DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Xoves, 12 de marzo de 2009 Páx. 5.204

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 27 de febreiro de 2009 pola que se regula a presentación e o pagamento telemático dos tributos sobre o xogo realizado en bingos.

A Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía, no seu artigo 42 establece o alcance das competencias normativas que poden asumir as comunidades autónomas respecto aos tributos sobre o xogo e, en concreto, no seu punto 1 establece que aquelas poderán asumir competencias normativas sobre exencións, base impoñible, tipos de gravame e cotas fixas, bonificacións e devengo e, por outra banda, no seu punto 2 sinala que as referidas comunidades autónomas tamén poderán regular os aspectos de xestión, liquidación, recadación e inspección. Estas competencias foron asumidas pola nosa comunidade en virtude da Lei 18/2002, do 1 de xullo, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Xa no sistema de financiamento anterior podían as comunidades autónomas asumir competencias normativas respecto dos tributos sobre o xogo, que abranguían entre outras os aspectos de xestión, liquidación, recadación e inspección, competencias que foran asumidas pola Comunidade Autónoma de Galicia mediante a Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude desta normativa, aprobouse mediante a Orde do 27 de novembro de 2001 pola que se desenvolve o regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica e se aproban os diferentes modelos de declaración e de declaración-liquidación, así como os documentos de ingreso en euros que se utilizarán para a xestión de tributos propios e cedidos na Comunidade Autónoma de Galicia o modelo 043 de declaración e solicitude de liquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado en bingos de uso obrigatorio na Comunidade Autónoma de Galicia.

A lei 7/1991, do 19 de xuño, de tributación sobre o xogo, creou o imposto sobre o xogo de bingo, que grava a participación no xogo do bingo nos locais autorizados, lei que foi desenvolvida polo Decreto 247/1991, do 4 de xullo, polo que se aproban as normas de xestión dos tributos creados pola Lei 7/1991, do 19 de xuño, de tributación sobre o xogo, e que establece a obriga do suxeito pasivo substituto do contribuínte de presentar declaración-liquidación e efectuar o ingreso correspondente, con carácter previo á subministración dos cartóns solicitados para o desenvolvemento do xogo do bingo. A disposición adicional deste decreto autoriza o conselleiro competente na materia de facenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a súa aplicación.

O artigo 103 da Constitución española sinala a eficacia como un dos principios que deben rexer o actuar das administracións públicas. Pola súa parte, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, alude no seu artigo 3, xunto aos principios constitucionais, aos de eficiencia e servizo aos cidadáns, recoñecendo no artigo 35 o dereito dos cidadáns a que se lles facilite o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas. Para o logro destes obxectivos a Lei 30/1992 destaca, no seu artigo 45, como instrumento idóneo, a utilización por parte das administracións de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, polo que insta a estas a que impulsen e apliquen as devanditas técnicas. Finalmente, a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, consagra a relación coas administracións

públicas por medios electrónicos como un dereito dos cidadáns e como unha obriga correlativa das administracións. Deste xeito, a Lei 11/2007 recoñece o dereito dos cidadáns a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos e regula os aspectos básicos da utilización das tecnoloxías da información na actividade administrativa, nas relacións entre as administracións públicas, así como nas relacións dos cidadáns con elas coa finalidade de garantir os seus dereitos, un tratamento común ante elas e a validez e eficacia da actividade administrativa en condicións de seguridade xurídica. Pola súa vez, dispón que as administracións públicas empreguen as tecnoloxías da información consonte coa lei, asegurando a dispoñibilidade, o acceso, a integridade, a autenticidade, a confidencialidade e a conservación dos datos, informacións e servizos que xestionen no exercicio das súas competencias.

No ámbito tributario, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, desenvolve no seu artigo 34 a obriga da Administración de informar e asistir os obrigados tributarios sobre o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, sinalando que as actuacións da Administración tributaria que requiran a súa intervención deberán levarse a cabo da forma que resulte menos gravosa para estes, sempre que iso non prexudique o cumprimento das súas obrigas tributarias. Do mesmo xeito, exhorta no seu artigo 96 a administración tributaria a promover o emprego das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias. Así mesmo, cando sexa compatible cos medios técnicos de que dispoña a administración electrónica, os cidadáns poderán relacionarse con ela para exercer os seus dereitos e cumprir coas súas obrigas mediante técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos coas

garantías e requisitos previstos en cada procedemento.

De acordo co anterior, é claro que as novas tecnoloxías aplicadas aos procedementos xestores de tributos son un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ao contribuínte e, nesta liña, a presentación telemática de tributos ofrécelles a posibilidade de evitar desprazamentos ás oficinas xestoras ou ás entidades bancarias para a realización do pagamento, así como a presentación dos tributos fóra do horario normal de atención ao público. Ao mesmo tempo, a utilización dos programas que a administración tributaria implementa para a presentación telemática dos tributos facilita cubrir os modelos, guiando o contribuínte na introdución dos datos, evitando a reiteración destes e ofrecéndolle unha axuda en liña.

Baixo esta óptica, a Consellería de Economía e Facenda presta unha especial atención ás posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para facilitar aos cidadáns o cumprimento voluntario das obrigas tributarias. Desde o ano 2003, no que se estableceu a posibilidade de pagamento e presentación telemáticos do imposto sobre as transmisións de determinados medios de transporte usados entre particulares e da taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante máquinas, vén incrementándose de xeito progresivo o número de autoliquidacións presentadas telematicamente. Por outra banda, a experiencia xestora no tratamento dos modelos presentados en papel e os presentados de forma telemática poñen tamén de manifesto as vantaxes desta forma de pagamento e presentación fronte á outra. Considérase polo tanto o momento adecuado para seguir profundando na aposta polas novas tecnoloxías no cumprimento das obrigas tributarias, cos conseguintes menores custos indirectos para eles.

Establecido xa o procedemento de presentación e pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante máquinas de xogo, tipo A especial, B ou C, proxectado nunha orde paralela a esta o procedemento para levalo a cabo no caso da taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante casinos, regulaméntase nesta o procedemento para a presentación e pagamento telemático dos tributos que recaen sobre o xogo do bingo así como do custo dos cartóns empregados para o desenvolvemento do referido xogo, todo isto co obxecto de profundar na modernización da administración tributaria e de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias dos contribuíntes do xeito menos gravoso para eles.

Así, en virtude do exposto e de acordo coas competencias normativas que o artigo 42 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía, outorga sobre a xestión, liquidación, recadación e inspección dos tributos sobre o xogo, e de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión, no Real decreto 2221/1984, do 12 de decembro, regulador da taxa fiscal que grava os xogos de sorte, envite ou azar, na disposición adicional segunda do Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos aprobado polo Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, e na disposición adicional do Decreto

247/1991, do 4 de xullo, polo que se aproban as normas de xestión dos tributos creados pola Lei 7/1991, do 19 de xuño, de tributación sobre o xogo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Presentación e pagamento telemáticos.

1. O pagamento e a presentación das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre o bingo e á taxa fiscal sobre o xogo do bingo e do custo dos cartóns solicitados para o desenvolvemento do xogo do bingo en salas situadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, poderán realizarse por medios telemáticos, a través da aplicación que a administración tributaria da comunidade autónoma poña á disposición dos usuarios, especialmente mediante os programas de axuda existentes nas aplicacións de presentación telemática da páxina web desta consellería, nas condicións e consonte co procedemento previsto nesta orde.

2. Poderán empregar as aplicacións informáticas sinaladas no punto anterior os usuarios que se relacionan a seguir:

a) Os suxeitos pasivos que dispoñan do correspondente certificado de usuario outorgado pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) para a presentación e pagamento dos seus propios impostos, ou doutras autoridades certificadoras admitidas pola consellería competente en materia de facenda e que previamente fosen autorizados pola dirección xeral competente en materia de tributos para a presentación e pagamento telemático destes ingresos.

b) Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresarias ou profesionais, que subscribisen coa comunidade autónoma o correspondente convenio de colaboración, nos termos acordados neste.

