DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Xoves, 26 de marzo de 2009 Páx. 6.153

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 2 de marzo de 2009 sobre aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rodeiro (Pontevedra).

O Concello de Rodeiro remite o documento do plan xeral de ordenación municipal para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en diante LOUG).

I. Antecedentes.

O concello de Rodeiro non dispón de ningún instrumento de planeamento xeral municipal.

O expediente foi tramitado de acordo co previsto no artigo 85 da LOUG, e nel constan:

-Informe desta consellería previo á aprobación inicial, do 17-2-2005.

-Certificación do acordo de aprobación inicial, adoptado polo pleno do concello na súa sesión do 30-7-2005, así como o sometemento ao trámite de información pública, que se levou a cabo mediante a publicación de anuncios no DOG nº 169, do 2 de setembro e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo o día 2-9-2005, e a audiencia aos concellos de Taboada, Antas de Ulla, Carballedo, Chantada, San Cristovo de Cea, Piñor de Cea, Dozón, Agolada e Lalín.

-Informe favorable da Dirección Xeral de Obras Públicas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 30-4-2007, en materia de estradas; informe favorable da Deputación Provincial de Pontevedra do 11-10-2005; informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte do 27-2-2007; informe favorable do 22-10-2005 do organismo autónomo Augas de Galicia; informe do 15-11-2005 da Consellería de Medio Rural; e informe do 29-11-2005 da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

-Informes emitidos polos servizos xurídico e técnico municipais do 23-3-2007 e 13-4-2007, respectivamente.

-Certificado do acordo de aprobación provisional, adoptado polo pleno do concello na súa sesión do 24-4-2007.

-Resolución do 1-10-2007 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (publicada no DOG nº 213 do 5 de novembro), pola que se declara a inviabilidade do sometemento do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rodeiro aos trámites previstos no artigo 7 da Lei 9/2006 sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente.

Mediante Orde do 26-2-2008 esta consellería acordou, de conformidade co disposto no artigo 85.5º b) da LOUG, non outorgar a aprobación definitiva do plan xeral de ordenación municipal do Concello de Rodeiro, debendo introducirse as modificacións necesarias para corrixir as deficiencias que nela se establecían.

Con data 14-10-2008, o concello de Rodeiro solicita novo informe da Dirección Xeral de Obras Públicas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, respecto do cambio de aliñacións na estrada PO-533. Esta dirección xeral emite informe favorable o 7-11-2008.

O pleno do concello de Rodeiro adoptou o acordo de aprobación do documento refundido do Plan Xeral de Ordenación Municipal que cumpre a anterior orde desta consellería o día 31-1-2009, despois do informe emitido polo servizo xurídico municipal do 26-1-2009.

O expediente municipal foi remitido a esta consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva, tendo entrada no rexistro desta na data 6-2-2009.

II. Consideracións e fundamentos.

De conformidade co artigo 89 da LOUG, e co artigo 1 do Decreto 188/2008, do 28 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal corresponde á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo eleva o 2-3-2009 un informe, que se subscribe integramente, en que se fan as seguintes consideracións a respecto da aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rodeiro:

1. Para o cumprimento da orde do 26-2-2008, o Concello de Rodeiro presenta un exemplar do Plan Xeral de Ordenación Municipal en que aparecen corrixidas as deficiencias sinaladas naquela, coa excepción das ordenanzas en solo rústico, en canto a permitir a lousa como material de cubrición cando a tipoloxía propia da zona é a cubrición con tella cerámica, o que non se axusta aos artigos 42 e 104 c) da LOUG.

A fin de responder a estas obrigas, o artigo 5.1º da normativa do PXOM, en que se recollen as condicións xerais das edificacións en solo rústico, debe eliminar a referencia á lousa como material de cubrición en todos os parágrafos en que aparece recollida.

2. Así mesmo, nas fichas do solo urbanizable delimitado do documento corrixido non queda acreditado o cumprimento da reserva mínima para vivenda suxeita a algún réxime de protección pública que exixe a Lei 6/2008, de medidas urxentes en materia de vivenda e solo, pola que se modifica a LOUG.

De conformidade coa disposición transitoria segunda da citada lei, nos municipios que contan con menos de 5.000 habitantes debe establecerse, para cada sector de solo urbanizable, unha reserva mínima do 20% da edificabilidade residencial prevista para vivenda suxeita a algún réxime de protección pública.

Por tanto, nas fichas dos sectores de solo urbanizable delimitado S.UR.D.R.-1 e S.UR.D.R.-2 debe incorporarse esta exixencia, establecendo un mínimo de 1.566 e 1.334 m2 edificables de uso residencial, respectivamente, para vivenda suxeita a algún réxime de protección pública.

III. Resolución.

Con base no antedito, resolvo:

Primeiro.-Outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rodeiro, de acordo co punto 5.a) do artigo 85 da LOUG, nos seguintes termos:

-No artigo 5.1º da normativa, condicións xerais das edificacións en solo rústico, debe quedar eliminada a referencia á lousa do terceiro e quinto parágrafo da epígrafe relativa a condicións de edificación.

-Na ficha do sector de solo urbanizable S.UR.D.R.-1 debe quedar incorporada a seguinte referencia: Reserva mínima de vivenda suxeita a algún réxime de protección pública (20% da edificabilidade residencial): 1.566 m2 edificables.

-Na ficha do sector de solo urbanizable S.UR.D.R.-2 debe quedar incorporada a seguinte referencia: Reserva mínima de vivenda suxeita a algún réxime de protección pública (20% da edificabilidade residencial): 1.334 m2 edificables.

Segundo.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do plan.

Terceiro.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2009.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes