DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 27 de marzo de 2009 Páx. 6.255

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 17 de marzo de 2009 pola que se regula o procedemento para o reintegro individual dos gastos derivados de actividades de formación do persoal das escolas infantís 0-3 anos da Xunta de Galicia, e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, entre outras áreas de actuación, as relativas á familia, infancia e mocidade, e recolle no artigo 26.3º as competencias para a regulamentación das entidades, servizos e centros que presten servizos sociais, establecendo as condicións para o seu funcionamento, a capacitación do seu persoal e demais requisitos. Estas competencias sonlle atribuídas á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar polo Decreto 517/2005, do 6 de outubro, que establece a súa estrutura orgánica.

No marco do Plan de calidade 2006-2009 das escolas infantís 0-3 anos que a Secretaría Xeral da Igualdade ven desenvolvendo, unha das liñas prioritarias de actuación que se pretende impulsar é a formación permanente do persoal das escolas infantís 0-3 da Xunta de Galicia, así como tamén fomentar o recoñecemento profesional dos seus traballadores e traballadoras. Por iso, considérase necesario prestarlle todo o apoio para a súa formación, impulsando, promovendo e dando resposta ás súas demandas formativas co fin de ampliar os seus coñecementos e de fomentar a motivación de cara a mellorar o traballo cos nenos e nenas e coas súas familias.

Este plan de formación permanente faise efectivo nas programacións de actividades que a Secretaría Xeral da Igualdade realiza anualmente. Prevense, tamén, as actividades formativas organizadas por outras entidades, públicas ou privadas, que teñen a mesma finalidade, mellorar a calidade da educación na etapa infantil. Para facilitar a participación dos traballadores e traballadoras e que a súa asistencia ás ditas actividades non lles supoña un esforzo económico, a Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario establecer unha liña de reintegros individuais para compensar, polo menos en parte, os gastos que delas deriven.

Os reintegros individuais que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05-30.311A.228, recollida na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, por un importe total de 6.000 euros.

Esta orde adáptase ao disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo do persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, así como aos demais requisitos exixidos na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

En virtude do exposto, no exercicio das atribucións que me foron conferidas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é establecer o procedemento para o reintegro individual dos gastos derivados de actividades de formación do persoal das escolas infantís 0-3 anos da Xunta de Galicia, organizadas por entidades públicas ou privadas -agás as programadas pola Secretaria Xeral da Igualdade e pola Escola Galega da Administración Pública- que teñen como finalidade mellorar a calidade da educación e dos servizos complementarios que se prestan nos ditos centros.

2. Os gastos que poderán ser reintegrados son os relativos á matrícula e ao desprazamento derivados de actividades de formación que non teñan un carácter regrado e se realicen durante o ano 2009. Exclúense os gastos de aloxamento e mantenza.

Artigo 2º.-Destinatarios/as.

Poderán solicitar reintegros individuais por asistencia a actividades de formación as traballadoras e traballadores das escolas infantís 0-3 anos da Xunta de Galicia que acrediten a súa relación funcionarial ou laboral no momento da presentación da solicitude.

Artigo 3º.-Modalidades e contidos das actividades de formación.

1. As actividades de formación para as que se pode solicitar o reintegro individual poden ser nas diferentes modalidades de cursos -presenciais ou telemáticos-, encontros, xornadas, congresos, conferencias, etc.

2. Todas as actividades formativas deberán estar relacionadas con algunha área da educación infantil e preverán os seguintes aspectos ou materias: a adecuación dos coñecementos e métodos á evolución das didácticas específicas da infancia, o coñecemento das tecnoloxías da información e da comunicación, as actividades relativas á normalización lingüística, a formación das didácticas en linguas estranxeiras vinculadas á área da educación infantil, así como aqueles aspectos relativos á organización, coordinación, orientación, titoría e tamén a atención educativa á diversidade, encamiñados todos eles a mellorar a calidade da educación e o funcionamento dos centros. Ocupará un lugar relevante a formación específica en materia de igualdade nos termos establecidos no artigo 7 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, sobre medidas de protección integral contra a violencia de xénero. Tamén se incluirán as actividades formativas que dalgunha maneira incidan na mellora dos servizos

complementarios dos centros.

Artigo 4º.-Contías dos reintegros individuais.

1. A dotación orzamentaria para as actividades de formación será por un importe global de 6.000 euros e financiaranse con cargo á aplicación 05.30.311A.228, recollida na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

2. Os límites dos reintegros individuais que se soliciten establécense en función do custo da matrícula e do lugar onde se realice a actividade:

-En Galicia, ata un máximo de 300 euros.

-No resto do territorio do Estado, ata un máximo de 500 euros.

-No estranxeiro, ata un máximo de 1.000 euros.

3. Para unha mellor distribución do crédito establécense dúas quendas que terán carácter semestral en consonancia coas actividades que se realicen nese tempo. Cada unha delas terá unha dotación de 3.000 euros. De non esgotarse o orzamento do primeiro semestre poderá incrementarse ao da segunda quenda. Unha vez esgotado o orzamento total, serán denegadas as solicitudes que se presenten con posterioridade.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes dos reintegros individuais presentaranse conforme o modelo do anexo desta orde, xunto cos seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do DNI.

b) Fotocopia da convocatoria ou programa da actividade.

c) Informe da dirección do centro en que se xustifique a importancia e conveniencia de participar na actividade.

d) Breve memoria explicativa do/a interesado/a sobre os motivos da solicitude da actividade e da súa incidencia no desenvolvemento do seu traballo.

e) Orzamento da matrícula e/ou desprazamento derivados da actividade formativa.

f) Declaración xurada de non estar gozando de licenza remunerada por estudos durante o período de realización da actividade de formación.

g) Certificación bancaria da conta en que se desexe percibir, de ser o caso, o reintegro individual concedido.

Artigo 6.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes, dirixidas á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar -Secretaría Xeral da Igualdade-, presentaranse no rexistro da xeral do edificio administrativo San Caetano -directamente ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación das solicitudes será cunha antelación ao menos dun mes antes do comezo da actividade para a que solicita o reintegro individual.

Artigo 7º.-Tramitación dos expedientes e valoración das solicitudes.

1. Recibida a documentación, de non reunir os requisitos exixidos, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, requiriranse os/as interesados/as para que, nun prazo de dez días, emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución nos termos establecidos no artigo 42.

2. A persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade nomeará unha comisión para valorar as solicitudes que se reunirá periodicamente en función do seu volume, e que estará integrada polas seguintes persoas:

-Presidente: o subdirector xeral de Familia ou persoa na que delegue.

-Vogais: a xefa do Servizo de Familia e Programas Especiais e un/unha funcionario/a da Secretaría Xeral da Igualdade que, pola súa vez, realizará as funcións de secretario/a.

3. As contías dos reintegros individuais fixaranse tendo en conta os obxectivos e características das actividades e a incidencia directa que poidan ter no traballo da persoa que o solicita.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade, por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, á vista da proposta da comisión de valoración, resolverá a concesión ou denegación do reintegro individual no prazo máximo dun mes desde a presentación da solicitude. Entenderanse desestimadas as solicitudes de non existir resolución expresa no prazo de tres meses, contados a partir da data da súa entrada no rexistro xeral.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución. Neste caso, non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto, expresamente ou por desestimación presunta, o recurso de reposición.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento.

Unha vez finalizada a actividade, para poder facer efectivo o pagamento do reintegro individual que, en calquera caso, soamente se axustará aos gastos xustificados, as persoas interesadas deberán remitir á Secretaría Xeral da Igualdade, nun prazo de 20 días hábiles desde que finalizou a actividade, a seguinte documentación:

-Relación valorada dos gastos realizados que será conformada polo órgano xestor. Esta relación deberá vir acompañada dos correspondentes xustificantes: documento orixinal de pagamento da matrícula da actividade e/ou dos gastos de desprazamento, segundo corresponda (billete, factura ou declaración xurada de ter realizado o desprazamento en coche propio).

-Copia do certificado de asistencia.

-Breve memoria da actividade desenvolvida.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión dos reintegros individuais regulados nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin. En todo caso, as actividades formativas deberán realizarse dentro do exercicio económico 2009.

Segunda.-Apróbase a delegación de competencias do vicepresidente da Igualdade e do Benestar na persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias dos reintegros individuais previstos nesta orde.

Disposición transitoria

Primeira.-Poderán acollerse aos reintegros individuais convocados nesta orde as persoas que realizaron actividades de formación durante o período comprendido entre o día 1 de xaneiro de 2009 e a data da publicación desta disposición. Neste caso, as solicitudes deberán presentarse durante os 20 días seguintes ao da súa entrada en vigor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2009.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e o do Benestar

Ver referencia pdf "06000D005P023.PDF"