DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Xoves, 12 de marzo de 2009 Páx. 5.210

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 27 de febreiro de 2009 pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos.

A Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía, no seu artigo 42 establece o alcance das competencias normativas que poden asumir as comunidades autónomas respecto aos tributos sobre o xogo e, en concreto, no seu punto 1 establece que aquelas poderán asumir competencias normativas sobre exencións, base impoñible, tipos de gravame e cotas fixas, bonificacións e devengo e, por outra banda, no seu punto 2 sinala que as referidas comunidades autónomas tamén poderán regular os aspectos de xestión, liquidación, recadación e inspección. Estas competencias foron asumidas pola nosa comunidade, en virtude da Lei 18/2002, do 1 de xullo, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Xa no sistema de financiamento anterior podían as comunidades autónomas asumir competencias normativas respecto dos tributos sobre o xogo, que abranguían, entre outros, os aspectos de xestión, liquidación, recadación e inspección, competencias que foran asumidas pola Comunidade Autónoma de Galicia mediante a Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude desta normativa, ditáronse sucesivas ordes nas que se estableceu un procedemento de xestión da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, diferente ao estatal e, en concreto, máis simplificado, de tal xeito que se reduciu o número de modelos presentados polos suxeitos pasivos, se estableceu a obriga da oficina xestora, no seu ámbito territorial, de acumular os pagamentos fraccionados correspondentes ás máquinas dunha mesma empresa operadora en tres cartas de pagamento, mediante as que o suxeito pasivo ía ingresar os pagamentos fraccionados pendentes, se regulamentou o procedemento de domiciliación destes, se aprobou o modelo de autoliquidación 045 de uso obrigatorio na Comunidade Autónoma de Galicia, se modificaron os prazos de presentación e ingreso e, finalmente, se implementou o sistema de presentación por vía telemática para facilitar aos contribuíntes o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, da forma menos gravosa para

aqueles, consonte os principios de eficacia establecidos no artigo 103 da Constitución española, e os de eficiencia e servizo aos cidadáns, instituídos polo artigo 3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Polo que respecta á taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, a Orde do 22 de decembro de 2004, pola que se modifican os prazos de ingreso da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B, ou C e se aproba o modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, aprobou o modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo en casinos, de uso obrigatorio na Comunidade Autónoma de Galicia, poñéndoo á disposición dos suxeitos pasivos na páxina web da Consellería de Economía e Facenda a través da oficina virtual, para ser cuberto e empregado por eles.

Novamente e co eido de profundar na modernización da Administración tributaria e de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias dos contribuíntes do xeito menos gravoso para eles, a consellería promove a normativa necesaria para que os suxeitos pasivos da taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante casinos, poidan atender as súas obrigas con esta administración dun xeito telemático.

O artigo 103 da Constitución española sinala a eficacia como un dos principios que deben rexer o actuar das administracións públicas. Pola súa parte, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, alude no seu artigo 3, xunto aos principios constitucionais, aos de eficiencia e servizo aos cidadáns, recoñecendo no artigo 35 o dereito dos cidadáns a que se lles facilite o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas. Para o logro destes obxectivos a Lei 30/1992 destaca, no seu artigo 45, como instrumento idóneo, a utilización por parte das administracións de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, polo que insta a estas a que impulsen e apliquen as devanditas técnicas. Finalmente, a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, consagra a relación coas administracións

públicas por medios electrónicos como un dereito dos cidadáns e como unha obriga correlativa das administracións. Deste xeito, a Lei 11/2007 recoñece o dereito dos cidadáns a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos e regula os aspectos básicos da utilización das tecnoloxías da información na actividade administrativa, nas relacións entre as administracións públicas, así como nas relacións dos cidadáns con elas, coa finalidade de garantir os seus dereitos, un tratamento común ante elas e a validez e eficacia da actividade administrativa en condicións de seguridade xurídica. Pola súa vez, dispón que as administracións públicas empreguen as tecnoloxías da información consonte coa lei, asegurando a dispoñibilidade, o acceso, a integridade, a autenticidade, a confidencialidade e a conservación dos datos, informacións e servizos que xestionen no exercicio das súas competencias.

No ámbito tributario, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, desenvolve no seu artigo 34 a obriga da Administración de informar e asistir os obrigados tributarios no exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, sinalando que as actuacións da Administración tributaria que requiran a súa intervención deberán levarse a cabo da forma que resulte menos gravosa para estes, sempre que iso non prexudique o cumprimento das súas obrigas tributarias. Do mesmo xeito, exhorta no seu artigo 96 á Administración tributaria a promover o emprego das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias.

De acordo co anterior, é claro que as novas tecnoloxías aplicadas aos procedementos xestores de tributos son un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ao contribuínte e, nesta liña, a presentación telemática de tributos ofrécelles a posibilidade de evitar desprazamentos ás oficinas xestoras ou ás entidades bancarias para a realización do pagamento, así como a presentación dos tributos fóra do horario normal de atención ao público. Ao mesmo tempo, a utilización dos programas que a Administración tributaria implementa para a presentación telemática dos tributos facilita cubrir os modelos, guiando o contribuínte na introdución dos datos, evitando a reiteración destes e ofrecéndolle unha axuda en liña.

Baixo esta óptica, a Consellería de Economía e Facenda vén prestando unha especial atención ás posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para facilitarlles aos cidadáns o cumprimento voluntario das obrigas tributarias. Desde o ano 2003, no que se estableceu a posibilidade de pagamento e presentación telemáticos do imposto sobre as transmisións de determinados medios de transporte usados entre particulares e da taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante máquinas, vén incrementándose, de xeito progresivo, o número de autoliquidacións presentadas telematicamente. Por outra banda, a experiencia xestora no tratamento dos modelos presentados en papel e os presentados de forma telemática poñen tamén de manifesto as vantaxes desta forma de pagamento e presentación fronte á outra. Considérase, polo tanto, o momento adecuado para seguir profundando na aposta polas novas tecnoloxías no cumprimento das obrigas tributarias, cos conseguintes menores custos indirectos para eles.

Por último, facendo uso da facultade xenérica de establecer regulamentariamente a obrigatoriedade de comunicarse coas administracións públicas utilizando exclusivamente medios electrónicos cando os interesados teñan garantido o acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, tal como dispón o artigo 27.6º da Lei 11/2007, xa citada, e tendo en conta a experiencia adquirida na utilización da oficina virtual tributaria, así como as vantaxes derivadas do emprego desta, nesta orde establécese a obrigatoriedade de presentación telemática pola internet das autoliquidacións trimestrais correspondentes á taxa fiscal sobre o xogo en casinos.

Así, en virtude do exposto e de acordo coas competencias normativas que o artigo 42 da Lei 1/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de Autonomía, outorga sobre a xestión, liquidación, recadación e inspección dos tributos sobre o xogo, e de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 18/2002, do 1 de xullo, de réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión, co establecido no Real decreto 2221/1984, do 12 de decembro, regulador da taxa fiscal que grava os xogos de sorte, envite ou azar, e co establecido na disposición adicional segunda do Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos aprobado polo Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Presentación e pagamento telemáticos.

1. Os suxeitos pasivos da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos para pagar e presentar as autoliquidacións trimestrais referentes a este tributo deberán empregar as aplicacións informáticas postas á súa disposición na Oficina Virtual Tributaria nas condicións e consonte os procedementos previstos nesta orde.

2. Poderán empregar as aplicacións informáticas deste tributo os usuarios que se relacionan a seguir:

a) Os suxeitos pasivos que dispoñan do correspondente certificado de usuario outorgado pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) para a presentación e pagamento dos seus propios impostos, ou doutras autoridades certificadoras admitidas pola consellería competente en materia de facenda.

b) Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresarias ou profesionais, que subscribiran coa comunidade autónoma o correspondente convenio de colaboración, nos termos acordados neste.

Artigo 2º.-Aprobación do modelo de autoliquidación da taxa fiscal sobre o xogo en casinos, modelo 044 (formato electrónico).

Apróbase o modelo de autoliquidación da taxa fiscal sobre o xogo en casinos, modelo 044 en formato electrónico, que figura como anexo I desta orde, de uso obrigatorio na Comunidade Autónoma de Galicia para todos os suxeitos pasivos da taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar devengada polo xogo realizado nos casinos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Prazo para a realización do pagamento e a presentación telemáticos.

As autoliquidacións trimestrais deste tributo que, consonte os puntos de conexión establecidos no artigo 26 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía, deba efectuarse á Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán ingresarse e presentarse telematicamente nos vinte primeiros días naturais do mes seguinte ao vencemento de cada trimestre natural.

Artigo 4º.-Procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes á taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos.

1. Os suxeitos pasivos deberán, con carácter xeral, ingresar e presentar telematicamente ante a delegación territorial correspondente da Administración tributaria as autoliquidacións a que se refire o artigo 2º desta orde, debendo practicar a autoliquidación do tributo e determinando a débeda tributaria correspondente a cada período impositivo, no prazo sinalado no artigo anterior.

Para isto empregarán a aplicación informática que a referida administración tributaria poña á súa disposición na Oficina Virtual Tributaria, especialmente mediante os programas de axuda existentes nas aplicacións de presentación telemática da páxina web desta consellería.

2. O suxeito pasivo aplicará a tarifa anual vixente á base impoñible acumulada desde o comezo do ano natural ata o último día do trimestre do que se trate, aplicando a cada un dos tramos da base o tipo correspondente da tarifa e deducindo da cota total resultante o importe correspondente ás autoliquidacións presentadas nos trimestres anteriores do mesmo ano. No caso de iniciación da actividade despois de que o ano dera comezo, a acumulación empezará con ela e terminará, en todo caso, ao final do ano natural. Unha vez calculada a débeda tributaria, o suxeito pasivo deberá realizar o pagamento da cantidade resultante da autoliquidación, de calquera dos xeitos sinalados no punto seguinte, ou ben marcar na propia autoliquidación que vai solicitar o aprazamento ou o fraccionamento da débeda. Neste último caso, deberá presentarse ante a delegación territorial correspondente unha solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias

sinaladas na normativa de aplicación e sen que poda entenderse presentada aquela coa presentación telemática da autoliquidación.

3. O pagamento das autoliquidacións que debe presentar de forma telemática o suxeito pasivo poderá efectuarse das seguintes formas:

a) Mediante ingreso presencial da cantidade resultante da autoliquidación en calquera das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o cobramento de autoliquidacións presentadas telematicamente. O ingreso formalizarase mediante a carta de pagamento que, para estes efectos, xerará a aplicación informática e que previamente deberá imprimir o usuario. Unha vez realizado o pagamento, a entidade colaboradora facilitará un número de referencia completo (NRC) identificativo do ingreso realizado que será requirido posteriormente pola aplicación informática para completar a presentación.

b) Mediante pagamento telemático. O usuario accederá ás aplicacións específicas a través da páxina web da consellería competente en materia de facenda e efectuará o pagamento da correspondente autoliquidación a través das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o pagamento telemático. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará o cargo. No caso de ser aceptado o cargo, efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará o correspondente NRC, así como o recibo a que se refire o punto 2 do artigo 5.

4. O número de referencia completo (NRC) a que se refire o punto anterior é un código xerado informaticamente pola entidade de depósito mediante un sistema criptográfico que permitirá asociar a autoliquidación presentada ao pagamento dela derivado. O NRC está composto por 22 posicións co seguinte contido: posicións 01-13: alfanuméricas, corresponden ao número de xustificante asignado pola Oficina Virtual Tributaria. Posición 14: alfanumérica, corresponde a un carácter de control adicional. Posicións 15-22: caracteres de control. As normas técnicas de xeración do NRC figuran no anexo II a esta orde.

5. A xeración do NRC pola entidade de depósito implicará:

a) Que o recibo no que figura responde a un ingreso realizado na entidade de depósito que o expide.

b) Que o devandito recibo corresponde á autoliquidación incorporada na carta de pagamento e non a outra.

c) Que a partir do momento de xeración deste, queda a entidade de depósito obrigada fronte á Facenda da Comunidade Autónoma polo importe que figura na devandita carta de pagamento, quedando o contribuínte liberado da súa obriga de pagamento fronte á citada Facenda.

6. Unha vez xerado o correspondente NRC, salvo que fora anulado consonte a normativa tributaria en materia de recadación, non se admitirá a retrocesión do pagamento por parte da entidade de depósito, debendo presentar o suxeito pasivo, de ser o caso, ante a Administración tributaria, as correspondentes solicitudes de devolución de ingresos indebidos adecuadamente fundamentadas. Pola súa parte, a entidade de depósito deberá realizar o pagamento na conta restrinxida de recadación con carácter previo á xeración do citado NRC.

7. Unha vez realizado o pagamento da débeda ou, en caso de que a autoliquidación non dese lugar a ingreso ou fose marcada na autoliquidación a solicitude de aprazamento ou fraccionamento, para concluír co proceso, o usuario deberá proceder á presentación da autoliquidación telematicamente, de xeito que transmitirá os datos da autoliquidación coa sinatura electrónica, xerada ao seleccionar o certificado previamente instalado para estes efectos no navegador. Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiras persoas, requirirase unha única sinatura, a correspondente ao seu certificado.

8. Se a presentación telemática é aceptada, a aplicación devolveralle ao usuario en pantalla o modelo 044 debidamente cuberto, co seu número de identificación, cos datos declarados, coa autoliquidación da débeda tributaria, cos datos correspondentes ao ingreso realizado, de ser o caso, e validado cun código seguro de verificación formado por dezaseis caracteres, con indicación da data de presentación. Este modelo serviralle de xustificante da presentación do número da autoliquidación impreso nel na data sinalada no propio modelo e do seu pagamento, de ser o caso.

Artigo 5º.-Xustificantes de pagamento e de presentación de autoliquidacións presentadas de forma telemática.

1. Unha vez que o contribuínte opte polo pagamento da autoliquidación de forma presencial na entidade colaboradora, a aplicación informática xerará dúas copias da carta de pagamento a que se refire o artigo 4.3º a) desta orde debidamente cuberto cos datos que o suxeito pasivo facilitara na aplicación informática. Co devandito documento acudirase á entidade colaboradora para a realización do pagamento, a cal se quedará co exemplar para entidade colaboradora e devolverá ao contribuínte o exemplar para o interesado co selo da entidade, data do ingreso, número e importe, así como co NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número da autoliquidación impreso nel.

2. Se se opta polo pagamento telemático, a aplicación informática, unha vez realizado o pagamento, xerará o «Recibo de cargo en conta» que o contribuínte deberá imprimir e conservar, no que se identificará o número da conta que realiza o pagamento, data do ingreso, importe, NIF e nome do contribuínte así como o NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento da autoliquidación asociada ao NRC impreso nel.

3. A presentación da autoliquidación do tributo e a súa data acreditarase mediante a impresión do documento (modelo 044) xerado pola aplicación informática no que constarán os datos identificativos do suxeito pasivo, da liquidación e do ingreso. Ademais xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca a autoliquidación presentada telematicamente coa impresa polo contribuínte.

4. Os xustificantes de pagamento e presentación sinalados nos parágrafos anteriores producirán os efectos liberatorios para coa Facenda da Comunidade Autónoma sinalados no Regulamento xeral de recadación. Os suxeitos pasivos deberán conservar os xustificantes de pagamento e presentación. No caso de que a autoliquidación non dera lugar a ingreso bastará a xustificación da presentación na forma sinalada no punto 3 anterior. No caso de solicitar aprazamento ou fraccionamento será necesario ademais o xustificante da presentación da solicitude de aprazamento ou fraccionamento.

Disposición adicionais

Primeira.-Excepcionalidade ao cumprimento das obrigas tributarias de xeito telemático.

De xeito excepcional e cando circunstancias extraordinarias así o aconsellen, logo de petición do interesado debidamente xustificada, a dirección xeral competente en materia de tributos, valoradas as razóns aducidas polo interesado e a documentación e as probas achegadas por el para xustificar a súa demanda, poderá excepcionar a aquel da obrigatoriedade de empregar os medios telemáticos para o cumprimento das obrigas tributarias reguladas nesta orde. A resolución fixará o alcance temporal da excepcionalidade e a forma e as condicións nas que deberá facer efectivas as obrigas tributarias, sen prexuízo das consecuencias que se derivaran consonte coa normativa tributaria no caso de incumprimentos das normas.

Segunda.-Adhesión e autorización de entidades colaboradoras.

As entidades que estivesen autorizadas para o pagamento telemático doutros tributos xestionados pola consellería competente en materia de facenda quedarán adheridas ao pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo en casinos sen necesidade de solicitalo á dirección xeral competente na materia.

Terceira.-Conservación de soportes informáticos.

No suposto de pagamento telemático das autoliquidacións referidas á taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, a entidade de depósito autorizada, colaboradora na xestión recadatoria, que xerase o correspondente NRC xustificante deste, conservará durante un período de cinco anos os soportes informáticos que motivaron o devandito NRC.

Cuarta.-Confidencialidade e representación.

Os profesionais colexiados, así como as entidades, institucións ou organizacións representativas de sectores sociais, laborais, empresariais ou profesionais, no exercicio das súas funcións e nas actuacións previstas nos convenios correspondentes respectarán as normas establecidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais aos que o suxeito pasivo solicitase a colaboración para a presentación telemática deste tributo, deberán posuír a representación nos termos establecidos no artigo 46 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. A Administración poderá requirir destes, en calquera momento, a acreditación da devandita representación.

A falta de representación abonda das persoas no nome da cal se presentase a documentación dará lugar á exixencia das responsabilidades que fosen procedentes.

Disposición derrogatoria

Única.-Na data da entrada en vigor desta orde produciranse as seguintes consecuencias:

1. Deixarán de ter aplicación no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia aquelas disposicións normativas que se opoñan ao disposto nesta orde.

2. Quedarán derrogados o artigo 3 e o anexo I da Orde do 22 de decembro de 2004 pola que se modifican os prazos de ingreso da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B, ou C e se aproba o modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos.

Disposición derradeira

Primeira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2009.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2009.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

Ver referencia pdf "05000D003P014.PDF"

ANEXO II

Normas técnicas para a xeración do NRC

A entidade financeira xerará o NRC (Número de Referencia Completo), segundo a segunda Norma Técnica do anexo 1 da orde do Ministerio de Facenda, do 28 de decembro de 2000 (BOE do 3 de xaneiro de 2001), correspondente á xeración de NRC para documentos de ingreso expedidos polas oficinas tributarias. O NRC xerarase a partir dun rexistro de 48 carácteres codificados en EBCDIC:

-MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante, sendo

-MMNNNNNNNNND (13): número de xustificante asignado pola Oficina Virtual Tributaria.

-C (1): carácter de control calculado polo banco, utilizando o mesmo algoritmo especificado na citada orde. A oficina tributaria facilitará á entidade colaboradora o algoritmo para o cálculo deste carácter de control.

-XXXXXXXXX (9): NIF do debedor.

-NNNNNNNNNNNNN (13): importe de cargo.

-AAAAMMDD (8): data de cargo.

-XXXX (4): Código de Banco de España da entidade.

O Número de Referencia Completo (NRC) resultante terá 22 posicións:

-MMMNNNNNNNNNDC (14): Número de Xustificante (o mesmo que o especificado enriba).

-XXXXXXXX (8): caracteres de control resultantes de aplicar unha función MAC 4 do algoritmo DES (segundo norma X9.9 1) aos datos anteriores (48 caracteres) utilizando a clave privada do banco. Esta función xerará 8 caracteres de control; é dicir, a «sinatura».