DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Mércores, 01 de abril de 2009 Páx. 6.598

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 25 de marzo de 2009 pola que se convoca o programa Gzcrea 2009.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas aos sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar en virtude do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano competente da Administración autonómica ao cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de, entre outras, o apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, que leva a cabo a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Polo exposto, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar consciente da importancia que ten facilitar vías polas cales se poida manifestar a inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega convoca unha serie de actividades que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e que constitúen o programa Gzcrea 2009.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Capítulo I

Parte xeral

Artigo 1º-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexen o programa Gzcrea 2009, que convoca a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e que inclúe as especialidades de teatro, artes plásticas, moda, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis e deseño de xoias.

Artigo 2º-Orzamento.

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste programa serán custeadas con cargo á partida orzamentaria 05.42.313A.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, cunha contía de 118.066 euros.

Artigo 3º-Destinatarios.

1. Poderán solicitar a participación os mozos ou mozas galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2009, agás o establecido no capítulo II segundo cada especialidade.

2. Non poderán participar nunha especialidade aquelas persoas que gañasen o primeiro premio desa mesma especialidade na edición do ano anterior.

3. Enténdese por profesional para os efectos desta disposición, aquela persoa que mantén unha relación contractual permanente ou ocasional con algunha empresa vinculada á especialidade concreta en que solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que está dado de alta como autónomo nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

4. Salvo no caso das especialidades de teatro, música, banda deseñada e graffiti, a participación será sempre a título individual.

5. A participación supón a aceptación total das condicións fixadas nesta disposición, e unicamente a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da interpretación destas, así como para decidir a suspensión dunha especialidade no caso de non acadarse unha participación mínima de dez solicitantes logo de comunicárllelo a estes.

6. A información contida neste artigo debe ser complementada co disposto no capítulo II. (Parte específica).

Artigo 4º-Inscricións.

1. A solicitude dos participantes deberá facerse no impreso de solicitude (anexo I).

2. Esta solicitude irá acompañada:

2.1. Se é o caso, da obra ou da documentación que corresponda, de acordo co disposto na parte específica para cada especialidade concreta. Tanto na obra como na documentación citada non figurarán datos que identifiquen o autor ou autora.

2.2. Dun sobre pechado en cuxo exterior figurará exclusivamente o título e o pseudónimo do autor ou da autora, e no que irá o boletín de inscrición (anexo II) debidamente cuberto, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI polas dúas caras ou de documento oficial que acredite suficientemente a identidade (se o participante é un grupo será a de todos os membros do grupo). No caso da especialidade de teatro, achegarase ademais a fotocopia do CIF do grupo.

-No caso de que o participante sexa menor de idade autorización do pai/nai ou titor/a legal para participar nesta convocatoria, así como para calquera cuestión con ela relacionada.

-No caso dos mozos e mozas non galegos, residentes en Galicia, ademais do documento oficial que acredite suficientemente a identidade, certificado de empadroamento.

-Declaración responsable en que quede constancia de que non mantén relación contractual permanente ou ocasional con ningunha empresa vinculada á especialidade concreta na cal solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que non está dado de alta como autónomo nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

-Declaración responsable en que quede constancia de que a obra non foi premiada en ningún outro certame ou concurso no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes, e de que é inédita no caso das especialidades de relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti e carteis.

-No caso de teatro, moda, música e graffiti, certificación orixinal acreditativa do número de conta bancaria (vinte díxitos) do seu titular, que no caso do teatro terá que corresponder co titular do CIF do grupo.

-Calquera soporte audiovisual que se envíe (CD, DVD...) deberá ter as óptimas condicións de visionado e gravado.

3. As solicitudes poderán presentarse xunto co resto da documentación nos rexistros das seguintes dependencias administrativas:

Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Edf. administrativo San Caetano.

15781 Santiago de Compostela.

Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Delegación Provincial da Coruña.

R/ Enrique Mariñas s/n (Edf. Proa).

Matogrande.

15009 A Coruña.

Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Delegación Provincial de Lugo.

Rolda da Muralla 70.

27071 Lugo.

Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Delegación Provincial de Ourense.

Camiño Prado Lonia s/n.

32872 Ourense.

Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Delegación Provincial de Pontevedra.

R/ Concepción Arenal 8.

36201 Vigo.

Oficina Local de Pontevedra.

R/ Fernández Ladreda 43, 2º andar.

36003 Pontevedra.

Oficina Local de Ferrol.

Edif. administrativo.

Praza Camilo José Cela 1º.

15403 Ferrol.

Todo isto, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A información contida neste artigo debe ser complementada co disposto no capítulo II. (Parte específica).

Artigo 5º.-Prazo de presentación das solicitudes e emenda de defectos.

1. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta disposición no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 5 de xuño de 2009.

2. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, por parte da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, requirirase o solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

Artigo 6º.-Protección de datos de carácter persoal.

De acordo co artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, informase que os datos recollidos ao abeiro desta disposición, que se consideran exactos e postos ao día, ademais de pertinentes e axeitados, serán incorporados ao ficheiro «GZCREA», do que é responsable a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, cuxa finalidade é «a convocatoria, xestión e difusión do contido e resultado do programa así como das obras e artistas premiados». Os datos recollidos non serán cedidos a terceiros, agás a outras administracións públicas que exerzan as mesmas competencias e en caso de que algunha lei o previse. O interesado pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante o responsable do tratamento «Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade» no enderezo: Edificio administrativo San Caetano s/n, bloque III, 1º-15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 7º.-Comisión de selección.

Constituirase unha comisión de selección, cuxos membros serán nomeados polo Vicepresidente da Igualdade e do Benestar para cada especialidade, por proposta do director xeral de Xuventude e Solidariedade, e estará integrada por un presidente, un secretario e un máximo de sete vogais. Actuará como presidente o director xeral de Xuventude e Solidariedade ou a persoa en quen delegue, como vogais actuarán profesionais e expertos de recoñecido prestixio na especialidade concreta que se valore, e a secretaría recaerá nun funcionario da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar con voz, pero sen voto.

Os nomes dos integrantes de cada unha das comisións de selección serán publicados na páxina web www.gzcrea.com con anterioridade ás reunións que se levarán a cabo.

As decisións da comisión de selección serán inapelables.

Artigo 8º.-Tramitación e resolución.

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 5 desta disposición, as solicitudes dos mozos e mozas que non cumpran os requisitos establecidos nesta disposición non serán admitidas a trámite, e ditarase para o efecto a oportuna resolución.

2. As demais solicitudes remitiranse á comisión de selección, que examinará e valorará as diferentes obras en función da súa calidade, proporá a adxudicación de tres premios por especialidade e redactará a proposta de resolución.

Corresponderá ditar a resolución ao director xeral de Xuventude e Solidariedade, por delegación do Vicepresidente da Igualdade e do Benestar.

3. A resolución será notificada a todos os solicitantes no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta disposición no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditara no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A relación de premiados de cada especialidade será publicada na páxina web www.gzcrea.com

Artigo 9º.-Obras e premios.

1. Cada participante poderá presentar unha obra por especialidade ou por modalidade.

2. As obras presentadas polos participantes non poderán ter sido premiadas, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes, noutros certames ou concursos.

3. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente que en materia de propiedade intelectual puidesen incorrer os participantes.

4. Establécense os seguintes premios por especialidade (teatro, artes plásticas, moda, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis e deseño de xoias):

Un primeiro premio de 3.000 €.

Un segundo premio de 1.500 €.

Un terceiro premio de 1.000 €.

Poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, nas diferentes especialidades a aquelas obras que, a xuízo da comisión seleccionadora, acaden a suficiente calidade.

5. Cada participante non poderá recibir máis que un premio por especialidade.

6. Estes premios serán complementados de acordo co disposto na parte específica de cada especialidade.

7. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicos e estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

8. Entregaranse diplomas a todos os premiados e aos finalistas.

9. Segundo a calidade das obras poderían ser declarados desertos ou compartidos algúns dos premios. Neste último caso, a contía do premio que se repartirá, será de xeito directamente proporcional ao número de obras premiadas.

Artigo 10º.-Destino e devolución das obras.

1. As obras dos participantes premiados quedarán en posesión da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

2. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade poderá desenvolver as accións que considere oportunas encamiñadas á difusión dos traballos seleccionados de todas as especialidades incluídas nesta convocatoria.

A presentación a esta convocatoria implicará, no caso de traballos premiados, a colaboración nas accións de difusión que se organicen, así como a cesión a favor da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade dos dereitos de edición.

O feito de participar nesta convocatoria supón a autorización dos participantes a favor da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, para montar exposicións e/ou para a exhibición, reprodución ou publicación da imaxe ou contido das obras presentadas por calquera medio que se estime oportuno, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

3. Os autores e as autoras quedarán comprometidos a realizar as modificacións precisas nos documentos finais e/ou subministrar os arquivos de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

4. As obras dos participantes non premiados ou, de ser o caso, calquera outro material presentado no seu lugar, deberán ser retiradas por eles ou pola persoa autorizada no lugar que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación coa decisión da comisión de selección.

Transcorrido este prazo, as obras non retiradas quedarán á disposición da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade que poderá darlles o destino que coide oportuno.

Capítulo II

Parte específica

Sección primeira

Teatro

Artigo 11º.-Condicións xerais.

1. Poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por mozos ou mozas galegos ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2009. Admitirase que ata un 25% dos compoñentes do grupo supere os 30 anos ou teñan entre os 14 e 16 anos.

En calquera caso, tanto os integrantes da dirección como o do equipo técnico non se verán afectados polo disposto no artigo 3º, parágrafo 1º desta disposición.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º desta disposición, e no mesmo sobre, os grupos participantes presentarán:

-Listaxe dos compoñentes do grupo, indicando a idade e a función.

-Unha síntese da obra (título, autor/a e adaptación dos diálogos, de ser o caso) e da posta en escena (número de personaxes, tipo de decorado, vestiario, espazo que se precisa...).

-DVD dunha representación da obra presentada a concurso ou dun ensaio xeral, feito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2008.

En todo caso a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real da representación, e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para a súa correcta visión.

3. As representacións serán en lingua galega.

4. As obras poderán ser de autores ou autoras galegos, españois ou estranxeiros.

5. Poderán presentarse obras orixinais.

6. A duración da representación de cada obra non poderá exceder dunha hora e corenta e cinco minutos.

Artigo 12º.-Desenvolvemento.

1. A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de seis grupos que serán os que representen as obras ante esta, no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, que asumirá os gastos orixinados polas representacións por un importe máximo de 650 € por grupo.

2. A xuízo da comisión de selección un dos grupos premiados estará obrigado a representar a obra no lugar e na data que se indique desde a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, se fose requirido para iso, e que en calquera caso será no último trimestre do ano. No caso do incumprimento desta obriga o grupo requirido quedará desposuído do premio outorgado. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade asumirá os gastos orixinados pola representación por un importe máximo de 1.200 €.

Sección segunda

Artes plásticas

Artigo 13º.-Condicións xerais.

1. Establécense as seguintes modalidades: pintura, escultura, fotografía e instalacións.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º desta disposición, e no mesmo sobre, os participantes presentarán:

-Unha ou varias fotografías en cor ou branco e negro da obra presentada, adheridas a un folio (preferentemente DIN A-4) e tamén en CD. No caso de obras escultóricas, as fotografías deberán presentarse desde diferentes perspectivas para que se poida realizar a valoración adecuada destas. As obras orixinais serán requiridas aos participantes, só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición ou previamente cando a xuízo da comisión sexa necesario velas co fin de outorgar os premios.

-Declaración responsable de que a obra presentada, non forma parte doutra exposición e está en propiedade do autor ou autora.

-Ficha técnica da obra en que se indicará o título, o ano de realización, a técnica empregada, as dimensións reais, así como o seu peso (isto último só no caso da escultura).

-No proxecto de instalación achegarase ademais a seguinte documentación: memoria explicativa do traballo artístico, planos, bosquexos e todo o material informativo que facilite a comprensión da obra.

Artigo 14º.-Desenvolvemento.

1. Para a exposición a comisión seleccionará as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

2. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade no seu momento, porase en contacto cos autores e autoras das obras seleccionadas para a exposición, co fin de establecer as mellores condicións de entrega e recollida en cada caso, e ademais comunicará o lugar e a data na que terá lugar a exposición, todo isto sen prexuízo do disposto no punto 8 deste artigo.

3. Os participantes seleccionados para a exposición presentarán as súas obras en perfecto estado e cos elementos necesarios para realizar a montaxe. Cando a súa complexidade o requira a montaxe faraa o autor ou autora.

4. As obras seleccionadas para a exposición serán enviadas empregando unha embalaxe cun material ríxido e suficientemente sólido que asegure a súa integridade.

5. As obras presentadas serán orixinais.

6. O tema e as técnicas serán libres.

7. As pinturas deberán levar marco ou bastidor.

8. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras, aínda que a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade subscribirá unha póliza que asegure, única e exclusivamente, as obras que sexan seleccionadas para a exposición e durante o tempo que esta dure, de ata un máximo de 600 € por obra.

Sección terceira

Moda

Artigo 15º.-Condicións xerais.

1. As coleccións deben ser orixinais.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º desta disposición, e no mesmo sobre, os participantes presentarán:

-Unha colección coherente de cinco modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas.

-Ficha técnica da colección e mostras dos tecidos que se empregarán na súa confección.

Artigo 16º.-Desenvolvemento.

1. A comisión seleccionará para a fase final 10 participantes que confeccionarán a colección de cinco modelos obrigatorios, tendo en conta preferentemente os seguintes criterios: creatividade, experimentación formal nos deseños, selección de tecidos, colorido, patronaxe, volumes e texturas, e que se exhibirán no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

2. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade asumirá os gastos derivados da confección dos modelos por un importe máximo de 1.000 euros para cada un dos 10 seleccionados.

Artigo 17º.-Premios.

Sen prexuízo do disposto no artigo 9º desta disposición, cada un dos tres premiados terá un premio complementario de 3.000 euros para a súa formación no ámbito téxtil.

Sección cuarta

Música

Artigo 18º.-Condicións xerais.

1. Poderán concorrer solistas e grupos de pop, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea.

Admitirase que ata un 25% dos compoñentes do grupo supere os 30 anos. Tamén poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical cos participantes que se presenten como solistas.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º desta disposición, e no mesmo sobre, os participantes presentarán:

-Maqueta en CD debidamente identificada, co pseudónimo e título, e gravada polos compoñentes inscritos, con dous temas, que serán os que avaliará a comisión de selección, e unha duración máxima de dez minutos. Valorarase positivamente a utilización do galego, e en calquera caso un dos temas deberá ser en galego.

-Ficha técnica en que se detalle o título, duración e autoría dos temas presentados, seguindo a orde presentada na gravación.

-Fotografía recente do grupo ou solista.

-Relación nominal mecanografada dos/as compoñentes do grupo, con indicación da idade e do instrumento que tocan.

-Letras, se as houber, dos temas incluídos na maqueta, debidamente mecanografadas.

-Autorización escrita para gravar ou emitir a súa actuación na fase final do certame, no suposto de resultar seleccionado.

-Declaración responsable acreditativa de que o participante dispón dun repertorio dun mínimo de 30 minutos.

Toda esta documentación deberá presentarse en soporte papel e tamén en CD.

3. Os temas serán de creación propia e nunca antes editados comercialmente.

Artigo 19º.-Desenvolvemento.

1. A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de seis participantes que serán os que actuarán ante esta, no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, que asumirá os gastos ocasionados pola actuación por un importe máximo de 600 € no caso de grupos ou de 300 € no caso de solistas.

2. Para as actuacións da fase final os participantes levarán os seus propios instrumentos, agás a batería, que será proporcionada pola organización.

3. O equipo técnico de son e luces proporcionarao a organización en coordinación cos grupos finalistas e será manexado polos técnicos da organización.

4. A xuízo da comisión de selección, un dos grupos ou solistas premiados estarán obrigados a actuar no lugar e data que se indique desde a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, se fose requirido para iso. No caso do incumprimento desta obriga o grupo requirido quedará desposuído do premio outorgado. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade asumirá os gastos orixinados pola actuación por un importe máximo de 600 €.

Sección quinta

Relato breve

Artigo 20º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema será libre.

3. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión máxima de 30 páxinas, mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4, e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

Sen prexuízo do anterior as obras deberán presentarse tamén en CD.

Sección sexta

Poesía

Artigo 21º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema e a técnica serán libres.

3. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 250 versos a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4 e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

Sen prexuízo do anterior as obras deberán presentarse tamén en CD.

Sección sétima

Videocreación

Artigo 22º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. Quedan excluídas deste certame todas as obras que teñan concedidas axudas económicas da Administración autonómica para a súa realización, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. O tema será libre, máis deberá dar prioridade aos contados artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. Enténdese por experimental a obra que se sitúa fóra dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º desta disposición, e no mesmo sobre, os participantes presentarán:

-Unha ficha técnica da obra en que se inclúa o título, un breve argumento, a data e o lugar de realización, unha fotografía da videocreación e datos técnicos e artísticos de interese.

