DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 27 de marzo de 2009 Páx. 6.259

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2009, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se convoca o Programa de escolas abertas presenciais 2009 destinadas aos cidadáns galegos residentes no exterior.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu título preliminar, recoñécelles ás comunidades asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego. A Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade determina que as comunidades galegas son entidades asociativas sen ánimo de lucro que teñen personalidade xurídica e o seu obxecto é o mantemento de lazos culturais ou sociais con Galicia, a súa xente, a súa historia, a súa lingua e cultura.

A Secretaría Xeral de Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da omunidade cautónoma á que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, relacións coas comunidades galegas no exterior e a confección e xestión dos programas de formación ou especialización dirixidos ás comunidades galegas residentes no exterior.

Para avanzar no fomento da cultura galega nas súas diferentes manifestacións artísticas e co fin de promover a participación dos cidadáns galegos e galegas e das comunidades nas que se integran na nosa vida cultural e social, faise necesario o deseño e implantación dunha programación formativa de carácter presencial que se desenvolverá durante o vindeiro mes de xullo nos distintos países que contan cun importante número de galegos/as alí residentes.

A formación en orixe é un instrumento esencial para garantir a participación da cidadanía galega no exterior na vida social e cultural de Galicia dun xeito normalizado.

A especialización e a adquisición de novos coñecementos e ferramentas nas distintas materias formativas impartidas posibilitarán unha maior implicación e colaboración da xuventude no seo das entidades galegas do exterior, favorecendo deste xeito a súa dinamización.

En virtude do exposto, e no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos, no Decreto 11/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na normativa que a desenvolve, logo de informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

DISPOÑO:

Primeiro.-Esta resolución ten por obxecto convocar os distintos obradoiros de formación e especialización de carácter presencial previstos dentro do Programa escolas abertas 2009 e dirixidos aos cidadáns galegos residentes fóra de Galicia así como aos responsables de determinadas áreas de actuación dentro das entidades galegas no exterior.

Segundo.-Os distintos programas convocados dentro das Escolas Abertas 2009 se realizarán en Santiago de Compostela e simultaneamente en diferentes países (Arxentina, Uruguai e Venezuela). Os obradoiros de Santiago de Compostela clasifícanse en obradoiros de formación de nivel intermedio e obradoiros de especialización de nivel avanzado:

I. Escolas abertas (Santiago de Compostela).

I.1. Formación (nivel intermedio).

I.1.1. Asociacionismo, participación e información xuvenil.

I.1.2. Gaita tradicional galega.

I.1.3. Canto popular e percusión.

I.1.4. Baile tradicional galego.

I.2. Especialización (nivel avanzado).

I.2.1. Gaita tradicional galega.

I.2.2. Baile tradicional galego.

II. Escolas abertas no exterior.

II.1. Buenos Aires (Arxentina).

II.1.1. Formación do voluntariado social.

II.1.2. Gaita tradicional galega.

II.1.3. Baile tradicional galego.

II.2. Montevideo (Uruguai).

II.2.1. Formación do voluntariado social.

II.2.2. Gaita tradicional galega.

II.2.3. Baile tradicional galego.

II.3. Caracas (Venezuela).

II.3.1. Gaita tradicional galega.

O contido de cada un dos obradoiros programados será o que se recolle no anexo IV desta convocatoria.

Terceiro.-Os obradoiros convocados dentro das escolas abertas presenciais terán as seguintes características comúns:

I. Formación intensiva e duración mínima de 40 horas lectivas teórico-prácticas. Carácter participativo.

II. Os obradoiros desenvolveranse no mes de xullo deste ano.

III. A formación será impartida por profesionais e expertos con experiencia nas distintas modalidades que se van impartir.

IV. O número de participantes non será superior a 20 alumnos en cada unha das modalidades.

V. En todo caso, o número final de prazas de cada obradoiro e o desenvolvemento de cada unha das modalidades establecerase por resolución do secretario xeral de Emigración, en función das solicitudes presentadas.

Cuarto.-Os programas convocados estarán sometidos ao seguinte seguimento e control:

I. A solicitude de participación supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral de Emigración efectúe as comprobacións que crea necesarias para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa, no caso de concesión.

II. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, podendo esta secretaría modificar a resolución de concesión.

III. O falseamento de datos ou da documentación presentada polas persoas ou entidades beneficiarias dalgúns destes programas, así como o incumprimento das súas obrigas comportará a súa exclusión en próximas edicións destes programas, sen prexuízo de que se inicie o correspondente procedemento de reintegro por algunha das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

IV. A Secretaría Xeral de Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento dos programas recollidos nesta resolución. Para realizar estas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral de Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades galegas e as persoas a que van dirixidos os programas regulados nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

V. Os beneficiarios destes programas estarán obrigados a participar e asistir as actividades para as que foron seleccionados.

VI. A presentación da solicitude implica o consentimento do solicitante para o tratamento dos seus datos de carácter persoal, segundo o previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Estes datos integraranse nun ficheiro responsabilidade da Secretaría Xeral de Emigración e ante quen os interesados poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación e cancelación.

VII. O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios e no rexistro público de sancións, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas. Agás nos casos indicados no artigo 9.4º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Emigración publicará na súa páxina web, www.galiciaaberta.com, a relación de beneficiarios, polo que, a presentación da solicitude leva consigo a autorización para o tratamento necesario de datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina www.galiciaaberta.com.

Quinto.-O financiamento das actividades programadas farase de acordo cos seguintes criterios:

I. A Secretaría Xeral de Emigración farase cargo directamente dos gastos necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros programados dentro das Escolas Abertas 2009.

II. Os gastos financiaranse con cargo á partida orzamentaria 04.50.312C.226.07.-Actuacións derivadas da Lei de galeguidade, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2009, na que existe crédito adecuado e suficiente, cun importe máximo de 220.000 €, que poderá incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

III. No caso dos obradoiros presenciais programados en Santiago de Compostela, ademais dos gastos derivados da organización e desenvolvemento dos obradoiros, a Secretaría Xeral de Emigración farase cargo de:

a) O custo da estadía e da viaxe de todos os participantes desde os lugares de partida fixados pola Secretaría Xeral ata os aeroportos de Galicia e ao lugar de impartición dos obradoiros.

b) Os participantes que opten por viaxar no seu vehículo particular recibirán unha axuda de custo de 0,19 €/km percorrido. No caso de viaxar en transporte público colectivo (non aéreo) aboaráselle, logo de presentación da correspondente xustificación, o custo efectivo da viaxe realizada.

Salvo manifestación en contra das persoas beneficiarias, a Secretaría Xeral de Emigración xestionará a estadía e, de ser o caso, o desprazamento dos beneficiarios dos programas.

O número de prazas ofertadas distribuídas por países, para os obradoiros presenciais programados en Santiago de Compostela son as seguintes:

a) Arxentina: 35 prazas.

b) Uruguai: 15 prazas.

c) Brasil: 12 prazas.

d) Cuba: 12 prazas.

e) Chile: 6 prazas.

f) México: 2 prazas.

g) USA: 2 prazas.

h) Outros países americanos: 4 prazas.

i) Suíza: 15 prazas.

j) Resto países Unión Europea: 17 prazas.

As prazas que queden vacantes distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación ás prazas ofertadas, ata un máximo dun 25% do total das prazas.

No caso dos obradoiros presenciais programados en Buenos Aires, Montevideo e Caracas, ademais dos gastos derivados da organización e desenvolvemento dos obradoiros, a Secretaría Xeral de Emigración farase cargo do custo efectivo da viaxe e da estadía dos alumnos que residan habitualmente fóra destas cidades e deban desprazarse desde ou seu lugar de residencia ata os lugares onde se impartan as clases.

Sexto.-As bases das respectivas convocatorias para cada un dos programas incorpóranse como anexo I e como anexo II nesta resolución.

Sétimo.-Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2009.

Manuel Luís Rodríguez González

Secretario xeral de Emigración

ANEXO I

Bases para a convocatoria dos obradoiros programados dentro das escolas abertas de formación (nivel intermedio) que se celebrará en Santiago de Compostela.

Primeira.-Solicitantes.

Poderán solicitar este programa as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a condición de centro colaborador, así como aquelas institucións e asociacións sen fins de lucro legalmente constituídas radicadas fóra de Galicia, inscritas no Directorio de centros galegos no mundo da Secretaría Xeral de Emigración, que contribúan a favorecer a difusión e preservación do patrimonio cultural galego no exterior.

Nas escolas Aabertas de formación, os alumnos finalmente seleccionados residentes en Arxentina, Uruguai e Venezuela deberán participar nos obradoiros que, na mesma modalidade, se organicen nas cidades de Buenos Aires, Montevideo e Caracas respectivamente.

As persoas propostas deben ser maiores de 18 anos e socios ou colaboradores das citadas entidades.

Non poderán ser beneficiarias as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades solicitantes de prazas para estes obradoiros incluirán na súa solicitude unha proposta coas persoas que designen para participar nas Escolas Abertas 2009.

A relación de participantes remitida pola entidade deberá vir por orde de prelación, tendo en conta que os candidatos propostos deberán colaborar ou ben desempeñar algunha responsabilidade dentro da súa comunidade na modalidade que se solicita.

Non obstante do anterior, nos obradoiros de gaita, baile tradicional galego e canto popular e percusión poderanse reservar un máximo de 4 prazas por curso para a participación a nivel individual daqueles cidadáns galegos maiores de 18 anos residentes fóra de Galicia que acrediten un nivel suficiente de coñecemento para participar nestas, segundo os criterios de valoración establecidos nesta resolución.

Segunda.-Lugar, prazo de presentación de solicitudes e documentación que hai que presentar.

I. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral de Emigración (rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (entre os que figuran as delegacións da Xunta de Galicia en Buenos Aires e Montevideo). Poderán obterse os modelos normalizados de solicitude ou información adicional na páxina web www.galiciaaberta.com

II. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

III. A documentación necesaria para solicitar a participación nas Escolas Abertas 2009 será:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado (anexo V), na que deberá indicarse os obradoiros nos que se quere participar determinando a orde de preferencia.

b) Fotocopia do documento nacional de identidade ou do pasaporte en vigor e breve currículo de cada aspirante con referencia especial aos coñecementos, títulos, experiencia, etc. na materia obxecto do obradoiro.

c) No caso do obradoiro de gaita tradicional galega, o alumno debe enviar, xunto con toda esta documentación, unha gravación en vídeo dixital (CD, VCD, DVD...) que non exceda os 4 minutos. O tema estará gravado só con gaita, sen ningún outro instrumento acompañando á gaita solista.

d) No caso do obradoiro de baile tradicional galego e canto popular e percusión o alumno debe enviar, xunto con toda esta documentación, unha gravación en vídeo dixital (CD, VCD, DVD...), cunha duración que non exceda os 4 minutos.

e) Dúas fotografías tamaño carné de cada aspirante.

f) Unha declaración do aspirante comprometéndose a investir os coñecementos impartidos no seo da entidade, de ser o caso.

g) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados para a mesma actividade (anexo VII). A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que, en ningún caso, a suma das axudas obtidas supere o 100% do custo da actividade.

h) Declaración de non incorrer en prohibición para obter a condición de beneficiario (anexo VIII).

i) A presentación da solicitude de concesión desta axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acreditándose este extremo antes da proposta de resolución. No caso de que os beneficiarios non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar certificado de residencia fiscal emitido polos organismos competentes e declaración de que o solicitante se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa comunidade autónoma.

Terceira.-Emenda da solicitude.

No suposto de que a solicitude de iniciación non reúna os requisitos exixidos ou a documentación presentada fose incompleta, a Secretaría Xeral de Emigración publicará na páxina web www.galiciaaberta.com a relación de interesados que deberán emendar a súa solicitude para que, no prazo de 15 días, corrixan a falta na que incorran ou acheguen os documentos preceptivos, indicándose que, se non o fixesen, se lles terá por desistido das súas peticións, de conformidade co disposto no artigo 71, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta.-Procedemento e criterios de selección.

A ordenación e instrución dos procedementos correspondentes ao programa de escolas abertas establecidos nesta resolución corresponderá á Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe no que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado polo subdirector xeral de Programas Sociais, polo xefe de servizo de Tramitación de Axudas aos Centros e Comunidades Galegas e polo xefe de servizo de Promoción dos Centros e Comunidades Galegas, ou persoas en quen deleguen.

O órgano colexiado avaliará as solicitudes, segundo os criterios obxectivos desta resolución e tendo en conta a orde de preferencia establecida polo solicitante.

Os criterios de valoración serán os seguintes:

a) Para a participación nos obradoiros de canto popular e percusión, gaita e baile tradicional galego valorarase a calidade técnica da gravación presentada ata un máximo de 60 puntos.

b) Solicitantes que non teñan participado en edicións anteriores destes programas: ata un máximo de 20 puntos.

c) Segundo o número de socios da entidade solicitante, de ser o caso: ata un máximo de 20 puntos.

d) En caso de empate no resultado das valoracións das solicitudes das distintas modalidades dos programas decidirase por sorteo público.

Por cada entidade non poderán participar nos obradoiros deste programa máis de dúas persoas en cada unha das modalidades.

Quinta.-Resolución.

A resolución deste procedemento será ditada polo secretario xeral de Emigración e será publicada na páxina web www.galiciaaberta.com.

O prazo máximo para resolver será de seis meses, que empezará a contar a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra esta resolución caberá interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, ou no de seis meses no caso de silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

ANEXO II

Bases para a convocatoria dos obradoiros programados dentro das escolas abertas de especialización (nivel avanzado) a realizar en Santiago de Compostela.

Primeira.-Solicitantes.

Poderán solicitar este programa as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a condición de centro colaborador, así como aquelas institucións e asociacións sen fins de lucro legalmente constituídas radicadas fóra de Galicia, inscritas no Directorio de centros galegos no mundo da Secretaría Xeral de Emigración, que contribúan a favorecer a difusión e preservación do patrimonio cultural galego no exterior. As persoas propostas deben ser maiores de 18 anos e socios ou colaboradores das devanditas entidades e responsables de impartir a docencia e ensino das actividades de gaita ou baile galego dentro da entidade solicitante. Poderán obterse os modelos normalizados de solicitude ou información adicional na páxina web galiciaaberta.com.

Non poderán ser beneficiarias as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades solicitantes de prazas para estes obradoiros incluirán na súa solicitude unha proposta coa persoa que designen para participar nas Escolas Abertas 2009.

Non poderán participar en cada modalidade de obradoiro máis dunha persoa por entidade galega.

Non obstante do anterior, nos obradoiros de gaita e baile tradicional galego poderanse reservar un máximo de 4 prazas por curso para a participación a nivel individual daqueles cidadáns galegos maiores de 18 anos residentes fóra de Galicia que acrediten un nivel suficiente de coñecemento para participar nelas segundo os criterios de valoración establecidos nesta resolución.

Segunda.-Lugar, prazo de presentación de solicitudes e documentación que hai que presentar.

I. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral de Emigración (rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (entre os que figuran as delegacións da Xunta de Galicia en Buenos Aires e Montevideo). Poderán obterse os modelos normalizados de solicitude ou información adicional na páxina web www.galiciaaberta.com.

II. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

III. A documentación necesaria para solicitar a participación nas Escolas Abertas 2009 será:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado (anexo VI), na que deberán indicarse os obradoiros nos que se quere participar determinando a orde de preferencia.

b) Certificación por parte da entidade que acredite que o alumno efectivamente é o encargado de impartir a docencia da actividade de gaita ou baile tradicional galego na devandita entidade, de ser o caso.

c) Fotocopia do documento nacional de identidade ou do pasaporte en vigor e breve currículo artístico do aspirante: nivel de estudos musicais realizados, actuacións, número de alumnos aos que imparte clases, gravacións...

d) No caso do obradoiro de especialización de gaita tradicional galega, o solicitante debe enviar, xunto con toda esta documentación, unha gravación en vídeo dixital (CD, VCD, DVD...). O tema estará gravado só con gaita, sen ningún outro instrumento acompañando a gaita solista.

e) No caso do obradoiro de especialización de baile tradicional galego, o alumno debe enviar, xunto con toda esta documentación, unha gravación en vídeo dixital (CD, VCD, DVD...), cunha duración que non exceda os 4 minutos, na que o alumno interprete varios bailes de ritmos ou estilos diferentes (muiñeira, xota, meneo, danza, etc.).

f) Dúas fotografías tamaño carné de cada aspirante.

g) Compromiso do aspirante de impartir os coñecementos no seo da entidade, de ser o caso.

h) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados para a mesma actividade (anexo VII). A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que, en ningún caso, a suma das axudas obtidas supere o 100% do custo da actividade.

i) Declaración de non incorrer en prohibición para obter a condición de beneficiario (anexo VIII).

j) A presentación da solicitude de concesión desta axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acreditándose este extremo antes da proposta de resolución. No caso de que os beneficiarios non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar certificado de residencia fiscal emitido polos organismos competentes e declaración de que o solicitante se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa comunidade autónoma.

Terceira.-Emenda da solicitude.

No suposto de que a solicitude de iniciación no reúna os requisitos exixidos ou a documentación presentada for incompleta, a Secretaría Xeral de Emigración publicará na páxina web www.galiciaaberta.com a relación de interesados que deberán emendar a súa solicitude, para que no prazo de 15 días corrixan a falta na que incorran ou acheguen os documentos preceptivos, indicándose que, se non o fixesen, se lles terá por desistido das súas peticións de conformidade co disposto no artigo 71, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta.-Procedemento e criterios de selección.

A ordenación e instrución dos procedementos correspondentes ao programa de Escolas Abertas establecidos nesta resolución corresponderá á Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe no que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado polo subdirector xeral de Programas Sociais, polo xefe de servizo de Tramitación de Axudas aos Centros e Comunidades Galegas e polo xefe de servizo de Promoción dos Centros e Comunidades Galegas ou persoa en quen delegue. O órgano colexiado avaliará as solicitudes presentadas, asistido por un ou varios especialistas na materia, segundo os criterios obxectivos desta resolución e tendo en conta a orde de preferencia establecida polo solicitante.

Os criterios de valoración serán os seguintes:

I. No caso dos obradoiros de gaita tradicional galega.

a) Afinación: ata un máximo de 25 puntos.

b) Expresión: ata un máximo de 25 puntos.

c) Rítmica: ata un máximo de 25 puntos.

d) Estética musical: ata un máximo de 25 puntos.

II. No caso dos obradoiros de baile tradicional galego.

a) Expresión: ata un máximo de 25 puntos.

b) Rítmica: ata un máximo de 25 puntos.

c) Estética musical: ata un máximo de 25 puntos.

En caso de empate no resultado das valoracións das solicitudes das distintas modalidades dos programas decidirase por sorteo público.

Quinta.-Resolución.

A resolución deste procedemento será ditada polo secretario xeral de Emigración e será publicada na páxina web www.galiciaaberta.com.

O prazo máximo para resolver será de seis meses, que empezarán a contar a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra esta resolución caberá interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, ou no de seis meses no caso de silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

ANEXO III

Bases para a convocatoria dos obradoiros programados dentro das escolas abertas para realizar en Buenos Aires (Arxentina), Montevideo (Uruguai) e Caracas (Venezuela).

Primeira.-Solicitantes.

Con carácter xeral, poderán participar nas accións formativas convocadas por esta resolución os socios ou colaboradores das entidades galegas do exterior e os cidadáns galegos e os seus descendentes ata segundo grao de consanguinidade residentes fóra de Galicia.

Non poderán ser beneficiarias as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segunda.-Solicitudes.

As persoas que desexen participar nestes obradoiros do exterior deberán cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible no portal da Secretaría Xeral de Emigración http://www.galiciaaberta.com, de acordo co disposto na base 3ª deste anexo, non sendo admisibles outros modelos de solicitude.

As solicitudes, unha vez validadas e impresas, deberán asinarse polos solicitantes e seren remitidas á Secretaría Xeral de Emigración (rúa Basquiños, nº 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), preferentemente mediante correo electrónico, previamente escaneadas, ao enderezo entidadesgalegas@xunta.es ou vía fax (00 34 981 95 73 99). Tamén poderán ser presentadas mediante calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre os que se atopan as delegacións da Xunta de Galicia en Buenos Aires e Montevideo e as oficinas de correos.

O prazo, tanto para cubrir e validar os formularios como para a presentación de solicitudes, será único, e queda fixado nun período dun mes que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Aquelas persoas que validen correctamente o seu formulario de solicitude pero non a presenten mediante calquera dos medios establecidos no parágrafo anterior dentro do indicado prazo, serán excluídas por considerarse presentada a súa solicitude fóra de prazo para o que se ditará a correspondente resolución.

Se o último día do prazo fose sábado ou día inhábil o prazo rematará ao primeiro día hábil seguinte.

Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do seu documento nacional de identidade, pasaporte en vigor ou doutro documento acreditativo da identidade e nacionalidade do solicitante.

b) Documentación xustificativa que acredite ben a súa condición de socio/colaborador dunha entidade galega do exterior ou a súa condición de galego ou descendente de galego ata o segundo grao de consanguinidade así como a súa residencia fóra de Galicia.

c) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados para a mesma actividade. A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que, en ningún caso, a suma das axudas obtidas supere o 100% do custo da actividade.

d) Declaración de non incorrer en prohibición para obter a condición de beneficiario.

e) A presentación da solicitude de concesión desta axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acreditándose este extremo antes da proposta de resolución. No caso de que os beneficiarios non teñan a súa residencia fiscal en territorio español, deberán presentar certificado de residencia fiscal emitido polos organismos competentes e declaración de que o solicitante se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa comunidade autónoma.

Terceira.-Formulario normalizado de solicitude.

Como requisito previo para poderen cubrir telematicamente o formulario de solicitude, as persoas interesadas deberá estar inscritas como usuarios no portal da Secretaría Xeral de Emigración http://www.galiciaaberta.com onde se indican os pasos a seguir para tal rexistro.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán cubertos pola persoa solicitante, unha vez rexistrada como usuaria, necesariamente a través da aplicación informática de matrícula en liña da Secretaría Xeral de Emigración, que poden atopar tamén no enderezo da internet http://www.galiciaaberta.com.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización dos prazos de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Secretaría Xeral de Emigración a través do número de teléfono 00 34 981 95 71 59, fax 00 34 981 95 73 99 ou tamén a través do portal web oficial desta secretaría xeral (http://www.galiciaaberta.com/), na súa epígrafe de Liñas de Axuda, onde está dispoñible una caixa de correo de dúbidas habilitado para o efecto.

O número total de solicitudes que se poderán facer e validar telematicamente para cada curso, serán tantas como prazas convocadas para cada un máis unha porcentaxe do vinte por cento destas correspondente ás reservas. Unha vez completadas validamente este número de solicitudes, a propia aplicación informática de matrícula en liña da Secretaría Xeral de Emigración referida anteriormente, avisará desta circunstancia e non permitirá efectuar novas matrículas.

Cuarta.-Instrución do procedemento e criterios de selección.

I. A ordenación e instrución dos procedementos correspondentes ao Programa de escolas abertas establecidos nesta resolución corresponderá a Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe no que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado polo subdirector xeral de Programas Sociais, polo xefe de servizo de Tramitación de Axudas aos centros e comunidades galegas e polo xefe de servizo de Promoción dos Centros e comunidades galegas ou persoa en quen delegue.

II. Os solicitantes serán seleccionados para cada curso segundo os seguintes criterios:

a) En primeiro lugar, terase en conta a data, a hora e minuto nos que o alumno realizou a súa matrícula a través da páxina web, tendo prioridade as persoas que a realizaran en primeiro lugar.

b) No caso de empate, este desfarase pola orde alfabética dos apelidos dos solicitantes, empezando por aqueles cuxo primeiro apelido empece pola letra D segundo o sorteo que tivo lugar en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia cuxo resultado foi feito público por Resolución do 29 de xaneiro de 2009 (DOG nº 16, do 23 de xaneiro).

Quinta.-Publicación das relacións das persoas seleccionadas.

I. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes e documentación reúnen os requisitos establecidos nas correspondentes bases, elaboraranse as listas provisionais. Nestas listas provisionais faranse constar para cada curso as persoas admitidas que teñan a documentación completa, as persoas que presentaran a documentación incompleta (indicando a documentación pendente de achegar) e as persoas excluídas (indicando a causa de exclusión). Asi mesmo, establecerase o número correspondente de reservas por curso.

Estas listas serán publicadas, no prazo máximo de vinte días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral de Emigración www.galiciaaberta.com.

II. Os interesados disporán dun prazo de quince días hábiles contados desde o seguinte ao desta publicación na páxina web www.galiciaaberta.com para formular as alegacións que consideren oportunas e para a emenda da solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión ou presenten a documentación requirida, consideraranse desistidos da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III. Realizado este trámite, a comisión elevará a través da Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas a proposta definitiva de admitidos (co número correspondente de reservas) e excluídos ao secretario xeral de Emigración. A resolución deste procedemento será ditada polo secretario xeral de Emigración e será publicada na páxina web www.galiciaaberta.com. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico os solicitantes que faciliten os seus enderezos electrónicos na solicitude.

O prazo máximo para resolver será de seis meses, que empezará a contar a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra esta resolución caberá interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, ou no de seis meses no caso de silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso administrativa.

As prazas que non sexan cubertas serán ofertadas aos correspondentes reservas seguindo a súa orde de prelación.

ANEXO IV

Programas dos obradoiros das Escolas Abertas 2009

Escolas abertas de formación (nivel intermedio).

I. Asociacionismo, participación e información xuvenil.

I.1. Bloque 1. Información.

a) A situación actual do asociacionismo e a participación.

b) Da mocidade.

c) Centros de información e recursos.

d) Centros de recursos xuvenís.

e) Presentación do programa de Unión Europea Youth in Action.

I.2. Bloque 2. Participación.

a) A participación como ferramenta de cambio social.

b) Técnicas de investigación social.

c) Deseño de estratexias para o fomento da participación xuvenil.

d) Animación sociocultural.

I.3. Bloque 3. Asociacionismo.

a) Constitución dunha asociación.

b) Planeamento estratéxico.

c) Xestión de proxectos (presentación e xustificación).

d) Estratexias de financiamento e oportunidades das administracións.

II. Formación do voluntariado social.

II.1. Bloque 1. Formación persoal para o voluntariado.

a) Motivacións.

b) Actitudes.

c) Aptitudes.

d) Valores.

e) Sentido da responsabilidade.

II.2. Bloque 2. Formación social (perspectiva Galicia-Latinoamérica).

a) Realidades e problemas sociais.

b) Lexislación social.

c) Os servizos sociais de base.

d) A acción voluntaria no contexto Galicia-Latinoamérica.

e) A sensibilización e a educación da comunidade.

f) A denuncia social.

g) Diálogo coas administracións.

h) Introdución ao traballo con colectivos específicos.

II.3. Bloque 3. Formación práctica ou técnica.

a) Análise do contorno.

b) Animación da colectividade.

c) A participación.

d) Técnicas e métodos para a axuda social.

e) Planeamento estratéxico e operativo.

f) Seguimento e avaliación dos programas.

g) Traballo en equipo.

h) Dinámicas de grupo.

i) Introdución á resolución de conflitos.

j) A toma de decisións.

III. Gaita tradicional galega.

a) Instrumentos populares de Galicia: coñecemento e identificación xeral.

b) A gaita galega: descrición, mantemento e coidados.

c) Iniciación á afinación do punteiro. Descrición do pallón. Afinación do ronco e prácticas con el.

d) Técnica instrumental básica.

e) Interpretación de pezas axeitadas ao nivel do alumno. Pezas de autor de corte tradicional axeitadas ao nivel.

IV. Canto popular e percusión.

a) Visión global do canto e da percusión en Galicia.

b) Os distintos xeitos de tocar e cantar o ritmo da muiñeira, da xota e do valse.

c) Os distintos xeitos de tocar agarrados.

d) Presentación doutros tipos de percusión relacionándoos co canto.

e) Nocións de percusión.

V. Baile tradicional galego.

a) Aprendizaxe das técnicas propias do baile tradicional galego.

b) Aprendizaxe de diferentes bailes.

c) Didáctica do baile tradicional galego (técnicas de ensino).

d) Formación complementaria en forma de charlas e análise de material audiovisual.

Escolas abertas de especialización (nivel avanzado).

I. Gaita tradicional galega.

a) Afinación da gaita galega e manipulación de todos os seus compoñentes sonoros.

b) Técnica aplicada e técnica preventiva do instrumento con exercicios ad hoc.

c) Audicións (actuais e históricas) e bibliografía comentadas.

d) Breves nocións de todo tipo de percusión galega.

e) Traballo específico de repertorio (estética, estilo…).

II. Baile tradicional galego.

a) Especialización nas técnicas propias do baile tradicional galego

b) Estudo dos diferentes bailes.

c) Didáctica do baile tradicional galego (técnicas de ensino).

d) Formación complementaria en forma de charlas e análise de material audiovisual.

Ver referencia pdf "06000D006P027.PDF"

Ver referencia pdf "06000D007P040.PDF"