DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Xoves, 26 de marzo de 2009 Páx. 6.155

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2009, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre aprobación definitiva do proxecto de delimitación do solo do núcleo rural de Biduedo, na parroquia de Pereda, concello de San Cristovo de Cea (Ourense).

O Concello de San Cristovo de Cea remitiu o expediente de delimitación do núcleo rural de Biduedo, tramitado ao abeiro do punto 2 da disposición adicional 2ª da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en diante LOUG) solicitando a súa aprobación definitiva.

I. Antecedentes.

1. O Concello de San Cristovo de Cea non dispón de ningún instrumento de planeamento xeral municipal.

2. O expediente foi tramitado de acordo co previsto no inciso terceiro do número 2 da disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, na redacción dada pola Lei 15/2004, e nel constan:

O sometemento ao trámite de información pública, que se levou a cabo mediante a publicación de anuncios no DOG nº 199, do 14 de outubro de 2008 e nos xornais La Región no 7 de outubro e Faro de Vigo no 9 de outubro.

Certificación do secretario municipal do 20 de novembro de 2008 en que se reflicte que no devandito período non se presentaron alegacións.

Certificado do acordo de aprobación provisional, adoptado polo pleno do concello na súa sesión do 24 de novembro de 2008.

II. Consideracións e motivación.

1. No proxecto remitido queda xustificada a preexistencia e o recoñecemento do núcleo rural de Biduedo.

2. Á vista da ordenación aplicable, a delimitación proposta para o asentamento tradicional é admisible, xa que cumpre os requisitos establecidos no artigo 13.3º da Lei 9/2002. O réxime xurídico aplicable aos terreos incluídos na delimitación será o establecido pola Lei 9/2002 para o solo de núcleo rural; seralle igualmente aplicable, en todo aquilo que non vulnere nin vaia contra o devandito réxime xurídico, o contido da ordenanza do solo non urbanizable de núcleo rural das vixentes normas provinciais.

3. De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, (modificada pola Lei 15/2004), e co artigo 6 do Decreto 188/2008, do 28 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural corresponde ao director xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

1º Visto canto antecede, apróbase definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural de Biduedo, na parroquia de Pereda, concello de San Cristovo de Cea (Ourense).

2º Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se for o caso, calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

No suposto de que o interesado sexa unha administración pública, non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, podendo interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo da xurisdición contencioso-administrativa).

3º Notifíqueselle esta resolución ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2009.

Ramón Saúl Lueje Espina

Director xeral de Ordenación do Territorio

e Urbanismo

Ver referencia pdf "05900D005P011.PDF"