5. As obras poderán ser producidas en calquera formato de vídeo, pero deberán presentalo en DVD, onde figurará o título e o pseudónimo do autor ou autora.

En todo caso a gravación deberá estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe como de son, para a súa correcta visión, xa que en caso contrario a obra será rexeitada.

6. A duración de cada obra non poderá exceder de 12 minutos.

7. A realización das obras debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2008.

8. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade reserva para si dereito a solicitar aos participantes unha copia en formato orixinal para a súa proxección pública.

9. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade reserva para si a posibilidade de utilizar un fragmento da obra de ata un máximo de tres minutos, para a súa posible difusión nos medios de comunicación.

Sección oitava

Banda deseñada

Artigo 23º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais e inéditas.

2. A temática será libre, con textos en galego.

3. A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.

4. O formato deberá ser en DIN A-4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. En caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa deberá xuntarse un CD ou DVD cos arquivos orixinais.

5. Cada obra deberá levar pseudónimo e título.

6. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección novena

Graffiti

Artigo 24º.-Condicións xerais.

1. As obras serán orixinais, inéditas e, de ter texto, este estará en galego.

2. O tema e a técnica serán libres.

3. Os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de tres membros.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º desta disposición, e no mesmo sobre, os participantes presentarán:

-Proxecto orixinal da obra que se vai realizar en formato DIN A-3 (realizado a man e presentado a cor).

-Fotografías dos graffitis realizados máis recentemente polo solicitante (ou enderezo da internet onde se poidan ver os traballos).

Artigo 25º.-Desenvolvemento.

1. A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de nove participantes, que serán requiridos para realizar un mural de aprox. 4 m x 2 m ante esta, no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, que asumirá os gastos de material por un importe máximo de 350 € por participante individual ou grupo. A selección realizarase tendo en conta, entre outros, os seguintes criterios: deseño, estrutura, tema e colorido (que deberán responder á maior calidade).

2. A xuízo da comisión, será motivo de descualificación a realización de graffitis fóra dos espazos e horarios asignados pola organización.

Sección décima

Carteis

Artigo 26º.-Condicións xerais.

1. A participación será a título individual.

2. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

3. O tema do cartel será «Os camiños de Santiago e o Xacobeo».

4. A técnica será libre dentro dos límites usuais, para permitir unha normal reprodución fotomecánica.

5. As obras deberán presentarse sobre cartón, cartón pluma ou similar, en formato vertical, cunhas medidas máximas de 47 x 64 cm e presentaranse suficientemente protexidas e montadas sobre un soporte ríxido e desmontable que permita a súa perfecta exposición.

Sen prexuízo do anterior as obras deberán presentarse tamén en CD.

6. En ningún caso se admitirán obras cuxo soporte supoña perigo para o seu almacenamento ou montadas con materiais que poidan danar a súa integridade.

Artigo 27º.-Desenvolvemento.

1. A comisión poderá seleccionar para a exposición as obras que acaden maior calidade artística, e serán exhibidas no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

2. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección décimo primeira

Deseño de xoias

Artigo 28º.-Condicións xerais.

1. A colección debe ser orixinal e estará composta por tres xoias.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4º desta disposición, e no mesmo sobre, os participantes presentarán:

-Unha fotografía de cada unha das tres xoias que poderán ser tanto para home como para muller.

As fotografías das xoias deberán presentarse sobre unha folla de álbum de fotos, tamaño DIN A-4 e mostrarse na escala máis próxima á real 1:1. Deben estar sen asinar e sen ningunha identificación do autor ou da autora.

-Na parte posterior da folla do álbum de fotos incluirase unha ficha técnica da colección, onde se explicarán os materiais utilizados e todos os datos que sexan de interese na colección.

Sen prexuízo do anterior, as fotografías das xoias presentaranse tamén en CD.

Artigo 29º.-Desenvolvemento.

A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 10 participantes, tendo en conta preferentemente os seguintes criterios: creatividade, selección de materiais, terminacións e acabamentos, e estas obras exhibiranse ante esta comisión no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, se fosen requiridos para iso.

Disposición adicional

Única.-Apróbase a delegación de atribucións do Vicepresidente da Igualdade e do Benestar no director xeral de Xuventude e Solidariedade para ditar as oportunas resolucións no ámbito desta disposición.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2009.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "06300D003P014.PDF"