DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 27 de marzo de 2009 Páx. 6.253

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 27 de febreiro de 2009 pola que se convoca un curso de formación básica en información, orientación e asesoramento á xuventude coa colaboración da Escola Galega de Administración Pública.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é o departamento da Xunta de Galicia que asume as competencias en materia de benestar, incluíndo as políticas de xuventude, en virtude do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, correspóndelle entre as súas funcións a promoción e organización das actuacións en materia de información e documentación para a mocidade.

Concretamente, en relación coa Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, de acordo co Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de mocidade, a través do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, correspóndelle organizar cursos de formación complementaria do persoal dos servizos de información xuvenil.

Neste contexto a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar asinou o día 9 de febreiro de 2009 un acordo de colaboración coa Escola Galega de Administración Pública para a organización de dúas edicións dun curso de formación básica en información, orientación e asesoramento á xuventude.

Como consecuencia do devandito convenio, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta disposición ten por obxecto aprobar as bases e proceder á convocatoria do curso básico de información, orientación e asesoramento á xuventude.

Artigo 2º.-Obxectivos.

Formar o persoal da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil a nivel teórico-práctico sobre a información e as distintas asesorías que se poden levar a cabo nas oficinas de información xuvenil.

Artigo 3º.-Persoal a que vai dirixido.

Informadores xuvenís da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil.

Artigo 4º.-Criterios de selección.

Terán prioridade os informadores xuvenís da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, e por antigüidade. En caso de empate terá preferencia o persoal fixo.

Artigo 5º.-Desenvolvemento do curso.

O curso terá carácter semipresencial. É obrigatoria a asistencia e puntualidade a todas as sesións presenciais do curso. Toda ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado.

1. Duración: 80 horas.

Número de edicións: 2.

2. Lugar e datas:

Santiago de Compostela.

O curso realizarase dous meses despois da publicación desta orde no DOG. O lugar e as datas cos horarios seranlles comunicados individualmente ás alumnas e aos alumnos seleccionados.

3. Número de prazas: 20.

Artigo 6º.-Contidos.

1. Análise dos procesos de información, orientación e asesoramento xuvenil.

Procesos de información, orientación e asesoramento no ámbito da mocidade. Historia da información xuvenil. Sociedade da información e coñecemento. O proceso do coñecemento. O proceso da comunicación. Fundamentos e principios da información xuvenil. Orixe e evolución dos servizos de información xuvenil. Novas necesidades informativas da mocidade e políticas de información. Breve historia da información xuvenil. A información xuvenil dentro das políticas de mocidade. A Carta europea de información xuvenil. A sociedade da información. Organización dos servizos de información xuvenil. A Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil. Antecedentes. Lexislación galega en materia de mocidade. Posta en funcionamento dun SIX. INXUVE. A coordinadora estatal de información xuvenil. As políticas de información xuvenil. Estrutura e deseño dun servizo de información xuvenil. Xestión dunha oficina de información xuvenil.

2. Organización dos servizos de información xuvenil (SIX).

A información xuvenil nas políticas de mocidade. Marco lexislativo e normativo da información xuvenil: Tipoloxía de SIX. Redes de información xuvenil. Estrutura da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de mocidade.

3. Xestión dos servizos de información xuvenil (SIX).

Recursos materiais nos SIX: elementos físicos. Organización de espazos informativos. Recursos económicos: o orzamento. Subvencións. Recursos humanos nos SIX: perspectiva profesional. Coordinación entre profesionais. Actividades formativas. Sinerxías na información xuvenil: transversalidade, cooperación e traballo en rede. Recursos relacionais da información xuvenil. Recursos de intervención no traballo con mozos: formación, información, equipamentos e actividades. A calidade nos servizos de información xuvenil.

4. Elaboración e difusión da información para a mocidade.

Metodoloxía de elaboración da información para mozas: linguaxes expresivas. Ficha informativa. Difusión de información xuvenil: soportes, publicacións físicas e virtuais na información para a mocidade. Dinamización e mercadotecnia da información para a mocidade. Innovación nos proxectos de información e intervención socioeducativa coa mocidade: técnicas de creatividade, técnicas de motivación. A difusión e transferencia de boas prácticas.

Artigo 7º.-Solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

As solicitudes de admisión ao curso dirixiranse ao Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, da Secretaría Xeral do Benestar, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Artigo 8º.-Certificacións de asistencia.

1. Outorgaráselles o correspondente certificado de asistencia aos alumnos que participen con regularidade e dedicación no desenvolvemento dos cursos. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polos alumnos, realizaranse probas obxectivas a distancia ao longo do curso, e ao remate levarase a cabo unha proba avaliativa presencial nas instalacións da EGAP, ou onde se indique no seu momento.

2. É obrigatoria a asistencia e puntualidade a todas as sesións dos cursos así como ás xornadas, encontros e/ou congresos que organice a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade con temática relacionada coa xuventude durante a duración do curso. Toda ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas lectivas programadas, impedirá a expedición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa no curso coa perda de todos os dereitos.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar outorgará unha certificación coa cualificación de apto a aquelas persoas que superen todos os módulos.

Artigo 9º.-Modificacións.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar poderá suspender o curso se non houbese un mínimo de alumnos, así como modificar o desenvolvemento e os contidos do curso anunciado co fin de adaptalo ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

Artigo 10º

A asistencia a este curso será gratuíta para as alumnas e alumnos seleccionados.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2009.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "06000D004P021.PDF"