DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 27 de marzo de 2009 Páx. 6.317

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2009, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 26 de febreiro de 2009, relativa ao proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da Vía Ártabra. Treito AC-221 (polígono de Cambre)-autopista AP-9-autovía A-6. Clave AC/04/156.00.2.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, faise pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 26 de febreiro de 2009, relativa ao proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da Vía Ártabra. Treito AC-221 (polígono de Cambre)-autopista AP-9-autovía A-6, clave AC/04/156.00.2., promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2009.

Manuel Morato Miguel

Director xeral de Obras Públicas

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral

de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 26 de febreiro de 2009, relativa ao proxecto de trazado e impacto ambiental Vía Ártabra: treito AC-221 (polígono de Cambre)-autoestrada AP-9-autovía A-6, outubro 2007 (clave AC/04/156.00.2), no concello de Cambre (A Coruña), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas. Clave 2009/0007

Antecedentes.

A Dirección Xeral de Obras Públicas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 21 de febreiro de 2008, aprobou provisionalmente o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da obra: Vía Ártabra. Treito: AC-221 (polígono de Cambre)-autoestrada AP-9-autovía A-6 (clave AC/04/156.00.2), no concello de Cambre (A Coruña).

A actuación proxectada ten por obxecto enlazar o polígono de Cambre e a A-6 a través dunha autovía e dúas vías de conexión entre a Vía Ártabra, a AP-9 e Cela, desde onde se facilita a comunicación co núcleo de Cambre.

No anexo I resúmese o contido do trazado do estudo informativo e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental.

Dado que o proxecto se atopa comprendido no grupo 6.a do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2008, de 11 do xaneiro, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 2 de abril de 2008 publícase no DOG (nº 63) a Resolución do 24 de marzo de 2008, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da Vía Ártabra treito: AC-221 (polígono de Cambre)-autoestrada AP-9-autovía A-6 (clave AC/04/156.00.2) no concello de Cambre (A Coruña).

Durante este período foron presentadas alegacións por parte das asociacións, empresas e particulares, tendo en conta no condicionado desta declaración de impacto ambiental e, no que procede, as que teñen carácter ambiental.

Con data do 19 de xaneiro de 2009 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, en que se inclúen certificados de exposición, copia das alegacións presentadas no dito período e os informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Demarcación de Estradas do Estado de Galicia, Audasa, Dirección Xeral de Ferrocarrís, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Concello de Cambre e Concello de Oleiros.

Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, modificado polo Decreto 99/2007, do 24 de maio, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudo informativo e o estudo de impacto ambiental do proxecto de trazado e impacto ambiental Vía Ártabra: treito AC-221 (polígono de Cambre)-autoestrada AP-9-autovía A-6, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a actuación descrita é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano -por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo- poderá ditar para os únicos efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, sen que poida comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.

A. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese ás obras definidas no documento proxecto de trazado e impacto ambiental Vía Ártabra: treito AC-221 (polígono de Cambre)-autoestrada AP-9-autovía A-6. (Clave AC/04/159.00.2), na configuración relativa a actuación, recollida no documento nº 2: Planos-Tomo IV.

B. Condicións xerais.

B.1. Fase de redacción do proxecto construtivo.

1. Adaptarase o estudo acústico achegado no estudo de impacto ambiental ao trazado definitivo, definirase con detalle e incorporaranse ao proxecto definitivo as medidas correctoras necesarias para minimizar a afección sonora, co fin de garantir o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e nas súas posteriores modificacións, ademais, no caso de que dispoñan delas, nas ordenanzas municipais do concello afectado polo proxecto.

2. Localizaranse as zonas destinadas ás instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zonas de almacenamento de materiais e residuos, vestiarios, etc.), primando o uso dos espazos ocupados polo trazado fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.

3. Ademais de nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, habilitarase nos formigonados un sistema de recollida, condución e sedimentación de auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura desta mestura a correntes de auga. Así mesmo, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria, protexerase o solo con materiais impermeables.

4. Evitarase modificar as redes de escorregada para non influír nos ecosistemas naturais situados augas abaixo da infraestrutura. Neste marco, deberanse colocar tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo e dimensionarase axeitadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación.

Estas estruturas deberán poder ser empregadas como paso por parte da microfauna, polo que eses pasos se deseñarán co largo suficiente e de xeito que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Ademais, deben ser consideradas como pasos bidireccionais para a fauna, polo que estarán desprovistas de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, previndo que todas as especies que caian poidan saír.

5. Definiranse as medidas precisas para consolidar os noiros e terrapléns que se xerarán durante os movementos de terra. De entre as medidas posibles, seleccionaranse aquelas que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendido de mantas de fibras naturais, etc).

6. Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, evitando as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno.

7. No caso de necesitar materiais de préstamo, recorrerase sempre a actividades autorizadas para este fin, debéndose evitar, na medida do tecnicamente posible, a apertura de novas canteiras ou zonas de préstamo. Neste último caso, deberá atenderse á normativa vixente respecto disto.

Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se empreguen para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco exixentes xeotecnicamente, etc.) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

8. Programa de vixilancia ambiental.

O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudo de impacto ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Para este fin levarase a cabo o programa de vixilancia ambiental incluído no estudo de impacto ambiental, para cada unha das fases do proxecto (obras e explotación), adaptándoo aos novos condicionantes xurdidos desta DIA.

Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:

-Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, designarase un/s responsable/s desta.

-As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas e, polo tanto, deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os aspectos obxecto de control.

-A toma de mostras, analíticas e medicións deberá ser realizada por entidades homologadas e/ou acreditadas.

-Tanto os puntos de medición seleccionados como os de tomas de mostras, así como a periodicidade dos controis poderán ser revisados con base nos resultados obtidos.

B.2. Fase de replanteo.

1. Balizaranse e sinalizaranse as zonas de obra e todas as infraestructuras e instalacións proxectadas, e estará prohibido ocupar terreos fóra do previsto. Este balizamento e sinalización deberán manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, e serán retirados cando estas finalicen.

Tamén se procederá ao balizamento ou, de ser o caso, á sinalización de todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto (basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural) co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles.

Se é tecnicamente posible os tocos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.

2. No caso de que sexa necesario crear vías alternativas para a circulación dos veciños, estas estarán perfectamente indicadas e sinalizadas.

B.3. Fase de obras e explotación.

1. Levaranse a cabo as medidas recollidas no estudo de impacto ambiental para a protección da atmosfera, incluíndo nelas o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. Dada a existencia de entidades de poboación e numerosas edificacións habitadas no contorno da traza, co obxecto de minimizar as afeccións sobre estas, terase en conta:

-Garantirase o cumprimento do disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e nas súas posteriores modificacións, ademais, no caso de que dispoñan delas, nas ordenanzas municipais do Concello de Cambre.

-No deseño de voaduras, así como na planificación dos métodos de execución, incluiranse, para a súa aplicación dun xeito estrito, as medidas protectoras e correctoras necesarias para minimizar as afeccións derivadas do ruído, vibracións, mobilización de po e proxección de materiais grosos.

3. Para evitar a erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, colocaranse sistemas de disipación de enerxía (encachados de pedra, pequenos diques, etc.) nos puntos de vertedura ao medio desta rede. Así mesmo, nestes puntos débense impedir os fenómenos de asolagamento e deposición.

4. Non estando prevista a colocación de plantas de formigón nin de aglomerado asfáltico, estes procederán de planta ou plantas externas que conten coas súas correspondentes autorizacións. No caso de ser necesario implantar unha planta propia, someterase ao informe da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

5. A xestión da terra vexetal que se vaia empregar na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras, realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando de que non se produza un movemento en masa ou esvaramento do material almacenado, para o que se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento, etc).

No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegas de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica.

6. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

7. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación coa maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de ser necesarias, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais.

Así mesmo, ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etc. deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se atopen sobre o propio trazado, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser empregadas posteriormente ao remate daquelas.

8. Na execución do proxecto utilizaranse prioritariamente betumes modificados con caucho e/ou betumes mellorados con caucho procedentes de pneumáticos fóra de uso. Estas indicacións realizaranse de acordo coa disposición adicional segunda do Real decreto 1619/2005, do 30 de decembro, sobre a xestión de pneumáticos fóra de uso, que establece que as administracións públicas promoverán a utilización de materiais reciclados de pneumáticos fóra de uso e a de produtos fabricados con materiais reciclados procedentes de tales residuos sempre que cumpran as especificacións técnicas requiridas, as cales se establecen na Orde circular 21/2007, da Dirección Xeral de Estradas, sobre o uso e especificacións que deben cumprir os ligantes e mesturas bituminosas que incorporen caucho procedente de pneumáticos fóra de uso, no manual de emprego de pneumáticos fóra de uso en mesturas bituminosas, do CEDEX, así como na Orde ministerial 891/2004, do 1 de marzo, que aprobaba modificacións do prego de

prescricións técnicas xerais para obras de estradas e pontes (PG-3).

9. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, recoméndase ter retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

10. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo.

11. Os residuos xerados recolleranse e xestionaranse conforme a súa natureza e a lexislación vixente, primando a reutilización e a reciclaxe fronte á vertedura.

Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que está levando a cabo esta dirección xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etc.), sexan reciclados co fin de empregalos na propia obra. En caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado.

12. Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan empregadas na execución do proxecto, procedéndose á reparación aos deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso.

13. Non se queimarán residuos, material excedente, restos vexetais e/ou calquera tipo de resto procedente da execución das obras, salvo que se obteña o oportuno permiso.

14. Nos labores de mantemento das gabias e dos sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, e realizaranse estes labores exclusivamente por medios mecánicos e/ou manuais.

15. Tomaranse as medidas de seguranza necesarias para evitar derramamentos accidentais dos tanques de almacenamento de produtos como aceites, graxas e carburantes de motores.

16. Se durante o programa de vixilancia e seguimento ambiental se detectan impactos, imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta DIA ou na lexislación aplicable, a Dirección Xeral de Obras Públicas proporá as medidas correctoras precisas para corrixilas. De poñerse de manifesto a existencia de impactos ambientais profundos ou críticos, ese organismo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

C. Condicións específicas.

C.1. Fase previa á redacción do proxecto construtivo.

1. Evitarase a afección aos hábitats naturais de interese comunitario catalogados como tales segundo a Directiva 92/43/CEE, así como sobre calquera outro valor natural protexido, especialmente nos hábitats identificados como prioritarios.

2. Deberá presentarse ante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza un estudo de permeabilidade da infraestrutura para a fauna, localizando os corredores ecolóxicos atravesados pola estructura e lugar onde deben situarse os pasos de fauna. Atenderase na medida do posible ao establecido no libro: Ministerio de Medio Ambiente. 2006. Prescricións técnicas para o deseño de pasos de fauna e valos perimetrais. Documentos para a redución da fragmentación de hábitats causada por infraestruturas de transporte, núm. 1. O.A. Parques nacionais. Ministerio de Medio Ambiente. Madrid. Incluirá os tratamentos de adaptación necesarios para todas as estruturas previstas para o paso da fauna, incluíndo as obras de drenaxe transversal e lonxitudinal, e deberá indicar, así mesmo, que os tratamentos de adaptación de tipo vexetal deberán integrarse no proxecto de restauración e integración visual das obras.

3. Para evitar a fragmentación dos hábitats realizaranse pasos de fauna nos puntos que funcionen como corredores ecolóxicos, como son os cursos fluviais e as drenaxes transversais, entre outros.

4. Dado que o trazado da vía afectará a diversos cursos fluviais, algúns deles con presenza do hábitat prioritario 91EO* bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior e tendo en conta o interese piscícola e ecolóxico dos ríos e regos afectados, hai que resaltar que as estruturas máis respectuosas co medio nos puntos de intersección, entre cursos fluviais e infraestruturas lineais, son os viadutos e pontes, xa que respectan o leito natural dos ríos e regos. Por este motivo, deberanse utilizar estas estruturas para que non se afecten ao leito do curso fluvial nin aos desprazamentos da fauna asociada nas épocas de estiaxe debido á escasa lámina circulante ou á elevada velocidade (é o caso das estruturas tipo marco ou tubo). Ademais, para protexer a vexetación de ribeira que forma parte do ecosistema fluvial, deberanse colocar os estribos das pontes ou pilas a máis de 5 metros de cada lado do curso de auga, para facilitar o tránsito da fauna terrestre e anfibia, así como

permitir o paso aos pescadores.

5. Evitarase modificar os cursos de auga ou zonas de escorregada para non influír nos ecosistemas naturais augas abaixo da infraestrutura, dispoñendo tantos pasos de auga como valgadas existan. Por outro lado, estas drenaxes transversais dimensionaranse adecuadamente para evitar o efecto presa nas épocas de máxima precipitación. As estruturas transversais que funcionen como pasos de fauna irán revexetadas con especies autóctonas e locais para canalizar a fauna por esa zona e así conseguir diminuír o efecto barreira da infraestrutura.

6. Procurarase a integración estética ao medio das obras que se vaian executar, diminuíndo o impacto visual e paisaxístico. As superficies afectadas polas obras ou aquelas zonas que se pretendan repoboar, recuperaranse ou revexetaranse con especies autóctonas e locais da zona. Ademais, levarase a cabo o seu correspondente seguimento para conseguir o fin esperado.

7. O programa de medidas protectoras adoptadas deberá desenvolverse no proxecto construtivo, tendo en conta as seguintes condicións:

-Definición contractual das medidas correctoras.

Todas aquelas medidas correctoras, protectoras e compensatorias deberán quedar definidas a nivel executable, e incluiranse nos correspondentes plans e cronogramas de obras.

-Coordinación de medidas de integración ambiental co resto da obra. Plan de obra.

Todas as medidas correctoras, protectoras e compensatorias formuladas deben programarse dentro do plan de obra, tendo en conta:

*Que a integración ambiental non é un tema subordinado á funcionalidade da obra.

*As medidas de integración deben programarse igual que o resto das actuacións.

*En moitas ocasións prodúcense efectos sobre a fauna e a flora que poden causar graves prexuízos, e deberase propor unha solución coherente.

-Orzamento.

Todas as medidas de integración ambiental irán orzamentadas, da mesma forma que o conxunto do proxecto.

-Criterios para o seguimento das medidas.

Deben establecerse os custos e as medidas de xestión correspondente.

Unha vez redactado o proxecto construtivo, e máis concretamente as solucións adoptadas para o franqueo dos cursos fluviais, someterase a informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

8. Como consecuencia do cambio no uso do solo da actuación seleccionada, deberanse realizar estudos hidrolóxico-hidráulicos para determinar a nova escorregada producida e os caudais de choiva xerados, co fin de evitar aumento en áreas inundables e a sobreelevación das augas na corrente receptora. En ambos os casos, a sobreelevación non poderá ser superior a 10 cm e dimensionaranse adecuadamente tanques de tormenta, se fosen necesarios, que absorban estas sobreelevacións.

9. Tomaranse todas as medidas necesarias para evitar afeccións ao dominio público hidráulico e as súas zonas de servidume e policía, construíndo cunetas receptoras e balsas de decantación deseñadas para absorber a auga de escorregada con sólidos en suspensión antes de chegar aos leitos, facendo o mantemento da maquinaria en lugares adecuados, deseñando as obras de drenaxe acorde coa lexislación en materia de augas, protección de vexetación de ribeira, revexetación do terreo descuberto, etc.

10. Deberase solicitar ao organismo Augas de Galicia a preceptiva autorización para a corta de árbores, execución de obras e captacións de augas que afectan o dominio público hidráulico e ás súa s zonas de servidume e policía, previamente ao inicio de toda actividade.

11. Fixaranse as zonas onde se localizarán as instalacións auxiliares, zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, viarios de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros, para a súa consideración na prospección arqueolóxica intensiva que se deberá realizar nesta fase.

12. Atendendo ao patrimonio arquitectónico e etnográfico, proxectarase a construción dun muro no límite da futura ampliación da autoestrada substituíndo o noiro existente, de xeito que non se amplíe a ocupación actual. Dada a existencia de determinada vexetación que fai a función de barreira entre o pazo e a autoestrada, é importante que non desapareza; esta medida deberá preverse na execución do muro e, no caso de ter que eliminar parte da existente, deberá restituírse no límite ao longo do camiño.

13. Atendendo ao patrimonio arqueolóxico terase en conta o seguinte:

-Respecto ao elemento o Castrillón (GA 15017007).

Realizarase un control e seguimento arqueolóxico intensivo dos traballos de retirada de vexetación, e remocións de terra que se leven a cabo entre os p.k. 2+700 e 3+100. Así e todo, deberá levarse a cabo un control da retirada da vexetación no treito comprendido entre os p.k. 2+700 e 3+100, e a posterior realización dunha prospección arqueolóxica nesa zona.

-Respecto ao Castro de Xoxa (GA 15017002).

Considerase que o trazado está xustificado posto que combina o respecto á área de protección integral do elemento coa inserción dunha complexa infraestrutura nunha área cun enorme grao de consolidación urbanística.

Dada a escasa distancia á que discorrerá o trazado do ámbito de protección integral, non se pode descartar a presenza de restos vinculados ao xacemento que non foran documentados polo momento, que se poderían ver afectados directamente polas obras de construción.

O trazado de referencia discorrerá en trincheira e sobre recheo nas inmediacións do Castro Xoxa, o que implicará unha afección directa durante a fase de obras sobre o seu contorno inmediato.

As obras previstas implicarán, así mesmo, a construción dunha infraestrutura de grandes dimensións a escasos metros do xacemento. Ademais do impacto visual que se xera, calquera tipo de obra de ampliación da infraestrutura nun futuro, ou complementaria desta, implicará novas afeccións.

Levaranse a cabo as seguintes medidas correctoras:

-Sinalización do elemento na planimetría da obra.

-Realización dunha serie de sondaxes arqueolóxicas avaliativas no espazo comprendido entre os p.k. 4+040 e 4+650 do trazado de referencia.

Dado que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable sobre o proxecto obxecto desta DIA, a excepción do treito comprendido entre os p.k. 3+900 e o enlace polígono industrial, nas inmediacións do Castro de Xoxa (GA 15017002), cómpre levar a cabo as seguintes medidas:

-Control e seguimento intensivo da retirada de vexetación no treito comprendido entre os p.k. 4+040 e 4+650, e unha posterior prospección arqueolóxica desa zona.

-Documentación gráfica (incluído levantamento topográfico), e fotográfica do xacemento (incluída fotografía aérea), do seu contorno, e do ámbito de afección das obras.

-Sondaxes arqueolóxicas avaliativas no treito do p.k. referido.

En función dos resultados destes traballos, avaliarase a necesidade de establecer as medidas protectoras e correctoras máis oportunas.

14. Ademais, deberán terse en conta as seguintes consideracións de carácter xenérico:

-A totalidade dos elementos do patrimonio cultural documentados deberán figurar na cartografía de obra, para coñecemento dos seus responsables, así como os seus ámbitos de protección. Estes ámbitos serán zonas permanentemente libres de actividade relacionada coa obra (instalacións de calquera tipo, amoreamentos ou depósitos de terras materiais).

-Establecerase como medida correctora de carácter xenérico a consistente na realización dun control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, co fin de evitar calquera afección sobre xacementos arqueolóxicos non detectados durante os traballos de prospección, ou que polas súas características son imperceptibles a simple vista. Ademais, deberá levarse a cabo un control e seguimento sobre as medidas cautelares de protección dos restantes elementos do patrimonio cultural.

Co fin de garantir a conservación do patrimonio cultural e o correcto desenvolvemento dos traballos de control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, co fin de evitar calquera afección sobre xacementos arqueolóxicos non detectados durante os traballos de prospección, ou que polas súas características son imperceptibles.

C.2. Fase de redacción do proxecto construtivo.

1. Os movementos de terras próximos aos leitos contarán con balsas de decantación para evitar que as choivas arrastren sólidos en suspensión que contaminen as augas continentais. Así, as augas susceptibles de ser afectadas polos labores da execución da obra cumprirán, en todo momento (incluso na época de estiaxe), o preceptuado no artigo 80 sobre calidade mínima exixible ás augas continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais).

2. Deberase presentar ante Augas de Galicia un estudo sobre os efectos das infraestruturas hidráulicas, analizando con especial detalle as posibles alteracións derivadas da modificación do caudal circulante sobre o ecosistema fluvial ou os cambios que se puideran producir nas características físico-químicas das augas.

3. Todas as áreas contiguas aos eixes hídricos deben considerarse como zonas de non afección, cumprindo en todo momento o establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial e no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. En relación con isto, todos os traballos que puidesen afectar os cursos fluviais deberán ser executados en período de estiaxe para minimizar o impacto sobre os seus ecosistemas.

4. Extrémanse as precaucións na execución das obras nas zonas de afección á rede hidrolóxica, adoptando as medidas protectoras e correctoras sinaladas no estudo de impacto ambiental necesarias para a súa preservación.

5. Todas as augas que saian das zonas de instalacións de obra se derivarán e se someterán a un sistema de desbaste e decantación de sólidos.

6. Durante a fase de movementos de terras necesarios para aterraplenar os viarios terase especial coidado de que non cheguen achegas de materiais ás correntes de auga, por pequenas que estas sexan. Para iso, implementaranse redes de recollida e tratamento de augas de escorregada dotadas de decantadores nas zonas de movementos de terras próximas aos leitos.

7. O trazado podería afectar a permeabilidade territorial dalgunhas zonas e algunhas fontes e/ou captacións de auga existentes. Neste sentido, terase en conta que:

-Deberán manterse os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras fose preciso cortar o paso dalgunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

-Estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais existentes, no que se refire ás fontes e/ou captacións que se poidan ver afectadas.

8. Incorporaranse ao deseño do proxecto todas aquelas prescricións que deriven dos informes que emitan as direccións xerais de Conservación da Natureza, Augas de Galicia e Patrimonio Cultural respecto da documentación resultante das condicións da alínea C.1 desta DIA.

9. No deseño das pantallas acústicas incorporarase todas as medidas correctoras e protectoras necesarias para evitar que se produzan colisións da avifauna contra elas.

10. Os traballos que puidesen prexudicar á fauna na súa época de cría, faranse fóra dela. No caso de que non sexa posible, iniciaranse antes do período máis sensible, evitando así que a afección se produza sobre animais en reprodución.

11. Preverase a construción de ramplas de escape das drenaxes perimetrais e foxos que permitan a saída de animais que poidan caer dentro.

12. Redactarase un proxecto de integración paisaxística en que se desenvolvan detalladamente os labores de revexetación descritos no estudo de impacto ambiental do proxecto trazado e impacto ambiental da Vía Ártabra: treito AC-221 (polígono de Cambre)-autoestrada AP-9-autovía A-6. Clave (AC/04/156.00.2). Así, neste proxecto definiranse os traballos segundo as diferentes zonas que se vaian revexetar (noiros en desmonte e terrapléns, ribeiras dos leitos fluviais afectados, contorno das embocaduras dos pasos da fauna instalacións e vías auxiliares, etc). Considerarase o indicado neste marco polo estudo de fauna a que se refire a condición C1.2 e C1.3 desta DIA.

Asemade, no que respecta ás especies que se empregarán na revexetación, atenderase ao disposto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa dos incendios forestais de Galicia, no referente á limitación e ao uso de especies. Incluiranse arbustos e árbores autóctonas da zona afectada, sobre todo no que se refire á vexetación de ribeira dos cursos fluviais afectados polo trazado, sempre que esta se vexa afectada, e co fin de protexer o ecosistema e de mellorar a integración paisaxística da actuación.

13. O proxecto de construción definitivo deberá ser remitido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o seu informe, en que se deberán incluír os resultados do estudo específico de avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural, así como un plan global de medidas protectoras e correctoras para a protección e conservación dos diferentes elementos do patrimonio arqueolóxico. Este plan deberá prever a necesidade de levar a cabo, como medida xenérica, un control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, para o que será necesaria a presentación dun proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, na fase previa ao inicio da obras.

Todas as actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tal e como se estipula no artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O deseño dos proxectos, así como a súa execución, desenvolveranse en coordinación coa citada dirección xeral.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, de ser necesario, decidirase sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo serán revisados os impactos e será avaliada a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

En virtude da citada Lei 8/1995, os traballos arqueolóxicos faranse con cargo ao financiamento do proxecto.

14. Na documentación avaliada faise referencia á existencia de sobrantes dos movementos de terras. Con respecto a isto, seleccionaranse, utilizando criterios ecolóxicos, as zonas onde se realizará o depósito, tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno. Previamente ao depósito destes sobrantes, contarase, de ser o caso, cos correspondentes permisos.

15. O cruzamento dos cursos de auga deberá realizarse preferentemente mediante estruturas que, presentando a capacidade hidráulica precisa para o desaugamento de avenidas extraordinarias, non alteren o leito fluvial. Os estribos e zapatas deberán estar situados a unha distancia mínima desde o bordo do curso.

As citadas estruturas deberán presentar trazado perpendicular á dirección do fluxo, sen que a súa construción poida representar alteracións nela.

16. Adoptaranse as medidas que garantan a estabilización de forma adecuada dos recheos e solos alterados, evitando a súa erosión e posible arrastre de materiais que se poidan incorporar aos cursos de auga.

17. Respectaranse as áreas vertentes ás valgadas, sen que se produzan incorporacións de auga de cursos naturais ou por recepción de augas pluviais que causen sobreelevacións significativas na corrente receptora.

18. Deberase obter a preceptiva autorización de Augas de Galicia para a execución das obras en zonas de dominio público hidráulico ou de policía, as construcións, cortas e plantacións ou calquera outro uso ou actividade que supoñan un obstáculo para a corrente en réxime de avenidas ou poidan ser causa de degradación ou deterioración do dominio público hidráulico.

En xeral, para o cálculo e deseño das obras de fábrica proxectadas, e debido á realización de obras en dominio público hidráulico, deberase considerar a normativa incluída na Lei de augas (texto refundido aprobado polo R.D.L. 1/2001, do 20 de xullo), o Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/86, do 11 de abril (modificado polo Real decreto 606/2003, do 23 de maio), e as normas incluídas no Plan Hidrolóxico Norte I (Real decreto 1664/1998, do 24 de xullo).

19. Ademais do indicado no punto B 1.8, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír especificamente o seguinte:

Plan de control da calidade da auga dos cursos fluviais afectados polas obras, indicando metodoloxía, periodicidade e límites para impoñer aos diferentes parámetros, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona dos cursos fluviais afectados. Considérase que, como mínimo, os parámetros que se deben analizar son os seguintes: temperatura, materias en suspensión, pH, oxíxeno disolto, condutividade, aceites e produtos lubricantes.

Estes controis deberán permitir coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos de calidade indicados no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación de pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación da estrada, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites que impoñer, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

Medidas de prevención e minimización de afeccións en fase de obras, en referencia aos resultados do estudo sobre presenza no territorio afectado de especies protexidas e singulares da flora e fauna a que se refire a condición C.1.2 desta DIA. O Servizo Provincial de Conservación da Natureza determinara os procedementos que se debería seguir en caso de posibles encontros con especies protexidas durante a execución das obras.

Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación, de xeito que cumpra a súa función dun xeito efectivo.

En todos os casos situaranse os puntos de control propostos nun plano a escala 1:5.000 ou con maior detalle.

C.3. Fase de replanteo.

1. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestructuras proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico; polo tanto, procederase ao balizamento ou sinalización adecuada dos tramos dos diferentes cursos de auga afectados polas obras, limitándose o seu acceso soamente para os casos en que sexa imprescindible para a realización das obras da estrutura de drenaxe de paso dos citados cursos de auga.

2. Independentemente dos resultados, e toda vez que o trazado proxectado discorrerá a poucos metros do ámbito de protección legal do Castro de Xoxa, na fase de replanteo deberá axustarse o trazado, de tal forma que se distancie o máximo posible do xacemento. A proposta de axustes que se efectúe terá que ser remitida á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o seu informe.

3. Todos os elementos patrimoniais recollidos e os seus contornos de protección deberán figurar nos planos de obra, incluído o propio trazado. Estes elementos e o seu contorno deberán sinalizarse na fase previa ao inicio das obras.

C.4. Fase de obras.

1. No caso de detectarse calquera tipo de evidencia de carácter arqueolóxico no transcurso da realización das obras de construción, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente, decidirá a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras necesarias.

2. Deberá informarse o equipo de control e seguimento arqueolóxico de calquera cambio na localización ou características das zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, vías de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros. No caso de que puidesen afectar o patrimonio cultural, esta circunstancia deberá comunicarse á dirección xeral coa maior brevidade posible.

3. Todas as actuacións deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O deseño dos proxectos así como a súa execución desenvolveranse en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

4. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha das fases de obra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, de ser necesario, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replánteo serán revisados os impactos e avaliada a aplicación das correspondentes medidas protectoras e correctoras.

5. De acordo co establecido no artigo 11 Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, deberá terse en conta que nun prazo máximo de 6 meses, os arqueólogos directores das intervencións que se leven a cabo deberán presentar as memorias técnicas correspondentes, nas cales o arqueólogo director das intervencións arqueolóxicas deberá presentar a memoria técnica que reflicta o proceso de traballo seguido, así como copia de acta de depósito dos materiais arqueolóxicos, o seu inventario e demais documentación complementaria.

6. Calquera modificación do proxecto de trazado de impacto ambiental. Vía Ártabra: treito AC-221 (polígono de Cambre)-autoestrada AP-9, autovía A-6, deberá ser comunicada, coa maior brevidade posible, a esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

7. Durante a construción deberanse respectar os elementos característicos asociados a camiños tradicionais, peches, fontes, vexetación, lousados ou canles nas marxes, en canto que este uso poida afectar a eses elementos, ás dimensións do camiño ou ás construción tradicionais situadas nas súas inmediacións.

8. Previamente ao comezo das obras e con suficiente antelación deberá comunicarse a data de inicio ao Servizo de Conservación da Natureza.

9. Previamente a calquera afección ao dominio público (corta de árbores, execución de obras e captacións de augas), zona de servidume ou policía, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.

10. No suposto de que por causas imprevistas se producisen danos nos ecosistemas, en especial nos fluviais, tomaranse as medidas precisas para paliar os impactos, comunicándoo previamente ao Servizo Provincial de Conservación da Natureza correspondente.

11. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística definidos no proxecto a que se fai referencia no punto C.2.12 desta DIA, vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.

12. No caso de que se produza calquera afección sobre os valores naturais da zona, tomaranse inmediatamente as medidas adecuadas para paliar esa afección, e será o Servizo Provincial de Conservación da Natureza quen decidirá sobre a conveniencia da solución que se debe adoptar, así como as actuacións precisas ou as medidas compensatorias adecuadas para corrixir os efectos producidos.

13. En referencia ás zonas que se vaian utilizar para o depósito dos sobrantes dos movementos de terras, deberase presentar ante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental unha memoria resumo para cada unha das zonas de recheo propostas, en que se indique o seu estado final.

No caso de utilizar outros depósitos diferentes aos propostos no presente estudo, estes deberan someterse ao informe da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

14. A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado nos puntos B.1.8 e C.2.19 desta DIA. Para esta fase deberán elaborarse os seguintes informes, cos contidos mínimos que se sinalan:

a) Trimestralmente:

-Cronograma actualizado das obras.

-Representación nun plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman.

-Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicaranse a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

-Resultados do control da calidade das augas superficiais e do plan de seguimento dos ruídos producidos polas obras, incluíndo no primeiro informe trimestral medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas.

-Neste informe indicaranse as variacións producidas con respecto ao proxectado.

b) Antes da emisión da acta de recepción:

-Memoria-resumo sobre o seguimento ambiental realizado, en que quede constancia das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do disposto nesta DIA.

-Informe, de ser o caso, das variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado.

-Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, e deberán ir acompañadas dun plano de localización.

-Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

C.5. Fase de explotación.

A Dirección Xeral de Obras Públicas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado nos puntos B.1.8 e C.2.19 desta DIA, e elaborará anualmente un informe do seguimento ambiental realizado, que inclúa:

-Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental.

-Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data, hora e localización dos puntos da toma das fotografías nun plano.

-Resultados do plan de seguimento dos ruídos producidos pola explotación da infraestrutura.

-Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.

Cómpre indicar que, como norma xeral, toda a documentación requirida nesta DIA (estudos, programas, reportaxes, proxectos, etc), deberá ser presentada en formato papel e formato dixital (CD).

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2009. Salvador J. García García. Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO I

Resumo da actuación descrita na documentación avaliada

O trazado presentado apóiase no definido no Estudo de alternativas do trazado da Vía Ártabra. Tramo polígono de Cambre-autovía A-6 (concello de Cambre), que recolle o trazado das alternativas 3.1, 3.2 e a vía de acceso a Cela, que constitúen o eixe aprobado polo Pleno do Concello de Cambre.

Este trazado foi axustado posteriormente ao estudo a nivel de detalle do proxecto de trazado realizado, polo que, aínda que se mantén a orientación xeral do trazado, se implantaron diversas modificacións, as máis significativas son:

-Modificación da sección tipo do tronco da Vía Ártabra. O estudo de alternativas propoñía unha vía de dous carrís e, en coherencia coa sección do tramo anterior e á vista dos resultados do estudo de tráfico, considerouse necesario deseñar a vía como autovía.

-Considerouse necesario, dada a entidade da vía e o seu tráfico previsto, darlle continuidade á vía en toda a súa lonxitude, polo que non se interrompe cunha glorieta a nivel baixo a AP-9, como se propoñía no estudo de alternativas.

-Como se expón no punto anterior, modificouse o enlace coa AP-9 para permitir dar continuidade ao tronco da Vía Ártabra e facilitar a implantación dunha área de peaxe que canalice o acceso á autoestrada AP-9.

-Co fin de manter as distancias entre enlace especificadas na norma de trazado 3.1-IC eliminouse o enlace do Coído, previsto no estudo de alternativas, e unificouse cos enlaces coa AP-9 e coa denominada vía 10 de tramo contiguo (conexión polígono de Cambre-AC-221).

-Debido á redefinición do enlace coa AP-9 co polígono de Cambre e a AC-221, modifícase a prevista vía 10 do proxecto de trazado anterior, substituído pola vía de conexión polígono de Cambre-AP-9.

Coordinación co treito Lorbé-AC 221.

Respecto da coordinación do trazado proxectado co treito xa aprobado Proxecto de trazado e impacto ambiental da obra: Vía Ártabra, treito: Lorbé-AC-221 (polígono de Cambre), cabe indicar que se mantén a xeometría do tronco en planta e alzado e, en troques é anulado o enlace previsto coa denominada vía 10 e o trazado desta vía. Serán substituídos polo novo enlace polígono de Cambre-AP-9, definidos neste proxecto. A modificación é debida á definición final do enlace coa AP-9, cuxa conexión coa Vía Ártabra xa prevé a unión desta coa AC-221.

Trazado da actuación:

O tipo de vía para o que se proxectará este tramo de Vía Ártabra é autovía, tendo en conta a captación de tráfico esperada. Polo tanto, definiuse unha estrada de calzadas separadas, partindo de parámetros xeométricos adecuados para unha AV-100. O criterio principal con que se axustou o trazado foi a minimización do impacto tanto ambiental como de afección ás propiedades existentes.

O esquema do trazado consta dun tronco de autovía entre o polígono de Cambre e a A-6 e dúas vías de conexión entre a Vía Ártabra, a AP-9 e Cela (desde onde se facilita a comunicación co núcleo de Cambre). En total, establécense 5 enlaces.

A orixe do tronco da Vía Ártabra sitúase no enlace coa autovía A-6 (enlace de Vigo). Este enlace presenta a tipoloxía de enlace con glorieta inferior, cunha glorieta de 112 metros de diámetro interior. A glorieta sitúase baixo o tronco da autovía, de forma que o seu trazado aproveita o paso inferior existente na CP-1704. Proxéctase un novo paso inferior baixo a A-6, necesario para a implantación da rotonda.

O primeiro tramo da Vía Ártabra parte cun raio 400 m, lixeiramente inferior ao mínimo establecido para velocidade de 100 km/h en autovía, pero suficiente dada a proximidade da glorieta do enlace. Descende cunha pendente do 5% cara ao val do río Brexa, onde se sitúa o viaduto do Brexa, de 342 m de lonxitude.

O tronco mantense en terraplén ata o p.k. 0+880, desde onde se ascende nun curto tramo ao 4% para pasar baixo a estrada CP-0102 (p.k. 1+120). A partir de aquí, axústase o trazado e a rasante de forma que se evita a afección directa ás vivendas próximas ao núcleo de Peiraio. Colocarase un muro na marxe dereita entre o p.k. 1+620 e o 1+640 (muro 1).

No p.k. 2+340 atópase o enlace de Peiraio, onde se resolve a conexión entre o tronco da Vía Ártabra e a vía Cela-Peiraio, nova vía que comunica a Vía Ártabra co contorno do núcleo de Cambre. A vía Cela-Peiraio presenta unha sección tipo 7/10 e unha lonxitude total de 1.109 metros, e funcionará como conexión entre a Vía Ártabra e a estrada CP-1706 á altura de Cela, onde se implanta unha glorieta. O paso do tronco da autovía sobre a vía de conexión resólvese mediante un paso inferior, definíndose un enlace tipo trompeta.

A continuación, sitúase o viaduto do Mero, entre os p.k. 2+432 e o 2+730 (298 m). Este mesmo viaduto é o que permite o paso sobre a vía de ferrocarril A Coruña-Betanzos, que se produce no p.k. 2+700. O río Mero foi obxecto dunha actuación recente realizada pola Confederación Hidrográfica do Norte denominada Acondicionamento hidráulico do río Mero entre a presa de Cecebre e a súa desembocadura na ría do Burgo (A Coruña), que foi tido en conta neste proxecto, respectando a canle do río na definición do viaduto e prevendo a modificación puntual dunha marxe do paseo fluvial construído na mencionada actuación. O viaduto presenta unha sección variable debido á interferencia cos ramais do enlace de Peiraio.

Tras un tramo de recta que se prolonga ata o p.k. 3+200, e mantendo unha pendente ascendente do 5%, o trazado axústase novamente para reducir ao máximo a afección ás vivendas próximas ao paso baixo a autoestrada AP-9 na zona de Catro Camiños (considérase a expropiación dunha vivenda no p.k. 3+500). O tronco cruza a estrada AC-221 no p.k. 3+760, reposta mediante un paso superior, e no p.k. 3+870 sitúase o paso inferior baixo a autoestrada AP-9, resolto mediante un procedemento de fincado que permita reducir ao máximo o tempo de interferencia da obra co tráfico actual da autoestrada.

Á saída deste paso, localízase un tramo complexo en que atravesa unha zona de abundantes edificacións, ao que se suma o cruzamento do río Gándara e a proximidade do Castro de Xoxa. O trazado evita a afección á área de protección integral do castro pero supón a expropiación de 4 vivendas no tramo comprendido entre os p.k. 4+000 e 4+500. O cruzamento do río Gándara suporá a necesidade de efectuar un encauzamento deste. Neste tramo situarase a reposición da estrada AC-214, mediante un paso superior.

Aproximadamente no p.k. 4+800 sitúase o enlace co que se conecta a Vía Ártabra co polígono de Cambre e a autoestrada AP-9 (enlace polígono industrial) mediante a denominada vía polígono de Cambre-AP-9. O enlace presenta unha tipoloxía de glorieta inferior, baixo un viaduto de 114 m e cunha glorieta de 78 metros de diámetro interior. O trazado continúa ata o p.k. 5+500, onde se sitúa a conexión co tramo de Vía Ártabra Lorbé-AC-221.

A vía polígono de Cambre-AP-9 resolve a totalidade de movementos de tráfico entre a Vía Ártabra, a AP-9 e o polígono industrial de Cambre, cunha sección 7/10 ampliada a 4 carrís no seu tramo final, que conclúe na área de peaxe que antecede ao enlace coa AP-9. A súa orixe sitúase na glorieta 1 do polígono de Cambre e no p.k. 0+100 atópase unha intersección cunha vía local, que se resolve mediante a denominada glorieta 2. O enlace coa Vía Ártabra (enlace polígono industrial) atópase no p.k. 0+640 desta vía.

Entre a Vía Ártabra e a AC-221 o trazado da vía superponse á canle do Rego das Folgueiras, que debe ser canalizado pola marxe dereita, xa que pola esquerda se sitúa o actual gasoduto A Coruña-Betanzos.

Sitúase o cruzamento coa AC-221 no p.k. 1+080, onde se sitúa o enlace AC-221, con tipoloxía de glorieta inferior, con glorieta de diámetro interior 58 m superada por un viaduto de 99 m de lonxitude. No p.k. 1+550 da vía alárgase a plataforma, de forma que se xera unha superficie onde se situará a área de peaxe previa ao acceso á AP-9. Esta superficie prolongarase ata o p.k. final, resultando a lonxitude total da vía 1717,90 metros. A área de peaxe presenta unhas dimensións de 100×84 m, con dous tramos de 30 m nos seus extremos de transición ata obter a sección da vía. Procurouse afastar no posible esta área do espazo contiguo á canle do río Gándara, protexido polas normas subsidiarias de planeamento municipal. Esta área de peaxe está pensada para canalizar os tráficos en dirección á Coruña, xa que os traxectos cara a Santiago se manteñen co seu cobramento na peaxe de Guísamo, como ata o de agora. Na fase de proxecto de construción definirase o equipamento da área de peaxe e a

canalización do tráfico no interior da área.

A continuación da área de peaxe áchase o enlace que permite a conexión entre a vía polígono de Cambre-AP-9 e a autoestrada (enlace da Gándara), deseñado cunha tipoloxía de trompeta. O trazado dos ramais deste enlace proxectouse considerando a futura sección ampliada da AP-9 cun terceiro carril en cada sentido, para o que se supuxo unha sección de 3 carrís de 3,5 m, lixeiramente inferior aos actuais de 3,75 m. A construción dos carrís de aceleración e deceleración suporá a ampliación dun paso superior e outro inferior na AP-9 e a necesidade de definir un muro (muro 2) para protexer as vivendas da marxe dereita da autoestrada.

O paso baixo a AP-9 proxectado no enlace resolverase mediante o sistema de caixón fincado, do mesmo xeito que nos casos anteriores de cruzamento baixo a AP-9 e A-6.

Xa que logo, preséntase unha rasante máxima do 5% no tronco da Vía Ártabra, cun raio mínimo de 450 m (excepcionalmente 400 m na orixe do trazado). Na vía polígono de Cambre-AP-9, a pendente máxima será do 5,3%, cun raio mínimo de 300 m. No caso da vía Cela-Peiraio, as pendentes limitáronse a un máximo do 5,5%, unicamente excedido no tramo final onde o enlace cos ramais do enlace de Peiraio exixen un 8%. O raio mínimo neste caso será de 190 m.

As pendentes máximas con que se proxectaron os ramais de enlace son do 8%.

No tramo de proxecto e ao longo do trazado da futura autovía deuse continuidade ás estradas e camiños afectados. O largo da plataforma destes camiños varía segundo a súa categoría. Ao tratarse dunha estrada con control de accesos, todos os cruzamentos de vías existentes se proxectaron a distinto nivel mediante unha serie de pasos superiores e inferiores.

Descrición do medio.

O ámbito de estudo está situado no cuadrante noroeste da provincia da Coruña e encadrado na área metropolitana da Coruña, concretamente no municipio de Cambre.

Cambre limita cos municipios de Oleiros ao norte, Carral polo sur, Sada, Bergondo e Abegondo polo leste e polo noroeste con Culleredo.

A área de proxecto atópase enmarcada na comarca das Mariñas, onde a densidade de poboación triplica a do resto da comunidade galega, concretamente na parte inferior da zona sur, constituída principalmente por vales formados por treitos fluviais.

Non se atopan espazos naturais nin hábitats afectados directamente polas alternativas; porén, nas súas proximidades atópase o LIC. Es1110004 Encoro de Abegondo-Cecebre, e as zonas húmidas: 1110235 Salgueirais de Cecebre e 111026 Presa de Cecebre.

Desde o punto de vista hidrolóxico, a zona de estudo pertence á vertente do Arco Ártabro, conformado pola bacía do río Mero, e os ríos Grande, Xuvia, Eume e Mandeo.

Como formacións vexetais inventariadas no territorio de referencia ocúpano vexetación de ribeira, prados, vexetación hidrófila asociada ao curso de auga, masa forestal formada por bosque mixto e por formacións relacionadas á repoboación forestal. Deixando a un lado as formacións arborizadas, o resto de formacións vexetais están representadas por un mosaico agrario diverso formado por hortas dedicadas ao autoconsumo e a produción de pataca e cereal.

ANEXO II

Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas

no estudo de impacto ambiental

Medidas protectoras.

Protección da atmosfera.

Protección contra a emisión de gases e po.

-Respecto á contaminación da atmosfera pola emisión de gases de combustión, vixiarase que a maquinaria cumpra coa normativa vixente respecto ás emisións de gases. Así mesmo, controlaranse os seus prazos de revisión das (ITV). Antes do comezo das obras, todos os vehículos e maquinaria que se vaian empregar garantirán, mediante as revisións pertinentes, os seguintes aspectos: correcto axuste dos motores, adecuación da potencia da maquinaria ao traballo que se vaia desenvolver, emprego de catalizadores, estado correcto dos tubos de escape.

-Estará terminantemente prohibida a queima de residuos, materiais excedentes, restos vexetais ou calquera outro tipo de material procedente das obras, non autorizada pola dirección de obra.

Protección contra a emisión de ruído e xeración de vibracións.

-Seleccionaranse os procedementos construtivos e das máquinas, tendo en conta o nivel de ruído emitido.

-Non se realizará ningunha acción de proxecto en período nocturno, a non ser que sexa estritamente necesario e sempre baixo a autorización da dirección de obra.

Medidas protectoras sobre a xeoloxía e a xeomorfoloxía.

Medidas protectoras sobre o solo.

-Os labores de mantemento de maquinaria non apta para circular por estrada realizaranse dentro da zona habilitada para iso, dispoñendo dos medios necesarios para evitar calquera afección ó solo por derrames accidentais. De calquera modo, no caso de maquinaria apta para circular por estrada, os mantementos deberán facerse en talleres autorizados.

-Durante a fase de construción, sinalarase debidamente os límites de afección establecidos, e axustarase a circulación da maquinaria ao devandito espazo.

Medidas protectoras sobre as augas.

-Queda totalmente prohibida a acumulación de terras, entullos, materiais e substancias na zona de servidume das canles fluviais presentes no ámbito das obras, nin interferindo a rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorregada superficial, choivas e enchentes do caudal.

-Ademais, para protexer as augas subterráneas fronte as verteduras accidentais en superficie, as instalacións auxiliares instalaranse lonxe das zonas máis sensibles, en zonas impermeables e de escaso valor ecolóxico.

-Prohibirase derramar aos leitos, especialmente nos ríos Mero e Brexa, restos de formigón ou cemento, ou lavar materiais ou ferramentas que estivesen en contacto con eles, ou cambios de aceite da maquinaria, así como calquera outra substancia.

-En relación aos viadutos do río Mero e do río Brexa, non se amoreará no leito e nas marxes dos ríos, deixando como mínimo 5 metros entre as marxes e as zapatas dos estribos.

Medidas protectoras sobre as formacións vexetais.

-Ao inicio da obra planificaranse os movementos da maquinaria e vehículos da obra, limitándose estes a camiños existentes, ou os de nova creación estritamente necesarios.

-En relación, concretamente, coa vexetación de ribeira dos ríos Brexa, Gándara e Mero, recoméndase durante a execución das obras, axustar as operacións ao espacio estritamente necesario para a implantación dos elementos de drenaxe, prohibíndose xenericamente a disposición de materiais residuais e de forma especifica, que se leve a cabo en valgadas e fondos de val.

Medidas protectoras sobre a fauna.

-No caso de voaduras, estas realizaranse fóra das horas de maior actividade das aves, que normalmente corresponden coas primeiras e últimas horas do día, e se é posible, levaranse a cabo fóra dos meses de reprodución da maioría das especies (abril-xullo).

Medidas protectoras sobre a paisaxe.

-Evitarase o refino excesivo da superficie, xa que constitúe un inconveniente para a súa posterior colonización vexetal.

-Nos desmontes escavados en rocha deixaranse formas irregulares que mostren morfoloxías similares ás existentes no estado natural do solo.

Medidas protectoras sobre o medio socioeconómico.

-No desenvolvemento dos traballos deberase favorecer no posible a utilización de man de obra local.

Medidas correctoras.

Corrección da afección polo ruído.

No presente estudo proponse a instalación de pantallas acústicas no puntos onde se superen os límites de inmisión sonora establecidos pola lexislación vixente e, como consecuencia, o establecemento de pantallas acústicas para minimizar o impacto.

Medidas correctoras sobre a fauna.

As medidas correctoras adoptadas refírense fundamentalmente á necesidade da permeabilidade transversal, o que se resolve mediante a adecuación das obras de drenaxe transversal.

Medidas correctoras sobre a paisaxe.

En fase de proxecto construtivo, deberase desenvolver un proxecto de restauración e integración paisaxística da obra, para reducir ou eliminar os impactos que se producirán sobre a vexetación, a paisaxe e a erosión dos solos.

Revexetarase toda a zona que resulte danada como consecuencia da execución da obra, evitando a aparición dun impacto paisaxístico, ademais de procesos de erosión superficial.

Medidas correctoras sobre o patrimonio cultural.

Co obxecto de minimizar as afeccións aos elementos patrimoniais presentes no contorno do proxecto, realizaranse sondaxes mixtas e manuais no Castrillón e Castro de Xoxa.

Realizarase un seguimento arqueolóxico na fase de obras durante os traballos de remoción de terras, levada a cabo por un equipo técnico, que será o responsable de vixiar que non haxa afección aos elementos inventariados e que decidirá as medidas que tomar no caso dalgún descubrimento.