DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Mércores, 25 de marzo de 2009 Páx. 6.031

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 12 de marzo de 2009 pola que se regula o procedemento para a acreditación das entidades formativas para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción.

A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, como marco xeral, persegue ante todo a prevención e inclúe o propósito de fomentar unha auténtica cultura preventiva, mediante a promoción da mellora da formación na devandita materia.

O Estatuto de autonomía de Galicia define as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de execución de relacións laborais e canto á súa capacidade de autoorganización para a consecución dos seus fins.

En Galicia asinouse o 5 de febreiro de 2007 un conxunto de acordos entre a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a UGT de Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia, no marco do diálogo social. Nove acordos que definen un novo marco das relacións laborais en materia de prevención de riscos laborais, de emprego, de formación para o emprego, de negociación colectiva e de participación institucional.

Entre os acordos acadados, inclúense dous relativos á prevención de riscos laborais en Galicia, que foron precisamente os dous primeiros que se remataron no tempo.

Un deles é o Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2006-2010. Dentro deste plan defínese un conxunto de accións para mellorar as condiciones de seguridade e saúde nas empresas e reducir a sinistralidade laboral.

No plan estratéxico establécense os obxectivos operativos ou estratéxicos que pretenden abordar os problemas antes descritos cos instrumentos con que conta actualmente a Administración e con aqueloutros que, como consecuencia do propio plan, teñan que achegarse. Cada un dos obxectivos estratéxicos desenvólvense nunha serie de actuacións e programas específicos para levar a cabo no período de referencia do plan, é dicir, ata o ano 2010.

Así, no obxectivo estratéxico 8. Desenvolvemento de accións de control integrado. Cooperación institucional, na súa acción 1. Plan galego formativo integral: inclúese a necesidade de analizar, coordinar, integrar e desenvolver formación específica de coordinadores de seguridade e saúde nas obras de construción, de acordo cun programa unitario.

O Real decreto 1627/1997, do 24 de outubro, que establece disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción, introduce e regula no seu capítulo II a figura do coordinador/a en materia de seguridade e saúde durante as fases de proxecto e execución de obras e establece no seu artigo 3.1º que, cando na elaboración do proxecto de obra interveñan varios proxectistas, o promotor/a nomeará un coordinador/a en materia de seguridade e de saúde durante a elaboración do proxecto de obra, e no número 2º do mesmo artigo prescribe que, cando na execución da obra interveñan máis dunha empresa, ou unha empresa e traballadores autónomos ou diversos traballadores autónomos, o/a promotor/a, antes do inicio dos traballos ou cando se constate esta circunstancia, designará un coordinador/a en materia de seguridade e saúde durante a execución da obra.

O Real decreto 171/2004, do 30 de xaneiro, polo que se desenvolve o artigo 24 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, en materia de coordinación de actividades empresariais, establece na súa disposición adicional primeira que as instrucións a que está obrigado o/a empresario/a titular do centro, en virtude do artigo 8 deste real decreto, entenderanse cumpridas polo/a promotor/a mediante as impartidas polo/a coordinador/a de seguridade e saúde durante a execución da obra, cando tal figura exista.

O/a coordinador/a en materia de seguridade e saúde durante a elaboración do proxecto de obra é a persoa técnica competente designada polo/a promotor/a para coordinar, durante a fase do proxecto de obra, a aplicación dos principios xerais da prevención.

O/a coordinador/a en materia de seguridade e de saúde durante a execución da obra é a persoa técnica competente integrada na dirección facultativa, designada polo promotor/a para levar a cabo as tarefas definidas na citada normativa.

A Orde do 27 de xuño de 1997 pola que se desenvolve o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención, en relación coas condicións de acreditación das entidades especializadas como servizos de prevención alleos ás empresas, de autorización ás persoas ou entidades especializadas que pretendan desenvolver a actividade de auditoría do sistema de prevención das empresas e de autorización das entidades públicas ou privadas para desenvolver e certificar actividades formativas en materia de prevención de riscos laborais establece no seu capítulo III os requisitos mínimos que deben reunir as entidades formativas para ser autorizadas.

Así mesmo, o Decreto 153/2008, do 24 de abril, polo que se crea o Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, recolle a necesidade de acreditación da formación e a validación e os contidos formativos mínimos para coordinadores/as en materia de seguridade e saúde nas obras de construción.

O obxecto deste regulamento é o establecemento dos requisitos mínimos que deben cumprir as entidades públicas e privadas interesadas en colaborador coa Consellería de Traballo para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, coa finalidade de garantir a calidade dos medios materiais e docentes que se destinen á cualificación dos/as profesionais que actúen como coordinadores de seguridade e saúde nas obras de construción, así como para promocionar a súa formación na materia.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer o procedemento que se deberá seguir para obter a acreditación como entidade formativa para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, que poida ser impartida en centros acreditados pola Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo.

Artigo 2º.-Requisitos.

1. Poderán solicitar a acreditación como entidade formativa para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, de acordo co procedemento establecido nesta orde, as persoas físicas, as entidades xurídicas e as institucións que desexen colaborar na impartición deste curso, sempre que cumpran os requisitos establecidos nos parágrafos seguintes.

2. Os requisitos que deben reunir os centros para obter esta acreditación por parte da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo son de dous tipos: de carácter xeral e específicos. Estes requisitos serán os seguintes:

De carácter xeral.

a) As condicións hixiénicas, acústicas, de habitabilidade e de seguridade, exixidas pola lexislación vixente.

b) Licenza municipal de apertura.

c) Un espazo para dirección, sala de profesores e actividades de coordinación, que deberá diferenciarse claramente do espazo docente.

d) Servizos hixiénico-sanitarios en número adecuado á capacidade do centro.

e) Dispoñer dun equipamento informático que permita a transmisión de datos en liña á Consellería de Traballo.

Específicos.

a) Aulas de clases teórico-prácticas:

-Deberán contar cunha superficie mínima de 30 m2 equipada con mobiliario docente para 15 alumnos/as e profesorado, ademais de elementos auxiliares.

-O acondicionamento eléctrico deberá cumprir as normas de baixa tensión e estar preparado de forma que permita realizar as prácticas.

A parte práctica poderá desenvolverse no propio centro ou, con carácter excepcional en función do interese para a correcta cualificación profesional do alumnado, en empresas que se comprometan ou asinen un convenio ca entidade formativa acreditada correspondente.

b) Equipamento e material:

As entidades formativas acreditadas deberán destinar á impartición deste curso os equipamentos e materiais mínimos que se relacionan a continuación:

b.1. Equipamento:

-Documentación relativa á utilización de elementos de protección individuais e colectivos.

-Mesas e cadeiras en número suficiente para a totalidade de alumnos e alumnas.

-Mesas auxiliares para a realización de prácticas: curas, análise de planos e esbozos, etc.

-Exemplos de plans empresariais de Seguridade e Saúde no traballo.

-Encerados.

-Equipamentos informáticos multimedia.

-Equipamentos de imaxe e son.

b.2. Material didáctico:

Proporcionaránselle ao alumnado os medios didácticos e o material imprescindible para o desenvolvemento do curso, así como exemplares de documentos coa normativa aplicable ao obxecto do curso.

b.3. Elementos de protección:

No desenvolvemento das prácticas utilizaranse os medios necesarios de seguridade e hixiene no traballo, e observaranse as normas legais ao respecto.

c) O profesorado.

Deberá ser experto neste ámbito formativo e terá que acreditar documentalmente a súa formación. Especialmente, deberá contar con:

-Nivel académico mínimo de arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico.

-Experiencia acreditada como técnico de seguridade de, como mínimo, 12 meses.

-Certificado de aptitude pedagóxica, formación metodolóxica ou experiencia docente.

Deberá manterse unha relación máxima profesor-alumno de 1/20 durante a impartición.

O conxunto do profesorado debe garantir, en canto a súa especialización, a totalidade das materias a impartir.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo anterior, desexen obter a acreditación como entidade formativa para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, deberán formalizar a correspondente solicitude en exemplar triplicado no modelo normalizado que se xunta como anexo, subscrita polo titular ou representante legal da entidade, debidamente acreditado.

2. As solicitudes presentaranse nos servizos centrais da Consellería de Traballo, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación de solicitudes de acreditación quedará aberto permanentemente desde a entrada en vigor desta orde.

4. O cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2º acreditarase mediante a presentación da seguinte documentación:

4.1. De carácter xeral:

a) Memoria identificativa do centro.

b) Código de identificación fiscal (CIF) ou número de identificación fiscal (NIF).

c) Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para a sinatura da solicitude, de ser o caso.

d) Estatutos ou normas debidamente legalizadas polas que se rexe a entidade.

e) Planos oficiais dos inmobles e instalacións.

f) Memoria de inmobles e instalacións, identificando no plano cada espazo físico e a súa superficie.

g) Xustificante da propiedade, arrendamento ou título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes, equipamento didáctico, talleres ou campos de práctica. No caso de que a parte práctica do curso se vaia desenvolver en empresas, achegarase compromiso da empresa coa entidade formativa acreditada para que se realicen naquela as prácticas.

h) Licenza municipal de apertura.

i) Descrición do equipamento informático de que dispón para a transmisión de datos en liña á Consellería de Traballo.

4.2. Específica para o curso:

a) Programa do curso detallado e coñecementos profesionais estructurados por módulos, xuntando a descrición da metodoloxía docente e a tipoloxía das probas de avaliación que se vaian efectuar.

O programa deberá axustarse ao que establece o anexo I do Decreto 153/2008, do 24 de abril, polo que se crea o Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, no que se establece o contido mínimo do programa formativo de carácter presencial autorizado pola Consellería de Traballo para coordinadores/as en materia de seguridade e saúde nas obras de construción.

b) Relación de maquinaria, utensilios, material de consumo, textos e material didáctico que se utilizará en cada curso, que deberá ser suficiente e adecuado para que o alumnado poida realizar as prácticas simultaneamente, salvo que se desenvolvan en empresas.

Artigo 4º.-Tramitación.

1. A Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo examinará as solicitudes e comprobará que a documentación achegada é correcta e suficiente.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados no artigo 3º ou a documentación achegada contivese erros ou fose insuficiente, requirirase do solicitante que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare, que deberá ser ditada pola Dirección Xeral de Relacións Laborais, nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 5º.-Resolución.

1. A terminación do expediente de acreditación corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, mediante resolución motivada que deberá serlles notificada aos interesados.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte ao da recepción da solicitude nos servizos centrais da Consellería de Traballo. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase que esta é estimatoria da acreditación por silencio administrativo. O transcurso do prazo máximo legal para resolver o procedemento e notificar a resolución poderá suspenderse, de acordo co establecido no artigo 42.5º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo coa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. Contra as resolucións do directora/or xeral de Relacións Laborais que poñan fin ao procedemento de acreditación poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Traballo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución que se pretenda impugnar.

Artigo 6º.-Censo de entidades formativas acreditadas.

1. A acreditación para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción implicará a inclusión da entidade no censo de entidades formativas acreditadas pola Consellería de Traballo para a impartición deste curso, constituído para o efecto na Dirección Xeral de Relacións Laborais.

2. A cada entidade asignaráselle un número de censo e ás que dispoñan de máis dun centro na mesma ou distinta localidade, asignaráselles un número distinto para cada un deles.

3. A Consellería de Traballo publicará e manterá actualizada na súa páxina web unha relación das entidades formativas acreditadas para realizar os cursos.

Artigo 7º.-Procedemento administrativo para a impartición dos cursos.

As entidades formativas acreditadas para impartir o curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, deberán seguir o procedemento administrativo descrito a continuación para os efectos de control, por parte da Dirección Xeral de Relacións Laborais, da permanencia das condicións de acreditación e do cumprimento dos requisitos prestablecidos:

1. Comunicación do inicio do curso.

A data prevista de seu inicio de cada curso deberase comunicar por escrito cun prazo mínimo de 15 días previos ao seu inicio. Esta deberá ir acompañada dunha programación e cronograma do curso e todos os datos necesarios para o efectivo seguimento da actividade formativa por parte do persoal técnico da Consellería de Traballo, tales como o lugar de realización, o horario ou o lugar das titorías.

Deberase comunicar calquera cambio que se produza no programa presentado. A Dirección Xeral de Relacións Laborais asignará un número ao curso que se vai iniciar e notificarallo á entidade formativa acreditada, co fin de que apareza en todas as comunicacións posteriores para a súa mellor identificación.

2. Inicio do curso.

O mesmo día de inicio do curso deberá remitirse polos medios que determine a Dirección Xeral de Relacións Laborais (fax, correo electrónico ou outros) a relación do alumnado que inicia a formación con indicación do seu DNI. A partir desa data quedará pechado o listado de alumnos/as e non se poderán producir novas altas.

Por outra banda, deberá comunicarse calquera baixa de alumnos/as que se produza durante o transcurso do curso ou calquera outra incidencia que afecte ao seu desenvolvemento.

3. Documentación do alumnado.

É necesario que o alumnado que acceda a esta formación posúa titulación universitaria de arquitectura, arquitectura técnica, enxeñaría ou enxeñaría técnica, a cal deberá quedar acreditada no expediente administrativo. Con tal motivo, a entidade deberá remitir a documentación acreditativa-orixinais ou copias cotexadas dos títulos universitarios e do DNI- no prazo de cinco días posteriores á comunicación do listado de alumnado.

4. Fin do curso.

Unha vez finalizado o curso, presentarase ante a Dirección Xeral de Relacións Laborais a seguinte documentación:

-Memoria descritiva do curso.

-Certificado do director/a do curso co visto e prace do representante legal da entidade relativo ao cumprimento dos requisitos preestablecidos na normativa e no proxecto aprobado que motivou a resolución de autorización da entidade, incluíndo as avaliacións.

-Acta final do curso, na que se recolla a identidade do alumnado, os seus DNI e a cualificación obtida, asinada en todas as súas páxinas.

Artigo 8º.-Obrigas das entidades formativas acreditadas.

As entidades que obteñan a condición de entidade formativa acreditada pola Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo para a impartición do curso coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, terán as seguintes obrigas:

1. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan realizar os técnicos da Consellería de Traballo quedando obrigados a facilitar canta información se lles solicite.

2. Manter as instalacións e estrutura de medios con base nas que se produciu a inscrición como entidade formativa acreditada, e adaptalas aos requisitos mínimos que en cada momento se exixan para este curso formativo.

3. Facer constar na súa publicidade a condición de entidade formativa acreditada pola Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo nas accións para o desenvolvemento do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construcción e non usar tal condición cando se trata de cursos doutra natureza impartidos pola entidade formativa.

4. Solicitar autorización expresa para continuar como entidade formativa acreditada cando se produza un cambio na titularidade do propietario ou responsable xurídico.

Artigo 9º.-Revogación da condición de entidade formativa acreditada.

1. A Dirección Xeral de Relacións Laborais, mediante resolución motivada e logo do trámite de audiencia ao titular do centro, poderalles revogar a autorización como entidade formativa acreditada cando:

a) Incumpran calquera dos preceptos contidos nesta orde.

b) Subcontraten cun terceiro a execución dos cursos dos que teñan concedida a súa realización.

2. Contra as resolucións de revogación previstas neste artigo poderase interpor recurso de alzada ante a Consellería de Traballo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución que se pretenda impugnar.

Artigo 10º.-Recoñecemento da formación preventiva especializada.

1. Para os efectos do sinalado no artigo 12.1 do Decreto 153/2008, as entidades que desexen validar as accións formativas impartidas con anterioridade a publicación do citado decreto, deberán presentar ante a dirección xeral de relacións laborais a solicitude correspondente na que xuntarán a seguinte documentación:

a) CIF/NIF da entidade.

b) Memoria do curso impartido, en que deberá constar, como mínimo a seguinte información: datas e lugar de impartición, programa do curso, modalidade formativa e relación do alumnado coa súa cualificación final.

c) Relación do profesorado e o seu currículo.

2. Unha vez recibida a citada documentación, e logo de solicitude dos informes que considere oportunos, correspóndelle ao titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais a resolución da dita solicitude conforme o especificado no artigo 5º.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2009.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

Ver referencia pdf "05800D001P007.PDF"