DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 27 de marzo de 2009 Páx. 6.279

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER

RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións a entidades de iniciativa social para o desenvolvemento das liñas de actuación e estímulo á formación de mulleres e se procede á súa convocatoria.

O Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, atribúelle a este órgano as competencias en materia de igualdade de xénero, que serán exercidas a través do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados na Constitución española.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece o compromiso da comunidade autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade definindo os mecanismos para fomentar o protagonismo das mulleres como parte activa do desenvolvemento da nosa sociedade.

Ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar, creado pola Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, correspóndelle, entre outras funcións, a de facilitar a formación profesional das mulleres, colaborar coas entidades que polos seus fins contribúan á consecución dos obxectivos establecidos, así como incentivar a súa participación na vida política, económica, cultural, educativa e social e desenvolver actuacións dirixidas a facilitar a súa formación para o emprego.

O ámbito do emprego é un dos que reflicten máis nitidamente a discriminación por razóns de xénero e é, polo tanto, un dos que máis accións positivas precisa das administracións públicas. A capacitación e a formación para o emprego é unha das facetas fundamentais desta intervención que lles permite ás mulleres acceder ao mercado de traballo en mellores condicións competitivas e superar a fenda en formación que aínda existe na nosa sociedade entre mulleres e homes.

A través desta convocatoria ponse en marcha unha acción dirixida a facilitar o acceso en igualdade de condicións das mulleres ao emprego, obxectivo prioritario nas políticas públicas, tal e como recolle a programación comunitaria. As medidas dedicadas á mellora da empregabilidade das mulleres, a combater a segregación horizontal e vertical e a discriminación salarial, e as dedicadas a favorecer a conciliación da vida laboral, persoal e familiar son piares desta nova programación. Este organismo vén actuando, de xeito ininterrompido, a través de distintos programas na consecución destes obxectivos, sendo un deles a formación para mulleres.

O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, dentro dos métodos de xestión previstos nas especificacións das medidas, define nesta convocatoria a realización desta actuación a través das entidades de iniciativa social que de xeito verificable traballan a prol da igualdade de oportunidades para as mulleres, subvencionando o custo das accións formativas que se realicen dentro dos programas de formación definidos de acordo co disposto nesta resolución, así como de accións complementarias de corresponsabilidade no coidado das persoas dependentes das alumnas que faciliten a súa incorporación ao proceso formativo.

Trátase de levar a cabo formación dirixida a facilitar o acceso das mulleres ao mercado de traballo asalariado, a profesionalizar e cualificar traballos tradicionalmente realizados de forma gratuíta por mulleres e que están a saír ao mercado de traballo, nomeadamente recursos de conciliación e a creación do sistema galego de benestar, ao tempo que se contribúe ao fomento da cultura emprendedora dando formación a aquelas que teñen pensado desenvolver unha iniciativa empresarial propia; en consecuencia, debe conter accións encamiñadas á integración plena á actividade laboral, á diversificación profesional, á cualificación complementaria e en novos ámbitos do mercado de traballo.

Tamén queremos incorporar a necesidade de proporcionar formación en dous contornos moi importantes de actuación do Goberno galego como son o acompañamento a vítimas de violencia de xénero e as ferramentas de reequilibrio no uso do tempo entre mulleres e homes.

O procedemento para a concesión de subvencións a través desta resolución seguirá o réxime xeral de concorrencia competitiva, tendo en conta, en todo caso, os principios básicos de publicidade, transparencia e obxectividade; adaptarase en todo o procedemento ao establecido na normativa autonómica e na estatal e comunitaria de aplicación, con especial atención aos regulamentos comunitarios que regulan a xestión de fondos estruturais. Co fin de facilitarlles ás entidades adxudicatarias a execución das accións formativas, esta resolución prevé o pagamento en concepto de anticipo do 50%, circunstancia suxeita á autorización do Consello da Xunta.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Finalidade.

1. O obxecto desta resolución é fixar as bases reguladoras e a convocatoria pública, para o ano 2009, das axudas e subvencións para a realización de programas de formación a prol das mulleres mediante a execución das seguintes actuacións:

a) Apoio a programas destinados a facilitar a inserción laboral das mulleres, impulsando a súa cualificación profesional naquelas profesións que sexan demandadas polo mercado de traballo ou en que se atopen subrepresentadas.

b) Apoio a programas de formación en novas tecnoloxías para mulleres, nomeadamente aqueles que apostan por un desenvolvemento sustentable.

c) Apoio a proxectos formativos de carácter singular que poidan achegar un valor engadido ás accións anteriores.

d) Apoio a programas de formación que contribúan a sacar ao mercado e aos servizos públicos os labores de coidado que realizan maioritariamente as mulleres de xeito gratuíto nos fogares.

2. A concesión destas subvencións realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva segundo os criterios que se establecen no artigo 12º e resolverase dentro das dispoñibilidades orzamentarias definidas no artigo 2º.

Artigo 2º.-Financiamento.

As accións incluídas nesta resolución están recollidas na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009. O importe global destinado a elas ascende a 537.500 euros con cargo á aplicación orzamentaria 05.80.313B.481.1. A citada contía poderá incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias nos supostos previstos no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que isto supoña a modificación do prazo de presentación de solicitudes

Artigo 3º.-Normativa aplicable.

A tramitación de solicitudes, concesión e xustificación destas axudas axustarase ao disposto no Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que establecen las disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2009; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 4/2006, do 30 se xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; nesta resolución e demais normativa de aplicación.

En canto á información e publicidade das accións que se realicen ao abeiro desta resolución rexerá o disposto no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e demais normativa de aplicación.

Artigo 4º.-Beneficiarias das axudas.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento das accións formativas reguladas nesta convocatoria as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que realicen accións baseadas no principio de igualdade de oportunidades das mulleres. As citadas entidades deberán estar inscritas, o último día de presentación de solicitudes, na área da muller do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. Quedarán excluídas aquelas que con anterioridade recibisen algunha outra axuda deste organismo e non xustificasen o seu investimento.

2. As entidades que obteñan a concesión de axudas poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións formativas financiadas con cargo a esta convocatoria tendo en conta as seguintes limitacións, obrigas e requisitos e tendo en conta o disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) A subcontratación en ningún caso suporá un aumento do custo da acción formativa.

b) A necesidade de subcontratación estará debidamente motivada pola entidade beneficiaria da subvención.

c) A coordinación da acción formativa está excluída de calquera subcontratación.

d) A subcontratación abranguerá a totalidade da acción formativa (agás a coordinación) ou unicamente a docencia.

e) A entidade terá en conta que cada subcontratación terá que realizarse con subcontratistas diferentes.

f) A subcontratación exixe autorización previa das/os delegadas/os provinciais deste organismo, que se solicitará no formulario que aparece como anexo IV. O contrato celebrarase por escrito.

g) As entidades beneficiarias das subvencións son as responsables de que nas accións subvencionadas se respecten os límites establecidos na normativa aplicable en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables e exixiranlles ás/aos subcontratistas a relación de persoal docente, os documentos acreditativos do pagamento das correspondentes retribucións, e os acreditativos do pagamento das bolsas e axudas segundo o establecido no punto 4 do artigo 18º.

h) As/os subcontratistas están obrigadas/os a lles facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións formativas subcontratadas.

i) A solicitude de calquera modificación respecto da execución da acción formativa subcontratada só poderá presentala a entidade beneficiaria da subvención.

3. O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller establecerá os controis correspondentes para garantir, con carácter previo á autorización, que as subcontratacións solicitadas polas distintas entidades se realizan con diferentes empresas; en caso contrario non se autorizará a súa celebración agás que se fundamente a súa necesidade nunha circunstancia excepcional indispensable para levar a cabo a acción formativa.

Artigo 5º.-Destinatarias das accións formativas.

Mulleres con residencia en Galicia, maiores de idade ou emancipadas. Terán preferencia as mulleres que sufran situacións de violencia de xénero ou de exclusión social ou que teñan responsabilidades familiares non compartidas, así como as que desexen incorporarse á vida laboral despois dunha interrupción causada pola dificultade de compaxinar a súa vida laboral e familiar.

Exclusivamente para participar nos cursos do directorio de Servizo Galego de Igualdade cos códigos SGI049 e SGI050 poderán incorporarse homes ao alumnado, que cumpran os requisitos do punto anterior, como fórmula para achegar os homes ás problemáticas que atende esa formación en concreto: violencia de xénero e reequilibrio no uso do tempo.

Artigo 6º.-Tipo de axudas.

1. Os programas formativos levaranse a cabo por cursos, que serán obxecto de subvención para compensar os custos derivados da súa execución, sempre que se trate de gastos elixibles e que se xustifiquen de acordo co establecido nesta resolución e demais normativa de aplicación.

2. Os custos de cada curso determinaranse por módulos económicos. Cada curso constará de dous módulos (A e B). Os gastos que se incluirán en cada módulo determínanse no artigo 18º.

3. As subvencións terán unha contía máxima para cada curso que será o importe resultante de multiplicar o número de horas polo número de alumnas e polo importe do correspondente módulo previamente fixado e publicitado no directorio de cursos do Servizo Galego de Igualdade a través da súa páxina web oficial, fixándose, así mesmo, o importe máximo subvencionable correspondente a cada módulo, sen que en ningún caso as accións formativas previstas no artigo 21.1º b) poidan superar o importe máximo para subvencionar que figure no catálogo de cursos do Servizo Galego de Igualdade; a esta contía engadiráselle, de ser o caso, o custo dos servizos indicados no punto 4 do artigo 18º; a suma de ambas as dúas contías é o custo da acción formativa.

4. O importe da subvención financiará o 100% dos custos da acción formativa.

5. O cobramento destas subvencións será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza e para a mesma acción.

6. Todas as accións formativas realizadas ao abeiro desta resolución estarán rematadas o 1 de novembro de 2009.

Artigo 7º.-Obrigas das entidades beneficiarias da subvención.

1. Ademais das obrigas establecidas con carácter xeral na normativa aplicable pola percepción de axudas públicas e tendo en conta o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, son obrigas das entidades beneficiarias de subvencións para impartir os cursos de formación para o emprego regulados nesta resolución, as seguintes:

a) Non alterar o destino da subvención.

b) Efectuar a xustificación do gasto conforme o establecido nesta resolución.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

d) Presentar a documentación de xestión das accións formativas correcta e completa e nos prazos establecidos.

e) Aboar mensualmente ás alumnas os gastos previstos no punto 4 do artigo 18º e ao persoal docente a súa remuneración. Non exime desta obriga o feito de que a entidade impartidora non percibise o anticipo previsto nesta resolución.

f) Contratar un seguro de accidentes para as alumnas que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento do curso como os do traxecto ao lugar de impartición das clases e das prácticas, de ser o caso. A súa duración abranguerá estritamente o período do curso, incluíndo expresamente as prácticas non laborais en empresas que figuren na programación, sen que poida admitirse restrición nin exclusión ningunha por razón do medio de transporte utilizado.

Terá carácter obrigatorio en todas as accións formativas impartidas ao abeiro desta resolución e dará cobertura expresa, como mínimo, ás seguintes continxencias: en caso de morte 30.000 euros; en caso de invalidez permanente 42.000 euros; e asistencia médico-farmacéutica durante un ano a partir do sinistro.

g) Cando se realicen prácticas en empresas ou outras actividades relacionadas coa acción formativa, contratar unha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que poidan derivar da súa realización para os bens e as persoas.

h) Introducir o currículo das alumnas que rematen o curso, coa súa conformidade, na base de datos do Servizo Galego de Colocación na forma que estableza a consellería competente

i) Elaborar os diplomas segundo o disposto no punto 4 do artigo 26º desta resolución.

j) Elaborar un informe da situación laboral das alumnas formadas aos seis meses de rematar o curso, co fin de coñecer a porcentaxe de colocación ou promoción profesional.

k) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

l) Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para realizar as comprobacións e verificacións que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. O incumprimento das obrigas establecidas nesta resolución e na normativa aplicable será causa determinante de revogación da subvención, así como do reintegro, se é caso, dos importes percibidos e dos xuros de demora correspondentes.

Artigo 8º.-Publicidade das accións.

1. No lugar onde se realicen as accións formativas deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo en que aparezan os anagramas do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo adscrito á Secretaría Xeral de Igualdade e dependente da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar da Xunta de Galicia, e o Fondo Social Europeo.

2. Toda a documentación elaborada especificamente para a impartición dos cursos deberá incluír os logotipos das entidades e organismos mencionados no punto anterior.

Artigo 9º.-Competencia e procedemento.

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de subvencións previstas nesta resolución correspóndelles ás delegadas e aos delegados provinciais do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, por delegación da directora xeral do organismo.

2. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes desenvolverase segundo o establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Capítulo II

Convocatoria pública

Artigo 10º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes para impartir as accións formativas presentaranse, no modelo normalizado que se publica como anexo I xunto co informe motivado sobre necesidades de formación na especialidade, acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI da persoa física que asina a solicitude e certificación orixinal que acredite poder suficiente para actuar en nome da entidade.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

c) Declaración orixinal asinada pola/o representante legal da entidade de todas as axudas, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou organismos delas dependentes, entes ou sociedades, ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións.

d) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta na que conste: código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente.

e) Orzamento do exercicio corrente e balance de situación da entidade.

f) Cando se trate dunha federación ou confederación, presentarase certificación orixinal da/o secretaria/o, co visto e prace da/o presidenta/e, ou órganos similares, acreditativa das asociacións ou federacións integradas, especificando o nome, CIF, número asignado no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais na área específica da muller e número de socias de cada unha delas.

g) Memoria detallada da acción (anexo III-S-3)) na cal se indicarán os criterios que se van utilizar para a selección das alumnas (un modelo por cada curso solicitado).

h) Unha ficha por cada un dos cursos solicitados no modelo normalizado (anexo II- S-2) á que se xuntará o programa formativo definido por módulos e o orzamento do curso de formación desagregado por módulos de acordo co disposto no artigo 18º.

i) Declaración orixinal asinada pola/o titular ou pola/o representante legal da entidade en que se exprese o acordo coas actuacións de control e supervisión do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

j) Solicitudes de autorización para subcontratacións (anexo IV), de ser o caso, xunto co informe motivado sobre as súas necesidades.

k) Xustificación do grao de inserción laboral acadado polas alumnas formadas en cursos incluídos na programación do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller no exercicio 2008.

l) As entidades que soliciten formación directamente vinculada cunha contratación laboral ou promoción profesional, por un período de polo menos seis meses para un mínimo do 15% das alumnas, presentarán o correspondente compromiso, que estará asinado pola entidade que vaia realizar a contratación ou promoción das alumnas formadas.

2. Sen prexuízo do disposto na normativa vixente, as entidades solicitantes non achegarán os documentos sinalados nas letras a), b) e d) deste artigo, agás que se producise algunha variación ao respecto dos datos que constan en poder do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

3. As solicitudes dirixiranse á delegación provincial do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller competente, segundo a provincia en que se vaian desenvolver as accións formativas solicitadas, tendo en conta que cada entidade só pode presentar unha solicitude e que cada solicitude ten unha limitación de dous cursos. Presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

4. A presentación da solicitude comporta a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións á Axencia Estatal de Administración Tributaria, á Consellería de Economía e Facenda e Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

Artigo 11º.-Prazo.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será de un mes, contado a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. Se as solicitudes non estivesen debidamente cubertas ou a documentación presentada tivese erros ou fose insuficiente, as unidades administrativas encargadas da tramitación dos expedientes requirirán as/aos solicitantes para que, no prazo de dez días, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixesen, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Comisión de valoración. Criterios de avaliación.

1. Cada delegación provincial designará unha comisión de valoración, para o estudo e a avaliación das solicitudes recibidas e debidamente cubertas, que estará composta por tres membros, o/a presidente/ a e dous/dúas vogais, actuando un/unha deles/as como secretario/a, designados/as pola/o delegada/o provincial do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Se, por calquera causa, no momento en que as comisións de valoración teñan que examinar as solicitudes algunha das persoas integrante delas non puidese asistir, será substituído/a pola persoa que, para o efecto, designe a/o delegada/o provincial.

2. A comisión de valoración estudará e avaliará as solicitudes debidamente cubertas atendendo aos seguintes criterios, e coa seguinte valoración:

a) Existencia de compromiso de contratación laboral ou promoción profesional: ate 3 puntos.

b) Accións formativas que promovan unha cualificación das mulleres naquelas profesión en que se atopan subrepresentadas en sectores económicos con oferta de emprego, ou en novos viveiros de emprego: ate 3 puntos.

c) Accións formativas que contribúan a sacar ao mercado e aos servizos públicos os labores de coidado que realizan maioritariamente as mulleres de xeito gratuíto nos fogares: ate 2 puntos.

d) Accións formativas dirixidas preferentemente a mulleres en situación de violencia de xénero, en risco de exclusión social ou con especiais dificultades de acceso ao emprego: ate 2 puntos.

e) Entidades que non solicitaron anteriormente estas axudas ou que non lles foron concedidas: ate 4 puntos.

f) Entidades que recibiron axudas no exercicio anterior con óptimo rendemento estimado segundo o cumprimento de obxectivos de emprego e a súa xustificación: ate 2 puntos.

g) Menor taxa de ocupación feminina no ámbito municipal para o que se solicitan os cursos: ate 2 puntos.

h) Inexistencia de accións formativas no ámbito territorial para o que se presenta a solicitude que sexan de parecidas características: 1 punto.

i) Accións formativas desenvolvidas integramente en galego: 3 puntos.

j) Accións formativas que inclúan unha fase de prácticas profesionais non laborais axeitada aos coñecementos impartidos: 1 punto.

3. Unha vez estudados e avaliados individualmente os expedientes correctamente cubertos, e sen prexuízo do establecido no articulado desta resolución, as comisións de valoración elaborarán a proposta de adxudicación tendo en conta que se deberá recoller, sempre que sexa posible, unha concesión por entidade, segundo a preferencia indicada polas entidades nas súas solicitudes.

Artigo 13º.-Resolución.

1. As resolucións dos expedientes de axudas, logo da fiscalización das propostas das comisións de valoración polas intervencións correspondentes, correspóndenlles, por delegación da directora xeral, ás delegadas e os delegados provinciais do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. O prazo para resolver será de catro meses, que se computarán a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada.

3. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. A publicidade das subvencións realizarase segundo dispón a normativa vixente. Na páxina web oficial do organismo, e nos cinco días seguintes á notificación da concesión e unha vez recibida a aceptación, publicarase a relación de beneficiarias con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 14º.-Incompatibilidade e concorrencia.

En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do programa obxecto de axuda.

As entidades solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas ou concedidas para un mesmo programa, segundo o establecido na letra c) do artigo 10º. Na fase de xustificación do pagamento deberán achegar unha declaración complementaria e actualizada co mesmo contido que a exixida coa solicitude

Artigo 15º.-Aceptación da subvención.

Notificada a resolución de concesión, as adxudicatarias deberán manifestar por escrito a súa aceptación comprometéndose a executar o proxecto formativo subvencionado no prazo e condicións establecidos na convocatoria. De non recibirse a aceptación no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde a recepción da notificación da resolución, entenderase tacitamente aceptada. O escrito de aceptación dirixirase ao órgano competente para resolver e sen prexuízo da obriga de presentación por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, comunicarase por fax ao órgano competente durante o período de aceptación.

Artigo 16º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, e, de ser o caso, á súa revogación.

Artigo 17º.-Reintegro.

1. Cando o acto de concesión incorrese nalgún dos supostos mencionados nos números 1º e 2º do artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano concedente procederá á revisión de oficio ou, se é o caso, a declaración de lesividade, de conformidade cos artigos 102 e 103 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación leva consigo a obriga de devolver as cantidades percibidas. Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra algunha das causas de reintegro previstas nesta resolución e na normativa vixente.

2. Procederá a apertura de expediente para o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e termos previstos nesta resolución, na normativa europea de aplicación e no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18º.-Gastos subvencionables.

1. No módulo A inclúense os gastos de persoal e o B abrangue o resto dos custos aboables do curso. A cada un destes módulos fixaráselle un importe máximo, sendo a suma deles igual ao custo máximo subvencionable.

2. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes ao módulo A, os seguintes gastos de persoal desagregados que se xustifiquen debidamente:

a) Soldos ou honorarios de persoal docente, ou o prezo do servizo externo docente, e os correspondentes gastos de seguros sociais.

b) Gastos da actividade de coordinación, que deberá ser realizada por persoa física distinta das encargadas da impartición do curso. Os gastos de coordinación non poderán superar o 15% do total do módulo A.

3. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes ao módulo B os seguintes gastos correntes que se xustifiquen debidamente:

a) Gastos de seguros de accidentes das alumnas e, de ser o caso, gastos de seguros de responsabilidade civil.

b) Gastos de medios e materiais didácticos e dos materiais de traballo funxibles utilizados durante as actividades de formación, quedando excluídos os gastos de amortización de equipamentos e ferramentas.

c) Gastos xerais que teñan a súa orixe na actividade do curso: enerxía eléctrica, combustibles, mantemento das instalacións e dos equipamentos formativos; alugueres e seguros, tanto de instalacións como de maquinaria; teléfonos e comunicacións; gastos de transporte necesarios para a realización de viaxes didácticas previstas no programa formativo ou as que así sexan apreciadas como necesarias e autorizadas expresamente polo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, podendo tamén incluír o importe das entradas para alumnas e persoal docente pero non a manutención durante as visitas; e publicidade expresamente autorizada e realizada de conformidade coas normas establecidas nesta resolución, para a execución dos cursos aprobados e programados.

4. Para favorecer o acceso á formación ás mulleres con especiais dificultades, ademais dos gastos imputables a cada módulo, establécense como gastos subvencionables:

a) Os gastos de servizos de gardaría, para nenas e nenos de entre 0 e 12 anos, que se presten durante o horario do curso, sempre que así o soliciten como mínimo catro alumnas.

b) Os gastos de servizos de canguros, para nenas e nenos de entre 0 e 12 anos, no horario do curso sempre que haxa menos de catro solicitantes.

c) Os gastos de asistencia domiciliaria no horario do curso, en caso de ter unha persoa dependente ao cargo.

d) Bolsas para alumnas cun mínimo do 33% de discapacidade acreditada mediante certificado expedido polo organismo competente.

e) Axudas de transporte para aquelas alumnas que residan polo menos a 3 quilómetros do lugar de impartición da acción formativa, circunstancia que acreditará o órgano municipal correspondente.

As axudas para os puntos d) e e) son incompatibles.

Para o aboamento destes servizos as/os delegadas/os provinciais ditarán unha resolución de concesión complementaria para cubrir os gastos subvencionables por estes conceptos unha vez coñecidas as circunstancias concretas das alumnas de cada curso e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 19º.-Solicitude de anticipo.

Para o pagamento das subvención observarase o disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sen prexuízo do establecido nas normas comunitarias aplicables, poderanse solicitar anticipos dunha porcentaxe máxima do 50% da subvención concedida sempre que se solicite nos cinco días seguintes ao transcurso da primeira cuarta parte do curso e se remita ao órgano competente do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller a documentación acreditativa do inicio do curso e das modificacións producidas ata a data.

Artigo 20º.-Pagamentos parciais e liquidación.

1. Todas as accións formativas realizadas ao abeiro desta resolución estarán rematadas o 1 de novembro de 2009 e a súa xustificación presentarase, necesariamente, como data límite o 15 de novembro de 2009.

2. Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que a entidade beneficiaria xustifique os libramentos anteriores, que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida, e sempre que se achegue a correspondente xustificación parcial coa documentación sinalada no punto seguinte.

3. Unha vez rematada a acción formativa, deberán presentar a seguinte documentación:

-Certificación orixinal asinada pola/o representante legal da entidade que acredite que os gastos realizados foron aplicados para o fin para o que se concedeu a subvención.

-Declaración orixinal asinada pola/o representante legal da entidade de non percibir ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra entidade pública ou privada.

-Orixinais e copias das facturas, ou documentos equivalentes, correspondentes aos gastos efectuados que xustifiquen a execución do 100% do custo da acción formativa. Estes documentos estarán emitidos conforme a normativa aplicable e acompañaranse dos xustificantes de pagamento e, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes. As entidades presentarán os orixinais para seren selados pola unidade tramitadora correspondente, unha vez completa esta dilixencia e sempre que o soliciten expresamente, seranlles devoltos coa maior brevidade.

4. Antes de proceder ao pagamento da liquidación final ou, de ser o caso, dos pagamentos parciais, de acordo co artigo 10º.4 desta resolución polo órgano xestor incorporarase ao expediente a acreditación de que as entidades adxudicatarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da comunidade autónoma.

5. O pagamento da liquidación final estará condicionado pola presentación dos diplomas correctamente cubertos para o seu rexistro.

6. Nos supostos de proxectos formativos con compromiso de contratación ou promoción profesional, non se realizará o pagamento da liquidación final mentres non se remitan as copias dos contratos de traballo rexistrados polo organismo público competente.

7. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 21º.-Modalidades das accións formativas.

1. Os cursos serán de carácter presencial e os programas formativos que se poden impartir ao abeiro desta resolución comprenden as seguintes modalidades:

a) Accións formativas incluídas no directorio do Servizo Galego de Igualdade de formación socio-laboral para mulleres.

b) Accións formativas caracterizadas como proxectos experimentais ou innovadores e accións formativas que sexan cualificadas de especial interese polo órgano competente por proposta da comisión de valoración con base no informe de necesidades de formación achegado pola entidade solicitante.

2. Todas as solicitudes se presentarán acompañadas dun informe motivado sobre as necesidades de formación na especialidade solicitada.

3. No caso das accións formativas previstas no artigo 21º.1.b) as entidades deberán xuntar á solicitude a seguinte documentación:

-Programa formativo definido por módulos.

-Orzamento do custo da formación desagregado por módulos de acordo co disposto no artigo 18º.

4. A duración total dos cursos é o resultado de engadir ás horas establecidas para a formación específica as establecidas para os módulos de igualdade de oportunidades e de orientación profesional.

Artigo 22º.-Módulo de igualdade de oportunidades.

Todas as accións formativas incluirán obrigatoriamente un módulo de igualdade de oportunidades que terá unha duración de 10 horas e que será impartido e custeado desde o Servizo Galego de Igualdade, a Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar da Xunta de Galicia ou desde o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Artigo 23º.-Módulo de orientación profesional.

As accións formativas do directorio do Servizo Galego de Igualdade de formación socio-laboral nas que así se sinale e aquelas ás que se refire o punto b) do artigo 21º incluirán un módulo de orientación e información profesional que terá unha duración de 5 horas e conterá información sobre as posibilidades de emprego abertas para a formación recibida e orientación sobre as técnicas de busca de emprego, posibilidades de autoemprego e fórmulas de economía social.

Artigo 24º.-Selección de alumnas.

1. Con carácter xeral, o número de alumnas participantes en cada curso estará comprendido entre 15 e 20, sen que en ningún caso poidan terse en conta máis de 15 alumnas para o cómputo da subvención, non podendo iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 10.

2. Para a selección das alumnas a entidade que vai impartir o curso realizará unha convocatoria pública mediante anuncio, publicado polo menos a través dun dos xornais de maior tiraxe da provincia e obrigatoriamente en domingo, que requirirá a supervisión previa do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Neste anuncio especificarase como mínimo: a entidade ofertante, o financiamento da acción por parte do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e o Fondo Social Europeo, as prazas existentes, o curso de que se trata, o perfil requirido das alumnas (especificando a preferencia das mulleres ás que se refire o artigo 5º), e o enderezo, teléfono, localidade e data de realización das probas de selección. Este anuncio será tamén remitido a todos os centros de información ás mulleres e puntos de información ás mulleres e outros espazos de información ás mulleres que existan no territorio da acción formativa.

3. O custo dos anuncios que non se adapten aos anteditos requisitos e a calquera outro que puidesen ser establecidos polo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller non será aboado con cargo ás axudas previstas nesta resolución. Así mesmo, tampouco será aboado o custo dos anuncios naqueles casos en que non se inicie a acción formativa.

4. O día da realización das probas de selección, a entidade requirirá ás alumnas interesadas que presenten, na maior brevidade, os seguintes documentos:

-Copia do DNI.

-Copia do libro de familia ou informe dos servizos sociais do concello para os efectos de xustificar o coidado de familiares directos e para xustificar a solicitude de servizo de gardaría ou axuda para canguros ou asistencia domiciliaria, así como para xustificar as responsabilidades familiares non compartidas.

-Informe dos servizos sociais do concello para xustificar o risco de exclusión social.

-Informe dos servizos sociais ou sanitarios ou do PCOP ou sentenza ou orde de protección, informe do ministerio fiscal ou da inspección de traballo e seguridade social para xustificar a situación de violencia de xénero.

5. A entidade concluirá a selección levantando a correspondente acta, que se deberá remitir ao órgano competente do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller con sete días de antelación ao comezo do curso xunto coa documentación acreditativa da situación laboral das seleccionadas.

Artigo 25º.-Inicio da acción formativa.

1. As alumnas deberanse incorporar ao curso na data do seu inicio. De non incorporarse ou producirse baixas dentro da primeira cuarta parte do curso, poderanse substituír por alumnas procedentes da convocatoria pública.

2. Os cursos en que, a pesar de que se intentase completar o número de alumnas, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ao 50% do número programado, poderán ser suspendidos polo órgano competente do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Neste caso, a entidade terá dereito a unha indemnización calculada de acordo co principio de proporcionalidade, que será proposta pola comisión de valoración prevista no artigo 12º e aprobada, de ser o caso, pola/o delegada/o provincial do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

3. En caso de non iniciarse o curso a entidade non terá dereito a indemnización.

Artigo 26º.-Dereitos e deberes das alumnas.

1. As alumnas que resulten seleccionadas para un curso non poderán asistir a outro simultaneamente, nin causar baixa nun para acceder a outro incluído dentro da programación de formación do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. No momento da incorporación teñen que cubrir correctamente a ficha individual e presentar, de ser o caso, a documentación acreditativa de ter dereito á percepción de bolsas ou axudas de transporte.

3. Teñen a obriga de asistir e seguir os cursos con aproveitamento e facilitar a documentación que lles solicite a entidade impartidora. Será causa de exclusión incorrer en máis de dúas faltas de asistencia non xustificadas no mesmo mes.

4. As que rematen os cursos con aproveitamento e polo menos asistirán ao 75% das horas lectivas terán dereito a un diploma oficial, que se expedirá exclusivamente no modelo que estableza o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, en que constarán os seguintes datos:

-No anverso: denominación da entidade impartidora; nome, apelidos e DNI da alumna; denominación do curso; número de horas; localidade e datas de realización.

-No reverso: programa que indique os módulos impartidos e a súa duración.

5. Computaranse como alumnas que remataron o curso aquelas que precisen abandonalo antes da súa finalización por ter atopado un emprego, acreditando tal extremo e sempre que asistisen ao 75% das horas e a/o docente consideren que teñen os coñecementos equivalentes ao nivel do curso. O número de alumnas que rematen o curso non pode superar o previsto no punto 1 do artigo 24º.

Artigo 27º.-Documentación para a xestión dos cursos.

1. As entidades adxudicatarias das axudas están obrigadas a presentar na delegación provincial correspondente a documentación que se relaciona nos prazos que se indican:

a) O modelo do anuncio de convocatoria pública para a súa conformidade, antes da publicación en prensa ou no taboleiro da empresa, segundo corresponda.

b) Dentro dos 7 días anteriores ao comezo dos cursos:

b.1) O programa docente completo, estruturado por módulos, indicando o tempo en horas de cada un deles así como os seus contidos teórico-prácticos.

b.2) As datas de inicio e remate dos cursos e, de ser o caso, a planificación temporal das actividades relacionadas co curso.

b.3) O enderezo completo do lugar de impartición.

b.4) A relación de docentes que van impartir o curso xunto cos currículos e documentación acreditativa de que posúen a formación e experiencia suficientes de acordo coas exixencias específicas establecidas para cada acción formativa.

b.5) O resultado da selección de alumnas xunto coa documentación relacionada no artigo 23º.5 desta resolución.

b.6) Copia da páxina do xornal que conteña o anuncio da convocatoria.

Unha copia da documentación relacionada na letra b) estará exposta no taboleiro do centro onde se imparta. Calquera modificación posterior destas circunstancias estará supeditada á previa autorización do órgano competente do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

c) O día de inicio do curso: certificación xustificativa do seu comezo.

d) Dentro dos dez días seguintes ao inicio do curso:

d.1) A ficha de inicio do curso.

d.2) Documentación do órgano municipal competente para a percepción das axudas de transporte.

d.3) Certificación de discapacidade, expedida polo organismo competente, para a percepción de bolsas.

d.4) Orzamento do custo previsto dos servizos de gardaría, canguros e asistencia domiciliaria, xunto coa documentación acreditativa da necesidade destes servizos.

d.5) As fichas das alumnas.

e) Con carácter mensual:

e.1) A folla de control de asistencia.

e.2) As nóminas das alumnas perceptoras de bolsas ou axudas de transporte.

Artigo 28º.-Seguimento das accións formativas.

O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller realizará o seguimento e control das accións formativas. Cando se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias requiriráselle á entidade adxudicataria a súa emenda; de non realizarse no prazo concedido procederase á revogación e, de ser o caso, ao reintegro da subvención percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Disposicións adicionais

Primeira.-Poderán ditarse resolucións de concesión complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias expresas de subvencións inicialmente concedidas, fondos de subvencións inicialmente concedidas que por causas xustificadas non puidesen realizarse ou de remanentes de módulos, ou por incremento dos orzamentos previstos no artigo 2º nos supostos previstos no artigo 31.2º da Lei de subvencións de Galicia. Nestes casos a comisión de valoración realizará propostas motivadas de adxudicación complementarias a favor do solicitante ou solicitantes seguintes na orde de puntuación establecida. Nos supostos previstos no punto 4 do artigo 17º, as propostas motivadas de adxudicación complementarias destinadas a incrementar a axuda doutros subvencionados parcialmente realizaranse segundo a orde de presentación de solicitudes tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, e no caso de que o número de solicitudes presentadas prevexa gastos superiores ao crédito dispoñible, procederase

a facer unha repartición de xeito proporcional ás solicitudes presentadas.

Segunda.-De conformidade cos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, este organismo publicará na súa páxina web oficial as concesións de subvencións segundo se indica no número 4 do artigo 13º desta resolución, e incluirá as referidas axudas e sancións impostas por consecuencia delas nos correspondentes rexistros públicos, polo que coa presentación da solicitude se presta expresamente o consentimento para o tratamento necesario dos datos persoais das persoas e entidades beneficiarias e a referida publicidade.

Terceira.-O prazo para a presentación da xustificación poderá ser prorrogado pola directora xeral ou polas/os delegadas/os provinciais cando se trate de subvencións concedidas con carácter complementario e comunicaráselles ás/aos beneficiarias/os na notificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Ás/aos beneficiarias/os das axudas reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinta.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller levará a cabo as funcións de control, así como de seguimento e avaliación dos programas das accións formativas.

Sexta.-O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións e requisitos exixidos nesta resolución.

Sétima.-O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller manterá na súa páxina web durante a vixencia do procedemento os programas formativos referidos na letra a) do artigo 21º. Así mesmo, remitirá a todas as entidades adxudicatarias o manual práctico de formación co fin de facilitarlles o cumprimento das súas obrigas e a xestión das accións formativas; incluiranse os formularios normalizados para a correcta execución dos cursos. O seu contido é de obrigado cumprimento para as entidades beneficiarias da subvención.

Oitava.-Apróbase a delegación de atribucións da directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller nas delegadas e nos delegados provinciais do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, no ámbito das súas competencias, para resolver os expedientes das subvencións reguladas nesta resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A persoa titular da dirección xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ditará as instrucións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2009.

P.S. (Orde 22-1-2009)

Antonio Javier Ferreira Fernández

Secretario xeral da Vicepresidencia da Igualdade

e do Benestar

Ver referencia pdf "06000D012P047.PDF"