DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 27 de marzo de 2009 Páx. 6.273

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2009, da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, pola que se lle dá publicidade á solicitude de modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia ou Patata de Galicia.

Con data do 2 de xullo de 2008, o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia solicitou a modificación do prego de condicións relativo a esta indicación xeográfica, de conformidade co establecido no artigo 9 do R(CE) 510/2006 do Consello, do 20 de marzo, sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios.

A solicitude de modificación afecta varios aspectos do prego de condicións e da ficha resumo deste enviada á Comisión Europea no momento do seu rexistro, polo que a dita solicitude debe someterse, de acordo co indicado no artigo 5.5º do citado Regulamento 510/2006, a un procedemento de oposición dentro do Estado membro, garantindo unha publicación adecuada da solicitude e establecendo un prazo razoable durante o cal cualquera persoa física ou xurídica que posúa un interese lexítimo e estea establecida ou resida no seu territorio poida declarar a súa oposición á solicitude.

En desenvolvemento do dito precepto, o Goberno de España ditou o Real decreto 1069/2007, do 27 de xullo, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas e a oposición a elas. No seu artigo 6 establécese que, unha vez comprobada a solicitude de modificación do prego de condicións, o órgano competente da comunidade autónoma publicará no BOE un anuncio da dita solicitude para que, no prazo de dous meses a partir da data da súa publicación no dito boletín, os interesados poidan opoñerse ao rexistro da modificación. O formato do anuncio vén determinado no anexo VI do R(CE) 1898/2006 da Comisión, do 14 de decembro de 2006, que establece as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 510/2006 do Consello sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios.

Por outra parte, con base nas competencias da Comunidade Autónoma galega en materia de denominacións de orixe, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. O seu artigo 4, punto 4º, dispón tamén a publicación da solicitude de modificación do prego de condicións no DOG e no BOE, para a apertura dun prazo de dous meses para a presentación de oposicións.

Polo exposto e no exercicio das competencias que teño atribuídas de acordo co artigo 4 do citado Decreto 4/2007,

RESOLVO:

Darlle publicidade á solicitude de modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOE, de acordo co formato establecido no anexo VI do R(CE) 1898/2006, que figura como anexo desta resolución, establecéndose un prazo de dous meses desde a data da súa publicación no BOE para que calquera persoa, física ou xurídica, que estea establecida ou resida legalmente en España, cuxos lexítimos intereses considere afectados, poida oporse ao dito registro mediante a correspondente declaración de oposición, dirixida á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, da Consellería do Medio Rural, de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro e no artigo 6 do Real decreto 1069/2007, do 27 de xullo.

O expediente desta solicitude poderá ser examinado na sede da dita dirección xeral, sita nos edificios administrativos de San Caetano, s/n, en Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2009.

Antonio Oca Fernández

Director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria

ANEXO

Solicitude de modificación

Regulamento (CE) nº 510/2006 do Consello sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios.

Solicitude de modificación do prego de condicións de conformidade co artigo 9

Pataca de Galicia ou Patata de Galicia

Nº CE:

×l× IXP l DOP

1. Punto do prego de condicións afectado pola modificación:

l Denominación do produto.

l× Descrición.

l× Zona xeográfica.

l× Proba da orixe.

l× Método de obtención.

l Vínculo.

l× Etiquetaxe.

l Requisitos nacionais.

l Outros.

2. Tipo de modificación:

l× Modificación do documento único ou da ficha resumo.

l Modificación do prego de condicións dunha IXP ou DOP rexistrada da que non se publicou nin o documento único nin o resumo.

l Modificación do prego de condicións que non requiere a modificación do documento único publicado (artigo 9, número 3º, do Regulamento (CE) nº 510/2006).

l Modificación temporal no prego de condicións que obedeza a medidas sanitarias ou fitosanitarias obrigatorias impostas polas autoridades públicas (artigo 9, número 4º, do Regulamento (CE) nº 510/2006).

3. Modificacións:

Descrición do produto:

Modifícanse os calibres adaptándose ao Real decreto 31/2009, do 16 de xaneiro, polo que se aproba a norma de calidade comercial para as patacas de consumo no mercado nacional (BOE nº 21, do 24 de xaneiro), quedando da seguinte maneira:

«Calibre mínimo 35 mm. Non obstante, admitirase a comercialización de patacas cun calibre comprendido entre 18 mm e o mínimo citado, baixo a denominación «pataca miúda fóra de calibre», ou outra designación de venda equivalente.

A homoxeneidade do calibre non é obrigatoria naqueles envases de venda dun peso neto superior a 5 quilogramos. Nos envases de venda de peso neto inferior ou igual a 5 quilogramos a diferenza entre as unidades maior e menor non será superior a 35 mm».

Zona xeográfica:

Amplíase a zona de produción e envasado a concellos limítrofes, en concreto aos de Castrelo do Val, Laza, Monterrei, Oímbra e Verín, pertencentes á Subzona da Limia.

Método de obtención:

Elimínanse as condicións de marco de plantación, sendo o propio produtor o que o delimite, segundo os apeiros e calibre utilizado para a sementeira.

O aporcado pódese substituír por unha práctica cultural análoga.

Adáptanse os calibres do envasado ao establecido no Real decreto 31/2009, do 16 de xaneiro, polo que se aproba a norma de calidade comercial para as patacas de consumo no mercado nacional (BOE nº 21, do 24 de xaneiro).

Inclúese a posibilidade de uso de envases de 20 quilogramos para restauración, hostalaría e outros colectivos que o demanden.

Etiquetaxe:

Establécese a posibilidade de indicar na etiquetaxe a mención «elaborado a partir de Patata de Galicia ou Pataca de Galicia IXP», para os produtos en cuxa elaboración se utilice como materia prima a Pataca de Galicia IXP, incluso tras un proceso de tratamento tecnolóxico.

4. Resumo.

Pataca de Galicia ou Patata de Galicia

Nº CE:

×l× IXP l DOP

1. Servizo competente do Estado membro:

Nome: Subdirección Xeral de Calidade Diferenciada e Agricultura Ecolóxica-Dirección Xeral de Industria e Mercados Alimentarios-Secretaría Xeral do Medio Rural do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.

Enderezo: Paseo de Infanta Isabel, 1, 28071 Madrid.

Teléfono: 0034 913 47 53 94.

Fax: 0034 913 47 54 10.

Correo electrónico: sgcaae@mapya.es

2. Agrupación:

Nome: Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia.

Enderezo: Finca Devesa s/n, 32630 Xinzo de Limia-Ourense.

Teléfono: 0034 988 46 26 50.

Fax: 0034 988 46 26 50.

Correo electrónico: patacadegalicia@patacadegalicia.es

Composición: produtores/transformadores (X). Outros ().

3. Tipo de produto:

Clase 1.6. Froitas, hortalizas e cereais.

4. Especificación:

4.1. Denominación do produto:

Pataca de Galicia ou Patata de Galicia.

4.2. Descrición:

O produto defínese como os tubérculos da especie Solanum tuberosum L., da variedade cultivada Kennebec, destinados ao consumo humano.

As patacas susceptibles de ser amparadas deberán ter un calibre mínimo 35 mm. Non obstante, admitirase a comercialización de patacas cun calibre comprendido entre 18 mm e o mínimo citado, baixo a denominación «pataca miúda fóra de calibre», ou outra designación de venda equivalente.

A homoxeneidade do calibre non é obrigatoria naqueles envases de venda dun peso neto superior a 5 quilogramos. Nos envases de venda de peso neto inferior ou igual a 5 quilogramos a diferenza entre as unidades maior e menor non será superior a 35 mm.

O calibre virá dado pola lonxitude en mm do lado da retícula dunha malla cadrada, pola que de forma natural e máis axustada poidan pasar os tubérculos.

As características particulares das patacas amparadas pola Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, serán as seguintes:

-Forma dos tubérculos: redonda a oval.

-Presenza de ollos moi superficiais.

-Pel de aparencia lisa e fina.

-Cor da pel: marela clara.

-Cor da carne: branca.

-Textura: firme ao tacto e cremosa ao ser cocida, consistente na boca.

-Calidade para consumo: excelente, destacando o seu contido en materia seca e polas súas cualidades de cor, aroma e sabor despois de ser cociñadas.

-Características analíticas: contido en materia seca superior ao 18% e contido en azucres redutores inferior ao 0,4%.

4.3. Zona xeográfica:

A área de produción e envasado do produto amparado pola Indicación Xeográfica Protexida comprende catro subzonas da Comunidade Autónoma de Galicia cuxo ámbito territorial é o seguinte:

Subzona de Bergantiños (A Coruña): formada polos concellos de Carballo, Coristanco, A Laracha, Malpica e Ponteceso.

Subzona da Terra Chá-A Mariña (Lugo): formada pola totalidade dos concellos de Abadín, Alfoz, Barreiros, Cospeito, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, Valadouro, Vilalba e Xermade.

Subzona de Lemos (Lugo): constituída polos concellos de Monforte de Lemos, Pantón e Saviñao.

Subzona da Limia (Ourense): composta pola totalidade dos concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Santos e Xinzo de Limia, Castrelo do Val, Laza, Monterrei, Oímbra e Verín; e as parroquias de Coedo e Torneiros do concello de Allariz; as de Atás, Cualedro, Lucenza, Vilela e A Xironda do concello de Cualedro; as de Bóveda, Padreda, Seiró e Vilar de Barrio pertencentes ao concello de Vilar de Barrio, e as da Abeleda, Bobadela a Pinta, A Graña e Sobradelo do concello de Xunqueira de Ambía.

4.4. Proba da orixe:

Unicamente poderán dedicarse á obtención de patacas amparadas pola Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, as patacas de consumo da variedade Kennebec (sas, sen ningún tipo de enfermidades), procedentes de semente certificada ou reemprego controlado procedente da propia explotación, obtidas nas parcelas aptas, situadas dentro das subzonas e inscritas nos rexistros do Consello Regulador.

De igual modo, só os almacéns e plantas envasadoras situadas dentro das subzonas e inscritas nos respectivos rexistros do Consello Regulador poderán dedicarse ao envasado do produto amparado pola IXP Pataca de Galicia.

O feito de que o almacenamento e o envasado se efectúen dentro das subzonas indicadas responde á necesidade de preservar as características peculiares da produción e a que tradicionalmente as instalacións se sitúan nas comarcas de produción de maior calidade, o que permite un mellor e máis eficaz funcionamento da estrutura de control.

Preténdese con isto, ademais, minimizar as posibles perdas na calidade final do produto por efectos do transporte (aumento do número de golpes, temperaturas non adecuadas, etc.) e dunhas condicións de almacenamento non aconsellables.

O Consello Regulador, seguindo os criterios xerais aplicables aos organismos de certificación de produto que establece a norma EN-45011, garantirá a rastrexabilidade do produto mediante un programa de inspección, localización e control das parcelas sementadas para producción, tras a declaración de sementeira anual, e un programa de control e mellora da calidade, que abranguerá o proceso de almacenamento, manipulación, envasado e etiquetaxe do produto amparado.

4.5. Método de obtención:

A produción amparada pola IXP cumprirá no produto final unha calidade mínima: aspecto varietal característico, patacas enteiras e exentas de ablacións ou golpes, sas, limpas e coa pel ben formada, firmes e sen xerminar, exentas de defectos externos, manchas, feridas, deformacións ou coloracións, humidade axeitada e sen sabores ou olores estraños.

A produción realizarase seguindo en todo momento as prácticas tradicionais. Por iso non estará permitido o cultivo dous anos consecutivos na mesma parcela, nin a utilización de semente sen certificar ou procedente de fóra da explotación. Utilizaranse preferentemente fertilizantes orgánicos e manterase unha relación C/N axeitada, sendo o propio produtor o que delimite o marco de plantación, segundo os apeiros e calibre utilizados para a sementeira. Farase un labor de aporcado, que se poderá substituír por unha práctica cultural análoga. Non se poderá regar o cultivo nos trinta días anteriores á colleita.

As producións máximas admitidas para comercializar ao abeiro da IXP serán de 22.000 kg/ha en secaño e 35.000 kg/ha en regadío.

O envasado realizarase en lotes homoxéneos de calibre e procedencia, sendo o calibre mínimo 35 mm. Non obstante, admitirase a comercialización de patacas cun calibre comprendido entre 18 mm e o mínimo citado, baixo a denominación «pataca miúda fóra de calibre», ou outra designación de venda equivalente.

A homoxeneidade do calibre non é obrigatoria naqueles envases de venda dun peso neto superior a 5 quilogramos. Nos envases de venda de peso neto inferior ou igual a 5 quilogramos a diferenza entre as unidades maior e menor non será superior a 35 mm.

Os envases deben ser autorizados previamente polo consello e cun contido neto de 15, 10, 5, 4, 3, 2 e 1 kg, permitíndose, de maneira excepcional, o envase de 20 e 25 kg con destino á restauración, hostalaría así como outros colectivos que o demanden.

O transporte de tubérculos susceptibles de ser amparados pola IXP realizarase por separado, en vehículos acondicionados para o efecto e disporase de locais para almacenamento debidamente acondicionados e autorizados polo Consello Regulador.

4.6. Vínculo:

-Histórico:

Do cultivo da pataca en Galicia faise mención xa no ano 1607, acadando realmente a súa importancia e dimensión social a mediados do século XVIII, cos primeiros preitos (1736) entre labradores e perceptores de décimos. A súa expansión máis importante vén a raíz da crise cerealeira de 1768-69, sendo a base do desenvolvemento demográfico desde este momento.

Desde finais do século XVIII o cultivo de patacas, tanto en secaño como en regadío, é un dos trazos máis destacados da paisaxe agraria galega, constituíndo, sen lugar a dúbidas, este cultivo a base para o sostemento da poboación e do gando do país, especialmente vacún e porcino.

A súa aparición e a xeneralización do seu cultivo fixo que se perfeccionase enormemente o desenvolvemento do policultivo de subsistencia, encontrándose desde entón e ata hoxe en día formando parte de case todas as rotacións de cultivo en Galicia.

-Natural:

Orografía: en xeral pódese afirmar que as zonas altas do país son apropiadas para o desenvolvemento de bosques e gandaría extensiva, as zonas intermedias dedícanse á agricultura extensiva con gando non estabulado, mentras que nos vales e zonas baixas dá óptimos resultados o cultivo intensivo hortofrutícola.

Clima: debido ás condicións climatolóxicas, ás características dos solos e aos esmerados labores culturais que se dan nas subzonas produtoras de pataca da Comunidade Autónoma de Galicia, o produto obtido ten unha calidade culinaria excepcional. Este feito, ben coñecido polos almacenistas e consumidores, fai que a produción de pataca galega de calidade sexa moi valorada e teña un prezo nos mercados, tanto rexional como nacional, superior respecto de producións doutras orixes.

No referente ás condicións climatolóxicas, é de destacar que a abundante pluviometría das subzonas produtoras (1.000-1500 mm/ano) e as temperaturas suaves fan que os cultivos de pataca teñan un óptimo desenvolvemento vexetativo, sen necesitar a aplicación de regas, así conséguese un crecemento continuo dos tubérculos. A existencia dun período seco nos meses de agosto e setembro, con déficit hídrico no solo, fai que os tubérculos producidos perdan agua antes de ser apañados e maduren perfectamente, formándose unha pel uniforme e resistente, o que unido á redución do contido de auga no tubérculo, axuda á conservación deste e aumenta a súa calidade culinaria.

Solos: recoméndanse terras de textura solta e non pedregosa e cun contido en materia orgánica non excesivamente elevado. Nas zonas produtoras predominan os solos francos e franco-areosos, con valores de pH comprendidos entre 5 e 6,5, sendo estes óptimos para este cultivo. Esta textura permite que a pel do tubérculo sexa fina e uniforme e que os tubérculos saian limpos de terra (non sendo necesario o seu lavado). O pH debilmente ácido impide a presenza da enfermidade denominada sarna ou roña (os tubérculos afectados pola citada enfermidade presentan a pel áspera con pústulas, non sendo aptos para a venda polo seu desagradable aspecto).

Respecto aos coidados culturais, destácanse as importantes estercaduras que recibe este cultivo, arredor das 25 a 30 t/ha, sendo estas moi favorables para a gran calidade culinaria final da pataca producida baixo estas condicións específicas.

4.7. Estrutura de control:

O órgano de control e certificación integrado no Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia é o encargado de verificar o cumprimento do indicado no seu prego de condicións. Este órgano de certificación dispón dunha estrutura axeitada para verificar o cumprimiento dos criterios xerais que deben cumprir as entidades que realizan a certificación de produto segundo a Norma EN-45011.

Nome: Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia.

Enderezo: Finca Devesa s/n, 32630 Xinzo de Limia-Ourense.

Teléfono: 0034 988 46 26 50.

Fax: 0034 988 46 26 50.

Correo electrónico: certificacion@patacadegalicia.com

O Comité de Certificación deste órgano, integrado por representantes de todos os grupos implicados nos principios relacionados coa certificación, é o responsable de asegurar a imparcialidade e independencia dos procesos de certificación. A estrutura do órgano de control e certificación está dirixida por un director técnico, que é o máximo responsable da certificación e dispón de persoal técnico cualificado.

4.8. Etiquetaxe:

En todos os envases que conteñan o produto amparado deberá aparecer impreso, en tamaño dun terzo da cara principal do envase, o logotipo da denominación e a lenda «Indicación Xeográfica Protexida Patata de Galicia ou Pataca de Galicia».

Así mesmo, cada envase levará unha contraetiqueta expedida polo Consello Regulador, numerada correlativamente e co logotipo da denominación.

Os produtos en cuxa elaboración se utilice como materia prima a Pataca de Galicia IXP, incluso tras un proceso de tratamento tecnolóxico, poderán despacharse ao consumidor en envases que fagan uso da mención «Elaborado con Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia sen aposición do logo comunitario, sempre que:

-A Pataca de Galicia IXP, certificada como tal, constitúa o compoñente maioritario en peso e o único tipo de pataca do produto envasado e

-Os usuarios da mención «Elaborado con Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia» estean autorizados polo Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, como titular do dereito de propiedade intelectual outorgado polo seu rexistro. O Consello Regulador inscribirá os usuarios autorizados para o uso da mención «Elaborado con Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia» nos rexistros correspondentes e velará polo correcto uso da denominación protexida.