DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Mércores, 18 de marzo de 2009 Páx. 5.668

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de marzo de 2009 pola que se regula o procedemento para a obtención de matrícula de honra e premio de fin de grao nas ensinanzas profesionais de música e danza.

O Decreto 203/2007, do 27 de setembro, polo que se establece o currículo do grao profesional das ensinanzas de réxime especial de música e o Decreto 204/2007, do 11 de outubro, polo que se establece o currículo do grao profesional das ensinanzas de réxime especial de danza, na súa disposición adicional cuarta, establecen a cualificación extraordinaria de matrícula de honra e o premio de fin de grao como recoñecemento ao alumnado con mellor expediente académico, e dispoñen que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará as condicións para a obtención de ambas as dúas distincións académicas.

En consecuencia, en virtude das atribucións que ten conferidas, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento para a obtención de matrícula de honra e do premio de fin de grao nas ensinanzas profesionais de música e danza que se imparten nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Destinatarios/as.

1. A matrícula de honra concederase ao alumnado matriculado en calquera curso das ensinanzas profesionais de música ou danza que acade a cualificación de 9 en calquera das materias reguladas polo Decreto 203/2007, do 27 de setembro, ou polo Decreto 204/2007, do 11 de outubro.

2. O premio de fin de grao concederase ao alumnado matriculado en calquera dos centros da comunidade autónoma que remate o sexto curso dos estudos profesionais de música ou danza cunha cualificación media de 8 no dito curso, cando menos, e se presente á proba anual correspondente.

Artigo 3º.-Concesión.

1. Matrículas de honra.

a) O número de matrículas de honra non poderá superar o 10% do alumnado matriculado no curso.

b) As matrículas de honra serán propostas polo departamento didáctico responsable da materia, por instancia do profesor ou profesora que a imparta.

c) As propostas do departamento elevaranse á Comisión de Coordinación Pedagóxica, que redactará a acta dos acordos tomados e da concesión das matrículas de honra.

d) Darase traslado da acta ao secretario ou secretaria do centro para que engada os resultados nos expedientes académicos correspondentes do alumnado.

e) A concesión da matrícula de honra consignarase nos documentos de avaliación destas ensinanzas coa expresión matrícula de honra a continuación da cualificación numérica obtida.

2. Premio de fin de grao.

a) Para a concesión do premio de fin de grao constituirase un tribunal específico para este fin, que será designado polo director ou directora do centro, e se encargará de valorar a proba correspondente á convocatoria anual.

b) O tribunal estará formado por tres profesores/as, dos que só un deles/as será membro do departamento da especialidade de procedencia do/a alumno/a aspirante ao premio. Non poderá formar parte do citado tribunal profesorado que impartise docencia directa a ese/a aspirante durante o curso anterior.

c) Os departamentos didácticos establecerán os criterios valorativos para a obtención do premio de fin de grao, cuxa proba deberá ter carácter práctico.

d) As probas para a concesión do premio de fin de grao serán convocadas pola dirección dos centros. Estas probas levaranse a cabo unha vez rematada a sesión de avaliación do fin de curso. Para os efectos de organización académica, a citada proba non se realizará despois do 20 de xuño.

e) Aos/Ás aspirantes que obteñan o premio, o centro expediralles un diploma acreditativo que testemuñe a súa obtención, segundo o modelo que recolle o anexo desta orde.

3. Contra o acto de concesión da matrícula de honra ou do premio de fin de grao os/as interesados/as poderán interpoñer recurso de alzada perante o/a director/a do centro educativo no prazo dun mes, desde a data da súa realización.

Disposición transitoria

Única.-Excepcionalmente, o alumnado que rematase os estudos de grao profesional no curso 2007-2008 poderá concorrer aos premios de fin de grao ao longo deste curso escolar 2008-2009.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Contra esta orde poderase interpor recurso potestativo de reposición, presentado perante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente en vía xurisdicional, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde aquela publicación.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2009.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Ver referencia pdf "05400D001P008.PDF"

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES