DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Martes, 10 de marzo de 2009 Páx. 5.051

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 45/2009, do 12 de febreiro, polo que se modifica o artigo 6 do Decreto 133/2002, do 11 de abril, polo que se regula a concesión de préstamos polo Instituto Galego de Promoción Económica.

O Decreto 133/2002, do 11 de abril (DOG nº 78, do 23 de abril), polo que se regula a concesión de préstamos polo Instituto Galego de Promoción Económica, habilitou o Igape para conceder préstamos ou créditos a favor de empresas domiciliadas en Galicia, nos ámbitos concretos de apoio ás persoas emprendedoras e de apoio ao financiamento de producións audiovisuais.

Posteriormente, mediante os Decretos 154/2004, do 7 de xullo, e 174/2007, do 6 de setembro, habilitouse o Igape para a concesión de préstamos de acordo cos requisitos e características establecidos nos programas que con carácter xeral para tal efecto aprobe coa finalidade de ampliar o tipo de proxectos que se financien.

O Decreto 133/2002 establece no seu artigo 6º, que o prazo de amortización dos préstamos non poderá superar os 7 anos.

A experiencia na concesión destas operacións mostra que este prazo resulta insuficiente nalgúns casos para adaptar as amortizacións á capacidade de reembolso das empresas e/ou á vida útil dos bens financiados. Iso resulta imprescindible para que as empresas beneficiarias manteñan unha estrutura financeira equilibrada.

Por iso, considérase oportuno modificar o Decreto 133/2002, no sentido de ampliar o prazo máximo de amortización dos préstamos concedidos polo Igape, ata un máximo de 12 anos.

En virtude do que antecede, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na reunión do día doce de febreiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 6 do Decreto 133/2002, do 11 de abril, polo que se regula a concesión de préstamos polo Instituto Galego de Promoción Económica, que queda redactado como segue:

«Artigo 6º

O Consello de Dirección do Igape aprobará as condicións dos préstamos ou créditos do Igape, así como o importe das comisións que, se é o caso, devenguen. O prazo de amortización das operacións non poderá superar os 12 anos e o tipo de xuro calcularase sobre o euríbor máis un diferencial. Os prazos de disposición, amortización e carencia das operacións adaptaranse ás características e necesidades de cada proxecto».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de febreiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda