DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 27 de marzo de 2009 Páx. 6.278

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 18 de marzo de 2009 que modifica a Orde do 10 de febreiro de 2009 pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2009 ao abeiro do Plan de Vivenda 2005-2008 regulado polo Real decreto 801/2005 e polo Decreto 18/2006.

O Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008.

O seu artigo 6 establece que as axudas se atenderán da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Vivenda e Solo.

Así mesmo, a súa disposición transitoria cuarta establece que as axudas derivadas de plans anteriores serán atendidas con cargo á mesma aplicación orzamentaria e dentro do importe máximo, consonte o determinado no citado artigo 6 para as axudas do Plan 2005-2008.

Con data do 10 de febreiro de 2009 aprobouse a orde pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2009 ao abeiro do Plan de Vivenda 2005-2008 regulado polo Real decreto 801/2005 e polo Decreto 18/2006.

Co fin de engadir unha nova aplicación orzamentaria e ampliar outra xa regulada, faise necesaria a aprobación desta orde.

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase a Orde do 10 de febreiro de 2009, pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2009 ao abeiro do Plan de Vivenda 2005-2008 regulado polo Real decreto 801/2005 e polo Decreto 18/2006, e plans de vivenda anteriores, no seguinte senso:

1. O punto 3 queda redactado co seguinte teor:

«Para adquisición de vivenda protexida e usada e promoción para uso propio por parte de familias e institucións sen ánimo de lucro, a aplicación é a 17.02.451B.780.1, por un importe máximo de 7.000.000 euros.».

2. Engádese un punto 5 co seguinte texto:

«Para a promoción de vivendas protexidas de nova construción destinadas a aluguer e de aloxamentos protexidos e urbanización de solo por parte de organismos autónomos, corresponde a partida orzamentaria 17.02.451B.731.0. As subvencións que se concedan no exercicio 2009 e que impliquen un gasto con cargo ao exercicio 2010 terán o límite de 514.297 euros para a anualidade 2009 e de 104.921,89 euros para a anualidade 2010.»

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela,18 de marzo de 2009.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo