DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Martes, 24 de marzo de 2009 Páx. 5.907

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 13 de marzo de 2009 sobre aprobación dos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

O marco normativo xeral de referencia en materia de prevención de incendios forestais vén determinado, en canto ás competencias de Galicia, polo artigo 27.10º do seu Estatuto de autonomía en relación cos artigos 148.18º e 149.123º da Constitución española de 1978.

Facendo uso destas competencias, aprobouse a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia que, no capítulo II do título II, baixo a rúbrica de planificación da defensa do espazo rural, atribúe aos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito a función de desenvolvemento das orientacións previstas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, concretando a estratexia de distrito.

A planificación da defensa do espazo rural fronte aos incendios forestais no ámbito do distrito ten por obxecto integrar a prevención e a extinción nunha lóxica de colaboración entre todas as administracións e os cidadáns, fixando as liñas de avance que permitan acadar a óptima protección das persoas, dos núcleos rurais e do ambiente.

Correspóndelle ao conselleiro do Medio Rural a aprobación dos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito, logo da súa elaboración polas delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural garantindo a coherencia entre distritos forestais.

Mediante a Orde do 7 de maio de 2008 pola que se someten a información pública as propostas dos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito en Galicia (DOG do 14 de maio), garantiuse a participación das diferentes administracións, entidades, asociacións do sector e persoas propietarias afectadas. Así mesmo, realizouse consulta á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en cumprimento do artigo 15.4º da Lei 3/2007.

A definición das zonas de alto risco de incendios no ámbito municipal na Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal (DOG do 24 de abril), o establecemento dun nivel municipal de planificación na Lei 3/2007 e os plans municipais de emerxencia definidos na Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, permite agrupar estes instrumentos.

Polo exposto, en virtude do establecido no artigo 15.2º da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais; no Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, e no uso das facultades que me foron concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobación dos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

Apróbanse os plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de cada un dos 19 distritos forestais, que comprenden os documentos que figuran no anexo.

Artigo 2º.-Publicidade.

Ponse á disposición dos interesados a documentación correspondente aos plans a través da páxina web da Xunta de Galicia (http://mediorural.xunta.es/), nas oficinas das delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural e na Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais da Consellería do Medio Rural.

Artigo 3º.-Plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais e plans específicos de defensa nas zonas de alto risco de incendio.

Os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais e os plans específicos de defensa nas zonas de alto risco de incendio redactaranse nun único documento integrado no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito e no Plan municipal de emerxencias.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2009.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

I. Memoria.

I.1. Antecedentes e xustificación.

I.2. Obxectivos.

I.3. Ámbito territorial.

I.4. Análise da situación actual.

I.5. Definición da rede de defensa contra os incendios forestais no distrito.

I.6. Propostas de actuación.

I.7. Calendario de aplicación.

I.8. Análise económico-financeira.

I.9. Control do plan.

II. Anexos.

II.1. TECOR e coutos.

II.2. Análise estatística.

II.3. Parroquias segundo prioridade de actuación.

II.4. Puntos de auga.

II.5. Puntos de vixilancia fixa.

II.6. Bases para medios aéreos e terrestres.

II.7. Estacións meteorolóxicas e repetidores.

III. Mapas.

III.1. Topográfico.

III.2. Infraestruturas de defensa.

III.3. Zonificación.

III.4. Prioridade de actuación.

III.5. Isócronas aéreas.

III.6. Redes de xestión de biomasa.

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE