DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Luns, 30 de marzo de 2009 Páx. 6.353

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 20 de marzo de 2009 pola que se aproba o Catálogo de medios e recursos da Comunidade Autónoma de Galicia dispoñibles para a protección civil.

A Constitución española, no seu artigo 30.4º, establece que mediante lei poderán regularse os deberes dos cidadáns nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública e, tendo en conta a magnitude dos valores que están en xogo en situacións de emerxencia, exixe pór á disposición dos servizos de protección civil os recursos humanos e materiais necesarios pertencentes a calquera administración pública, organización, empresa e incluso particulares.

Para poder actuar nestas situacións de emerxencia elabórase o Catálogo de medios e recursos da Comunidade Autónoma de Galicia, no que se recolle a información relativa a eses medios e recursos e está formado por arquivos de datos descritivos, numéricos e gráficos.

É precisamente o Catálogo de medios e recursos da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxa aprobación lle corresponde ao titular da consellería competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias por expresa habilitación do artigo 13. f) da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, o instrumento que permita coñecer, de forma rápida e concisa, os medios e recursos dispoñibles en caso de emerxencia, onde se localizan e cal é o medio para mobilizalos, ademais de ser un instrumento flexible e actualizable, que poida utilizarse no momento preciso con todas as garantías de apoio.

Por outra parte, a elaboración do Catálogo de medios e recursos, o tratamento da información así como o almacenamento e a súa seguridade axústanse ao establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, co obxecto de garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, no relativo ao tratamento dos datos persoais rexistrados en soporte físico susceptibles de tratamento, así como ao seu uso posterior.

Esta orde, de conformidade co exposto e ao abeiro do establecido no artigo 13. f) e na disposición transitoria primeira da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, ten por obxecto a aprobación e regulamentación do Catálogo de medios e recursos da Comunidade Autónoma de Galicia dispoñibles para a protección civil.

Segundo o sinalado no artigo 29.3 b) correspóndelle á Comisión Galega de Protección Civil a emisión de informe sobre os catálogos de medios e recursos.

De conformidade co Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a súa estrutura orgánica, modificada polo Decreto 291/2008, do 30 de decembro, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza é o departamento da Administración autonómica que ten atribuídas, entre outras competencias e funcións, a dirección, coordinación e execución das atribucións asumidas tales como prevención, previsión e análise de riscos, planificación da protección civil, intervención e atención das emerxencias e restablecemento dos servizos esenciais para a cidadanía afectada por unha emerxencia.

En consideración ao exposto e, en virtude das funcións atribuídas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, modificada polas leis 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo, e visto o informe favorable da Comisión Galega de Protección Civil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobación.

De conformidade co establecido no artigo 13 f) e na disposición transitoria primeira da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, apróbase o Catálogo de medios e recursos da Comunidade Autónoma de Galicia dispoñibles para a protección civil, informado favorablemente pola Comisión Galega de Protección Civil, con data do 15 de xaneiro de 2009.

Artigo 2º.-Contido do Catálogo de medios e recursos.

O contido mínimo de cada elemento do catálogo será o seguinte: código (adaptado ao catálogo nacional de medios e recursos), identificación do medio ou recurso, entidade á que pertence e datos de contacto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento da orde.

Autorízase a persoa titular do centro directivo competente en materia de protección civil para ditar as normas que resulten necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Vixencia da norma.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2009.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza