DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Mércores, 01 de abril de 2009 Páx. 6.589

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 18 de marzo de 2009 pola que se regulan as bases para a concesión das subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia dirixidas a favorecer e dinamizar o compromiso coa igualdade entre mulleres e homes e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 4 que lle corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas e remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, tal e como establece no seu artigo 1, vén reforzar o compromiso da Comunidade Autónoma de Galicia na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade.

No Decreto 517/2005, do 6 de outubro, establécese a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. No seu artigo 5 punto 1.a) establécese que lle corresponde á Secretaría Xeral da Igualdade a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de xénero, loita contra a discriminación por razón de sexo, igualdade entre mulleres e homes, loita contra a violencia de xénero e calidade da vida persoal e familiar.

Para acadar o éxito na loita pola igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero, ten que producirse a coordinación entre todos os niveis da administración: local, autonómica, estatal e europea, de xeito que se teña coñecemento das actuacións realizadas e dos resultados acadados por cada un deses niveis para que non se produzan contradicións.

As actuacións da administración local, como instancia máis próxima ás necesidades, intereses e inquedanzas da cidadanía, adquiren unha especial relevancia e de aí o apoio que a administración autonómica quere prestar á promoción de actividades e servizos públicos que contribúan a satisfacer esas necesidades e intereses.

Por tanto, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar considera de máximo interese o fomento das actividades destinadas á promoción da igualdade entre mulleres e homes e entende que, para isto, é fundamental prestar apoio ás accións que neste sentido emprendan as entidades locais dentro da súa competencia e ámbito territorial, como entes próximos aos cidadáns e cidadás, coñecedores das necesidades da súa poboación.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, existindo crédito adecuado e suficiente para o financiamento do gasto que se proxecta.

Na súa virtude e no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. O obxecto desta orde é aprobar as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para as diferentes actuacións que desenvolvan, desde o 1 de xaneiro de 2009 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 13º, as entidades locais galegas que se especifican no artigo 2º, e proceder á súa convocatoria.

2. Esta disposición ten por finalidade:

a) Mellorar a percepción social sobre a igualdade entre mulleres e homes.

b) Mellorar as condicións sociais e culturais de partida para as mulleres e fomentar a súa participación.

c) Fomentar a formación en igualdade e a corresponsabilidade da poboación infantil e xuvenil.

3. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Entidades beneficiarias.

1. Poderán solicitar as subvencións reguladas nesta convocatoria os concellos, as agrupacións de concellos ou as mancomunidades da comunidade autónoma validamente constituídas, que cumpran os requisitos que nela se establecen.

2. Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituíren mancomunidade e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as axudas que regula esta orde. Neste suposto, todos os concellos quedan obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

3. Ningún concello ou entidade local dos sinalados no punto 1 poderá:

a) Presentar solicitude de subvención se o fixo unha entidade local en que estea integrado ou da cal dependa.

b) Figurar en máis dunha solicitude colectiva das que sinala o punto 2.

c) Figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual.

4. O incumprimento destas normas dará lugar á inadmisión de todas as solicitudes individuais de subvención subscritas pola entidade de que se trate, dando validez á solicitude realizada de forma conxunta.

5. As entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, os requisitos para obter a condición de beneficiarias exixidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Accións subvencionables.

1. Poderán ser obxecto de subvención os programas ou actividades seguintes:

a) Elaboración ou publicación do plan para a igualdade entre mulleres e homes, que deberá conter unha área de actuación específica relativa a medidas de prevención e eliminación da violencia de xénero.

b) Avaliación dos resultados do último plan para a igualdade entre mulleres e homes.

c) Actividades dirixidas á poboación infantil e xuvenil para favorecer a coeducación, tanto no ámbito educativo, en colaboración cos centros educativos do municipio ou das ANPAS, como no ámbito da familia ou na sociedade.

2. Cada entidade local só poderá presentar solicitude de subvención para unha única actuación das recollidas no punto 1 deste artigo e, en caso de non contar cun plan para a igualdade entre mulleres e homes, a súa solicitude será necesariamente para levar a cabo o dito plan. Igualmente, de ter rematado a vixencia dun plan previo, só serán subvencionables, salvo que se presente documentación acreditativa de ter realizado xa estas actuacións, a súa avaliación ou, de tela xa feita e xustificada documentalmente, a elaboración do seguinte.

3. En todo caso, as actividades obxecto das subvencións recollidas nesta orde deberán terse realizado con anterioridade ao 15 de novembro de 2009.

Artigo 4º.-Orzamento.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar financiará as subvencións obxecto desta convocatoria por un importe total máximo de 125.000 euros con cargo á partida orzamentaria 05.30.313B.460.0 recollida na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

Artigo 5º.-Solicitudes, prazo de presentación e documentación.

1. As solicitudes de subvención presentaranse segundo o modelo que se publica como anexo I e dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, á Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, podéndose presentar na Oficina de Rexistro Único e Información no complexo administrativo de San Caetano, nas súas delegacións provinciais ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as cales se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicador do rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. A solicitude poderá formalizala:

a) O/a alcalde/sa presidente/a ou persoa en quen delegue.

b) O/a presidente/a da mancomunidade ou persoa en quen delegue.

c) O/a representante que se estableza no acordo de cooperación, logo de delegación de cada un dos concellos, para o suposto previsto no artigo 2º.2.

En calquera dos casos, o/a solicitante deberá ser autorizado/a e designado/a polo pleno, comisión de goberno da entidade peticionaria ou decreto da alcaldía.

4. As solicitudes presentaranse segundo o modelo oficial recollido no anexo I desta orde, acompañadas da seguinte documentación, que será imprescindible para a valoración da solicitude:

a) Declaración das actuacións levadas a cabo pola entidade nos últimos 3 anos para a promoción da igualdade entre mulleres e homes.

b) Xustificación da necesidade que se pretende cubrir e da conveniencia da realización das actuacións propostas, apoiada en datos relativos á realidade do concello ou entidade local solicitante.

c) Memoria pormenorizada de actuacións. Esta memoria fará referencia necesariamente aos seguintes aspectos:

-Denominación de cada acción.

-Obxectivo perseguido por cada acción.

-Descrición da acción: contidos, metodoloxía, medios materias e persoais precisos, duración e persoas responsables da súa execución.

-Cronograma.

-Número estimado de persoas destinatarias da acción.

-Lugar e data de realización.

-Valoración económica da acción, establecendo o orzamento desagregado para cada unha das actuacións que a compoñen, indicando, ademais, o importe solicitado e, de ser o caso, o cofinanciamento da entidade.

-Sistema de avaliación, mediante o establecemento de indicadores ou medidores cuantificables do grao de cumprimento do obxectivo ou obxectivos perseguidos.

-Compromiso de utilización de linguaxe non sexista en todas as actividades e materiais obxecto da subvención regulada nesta orde.

d) Certificación do/a secretario/a que recolla o acordo do órgano competente de solicitude da subvención e de nomeamento dun/unha representante, se procede.

e) Certificación do órgano competente sobre a existencia de crédito para facer fronte á porcentaxe de financiamento que asume a entidade local sobre o total do proxecto presentado, de ser o caso.

f) Certificación do/a secretario/a acreditativa de que a entidade conta, entre as áreas de goberno, cunha concellería ou área de igualdade, de ser o caso.

g) Para os concellos que se acollan á fórmula de solicitude regulada no artigo 2º.2 desta orde, documento en que se acorde a colaboración dos concellos e certificación dos/as secretarios/as, dos acordos do pleno ou comisión de goberno delegando a petición de subvención no concello que actúe como representante de todos eles.

h) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo II).

i) No caso de solicitarse a subvención para a publicación ou avaliación dun plan de igualdade deberase achegar o dito plan; de solicitarse para a elaboración e publicación do II ou posteriores plans, deberase achegar o plan anterior e a súa avaliación.

j) As actividades de coeducación deberán ser impartidas por profesionais que acrediten especialización na área de igualdade entre mulleres e homes mediante xustificación documental da súa formación e experiencia profesional.

Artigo 6º.-Tramitación dos expedientes.

1. A Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano responsable da súa tramitación, comprobará que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos nesta orde.

En caso contrario, conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o/a interesado/a será requirido/a para que nun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da recepción do devandito requirimento, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, de non o facer, se considerará desistido/a na súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia crearase unha comisión de valoración para estes efectos, a cal estará presidida pola subdirectora xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en que delegue, e da cal formarán parte, ademais, a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, a xefa do servizo de Análise e Coordinación das Políticas de Igualdade, un/unha funcionario/a da subdirección xeral de Promoción da Igualdade, que actuará como secretario/a, e un/unha funcionario/a da subdirección xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero.

2. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir dos/as solicitantes das subvencións información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

3. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 7º, a comisión de valoración elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada.

Cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas polo/a interesado/a, formularase unha proposta de resolución provisoria que se lle notificará ao/á interesado/a para que no prazo de 10 días presente as alegacións que coide pertinentes, de acordo co disposto no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Prescindirase deste trámite cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións que as aducidas polos/as interesados/as, tendo, neste caso, a proposta de resolución carácter de definitiva.

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

1. Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Calidade do proxecto ou da actividade que se propón, valorada en función da súa clareza e viabilidade, así como da metodoloxía empregada e sistema de avaliación proposto: ata 20 puntos.

b) Compromiso da entidade coa igualdade entre homes e mulleres: ata 20 puntos.

b.1) Acreditación de ter constituída unha concellería ou área específica para a promoción da igualdade: 10 puntos.

b.2) Realización de actividades de promoción da igualdade nos últimos tres anos: ata 10 puntos.

c) Participación pecuniaria da entidade no financiamento das actuacións: ata 20 puntos.

d) Municipio con poboación inferior a 5.000 habitantes: 10 puntos.

2. Terán carácter prioritario as solicitudes de subvención para a elaboración e publicación do I plan de igualdade de oportunidades, o cal deberá conter unha área de actuación específica relativa a medidas de prevención e eliminación da violencia de xénero, tal e como se recolle no artigo 3º.1 a) desta orde.

Artigo 8º.-Contía da subvención.

1. A contía da subvención determinarase sobre a base da puntuación asignada en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 7º, por proposta da comisión de valoración, non podendo exceder de 6.000 euros por cada entidade beneficiaria.

2. A suma total das contías das subvencións concedidas non poderá superar o crédito asignado nesta convocatoria.

Artigo 9º.-Resolución.

1. Correspóndelle ao/a secretario/a xeral da Igualdade, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, por proposta da comisión de valoración e despois da fiscalización pola intervención delegada, a resolución destas axudas de conformidade co establecido no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A resolución da subvención ditarase no prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Forma de pagamento.

1. O pagamento da subvención efectuarase unha vez realizada a actividade ou actividades e xustificados correctamente os gastos realizados segundo o artigo 13º desta orde.

A subvención farase efectiva nun único pagamento ao achegar os xustificantes de ter realizado a actividade ou actividades polo seu importe total. Non obstante, poderanse facer pagamentos parciais ata un máximo do 80% da contía total concedida, na medida en que se vaia xustificando. O restante 20% aboarase cando remate totalmente a actividade ou actividades subvencionadas.

2. Se a teor dos documentos xustificativos achegados, a actuación obxecto da subvención tiver un custo total menor ao do inicialmente previsto na solicitude presentada pola entidade beneficiaria, o cálculo da cantidade a aboar, dentro do límite da subvención concedida, farase descontando do total dos xustificantes de gasto achegados e que se consideren adecuados, a parte proporcional correspondente, segundo a porcentaxe de cofinanciamento imputable á entidade solicitante, calculada con base no importe que figuraba na súa solicitude como parte da actuación cofinanciada por ela.

3. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 12º.-Gastos subvencionables.

1. Terán a consideración de subvencionables aqueles gastos correntes que de xeito indubidable respondan á natureza da actuación presentada na solicitude e se realicen antes do 15 de novembro de 2009, como é o caso, entre outros, dos seguintes:

a) Gastos de persoal, sempre que non pertenza ao cadro de persoal da entidade solicitante. Tampouco serán xustificables gastos de persoal incluído no cadro de persoal dos centros ou puntos de información ás mulleres de calquera das entidades locais de Galicia.

b) Gastos de elaboración e difusión de materiais, tendo en conta que só serán subvencionables cando nos ditos materiais aparezan recollidas adecuadamente as identificacións da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar-Secretaría Xeral da Igualdade. Para estes efectos deberá achegarse, antes de proceder á súa difusión, unha mostra para a súa conformidade pola Secretaría Xeral da Igualdade.

c) Outros gastos directamente derivados da realización das actividades, que estean perfectamente xustificados e se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento.

2. Considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación indicado no artigo 13º desta orde.

Artigo 13º.-Xustificación.

1. A data límite para executar as actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustificar o correspondente pagamento é o 15 de novembro de 2009. Para isto a entidade beneficiaria deberá enviar á Secretaría Xeral da Igualdade a seguinte documentación:

a) Certificación de gastos realizados (anexo III), onde deberá constar a relación de facturas. Achegarase fotocopia compulsada destas, tendo que ser efectuada a compulsa por persoal funcionario habilitado. As facturas achegadas como xustificantes deberán estar referidas de forma inequívoca á entidade subvencionada e ao período que abrangue a subvención.

b) Memoria de execución da actividade que deberá contemplar, como mínimo: descrición das actuacións desenvolvidas, valoración do cumprimento dos obxectivos, valoración global da actividade e do seu impacto, publicidade e divulgación que se realizou e, se for o caso, número de persoas participantes desagregadas por sexo.

c) Mostra da totalidade do material elaborado con cargo á subvención e imputable a esta: publicacións, carteis, dípticos, material de papelaría ou outro material que publicite as accións, no cal deberá figurar o logotipo da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar-Secretaría Xeral da Igualdade. Non serán obxecto de subvención aqueles materiais que non recollan axeitadamente a anterior identificación.

d) Declaración do conxunto doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que teñan aprobadas, concedidas, ou pendentes de resolución, para a mesma finalidade, por calquera administración ou ente, público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

En caso de que a subvención se conceda para a elaboración e/ou publicación do plan de igualdade da entidade, deberase achegar unha certificación do/a secretario/a na que se especifique a data do pleno ou da comisión de goberno en que se aprobou o citado plan, así como, no suposto de publicación, un exemplar orixinal da edición realizada.

2. Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentado as correspondentes xustificacións, requirirase á entidade para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo anteriormente sinalado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, podendo ser utilizado o crédito en beneficio doutras entidades que solicitasen subvención ao abeiro desta orde.

3. Os órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar poderán solicitar as aclaracións ou informes que consideren convenientes dos medios de xustificación a que se refire o artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que a entidade beneficiaria non os remita dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.

Artigo 14º.-Obrigas das entidades locais beneficiarias.

As entidades beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, especificamente o seguinte:

1. Cumprir o obxectivo e executar as accións que fundamentan a concesión da subvención.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida.

4. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

7. Publicitar a subvención concedida durante a realización de toda actividade subvencionada, así como nos anuncios e programas previos, de ser o caso, á súa realización. Así mesmo, deberá facer constar en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar-Secretaría Xeral da Igualdade. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Igualdade proba documental do cumprimento desta obriga.

8. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Seguimento e avaliación.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, establecerá os mecanismos oportunos para o seguimento e avaliación das actividades subvencionables e, para tal fin, as entidades beneficiarias da subvención comprométense a facilitar a tarefa de seguimento.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao seu dispor para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde.

Artigo 16º.-Fiscalización e control.

A concesión das subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 17º.-Reintegro das subvencións.

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora producidos segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) A obtención da subvención falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que a tería impedido.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nesta orde.

d) Incumprimento da obriga de adoptar medidas de difusión.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ou dos compromisos asumidos con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou cando do incumprimento derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos ou o cumprimento do obxecto.

Nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que se vai desenvolver, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de demora correspondente.

O procedemento de reintegro tramitarase de acordo co establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As cantidades que deban reintegrarse terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 18º.-Modificación da subvención.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión de subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención, tal e como se establece no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19º.-Publicidade.

Segundo o artigo 15.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, o/a beneficiario/a, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención.

Por outra banda, e de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na administración pública galega, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e os importes das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude implica de forma expresa a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Finalmente, as entidades beneficiarias, coa presentación das solicitudes, autorizan a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para incluír e facer público, nos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos á axuda recibida, así como ás sancións impostas, todo isto sen perxuízo da posibilidade de exerceren os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición establecidos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión destas axudas terá como límite global o crédito consignado no orzamento da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para este fin, que é de 125.000 euros.

Segunda.-Apróbase a delegación de competencias na/o secretaria/o xeral da Igualdade ao abeiro do disposto no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións convocadas nesta orde, autorizar e dispoñer os gastos, así como o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos con relación ao disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Terceira.-As entidades beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto para esta materia na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Segunda.-Autorízase a/o secretaria/o xeral da Igualdade para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2009.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "06300D002P005.PDF"