes retornados ou á poboación inmigrante en Galicia, e que así conste expresamente nos seus estatutos ou se deduza claramente deles.

c) Dispor dun local para uso propio no territorio autonómico en que se realicen as actividades.

d) Desenvolver programas que favorezan a integración social destes colectivos.

e) Ter xustificado, se é o caso, e antes do remate do prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria, as subvencións concedidas por este departamento no ano 2008.

f) Non incorrer en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións, enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Orzamento.

A concesión das axudas previstas nesta resolución de convocatoria farase con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias 04.50.312C.481.0 (125.000 euros) e 04.50.312C.781.0 (70.000 euros), que se inclúen nos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2009, quedando condicionada a concesión destas axudas ao dito límite orzamentario.

Non obstante, a dita asignación orzamentaria poderá ser incrementada de acordo coa dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 4º.-Comisión de avaliación e órgano competente para a xestión das axudas.

Correspóndelle á Secretaría Xeral de Emigración, a realización das tarefas de xestión desta convocatoria, sempre de acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias. Para isto, crearase unha comisión de avaliación que, ademais, será órgano instrutor, presidida polo subdirector xeral de Xestión de Programas do Retorno e a Inmigración, ou persoa en que delegue, e composta polos seguintes membros:

-A xefa do Servizo de Programas e Atención Integral.

-Un/unha funcionario/a da unidade que actuará como secretario/a.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa que para o efecto designe o secretario xeral de Emigración.

Artigo 5º.-Accións subvencionables e contía da axuda.

Poderán subvencionarse con cargo a esta convocatoria os gastos correntes (excluídos os gastos de persoal da propia asociación) e de equipamento derivados do funcionamento das entidades, así como para a realización de actividades propias da asociación na Comunidade Autónoma galega correspondentes ao exercicio económico do ano 2009.

En ningún caso serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria os gastos de adquisición de bens inmobles e os gastos derivados da constitución de hipotecas.

Cada entidade beneficiaria poderá recibir unha axuda máxima de ata o 70% do orzamento total de gastos indicado na solicitude, podendo incrementarse ata o 100% no caso de asociacións inscritas a partir do 1 de xaneiro de 2008, e que non recibisen subvención de acordo coa Resolución do 12 de marzo de 2008. En todo caso, a cantidade máxima a recibir por asociación será de 10.000 euros.

O órgano competente, de ser o caso, procederá ao rateo entre os beneficiarios do importe global máximo destinado ás subvencións.

Artigo 6º.-Criterios de valoración para a concesión das axudas.

1. A comisión de avaliación proporá tanto as asociacións beneficiarias como a contía da subvención para conceder a cada unha delas, en función dos seguintes criterios:

a) Valorarase o número de asociados integrantes de cada asociación ata un máximo de 30 puntos.

A puntuación por número de asociados incrementarase en 5 puntos no caso de que o número de socios non inmigrantes nin retornados acade un mínimo do 5% do total de socios. Igualmente incrementarase a dita puntuación en 5 puntos se a asociación ten socios representativos de 3 ou máis nacionalidades, excluída a española.

b) Co obxecto de fomentar aquelas asociacións que representan colectivos nacionais con menor presenza na nosa comunidade autónoma, as solicitudes presentadas valoraranse ata un máximo de 30 puntos de acordo co cadro anexo:

Solicitude de 1 asociación en Galicia que represente o mesmo colectivo: 30 puntos.

Solicitude de 2 asociacións en Galicia que representen o mesmo colectivo: 20 puntos.

Solicitude de 3 asociacións en Galicia que representen o mesmo colectivo: 15 puntos.

Solicitude de máis de 3 asociacións en Galicia que representen o mesmo colectivo: 10 puntos.

Entenderase por colectivo nacional o que representa a asociación, para estes efectos, aquel que, segundo a certificación a que se refire o artigo 8.1 número 1.6, figure como claramente maioritario.

Non serán obxecto de valoración segundo este apartado aquelas asociacións non representativas de ningún colectivo nacional en concreto de acordo co establecido no parágrafo anterior.

c) Realizarase unha valoración conxunta do programa de actividades presentado pola asociación. As ditas actividades deberán estar comprendidas entre as que a seguir se relacionan:

1. Actividades de información socio laboral e de carácter xurídico.

2. Actividades de formación.

3. Actividades de sensibilización, integración ou multiculturalidade.

4. Actividades culturais.

5. Outro tipo de actividades a realizar pola asociación e que se entendan acordes co obxecto desta resolución.

O programa de actividades valorarase de 0 a 40 puntos, para o que se terán en conta os seguintes criterios:

a) Interese social do programa para o colectivo a que vai dirixido, así como o número e diversidade dos beneficiarios.

b) Estrutura e capacidade de xestión adecuada para xestionar o programa.

c) Promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres pertencentes a estes colectivos.

d) Promoción de actividades extraescolares, educativas e culturais dirixidas a menores ou mozos.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes dirixiranse á Secretaría Xeral de Emigración e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación será de trinta e un días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o último día coincida en sábado ou día inhábil, o prazo de presentación de solicitudes rematará o día hábil seguinte.

Artigo 8º.-Solicitude e documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo o modelo oficial establecido como anexo I a esta resolución, á que deberán achegar a seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente compulsada:

1.1. Copia dos estatutos da asociación.

1.2 Acreditación do requisito de inscrición da entidade no rexistro sinalado no artigo 2º.a).

1.3. Acreditación da identidade da persoa que asina a solicitude.

1.4. Acreditación da capacidade de representación do que asina a solicitude.

1.5. Tarxeta de identificación fiscal.

1.6. Certificación do secretario da asociación que acredite o número de socios da entidade, coa desagregación dos que teñan a condición de emigrantes retornados ou inmigrantes, e a procedencia ou nacionalidade destes.

1.7. Acreditación de dispor de local propio, debendo achegara documentación relativa a algún dos seguintes conceptos: contrato de propiedade, aluguer ou, se é o caso, acordo, certificación ou documento que acredite a cesión ou posta á disposición dos locais a nome da asociación.

1.8. Memoria das actividades que se realizarán en 2009.

1.9. Orzamento total de gastos da asociación.

1.10. Orzamento de gastos das actividades que se van desenvolver.

1.11. Certificación bancaria da conta corrente en que se ingresará, se é o caso, o importe da subvención concedida (segundo o modelo do anexo II)

1.12. Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para as mesmas actividades, das distintas administracións públicas competentes (segundo modelo do anexo I).

1.13. Declaración de non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiario previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (segundo o modelo do anexo I).

1.14. Declaración acreditativa de acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma (segundo o modelo do anexo I), excepto no suposto de gastos de equipamento que superen os 3.000 euros, que deberá acreditarse necesariamente por medio de certificacións administrativas expedidas polos órganos competentes.

Artigo 9º.-Procedemento.

1. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se achegar a documentación exixida, a Secretaría Xeral de Emigración requirirá o interesado, mediante a súa publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral de Emigración (rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela) e na páxina web galiciaaberta.com, para que, nun prazo máximo de dez días hábiles contados a partir do da publicación, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá como desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992. Igualmente, procederá a súa comunicación ao enderezo de correo electrónico sempre que se indique na solicitude, e entenderase cumprido este trámite coa realización da comunicación nun só intento. Así mesmo, debe significarse

que o prazo de dez días para emendar a falta ou achegar os documentos se computa desde a publicación do requirimento e non desde a súa comunicación.

2. Aquelas solicitudes que cumpran os requisitos da resolución de convocatoria serán valoradas pola comisión segundo os criterios establecidos no artigo 6º. Posteriormente, a comisión elaborará unha proposta de concesión, a través da Subdirección Xeral de Xestión de Programas do Retorno e a Inmigración, para a súa resolución polo secretario xeral de Emigración, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

3. As resolucións serán ditadas polo órgano competente e notificadas aos interesados. Entenderanse desestimadas as solicitudes, de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Xustificación de acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter débedas coa Administración autonómica.

Quedan exentos/as de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou ser debedor/a por resolución de procedencia de reintegro os/as beneficiarios/as das subvencións con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo IV, Transferencias correntes, destinadas a familias e institucións sen fins de lucro e das subvencións que non superen os 3.000 euros individualmente e se concedan con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VII, Transferencias de capital, destinadas a familias e institucións sen fins de lucro, debendo, nestes supostos, acreditar o seu cumprimento mediante declaración responsable.

Non obstante o anterior, e salvo que xunto á solicitude de axuda se incorpore declaración do representante da entidade en que denegue expresamente o consentimento, e para o suposto de non achegar a declaración prevista no parágrafo anterior, a presentación das solicitudes comportará a autorización ao órgano xestor para que este poida solicitar as certificacións necesarias que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, debendo acreditarse este extremo antes da proposta de resolución segundo o artigo 11.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e para a realización dos pagamentos da subvención concedida.

Artigo 11º.-Recursos contra as resolucións que se diten no procedemento.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, nun prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou nun prazo de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nun prazo de 2 meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou nun prazo de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12º.-Renuncia da subvención.

No suposto de que a asociación renuncie á subvención concedida, esta deberá comunicarse á Secretaría Xeral de Emigración no prazo máximo de 10 días contados a partir da notificación da resolución, expresando as circunstancias polas cales se produce a dita renuncia.

No caso de renuncias por parte das asociacións ás axudas concedidas, poderanse ditar novas resolucións en función das dispoñibilidades orzamentarias derivadas das renuncias, sempre que existan asociacións que, cumprindo os requisitos, non obtivesen a puntuación suficiente, en aplicación dos criterios de valoración, para seren beneficiarias da axuda.

Artigo 13º.-Publicidade.

1. A Secretaría Xeral de Emigración poderá utilizar, do modo máis adecuado, os datos identificativos das asociacións para calquera finalidade relacionada co seu ámbito competencial. En todo caso, os datos identificativos das asociacións subvencionadas pasarán a formar parte do Directorio de asociacións de emigrantes retornados e inmigrantes da Secretaría Xeral de Emigración, ao que se lle dará publicidade a través da páxina web www.galiciaaberta.com.

2. A Secretaría Xeral de Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de contía igual ou superior a 3.000 euros concedidas a través desta convocatoria, indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorga a axuda.

As entidades solicitantes prestan o seu consentimento para incluír e facer públicos, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios e no Rexistro Público de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Economía e Facenda, ante quen se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Salvo nos casos sinalados no artigo 9.4º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Emigración publicará na súa páxina web galiciaaberta.com a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 14º.-Obrigas das entidades subvencionadas.

Os beneficiarios destas axudas deberán:

a) Cumprir a finalidade que fundamenta a concesión da subvención. En todo caso, as actuacións a subvencionables deberanse realizar antes da finalización do prazo de xustificación establecido no artigo 15º desta resolución.

b) Acreditar ante a entidade concedente o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinen a concesión da axuda ou subvención.

c) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral de Emigración.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que considere oportuno a Secretaría Xeral de Emigración e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas segundo a lexislación vixente na materia, facilitando o seu labor de fiscalización e control.

e) As asociacións beneficiarias da axuda deberán informar inmediatamente a Secretaría Xeral de Emigración sobre calquera eventualidade que altere ou dificulte o desenvolvemento e cumprimento da finalidade subvencionada.

As asociacións beneficiarias quedan obrigadas a facilitarlle á Secretaría Xeral de Emigración o exame das actividades, tanto na súa execución como con posterioridade ao remate delas, así como toda aquela información que lles sexa requirida, para o cal garantirá o acceso dos representantes da Secretaría Xeral ao lugar das accións, ás contas e demais documentación que se considere oportuna.

Artigo 15º.-Forma de pagamento e xustificación da axuda.

1. A xustificación final dos gastos realizarase mediante a presentación dunha certificación expedida polo presidente da asociación que acredite a contía do gasto e a súa imputación aos fins para os cales foi concedida a subvención. A dita certificación achegarase xunto cos documentos xustificativos do gasto, que se acreditarán mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa emitidos a nome da asociación, así como unha relación delas.

A acreditación dos gastos tamén poderá efectuarse mediante facturas electrónicas, sempre que cumpran os requisitos exixidos para a súa aceptación no ámbito tributario.

2. Para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopias dos documentos bancarios de cargo en que conste o troco empregado.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante a achega do correspondente extracto bancario, que irá acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo do provedor.

3. Poderase aceptar a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros sempre que eses gastos se efectúen no ámbito do comercio retallista ou de empresas prestadoras de servizos a usuarios finais, ou sexan unha práctica común ou habitual no tráfico económico.

4. Os gastos destinados pola entidade a axudas de custo e gastos de desprazamento poderán acadar como máximo ata un 10% do importe da subvención concedida para gastos correntes, e deberán estar debidamente acreditados pola asociación na xustificación presentada.

5. A dita xustificación deberá ir acompañada dunha memoria de execución, que conterá os obxectivos, actividades e resultados e que deberá estar asinada polo representante da asociación. Igualmente, deberá achegarse no momento da xustificación final da actividade subvencionada unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

6. No suposto de compatibilidade con outras axudas, deberá achegarse certificación da entidade en que conste que a suma de todas as axudas recibidas non supera o custo total do orzamento de funcionamento e actividades da asociación, debendo certificarse igualmente a procedencia dos fondos, o seu importe, xustificación e aplicación.

7. Ademais do anterior, á xustificación presentada deberá xuntárselle a documentación prevista no número 1.14 do artigo 8º desta resolución.

8. Poderán efectuarse pagamentos parciais, logo de xustificación, á conta da liquidación definitiva, de ata o 80% do total do importe da axuda concedida, debendo achegarse para cada solicitude de pagamento a documentación prevista nos números anteriores correspondentes ao pagamento solicitado.

9. O prazo de xustificación e entrega da totalidade da documentación será ata o 1 de decembro de 2009.

De non se xustificar o importe total da subvención concedida, e sempre e cando se tiver acadado a finalidade dela, a Secretaría Xeral de Emigración minorará a súa achega proporcionalmente ao importe xustificado.

O importe da subvención concedida será transferido á conta bancaria de que sexa titular a entidade beneficiaria e así se acredite mediante certificación bancaria segundo o modelo establecido no número correspondente do anexo II desta resolución.

A Secretaría Xeral de Emigración en todo momento poderá solicitar calquera outra documentación que considere oportuna para a xustificación da subvención.

Artigo 16º.-Modificación da resolución de concesión.

As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das actividades, podendo a Secretaría Xeral de Emigración adoptar a resolución de modificación da concesión que corresponda de acordo co disposto no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Compatibilidade das axudas.

As axudas concedidas en virtude desta resolución serán compatibles con outras, calquera que sexa a súa natureza, Administración ou entidade que llas conceda, sempre que a suma de todas elas non supere o custo total da actividade subvencionable. Para a determinación do cumprimento deste requisito, o beneficiario da axuda deberá informar no momento da solicitude e ao longo do ano 2009 de todas as axudas e subvencións que para o mesmo fin perciba de calquera entidade pública ou privada.

Artigo 18º.-Reintegro.

Procederá a apertura de expediente para o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19º.-Instrucións e aclaracións.

A Secretaría Xeral de Emigración poderá ditar as instrucións e aclaracións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Artigo 20º.-Normativa de aplicación.

En todo o demais, será de aplicación a lexislación básica do Estado sobre subvencións (Lei 38/2003, do 17 de novembro, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo), a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa de desenvolvemento e aplicación.

Artigo 21º.-Recursos contra esta resolución.

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2009.

Manuel Luis Rodríguez González

Secretario xeral de Emigración

Ver referencia pdf "06300D005P033.PDF"