DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Venres, 13 de marzo de 2009 Páx. 5.314

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 27 de febreiro de 2009 pola que se aproban as normas de aplicación do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada.

A procura da protección e conservación dun medio natural que contribúa a un crecemento económico sustentable é unha constante preocupación da Comunidade Autónoma de Galicia. Baixo esta perspectiva, promulgáronse un bo número de normas que tiveron como eixe fundamental a conservación do medio e a utilización racional dos recursos naturais de que dispoñemos. A última delas foi a Lei 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, que crea un tributo propio da Comunidade Autónoma de Galicia, de natureza real e finalidade extrafiscal, que somete a gravame o dano ambiental causado pola realización de determinadas actividades que utilizan auga encorada, cando o devandito uso ou aproveitamento altere ou modifique substancialmente os valores naturais dos ríos e, en especial, o caudal e a velocidade da auga na súa canle natural: o imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da

auga encorada. Consonte coa lei enténdese que alteran e modifican substancialmente os valores naturais dos ríos as actividades industriais que empreguen augas encoradas mediante grandes presas, é dicir, aquelas presas que superen os quince metros de altura ou ben, aquelas que, non superando os quince metros e non sendo inferiores a dez, teñan unha lonxitude de coroación superior a cincocentos metros, ou unha capacidade de encorar superior a un millón de metros cúbicos de auga, ou unha capacidade de vertedura superior a dous mil metros cúbicos por segundo. Aínda que para o desenvolvemento da actividade empreguen augas encoradas, non estarán suxeitas ao imposto as actividades de abastecemento de poboacións nin as agrarias nin a acuicultura, nin as recreativas, nin a navegación nin o transporte acuático.

O período impositivo coincide co trimestre natural, aínda que no caso de concesións novas o período impositivo comezará desde a data da concesión e, no caso de extinción da concesión, o último día do período impositivo coincidirá coa data da extinción. O devengo producirase o último día do período impositivo.

Consonte a lei, serán suxeitos pasivos, en calidade de contribuíntes, as persoas físicas, xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4º da Lei xeral tributaria que realicen as actividades gravadas. Para cumprir coas súas obrigas tributarias os suxeitos pasivos deberán presentar determinadas declaracións consonte cos modelos que aprobe a consellería competente en materia de facenda e, así mesmo, deberá autoliquidarse o imposto de cada período impositivo nos vinte primeiros días naturais seguintes á data do devengo, mediante os modelos aprobados para estes efectos pola consellería competente en materia de facenda.

Por outra banda, a lei establece que a consellería competente en materia de facenda poderá dispoñer que as declaracións e autoliquidacións do imposto se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben e, igualmente, dispón que poderá establecer a obrigatoriedade da súa presentación e pagamento mediante medios telemáticos.

O artigo 103 da Constitución española sinala a eficacia como un dos principios que deben rexer o actuar das administracións públicas. Pola súa parte, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, alude no seu artigo 3, xunto aos principios constitucionais, aos de eficiencia e servizo aos cidadáns, recoñecendo no artigo 35 o dereito dos cidadáns a que se lles facilite o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas. Para o logro destes obxectivos a Lei 30/1992 destaca, no seu artigo 45, como instrumento idóneo, a utilización por parte das administracións de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, polo que insta a estas a que impulsen e apliquen as devanditas técnicas. Finalmente, a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, consagra a relación coas administracións

públicas por medios electrónicos como un dereito dos cidadáns e como unha obriga correlativa das administracións. Deste xeito, a Lei 11/2007 recoñece o dereito dos cidadáns a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos e regula os aspectos básicos da utilización das tecnoloxías da información na actividade administrativa, nas relacións entre as administracións públicas, así como nas relacións dos cidadáns con elas coa finalidade de garantir os seus dereitos, un tratamento común ante elas e a validez e eficacia da actividade administrativa en condicións de seguranza xurídica. Pola súa vez, dispón que as administracións públicas empreguen as tecnoloxías da información consonte a lei, asegurando a dispoñibilidade, o acceso, a integridade, a autenticidade, a confidencialidade e a conservación dos datos, informacións e servizos que xestionen no exercicio das súas competencias.

No ámbito tributario, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, desenvolve no seu artigo 34 a obriga da Administración de informar e asistir os obrigados tributarios sobre o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, sinalando que as actuacións da Administración tributaria que requiran a súa intervención deberán levarse a cabo da forma que resulte menos gravosa para estes, sempre que iso non prexudique o cumprimento das súas obrigas tributarias. Do mesmo xeito, no seu artigo 96, comina a Administración tributaria a promover a utilización das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias. Así mesmo, cando sexa compatible cos medios técnicos de que dispoña a administración electrónica, os cidadáns poderán relacionarse con ela para exerceren os seus dereitos e cumpriren coas súas obrigas mediante técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos coas

garantías e requisitos previstos en cada procedemento.

De acordo co anterior, é claro que as novas tecnoloxías aplicadas aos procedementos xestores de tributos son un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ao contribuínte e, nesta liña, a presentación telemática de tributos ofrécelles a posibilidade de evitar desprazamentos ás oficinas xestoras ou ás entidades bancarias para a realización do pagamento, así como a presentación dos tributos fóra do horario normal de atención ao público. Ao mesmo tempo, a utilización dos programas que a administración tributaria implementa para a presentación telemática dos tributos facilita cubrir os modelos, guiando o contribuínte na introdución dos datos, evitando a reiteración destes e ofrecéndolle unha axuda en liña.

Baixo esta óptica, a Consellería de Economía e Facenda vén prestando unha especial atención ás posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para facilitarlles aos cidadáns o cumprimento voluntario das obrigas tributarias. Desde o ano 2003, en que se estableceu a posibilidade de pagamento e presentación telemáticos do imposto sobre as transmisións de determinados medios de transporte usados entre particulares e da taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante máquinas, vén incrementándose de xeito progresivo o número de autoliquidacións presentadas telematicamente. Por outra banda, a experiencia xestora no tratamento dos modelos presentados en papel e os presentados de forma telemática poñen tamén de manifesto as vantaxes desta forma de pagamento e presentación fronte á outra. Considérase, polo tanto, o momento adecuado para seguir profundando na aposta polas novas tecnoloxías no cumprimento das obrigas tributarias, cos conseguintes menores custos indirectos para eles. Por todo isto,

e en uso da facultade xenérica de establecer a obrigatoriedade de comunicarse coas administracións públicas empregando exclusivamente medios electrónicos, cando os interesados teñan garantido o acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, consonte o disposto no artigo 27.6º da Lei 11/2007, establécese, con carácter xeral, o obriga de cumprir as obrigas tributarias principais e accesorias contidas na lei deste imposto de xeito telemático.

Mediante esta orde apróbanse os modelos en formato electrónico de declaración inicial e modificación e de autoliquidación do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, e dítanse as normas de aplicación do imposto.

Así, en virtude do exposto e de acordo coas competencias establecidas nos artigos 12, 13, 14, 16 e na disposición derradeira segunda da Lei 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Presentación e pagamento telemáticos.

1. Os suxeitos pasivos do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, para cumpriren as obrigas tributarias relacionadas con este imposto, deberán empregar as aplicacións informáticas postas á súa disposición na Oficina Virtual Tributaria nas condicións e consonte os procedementos previstos nesta orde.

2. Poderán empregar as aplicacións informáticas deste imposto os usuarios que se relacionan a seguir, sempre que sexan previamente autorizados pola dirección xeral competente en materia de tributos:

a) Os suxeitos pasivos que dispoñan do correspondente certificado de usuario outorgado pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) para a presentación e pagamento dos seus propios impostos, ou doutras autoridades certificadoras admitidas pola consellería competente en materia de facenda.

b) Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresarias ou profesionais, que subscribisen coa comunidade autónoma o correspondente convenio de colaboración, nos termos acordados neste.

3. Os usuarios anteriores, para poderen empregar as aplicacións informáticas deste imposto, deberán presentar ante a dirección xeral competente en materia de tributos, unha solicitude de autorización xunto a unha ficha de usuario, axustadas aos modelos que contén o anexo I, con anterioridade ao primeiro prazo en que deban cumprir as obrigas tributarias referidas a este imposto.

Artigo 2º.-Aprobación de modelos en formato electrónico.

Apróbanse os modelos en formato electrónico que figuran nos anexos II e III desta orde e que se relacionan a seguir, para os efectos da aplicación do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada:

Modelo 010.-Modelo de declaración de alta/modificación, que constará de dous exemplares, un para a Administración e outro para o interesado.

Modelo 011.-Modelo de autoliquidación do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, que constará de tres exemplares, un para a Administración, outro para o interesado e un terceiro para a entidade financeira colaboradora na recadación.

Artigo 3º.-Censo telemático de aproveitamentos hidráulicos para usos industriais.

Os datos declarados mediante o modelo 010 incorporaranse no censo telemático de aproveitamentos hidráulicos para usos industriais, instrumento que será empregado pola Administración tributaria para os efectos da aplicación do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada.

Quedarán inscritos no censo todos os aproveitamentos hidráulicos de auga encorada para usos industriais que utilicen encoros que estean situados en todo ou en parte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, cando o uso ou aproveitamento altere ou modifique substancialmente os valores naturais dos ríos.

Artigo 4º.-Procedemento para a realización da declaración inicial.

1. Os suxeitos pasivos deberán, con carácter xeral, no prazo de presentación da primeira autoliquidación e previamente a esta, presentar telematicamente ante a delegación territorial correspondente da Administración tributaria, unha declaración inicial dos datos do aproveitamento consignados no modelo 010.

Para realizar esta declaración empregarán a aplicación informática que a Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia poña á súa disposición na Oficina Virtual Tributaria.

2. Unha vez consignados todos os datos requiridos, o suxeito pasivo deberá proceder á presentación telemática, de xeito que transmitirá os datos da declaración coa sinatura electrónica, xerada ao seleccionar o certificado previamente instalado para estes efectos no navegador. Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiras persoas, requirirase unha única sinatura, a correspondente ao seu certificado.

3. Se a declaración é aceptada, a aplicación devolveralle ao usuario en pantalla:

-Un código de identificación formado por cinco caracteres numéricos, que deberá ser empregado polo suxeito pasivo en todas as actuacións que teña coa Administración tributaria na aplicación deste imposto. A asignación deste código suporá a inscrición no censo telemático de aproveitamentos hidráulicos para usos industriais.

-O modelo 010 debidamente cuberto cos datos declarados e co código de identificación a que se refire o punto anterior, e validado cun código seguro de verificación formado por dezaseis caracteres, con indicación da data de presentación. Este modelo serviralle de xustificante da presentación da declaración de alta na data sinalada no propio modelo.

No suposto de que a presentación sexa rexeitada, mostrarase en pantalla a descrición dos erros detectados. Neste caso, o usuario deberá proceder a corrixilos mediante a aplicación informática ou repetindo a presentación se o erro for orixinado por outro motivo.

4. O usuario deberá imprimir e conservar a declaración aceptada e validada co correspondente código seguro de verificación.

Artigo 5º.-Procedemento telemático para a realización da autoliquidación, o pagamento da débeda tributaria e a súa presentación.

1. Os suxeitos pasivos deberán, con carácter xeral, ingresar e presentar telematicamente ante a delegación territorial correspondente da Administración tributaria o modelo 011, no cal practicarán a autoliquidación do imposto e determinarán a débeda tributaria correspondente a cada período impositivo, nos vinte primeiros días naturais seguintes á finalización deste.

Para isto empregarán a aplicación informática que a Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia poña á súa disposición na Oficina Virtual Tributaria e deberán estar previamente identificados co código de aproveitamento no censo telemático de aproveitamentos hidráulicos para usos industriais.

2. Os suxeitos pasivos declararán os datos necesarios para proceder ao cálculo da débeda tributaria e, unha vez calculada esta, o suxeito pasivo deberá realizar o pagamento da cantidade resultante da autoliquidación, de calquera dos modos sinalados no número seguinte, ou ben marcar na propia autoliquidación que vai solicitar o aprazamento ou o fraccionamento da débeda. Neste último caso, deberá presentarse ante a delegación territorial correspondente unha solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinaladas na normativa de aplicación, e sen que poida entenderse presentada aquela coa presentación telemática da autoliquidación.

3. Os usuarios poderán ingresar a débeda de calquera das formas seguintes:

a) Mediante ingreso presencial da cantidade correspondente en calquera das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o cobramento de autoliquidacións presentadas telematicamente. O ingreso formalizarase mediante a carta de pagamento que para estes efectos xerará a aplicación informática e que previamente deberá imprimir o usuario. Unha vez realizado o pagamento, a entidade colaboradora facilitará un número de referencia completo (NRC) identificativo do ingreso realizado, que será requirido posteriormente pola aplicación informática para completar a presentación.

b) Mediante pagamento telemático. O usuario accederá ás aplicacións específicas a través da páxina web da consellería competente en materia de facenda e efectuará o pagamento da correspondente autoliquidación, a través das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o pagamento telemático. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará o cargo. No caso de ser aceptado o cargo, efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará o correspondente NRC, así como o recibo a que se refire o número 2 do artigo 10º.

4. O número de referencia completo (NRC) a que se refire o número anterior é un código xerado informaticamente pola entidade de depósito mediante un sistema criptográfico que permitirá asociar a autoliquidación presentada ao pagamento dela derivado. O NRC está composto por 22 posicións co seguinte contido: posicións 01-13: alfanuméricas, corresponden ao número de xustificante asignado pola Oficina Virtual Tributaria. Posición 14: alfanumérica, corresponde a un carácter de control adicional. Posicións 15-22: caracteres de control. As normas técnicas de xeración do NRC figuran no anexo IV a esta orde.

5. A xeración do NRC pola entidade de depósito implicará:

a) Que o recibo en que figura responde a un ingreso realizado na entidade de depósito que o expide.

b) Que o devandito recibo corresponde á autoliquidación incorporada na carta de pagamento e non a outra.

c) Que a partir do momento de xeración deste, queda a entidade de depósito obrigada fronte á Facenda da comunidade autónoma polo importe que figura na devandita carta de pagamento, quedando o contribuínte liberado da súa obriga de pagamento fronte á citada Facenda.

6. Unha vez xerado o correspondente NRC, salvo que for anulado consonte a normativa tributaria en materia de recadación, non se admitirá a retrocesión do pagamento por parte da entidade de depósito, debendo presentar o suxeito pasivo, de ser o caso, ante a Administración tributaria, as correspondentes solicitudes de devolución de ingresos indebidos adecuadamente fundamentadas. Pola súa parte, a entidade de depósito deberá realizar o pagamento na conta restrinxida de recadación con carácter previo á xeración do citado NRC.

7. Unha vez realizado o pagamento da débeda ou marcada na autoliquidación a solicitude de aprazamento ou fraccionamento, para concluír co proceso o usuario deberá proceder á presentación da autoliquidación telematicamente, de xeito que transmitirá os datos da autoliquidación coa sinatura electrónica, xerada ao seleccionar o certificado previamente instalado para estes efectos no navegador. Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiras persoas, requirirase unha única sinatura, a correspondente ao seu certificado.

8. Se a presentación telemática é aceptada, a aplicación devolveralle ao usuario en pantalla o modelo 011 debidamente cuberto, co seu número de identificación, cos datos declarados, coa autoliquidación da débeda tributaria, cos datos correspondentes ao ingreso realizado, de ser o caso, e validado cun código seguro de verificación formado por dezaseis caracteres, con indicación da data de presentación. Este modelo serviralle de xustificante da presentación do número da autoliquidación impreso nel na data sinalada no propio modelo e do seu pagamento, de ser o caso.

No suposto de que a presentación sexa rexeitada, mostrarase en pantalla a descrición dos erros detectados. Neste caso, o usuario deberá proceder a corrixilos mediante a aplicación informática ou repetindo a presentación se o erro fose orixinado por outro motivo.

9. O usuario deberá imprimir a autoliquidación aceptada e validada co correspondente código seguro de verificación.

Artigo 6º.-Singularidade dos aproveitamentos.

No suposto de que un suxeito pasivo teña en explotación máis dun aproveitamento hidráulico para usos industriais, que estea gravado por este imposto, as declaracións e autoliquidacións citadas nos artigos anteriores referiranse a cada un dos aproveitamentos que teña en explotación.

Artigo 7º.-Procedemento para a modificación da declaración inicial.

Cando se produza algunha variación nos datos consignados na declaración inicial, referentes ao aproveitamento ou ao encoro, os suxeitos pasivos deberán, con carácter xeral, presentar comunicación telemática daquela ante a delegación correspondente a través do modelo 010, no prazo de vinte días naturais contados desde o momento en, que se produza a dita modificación e, en calquera caso, antes do pagamento e presentación telemáticos da autoliquidación correspondente ao período impositivo no que se producise a modificación que se vai declarar.

Para isto empregará a aplicación informática a que fai referencia o artigo 4º anterior e seguirá o procedemento regulado nel.

Artigo 8º.-Procedemento para a modificación do suxeito pasivo.

1. Cando por calquera operación ou título xurídico se produza a modificación do suxeito pasivo do imposto por un aproveitamento inscrito no censo telemático de aproveitamentos hidráulicos para usos industriais, quen fose o suxeito pasivo con anterioridade á modificación deberá, con carácter xeral, comunicarlle telematicamente á Administración tributaria, mediante o modelo 010, unha baixa por modificación do suxeito pasivo, identificando o novo suxeito pasivo, e este último deberá, con carácter xeral, presentar telematicamente unha declaración de alta por modificación do suxeito pasivo.

Para isto empregarán a aplicación informática a que fai referencia o artigo 4 anterior, debendo proceder do xeito que se sinala a seguir.

2. Quen fose suxeito pasivo con anterioridade á modificación, deberá comunicar a baixa por cambio de suxeito pasivo de xeito telemático no prazo máximo de dez días naturais desde a data en que se realizase aquela. A comunicación referida determinará no mesmo momento da súa aceptación a baixa provisional do suxeito pasivo inicial respecto ao aproveitamento censado. O suxeito pasivo inicial deberá xustificar documentalmente ante a Administración tributaria o cambio no prazo máximo de 5 días. Verificada pola Administración a documentación presentada, procederase á baixa definitiva do suxeito pasivo inicial respecto ao aproveitamento censado.

3. Realizada a baixa provisional, o novo suxeito pasivo deberá comunicar telematicamente á Administración tributaria a alta por cambio de suxeito pasivo. A referida comunicación determinará no mesmo momento da súa aceptación a alta do novo suxeito pasivo respecto ao aproveitamento censado, momento a partir do cal poderá realizar calquera outra operación co respecto a ese aproveitamento a través das aplicacións informáticas da Oficina Virtual Tributaria.

4. Sen prexuízo das consecuencias que derivasen do incumprimento das obrigas neste artigo sinaladas, a Administración tributaria poderá de oficio dar de baixa quen fose suxeito pasivo con anterioridade á operación que determinase o cambio de suxeito pasivo, á solicitude do novo suxeito pasivo e logo de xustificación documental.

5. A persoa que na data do devengo realice a actividade gravada polo imposto será a que teña a obriga de autoliquidar e ingresar a débeda tributaria polo período impositivo en que se produza a modificación.

Artigo 9º.-Extinción da concesión.

1. Nos vinte primeiros días naturais seguintes á data de extinción da concesión, o suxeito pasivo deberá, con carácter xeral, ingresar e presentar telematicamente ante a delegación territorial correspondente da Administración tributaria o modelo 011, no cal practicará a autoliquidación do imposto correspondente ao período impositivo en que se produza a extinción da concesión e determinará a débeda tributaria de xeito proporcional ao número de días deste.

Para isto empregará a aplicación informática a que fai referencia o artigo 5º anterior e seguirá o procedemento regulado nel.

2. No prazo máximo de dez días naturais contados desde a finalización do prazo para presentar a autoliquidación a que se refire o número anterior, o suxeito pasivo deberá, con carácter xeral, presentar telematicamente o modelo 010 para comunicar a extinción da concesión. A comunicación referida determinará, no mesmo momento da súa aceptación, a baixa provisional do aproveitamento censado. Comunicada a extinción da concesión, o suxeito pasivo deberá xustificar documentalmente ante a Administración tributaria a extinción da concesión no prazo máximo de 5 días. Verificada pola Administración a documentación presentada, procederase á baixa definitiva do aproveitamento do censo.

3. Sen prexuízo das consecuencias que se derivasen do incumprimento das obrigas neste artigo sinaladas, a Administración tributaria poderá de oficio dar de baixa os aproveitamentos que tivesen cesado na súa actividade.

Artigo 10º.-Xustificantes de pagamento e de presentación de autoliquidacións presentadas de forma telemática.

1. Unha vez que o contribuínte opte polo pagamento da autoliquidación de forma presencial na entidade colaboradora, a aplicación informática xerará dúas copias da carta de pagamento a que se refire o artigo 5.3º a) desta orde debidamente cubertas cos datos que o suxeito pasivo facilitase na aplicación informática. Co devandito documento acudirase á entidade colaboradora para a realización do pagamento, a cal quedará co exemplar para a entidade colaboradora e devolverá ao contribuínte o exemplar para o interesado co selo da entidade, data do ingreso, número e importe, así como co NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número da autoliquidación impreso nel.

2. Se se opta polo pagamento telemático, a aplicación informática, unha vez realizado o pagamento, xerará o recibo de cargo en conta que o contribuínte deberá imprimir e conservar, no cal se identificará o número da conta que realiza o pagamento, data do ingreso, importe, NIF e nome do contribuínte así como o NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento da autoliquidación asociada ao NRC impreso nel.

3. A presentación da autoliquidación do imposto e a súa data acreditarase mediante a impresión do documento (modelo 011) xerado pola aplicación informática no que constarán os datos identificativos do suxeito pasivo, da liquidación e do ingreso. Ademais xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca a autoliquidación presentada telematicamente coa impresa polo contribuínte.

4. Os xustificantes de pagamento e presentación sinalados nos parágrafos anteriores xurdirán os efectos liberatorios para coa Facenda da comunidade autónoma sinalados no Regulamento xeral de recadación. Os suxeitos pasivos deberán conservar os xustificantes de pagamento e presentación. No caso de que a autoliquidación non dea lugar a ingreso, bastará a xustificación da presentación na forma sinalada no número 3 anterior. No caso de solicitar aprazamento ou fraccionamento será necesario, ademais, o xustificante da presentación da solicitude de aprazamento ou fraccionamento.

Disposicións adicionais

Primeira.-Excepcionalidade ao cumprimento das obrigas tributarias de xeito telemático.

De xeito excepcional e cando circunstancias extraordinarias así o aconsellen, logo de petición do interesado debidamente xustificada, a dirección xeral competente en materia de tributos, valoradas as razóns aducidas polo interesado e a documentación e as probas presentadas por el para xustificar a súa demanda, poderá exceptuar a aquel da obrigatoriedade de empregar os medios telemáticos para o cumprimento das obrigas tributarias reguladas nesta orde. A resolución fixará o alcance temporal da excepcionalidade e a forma e as condicións en que deberá facer efectivas as obrigas tributarias, sen prexuízo das consecuencias que derivasen consonte a normativa tributaria no caso de incumprimentos das normas.

Segunda.-Adhesión e autorización de entidades colaboradoras.

As entidades de depósito xa autorizadas como colaboradoras na recadación dos tributos xestionados por esta comunidade autónoma quedan adheridas ás obrigas derivadas da colaboración na recadación dos ingresos derivados do modelo 011 que se fagan efectivos nelas.

As entidades que estivesen autorizadas para o pagamento telemático doutros tributos xestionados pola consellería competente en materia de facenda quedarán adheridas ao pagamento telemático do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada sen necesidade de solicitalo á dirección xeral competente na materia.

Terceira.-Conservación de soportes informáticos.

No suposto de pagamento telemático das autoliquidacións referidas ao imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, a entidade de depósito autorizada, colaboradora na xestión recadatoria, que xerase o correspondente NRC xustificante deste, conservará durante un período de cinco anos os soportes informáticos que motivaron o devandito NRC.

Cuarta.-Confidencialidade e representación.

Os profesionais colexiados, así como as entidades, institucións ou organizacións representativas de sectores sociais, laborais, empresariais ou profesionais, no exercicio das súas funcións e nas actuacións previstas nos convenios correspondentes respectarán as normas establecidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais a que o suxeito pasivo solicitase a colaboración para a presentación telemática deste tributo, deberán posuír a representación nos termos establecidos no artigo 46 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. A Administración poderá requirir destes, en calquera momento, a acreditación da devandita representación.

A falta de representación suficiente das persoas en nome das cales se presentase a documentación dará lugar á exixencia das responsabilidades que fosen procedentes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan os procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras.

Introdúcense as seguintes modificacións nos anexos I e IV da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras:

Un.-Engádese no anexo I, de maneira que se insira no lugar que lle corresponda segundo a orde numérica preestablecida, un novo modelo de ingreso da autoliquidación do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, coa seguinte redacción:

«011-Imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada».

Dous.-Engádense no anexo IV as seguintes modificacións:

1. Modifícase a descrición das posicións 18-19 do deseño do rexistro do detalle de autoliquidacións (tipo 3), queda redactada do seguinte xeito:

«Período obrigatorio para os modelos 002, 005, 011, 044 e 045. Libre para o resto dos modelos».

2. Modifícase a descrición das posicións 20-22 do deseño do rexistro do detalle de autoliquidacións (tipo 3), engadindo, de maneira que se insira no lugar que lle corresponda segundo a orde numérica preestablecida, un novo modelo de ingreso da autoliquidación do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, coa seguinte redacción:

«Modelo 011-Imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada».

3. Modifícase o contido do tipo de rexistro 3 (detalle de autoliquidacións) contido no punto denominado «Validacións e posibles erros. Díxitos de control. Códigos de barras», quedando substituído pola seguinte redacción:

«* Tipo de rexistro 3 (detalle de autoliquidacións).

Tipo de rexistro distinto de 3: grave.

O número de secuencia do rexistro tipo-3 non é correcto: grave.

O código de delegación do documento non é válido: leve.

Exercicio non válido: leve.

O período non está comprendido entre o 01 e o 12. Exclusivamente para os modelos 002-Imposto sobre a contaminación atmosférica. Estimación directa e 005-Imposto sobre a contaminación atmosférica. Estimación obxectiva.

O período non é 1T, 2T, 3T nin 4T. Exclusivamente para os modelos 011-Imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, 044-Taxa fiscal sobre o xogo casinos e 045-Taxa fiscal sobre o xogo máquinas recreativas: leve.

O código de modelo é distinto aos autorizados: grave.

Non se corresponde co grupo-subtotal en que se presenta: grave.

O díxito de control non cumpre coa rutina de cálculo para autoliquidacións: leve.

O NIF non é correcto: leve.

A sucursal da entidade colaboradora non é válida: grave.

O importe do ingreso é igual a ceros: grave.

A data real do ingreso non é correcta ou é maior que o período de que se fai o informe: grave».

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2009.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

Ver referencia pdf "05100D001P006.PDF"

ANEXO II

Modelo en formato electrónico de declaración de alta/modificación no censo telemático de aproveitamentos hidráulicos

para usos industriais (modelo 010)

Ver referencia pdf "05100D001P006.PDF"

ANEXO III

Modelo en formato electrónico de autoliquidación do Imposto sobre o Dano Medioambiental causado por determinados

usos e aproveitamentos da Auga Encorada (modelo 011)

Ver referencia pdf "05100D001P006.PDF"

ANEXO IV

Normas técnicas para a xeración do NRC

A entidade financeira xerará o NRC (número de referencia completo) segundo a segunda norma técnica do anexo 1 da Orde do Ministerio de Facenda, do 28 de decembro de 2000 (BOE do 3 de xaneiro de 2001), correspondente á xeración de NRC para documentos de ingreso expedidos polas oficinas tributarias. O NRC xerarase a partir dun rexistro de 48 carácteres codificados en EBCDIC:

*MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante, sendo:

-MMMNNNNNNNNND (13): número de xustificante asignado pola Oficina Virtual Tributaria.

-C (1): carácter de control calculado polo banco, utilizando o mesmo algoritmo especificado na citada orde. A oficina tributaria facilitará á entidade colaboradora o algoritmo para o cálculo deste carácter de control.

*XXXXXXXXX (9): NIF do debedor.

*NNNNNNNNNNNNN (13): importe de cargo.

*AAAAMMDD (8): data de cargo.

*XXXX (4): código de Banco de España da entidade.

O número de referencia completo (NRC) resultante terá 22 posicións:

*MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante (o mesmo que o especificado enriba).

*XXXXXXXX (8): carácteres de control resultantes de aplicar unha función MAC 4 do algoritmo DES (segundo norma X9.9 1) aos datos anteriores (48 carácteres) utilizando a clave privada do banco. Esta función xerará 8 carácteres de control; é dicir, a «sinatura».