DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 27 de marzo de 2009 Páx. 6.304

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2009 de aprobación definitiva do proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos afectados pola execución do parque empresarial das Gándaras, no concello de Lugo.

Antecedentes.

1. Con data do 22 de xaneiro de 2004, o Consello da Xunta de Galicia declarou de incidencia supramunicipal o Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia e, con data do 27 de maio de 2004 , adoptou o acordo polo que se aproba definitivamente este plan sectorial, que prevé 39 parques empresariais en toda a comunidade entre eles o parque empresarial das Gándaras, no concello de Lugo.

2. O proxecto sectorial do parque empresarial As Gándaras de Lugo foi formulado por Xestur Lugo S.A., e aprobado definitivamente por acordo do Consello da Xunta de Galicia o 15 de febreiro de 2007, publicado por resolución do Instituto Galego de Vivenda e Solo no DOG nº 42, do 28 de febreiro de 2007, para os efectos do establecido pola Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e polo Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal. Este proxecto determina como sistema de actuación o de expropiación.

3. O parque empresarial As Gándaras de Lugo inclúe a área destinada a estes usos industriais e terciarios ademais dos correspondentes equipamentos e zonas verdes, no municipio de Lugo, ten unha superficie de 2.135.512 m2, e atópase próximo polo leste ao polígono industrial do Ceao e a autovia A-6 polo norte, mantendo unha relación de proximidade co núcleo urbano da cidade de Lugo, polo que esta actuación supón unha ampliación natural das zonas industriais do municipio de Lugo.

4. O acordo do 15 de febreiro de 2007 declara tamén a utilidade pública e o interese social das obras, instalacións e servizos previstos, así como a necesidade de ocupación para os efectos de expropiación dos bens e dereitos necesarios para a execución deste parque empresarial, o que lexitima o dereito de expropiación.

5. O día 14 de novembro de 2007, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo ditou resolución pola que se acorda o inicio do expediente de expropiación polo procedemento de taxación conxunta, e se somete a información pública o expediente expropiatorio dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do proxecto sectorial do parque empresarial As Gándaras de Lugo, polo prazo dun mes, anunciándose no DOG nº 242, do luns 17 de decembro, e no xornal El Progreso de Lugo do 18 de decembro de 2007 e tendo Xestur Lugo S.A., a condición de beneficiaria da actuación.

6. A taxación foilles notificada individualmente aos que aparecían como titulares de bens e dereitos no expediente, dándolles traslado literal das correspondentes follas de taxación e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formulasen alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación, tal e como sinala o artigo 143.4º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en diante LOUG.

7. Tamén se realizou anuncio no taboleiro de anuncios do concello e notificación mediante a publicación no BOP do 25 de abril de 2008 para aqueles propietarios aos que non se conseguiu achegar a notificación por resultar descoñecidos, por ignorarse enderezo ou porque, intentada, esta non se puido practicar, en cumprimento do disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. Así mesmo, en aplicación do disposto no artigo 143.5º da LOUG, con data do 18 de abril de 2008, deuse traslado do expediente ao concello, para o trámite de audiencia.

9. Durante o período de información pública presentáronse 145 alegacións correspondentes a 147 predios; aceptáronse parcialmente 83 e desestimáronse 73. Como consecuencia disto xúntase relación definitiva de bens e dereitos afectados no punto terceiro desta resolución.

10. O Instituto Galego de Vivenda e Solo remitiu, con data do 4 de novembro de 2008, o expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos afectados pola execución do parque empresarial a esta consellería para a súa aprobación definitiva, de conformidade co disposto polo artigo 143.6º da LOUG.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro.-A competencia do Instituto Galego de Vivenda e Solo para iniciar este procedemento, como administración actuante, vén determinada pola Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto, en virtude do previsto no artigo 41, números 1º e 2º e 45º, e a súa competencia en materia de xestión urbanística, como administración actuante, recoñecida no artigo 225.2º b) da LOUG, polo que pode optar pola aplicación do procedemento de taxación conxunta, segundo o disposto no artigo 142.2º da LOUG.

Segundo.-O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta, e conta coa documentación preceptiva exixida polo artigo 143 da LOUG, que é a seguinte:

-Determinación do seu ámbito territorial, cos documentos que o identifican en canto a situación, superficie e lindeiros, coa descrición de bens e dereitos afectados e a relación dos seus titulares dos bens e dereitos que se precisan ocupar.

-Fixación de prezos coa valoración razoada do solo, segundo a súa cualificación urbanística.

-Follas de prezo xusto individualizado de cada predio, en que se contén non só o valor do solo, senón tamén as correspondentes ás edificacións, obras, instalacións e plantacións.

-Follas de prezo xusto que corresponden a outras indemnizacións, se é o caso.

Terceiro.-Os terreos obxecto de expropiación encóntranse comprendidos dentro do ámbito do proxecto sectorial do parque empresarial das Gándaras de Lugo, que foi aprobado definitivamente por acordo do Consello da Xunta de Galicia o 15 de febreiro de 2007. No devandito proxecto sectorial fíxase un único sector para desenvolver polo sistema de expropiación.

Á vista do que antecede, e de acordo co establecido no artigo 98 da LOUG, en relación co artigo 29.2º do texto refundido da Lei do solo, Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, resulta acreditada a utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens afectados.

Cuarto.-Os criterios de valoración fixados no proxecto de expropiación axústanse o establecido na disposición transitoria terceira, punto segundo do texto refundido da Lei do solo, Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño.

Quinto.-A competencia para aprobar o expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta correspóndelle, por delegación, ao director xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de acordo co artigo noveno, alínea 1 d) da Orde do 6 de marzo de 2003, sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (DOG nº 50, do 12 de marzo de 2003).

Na súa virtude, vistas a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o texto refundido da Lei do solo, Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño e as demais disposicións aplicables, resolvo:

Resolución:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos necesarios para a execución do parque empresarial das Gándaras no concello de Lugo, para os efectos previstos polos artigos 143 e 144 da LOUG.

Esta aprobación definitiva do expediente de taxación conxunta implicará a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, de conformidade co establecido no artigo 144.1º da LOUG.

En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos números 6º, 7º e 8º do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación do prezo xusto (artigo 144.2º da LOUG).

Segundo.-Notificar de forma que faga fe o contido desta resolución aprobatoria do expediente ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, ao Concello de Lugo e, de xeito individualizado, a todos os que aparezan como titulares de bens ou dereitos afectados que figuran no expediente, aos que se lles xuntará a correspondente folla de valoración, conferíndolles un prazo de vinte días durante o cal poderán manifestar por escrito ante o órgano expropiante a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado, conforme dispón o artigo 143.7º da LOUG, advertíndolles que, transcorrido o citado prazo de vinte días sen que se formule oposición á valoración, se entenderá aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, entendéndose determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade (artigo 143.8º da LOUG).

Terceiro.-Publicar no Diario Oficial de Galicia e nos taboleiros de edictos do Concello de Lugo e do Instituto Galego de Vivenda e Solo a resolución, así como a seguinte relación dos bens e dereitos afectados pola expropiación, que aparece no anexo desta resolución, o que servirá de notificación aos propietarios descoñecidos e dos que se descoñeza o lugar de notificación, ou ben, tramitada a notificación, non se puidese practicar. O cómputo do prazo de vinte días para estes interesados comezará desde o día seguinte ao da referida publicación no DOG. Todo isto de conformidade co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarto.-Igualmente notificaráselle o contido desta resolución ao Ministerio Fiscal, para os efectos establecidos no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, en relación cos propietarios descoñecidos e os non comparecentes no procedemento expropiatorio.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, segundo o artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

No suposto de que o interesado sexa unha Administración pública, no lugar do recurso de reposición, poderalle dirixir ao órgano competente no prazo de dous meses o requirimento previo previsto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Todo isto sen prexuízo de que, en caso de desconformidade coa valoración establecida, os interesados dispoñen do prazo de vinte días, contados a partir do seguinte da recepción da notificación, para manifestala por escrito.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2008.

Ramón Saúl Lueje Espina

Director xeral de Ordenación do Territorio

e Urbanismo

Ver referencia pdf "06000D030P072.PDF"

Ver referencia pdf "06000D031P085.PDF"