3. Os usuarios anteriores, para poder empregar as aplicacións informáticas sinaladas, deberán presentar ante a dirección xeral competente en materia de tributos, unha solicitude de autorización xunto a unha ficha de usuario, axustadas aos modelos que contén o anexo I.

Artigo 2º.-Procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes aos tributos sobre o xogo realizado en bingos e do custo dos cartóns solicitados.

1. Os suxeitos pasivos satisfarán os tributos que gravan o xogo do bingo, mentres estea vixente a autorización que determina o seu devengo, a medida que fagan uso dela coa adquisición dos cartóns necesarios para o desenvolvemento do xogo subministrados pola delegación territorial da consellería competente en materia de facenda, en cuxo ámbito territorial estea instalada a sala do bingo onde se vaian empregar. Para proceder á adquisición dos cartóns, os usuarios indicarán por medio da aplicación informática o número de series de cada valor facial que desexen adquirir.

2. A aplicación calculará o imposto sobre o bingo e a taxa fiscal sobre o xogo do bingo consonte coa normativa vixente no momento da solicitude. No mesmo intre calculará o custo dos cartóns solicitados consonte co valor fixado polo ministerio competente en materia de facenda que estea vixente no momento da solicitude.

3. O pagamento dos tres conceptos realizarase nun único acto e o importe total deberá ser ingresado de calquera das seguintes formas:

a) Mediante ingreso presencial da cantidade correspondente en calquera das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o cobramento de autoliquidacións presentadas telematicamente. O ingreso formalizarase mediante a carta de pagamento que para estes efectos xerará a aplicación informática e que previamente deberá imprimir o usuario. Unha vez realizado o pagamento, a entidade colaboradora facilitará un número de referencia completo (NRC) identificativo do ingreso realizado que será requirido posteriormente pola aplicación informática para completar a presentación.

b) Mediante pagamento telemático. O usuario accederá ás aplicacións específicas a través da páxina web da consellería competente en materia de facenda e efectuará o pagamento das correspondentes autoliquidacións amparadas pola carta de pagamento xerada pola aplicación informática, a través das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o pagamento telemático. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará o cargo. No caso de ser aceptado o cargo, efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará o correspondente NRC.

4. O número de referencia completo (NRC) a que se refire o punto anterior, é un código xerado informaticamente pola entidade de depósito mediante un sistema criptográfico que permitirá asociar a autoliquidación presentada ao pagamento dela derivado. O NRC está composto por 22 posicións co seguinte contido: posicións 01-13: alfanuméricas, corresponden ao número de xustificante asinado pola Oficina Virtual Tributaria. Posición 14: alfanumérica, corresponde a un carácter de control adicional. Posicións 15-22: caracteres de control. As normas técnicas de xeración do NRC figuran no anexo II a esta orde.

5. A xeración do NRC pola entidade de depósito implicará:

a) Que o recibo en que figura responde a un ingreso realizado na entidade de depósito que o expide.

b) Que o devandito recibo corresponde ás autoliquidacións e ao ingreso do custo dos cartóns da operación incorporada na carta de pagamento a que fai referencia e non a outra.

c) Que a partir do momento de xeración deste, queda a entidade de depósito obrigada fronte á Facenda da comunidade autónoma polo importe que figura na devandita carta de pagamento, quedando o contribuínte liberado da súa obriga de pagamento fronte á citada Facenda.

6. Unha vez xerado o correspondente NRC, salvo que fose anulado consonte coa normativa tributaria en materia de recadación, non se admitirá a retrocesión do pagamento por parte da entidade de depósito, debendo presentar o suxeito pasivo, de ser o caso, ante a administración tributaria, as correspondentes solicitudes de devolución de ingresos indebidos adecuadamente fundamentadas. Pola súa parte, a entidade de depósito deberá realizar o pagamento na conta restrinxida de recadación con carácter previo á xeración do citado NRC.

7. Unha vez realizado o pagamento da débeda, para concluír co proceso, o usuario deberá proceder á presentación das autoliquidacións así como do xustificante do pagamento do custo dos cartóns telematicamente, de xeito que transmitirá os datos da autoliquidación coa sinatura electrónica, xerada ao seleccionar o certificado previamente instalado para estes efectos no navegador. Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiras persoas, requirirase unha única sinatura, a correspondente ao seu certificado.

8. Se a presentación telemática é aceptada, a aplicación devolveralle ao usuario en pantalla os modelos 001, 043 e o xustificante do pagamento do custo dos cartóns debidamente cubertos, cos seus números de identificación, cos datos declarados, coas autoliquidacións das débedas tributarias e do custo dos cartóns, cos datos correspondentes ao ingreso realizado e validados cun código seguro de verificación formado por dezaseis caracteres, con indicación da data de presentación. Estes modelos servirán de xustificante da presentación do número da autoliquidación impreso neles na data sinalada no propio modelo e do seu pagamento.

9. Para a retirada dos cartóns da delegación territorial correspondente, o suxeito pasivo comparecerá ante a referida delegación e indicaralle ao órgano competente o número da operación asignado pola Oficina Virtual Tributaria, ou ben exhibirá os modelos 001, 043 e o xustificante do ingreso do custo dos cartóns pagados e presentados telematicamente. O órgano competente, realizadas as comprobacións pertinentes, de ser o caso, expedirá a guía que servirá de xustificante da tenza e destino dos cartóns para o xogo do bingo. Contra a exhibición da guía, entregaránselle os cartóns solicitados que figuren nela.

Artigo 3º.-Xustificantes de pagamento e de presentación de autoliquidacións presentadas de forma telemática.

1. Unha vez que o usuario opte polo pagamento de forma presencial na entidade colaboradora, a aplicación informática xerará dúas copias da carta de pagamento a que se refire o artigo 2.3º a) desta orde debidamente cubertas cos datos que o suxeito pasivo facilitara na aplicación informática. Co devandito documento acudirase á entidade colaboradora para a realización do pagamento, a cal se quedará co exemplar para a entidade colaboradora e devolverá ao contribuínte o exemplar para o interesado co selo da entidade, data do ingreso, número e importe, así como co NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número da operación impreso nel.

2. Se o usuario optase polo pagamento telemático, a aplicación informática, unha vez realizado o pagamento, xerará o recibo de cargo en conta que o contribuínte deberá imprimir e conservar, no cal se identificará o número da conta que realiza o pagamento, data do ingreso, importe, NIF e nome do contribuínte así como o NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento da carta de pagamento asociada ao NRC impreso nel.

3. A presentación das autoliquidacións dos tributos sobre o xogo e a súa data acreditaranse mediante a impresión dos documentos (modelos 001 e 043) xerados pola aplicación informática en que constarán os datos identificativos do suxeito pasivo, da liquidación e do ingreso. Ademais, xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca as autoliquidacións presentadas telematicamente coas impresas polo contribuínte.

4. Os xustificantes de pagamento e presentación sinalados nos parágrafos anteriores producirán os efectos liberatorios para coa Facenda da comunidade autónoma sinalados no Regulamento xeral de recadación. Os suxeitos pasivos deberán conservar os xustificantes de pagamento e presentación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Adhesión e autorización de entidades colaboradoras.

As entidades que estivesen autorizadas para o pagamento telemático doutros tributos xestionados pola consellería competente en materia de facenda quedarán adheridas ao pagamento telemático dos ingresos sobre o xogo realizado en bingos a que se refire esta orde, sen necesidade de solicitalo á dirección xeral competente na materia.

Segunda.-Conservación de soportes informáticos.

No suposto de pagamento telemático das autoliquidacións referidas aos tributos sobre o xogo realizado en bingos, a entidade de depósito autorizada, colaboradora na xestión recadatoria, que xerase o correspondente NRC xustificante deste, conservará durante un período de cinco anos os soportes informáticos que motivaron o devandito NRC.

Terceira.-Confidencialidade e representación.

Os profesionais colexiados, así como as entidades, institucións ou organizacións representativas de sectores sociais, laborais, empresariais ou profesionais, no exercicio das súas funcións e nas actuacións previstas nos convenios correspondentes respectarán as normas establecidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais aos cales o suxeito pasivo solicitase a colaboración para a presentación telemática destes ingresos, deberán posuír a representación nos termos establecidos no artigo 46 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. A Administración poderá requirir destes, en calquera momento, a acreditación da devandita representación.

A falta de representación abonda das persoas no nome das cales se presentase a documentación dará lugar á exixencia das responsabilidades que fosen procedentes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación da Orde do 30 de decembro de 2003 pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B ou C.

Introdúcense as seguintes modificacións na Orde do 30 de decembro de 2003 pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B ou C:

1. Modifícase a redacción do punto 2 do artigo 1, que queda redactado como segue:

«2. Usuarios. Terán a consideración de usuarios para os efectos previstos nesta norma calquera dos seguintes:

a) Os suxeitos pasivos que dispoñan do correspondente certificado de usuario outorgado pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) para a presentación e pagamento dos seus propios impostos, ou doutras autoridades certificadoras admitidas pola consellería competente en materia de facenda e que previamente fosen autorizados pola dirección xeral competente en materia de tributos para a presentación e pagamento telemático destes ingresos.

b) Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresarias ou profesionais, que subscribisen coa comunidade autónoma o correspondente convenio de colaboración, nos termos acordados neste.

Os usuarios anteriores, para poder empregar as aplicacións informáticas sinaladas, deberán presentar ante a dirección xeral competente en materia de tributos, unha solicitude de autorización xunto a unha ficha de usuario, axustadas aos modelos que contén o anexo III».

2. Modifícase a disposición adicional quinta, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional quinta. Confidencialidade e representación.

Os profesionais colexiados, así como as entidades, institucións ou organizacións representativas de sectores sociais, laborais, empresariais ou profesionais, no exercicio das súas funcións e nas actuacións previstas nos convenios correspondentes respectarán as normas establecidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais aos cales o suxeito pasivo solicitase a colaboración para a presentación telemática destes ingresos, deberán posuír a representación nos termos establecidos no artigo 46 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. A Administración poderá requirir destes, en calquera momento, a acreditación da devandita representación.

A falta de representación abonda das persoas no nome da cal se presentase a documentación dará lugar á exixencia das responsabilidades que fosen procedentes».

3. Engádese un novo anexo, o anexo III, co seguinte contido:

Ver referencia pdf "05000D002P008.PDF"

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2009.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

Ver referencia pdf "05000D002P008.PDF"

Ver referencia pdf "05000D003P014.PDF"

ANEXO II

Normas técnicas para a xeración do NRC

A entidade financeira xerará o NRC (número de referencia completo) de acordo coa segunda norma técnica do anexo 1 da Orde do Ministerio de Facenda, do 28 de decembro de 2000 (BOE do 3 de xaneiro de 2001), correspondente á xeración de NRC para documentos de ingreso expedidos polas oficinas tributarias. O NRC xerarase a partir dun rexistro de 48 caracteres codificados en EBCDIC:

* MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante, sendo,

-MMMNNNNNNNNND (13): número de xustificante asignado pola Oficina Virtual Tributaria.

-C (1): carácter de control calculado polo banco, utilizando o mesmo algoritmo especificado na citada orde. A oficina tributaria facilitará á entidade colaboradora o algoritmo para o cálculo deste carácter de control.

* XXXXXXXXX (9): NIF do debedor.

* NNNNNNNNNNNNN (13): importe de cargo.

* AAAAMMDD (8): data de cargo.

* XXXX (4): código de Banco de España da entidade.

O número de referencia completo (NRC) resultante terá 22 posicións:

* MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante (o mesmo que o especificado enriba).

* XXXXXXXX (8): caracteres de control resultantes de aplicar unha función MAC 4 do algoritmo DES (segundo norma X9.9-1) aos datos anteriores (48 caracteres) utilizando a clave privada do banco. Esta función xerará 8 caracteres de control; é dicir, a sinatura.