DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Martes, 24 de marzo de 2009 Páx. 5.903

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 17 de marzo de 2009 pola que se regula o rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 6/1999, do 6 de abril, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de ordenación do crédito, banca e seguros. En aplicación da citada lei orgánica, polo Real decreto 1748/1999, do 19 de novembro, transferíronse á comunidade autónoma as funcións e servizos da Administración do Estado en materia de mediadores de seguros. Pola súa parte, o Decreto 321/1999, do 16 de decembro, asignoulle as funcións e servizos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia nesta materia á Consellería de Economía e Facenda.

No exercicio destas competencias, publicouse a Orde do 18 de xullo de 2000, de creación do Rexistro de Corredores de Seguros, de Sociedades de Corredoría de Seguros e dos seus Altos Cargos e o Rexistro de Diplomas de Mediador de Seguros Titulado, coa finalidade de inscribir ás persoas físicas e xurídicas que obtiveran autorización para exercer a actividade de corredor de seguros no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, en consonancia co establecido na Lei 9/1992, do 30 de abril, de mediación en seguros privados.

A entrada en vigor da nova Lei 26/2006, do 17 de xullo, de mediación de seguros e reaseguros privados, supuxo, entre outras, a regulación de novas figuras da mediación de seguros e por conseguinte de novos requisitos de inscrición destes mediadores no rexistro administrativo; a obriga de establecer na Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións do Ministerio de Economía e Facenda un punto único de información, que incorpore os datos procedentes do rexistro estatal e os dos rexistros das comunidades autónomas, así como dar cobertura legal, a través do correspondente desenvolvemento regulamentario, da posibilidade de remisión por medios telemáticos da documentación e información que estes profesionais deben facilitar para manter actualizado o rexistro no que estean inscritos e, por conseguinte, deste punto único de información.

Co obxecto de recoller os cambios introducidos pola Lei 26/2006, publicouse o Decreto 298/2008, do 18 de decembro, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mediación de seguros e reaseguros privados. No artigo 3 do mencionado Decreto 298/2008, regúlase a creación do Rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia e adscríbese á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros. Pola súa parte, na disposición derradeira primeira do mencionado Decreto 298/2008, facúltase a/o conselleira/o competente en materia de economía para regular o mencionado rexistro.

Neste sentido, esta norma vén derrogar á Orde do 18 de xullo de 2000, recollendo os cambios introducidos pola Lei 26/2006 no que se refire á estrutura e actos inscritibles no novo rexistro, a posibilidade de remisión telemática da información contida no mesmo e a regulación da protección dos datos de carácter persoal. Así mesmo, a derrogación da Orde do 18 de xullo de 2000 supón a supresión do Rexistro de diplomas de mediador de seguros titulado trás a desaparición da expedición do citado diploma coa entrada en vigor da Lei 26/2006.

Por todo o anterior, de acordo coa habilitación de desenvolvemento establecida na disposición derradeira primeira do mencionado Decreto 298/2008,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto a regulación do Rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia creado polo Decreto 298/2008, do 18 de decembro, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mediación de seguros e reaseguros privados.

2. No rexistro inscribiranse os mediadores de seguros e os corredores de reaseguros suxeitos á competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Carácter e efectos do rexistro.

1. O rexistro ten carácter administrativo e a súa eficacia baséase nos principios de publicidade formal e de legalidade, é público e non se poderá invocar a súa ignorancia.

2. Este rexistro ten eficacia constitutiva. Será necesaria a inscrición no rexistro con carácter previo ao inicio da actividade tanto de mediación de seguros como de corredor de reaseguros.

3. Os actos suxeitos a inscrición non inscritos non producirán efectos respecto a terceiros de boa fe.

Artigo 3º.-Funcións.

O rexistro terá as funcións de cualificar e certificar os actos que así o requiran que se refiran ás/aos mediadoras/es de seguros e corredoras/es de reaseguros inscritas/os nel.

Artigo 4º.-Publicidade e acceso ao rexistro.

1. O Rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia é público e o acceso a este polas/os cidadáns exercerase nos termos e condicións previstos no artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como nas normas da Comunidade Autónoma de Galicia sobre esta materia.

