DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 27 de marzo de 2009 Páx. 6.239

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 62/2009, do 12 de marzo, polo que se aproba a modificación dos estatutos do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña.

O Plan galego de dotación de parques contra incendios urbanos elaborado, no seu día, pola Xunta de Galicia, baseouse en criterios de racionalidade técnica e económica que permitisen dotar a comunidade autónoma dun servizo integrado de extinción de incendios que garanta este servizo en toda Galicia, baixo condicións aceptables, en función do risco e da dificultade técnica da extinción dos incendios.

Como consecuencia disto, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do sete de xullo de dous mil un, acordou participar no Consorcio Provincial da Coruña para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, segundo o disposto no artigo 196.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Con posterioridade, o Consello da Xunta de Galicia aprobou os estatutos do citado consorcio, mediante o Decreto 258/2002, do 30 de xullo, modificado polo Decreto 151/2006 no referente aos seus órganos de goberno.

Agora, para alcanzar unha maior axilidade na xestión e prestación do servizo cómpre proceder a unha nova modificación parcial dos estatutos que rexen o citado consorcio no que se refire ao réxime económico e financeiro.

Esta modificación fíxose segundo as normas de procedemento establecidas nos artigos 151.2º e 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Polo exposto, en aplicación do artigo 196.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do doce de marzo de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar a modificación do artigo 23, primeiro punto, letra a) dos estatutos do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña, sendo o texto del o que se recolle no anexo deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de marzo de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Modificación dos estatutos do Consorcio Provincial

contra Incendios e Salvamento da Coruña

Artigo 23

Contribucións ao consorcio:

As achegas dos entes consorciados para sufragar os gastos ordinarios de funcionamento do parque efectuaranse da maneira seguinte:

a) Fase de construción e equipamento:

-Xunta de Galicia: 50% do total do orzamento.

-Deputación Provincial da Coruña: 50% do total do orzamento.