2. Poderá obterse certificación dos datos do rexistro mediante solicitude por escrito da persoa interesada dirixida á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros, na que se expresarán os motivos polos que se require. A resolución pola que se denegue o acceso ao rexistro deberá ser motivada.

Artigo 5º.-Estrutura do rexistro.

O Rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia constará das seguintes seccións:

Sección I: Axentes de seguros exclusivos, persoas físicas.

Sección II: Axentes de seguros exclusivos, persoas xurídicas.

Sección III: Operadores de banca-seguros exclusivos.

Sección IV: Axentes de seguros vinculados, persoas físicas.

Sección V: Axentes de seguros vinculados, persoas xurídicas.

Sección VI: Operadores de banca-seguros vinculados.

Sección VII: Corredores de seguros, persoas físicas.

Sección VIII: Corredores de seguros, persoas xurídicas.

Sección IX: Corredores de reaseguros, persoas físicas.

Sección X: Corredores de reaseguros, persoas xurídicas.

Artigo 6º.-Altos cargos.

1. Respecto das persoas xurídicas inscribiranse:

a) Os cargos de Administración, considerándose como tales ás/aos administradoras/es ou membros dos órganos colexiados de Administración.

b) Os cargos de dirección, como directoras/es xerais, directoras/es técnicos ou asimilados, entendéndose por tales aquelas persoas que desenvolvan na sociedade de mediación funcións de alta dirección baixo a dependencia directa do seu órgano de Administración, de comisións executivas ou de conselleiros delegados daquel.

c) As/os apoderadas/os e as persoas que baixo calquera outro título leven a dirección efectiva.

Artigo 7º.-Actos inscritibles.

1. Son actos inscritibles no rexistro:

a) Os datos iniciais da/do mediadora/or unha vez resolto o procedemento administrativo de inscrición: clave, clase de mediadora/or, nome ou denominación social, data de inscrición, NIF, domicilio social e outros domicilios da actividade e o dominio da internet.

b) As modificacións dos datos iniciais recollidos na letra anterior.

c) A composición do capital social.

d) A designación da/do titular do departamento ou servizo de atención ao cliente e, se procede, da/do defensora/or do cliente das/os mediadoras/es de seguros e, de ser o caso, a mención ao dominio ou ao enderezo de internet destes.

e) A mención á entidade aseguradora coa cal teñen subscrito contrato de axencia de seguros as/os axentes de seguros exclusivos e os operadores de banca-seguros exclusivos e, no caso de estaren autorizados para exercer a súa actividade de mediación con outra entidade aseguradora, indicaranse os produtos en que pode mediar para ela, así como as datas de inicio e fin da dita autorización.

f) As agrupacións de interese económico e as unións temporais de empresas.

g) A data da cancelación da inscrición.

h) A inhabilitación para o desempeño da actividade de mediación de seguros ou de corredor de reaseguros.

i) As sancións firmes que, se é o caso, se impuxeran, salvo a de amoestación privada. As medidas de control especial serán inscritibles cando se acorde darlle publicidade a estas.

j) Os demais actos que deban inscribirse en virtude da normativa vixente.

2. Respecto aos altos cargos:

a) Consignaranse o nome e apelidos ou denominación social, o cargo, o domicilio, a nacionalidade, a profesión, o NIF e, se se trata de estranxeiros, o do permiso de residencia ou pasaporte.

b) Inscribiranse:

-O nomeamento.

-A suspensión, revogación ou cesamento destes por calquera causa.

-A inhabilitación.

-As sancións que, se é o caso, se lles impuxeran, salvo a de amoestación privada.

-Os demais actos que deban inscribirse en virtude da normativa vixente.

3. Os datos de carácter persoal que figuren no rexistro destinaranse única e exclusivamente a cumprir a finalidade perseguida coa súa creación, debendo rexerse o seu tratamento polo disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 8º.-Inscrición de oficio.

Cando a inscrición no rexistro teña por causa acordos da Administración, o asento practicarase de oficio con fundamento no acto administrativo correspondente.

As medidas de control especial que, se fose o caso, se impuxeran serán inscritibles no rexistro, logo de audiencia do interesado, cando a dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros acorde darlles publicidade.

Artigo 9º.-Inscrición por instancia de parte.

As/os mediadoras/es de seguros e as/os corredoras/es de reaseguros, antes de iniciaren a súa actividade, deberán figurar inscritos no Rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A inscrición no rexistro producirase por solicitude, ou do interesado ou da entidade aseguradora, para o caso das/os axentes exclusivos, logo da tramitación do oportuno procedemento administrativo, podendo presentala nos modelos elaborados pola dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros, e acompañada do xustificante de pagamento da taxa de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Modificacións dos datos inscritos.

Calquera modificación dos datos inscritos no rexistro deberá ser comunicada á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros no prazo de dez días hábiles seguintes a aquel no que se adopte o acordo ou se produza o feito que orixine a modificación, podendo utilizar para estes efectos os modelos elaborados pola citada dirección xeral.

No caso de que o acto inscritible teña que ser elevado a público de conformidade coa normativa vixente, deberá remitirse a escritura orixinal, ou ben copia legalizada ou compulsada da mesma, no prazo de quince días hábiles desde a data do seu outorgamento. No caso de que a escritura pública deba ser, ademais, obxecto de inscrición nun rexistro oficial deberase remitir a documentación acreditativa da mesma no prazo de dez días hábiles desde que teña lugar a citada inscrición.

Artigo 11º.-Presentación telemática.

A información a que se refiren os artigos 9º e 10º poderá ser remitida a través de medios telemáticos, de acordo cos procedementos e na forma que determine a consellería competente en materia de economía.

Artigo 12º.-Cancelación da inscrición.

1. A cancelación da inscrición das/os mediadoras/es de seguros e das/os corredoras/es de reaseguros inscritos no Rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos na Comunidade Autónoma de Galicia será acordada pola dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros, logo da instrución do procedemento administrativo correspondente, cando concorra algunha das seguintes causas:

a) Cando a entidade aseguradora rescindise o contrato de axencia de seguros e comunique a baixa do axente de seguros exclusivo ou operador de banca-seguros exclusivo no seu rexistro.

b) Cando a/o mediadora/or de seguros ou a/o corredora/or de reaseguros deixe de cumprir algún dos requisitos exixidos para figurar inscrito no Rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos.

c) Cando as sociedades de axencia de seguros vinculadas, as de corredoría de seguros ou as de corredoría de reaseguros incorran en causa de disolución.

d) Cando as/os corredoras/es de seguros ou as/os de reaseguros non iniciasen a súa actividade no prazo dun ano desde a súa inscrición ou deixen de exercela durante un período superior a un ano.

A esta inactividade, por falta de iniciación ou cesamento no exercicio, equipararase a falta de actividade efectiva das/os corredoras/es de seguros e as/os de reaseguros, e entenderase que se produce cando se aprecie durante dous exercicios consecutivos que o volume anual de negocio sexa inferior a 30.000 euros ao ano en primas de seguros intermediadas.

Non será de aplicación o disposto nesta letra d) cando se lle xustifiquen fundadamente á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros as razóns de falta de actividade, así como as medidas adoptadas para superar a devandita situación.

e) Como sanción.

f) Cando a/o axente de seguros vinculado, o operador de banca-seguros vinculado, a/o corredora/or de seguros ou a/o corredora/or de reaseguros soliciten expresamente a cancelación da súa inscrición.

2. A cancelación da inscrición dará lugar á exclusión do Rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos.

A dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros poderá darlle publicidade á cancelación da inscrición mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo da que se poida realizar a través de calquera outro medio que se considere conveniente.

Artigo 13º.-Cancelación das inscricións das sancións impostas.

As inscricións relativas ás sancións impostas cancelaranse de oficio ou por instancia do interesado.

A cancelación de oficio procederá cando recaera resolución ou sentenza firme estimatoria do recurso interposto contra a sanción.

A/o interesada/o terá dereito a solicitar da dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros a cancelación de inscrición da sanción que lle fora imposta, sempre que non incorrese en ningunha nova infracción, dentro dos dous anos seguintes á data da firmeza da sanción para o caso das infraccións leves, cinco anos no caso das graves e oito anos no caso das moi graves.

A iniciación dun novo expediente administrativo sancionador interromperá os prazos previstos no parágrafo anterior. Se o procedemento concluíse coa imposición dunha nova sanción, as anotacións pendentes cancelaranse cando transcorra o prazo de cancelación aplicable a ela, salvo que o que restase por correr da anterior fose superior posto que neste caso atenderase á data do seu vencemento.

Artigo 14º.-Obriga das persoas e entidades inscritas no rexistro.

As/os mediadoras/es de seguros e as/os corredoras/es de reaseguros inscritos no rexistro deberán facilitar a documentación e información necesarias para permitir o seu mantemento actualizado.

Para estes efectos remitirán á dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros os documentos, datos e demais información na forma e nos prazos establecidos no artigo 10º desta orde e naqueles outros que regulamentariamente se determinen, sen prexuízo da obriga de atender tamén aos requirimentos individualizados de información que se lles formulen.

Artigo 15º.-Ficheiros automatizados.

O soporte informático do rexistro cumprirá as medidas de seguridade establecidas na normativa específica sobre ficheiros automatizados que conteñan datos de carácter persoal. A dirección xeral con competencias en materia de supervisión de seguros, realizará as funcións de responsable do ficheiro e de encargado do tratamento conforme ao disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e a súa normativa de desenvolvemento.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 18 de xullo de 2000 pola que se crea o Rexistro de Corredores de Seguros, de Sociedades de Corredoría de Seguros e dos seus Altos Cargos e o Rexistro de Diplomas de Mediador de Seguros Titulado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación do anexo da Orde do 13 de xaneiro de 2003.

Modifícase o anexo da Orde do 13 de xaneiro de 2003 pola que se regulan os ficheiros automatizados de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Economía e Facenda.

Suprímense os seguintes ficheiros: Ficheiro automatizado do rexistro de corredores de seguros, Ficheiro automatizado do rexistro de sociedades de corredoría de seguros e os seus altos cargos, Ficheiro automatizado de socios de sociedades de corredoría de seguros, que se substitúen polo seguinte ficheiro:

«Nome: Ficheiro automatizado do rexistro administrativo especial de mediadores de seguros, corredores de reaseguros e dos seus altos cargos.

a) Finalidade do ficheiro e uso previsto: servir de soporte para o exercicio da competencia da Consellería de Economía e Facenda en materia de mediación de seguros privados.

b) Persoas e/ou colectivos afectados: os mediadores de seguros e os corredores de reaseguros.

c) Procedemento de recollida de datos: a través dos datos subministrados polos interesados nos expedientes de inscrición do mediador de seguros ou do corredor de reaseguros.

d.1) Estrutura básica do ficheiro: base de datos.

d.2) Tipos de datos de carácter persoal recollidos: nome e apelidos/denominación, NIF, enderezo, teléfono, nacionalidade, profesión, cargo, data de nomeamento e cesamento, correo electrónico, dominio da internet, fax, clave de inscrición, data de inscrición e cancelación, suspensións, inhabilitacións e sancións.

e) Cesións de datos previstas: a través da internet, mediante a publicación na páxina web da Xunta de Galicia, dos seguintes datos: nome e apelidos/denominación, NIF/CIF, enderezo, teléfono, fax, clave de inscrición, correo electrónico, dominio da internet e data de inscrición e cancelación, á Administración do Estado e ás comunidades autónomas con competencias en materia de mediación de seguros e reaseguros privados.

f) Órgano responsable do ficheiro: Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro. A responsabilidade da seguridade corresponde ao Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC).

g) Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos que constan no rexistro poderán exercerse ante o responsable do ficheiro, con enderezo no edificio administrativo San Caetano, bloque 3, baixo, s/n; 15781-Santiago de Compostela.

h) Medidas de seguridade: nivel básico».

Segunda.-Habilitación para o desenvolvemento da orde.

Facúltase director xeral con competencias en materia de supervisión de seguros para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2009.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda