DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Mércores, 04 de marzo de 2009 Páx. 4.594

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 19 de febreiro de 2009 pola que se regulan as probas libres para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para persoas maiores de dezaoito anos.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 68, punto 2º, que lles corresponde ás administracións educativas organizar periodicamente probas para que as persoas maiores de dezaoito anos poidan obter directamente o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

O Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, na disposición adicional cuarta establece que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará anualmente probas para que as persoas maiores de dezaoito anos poidan obter directamente o título de graduado en educación secundaria obrigatoria, sempre que alcancen as competencias básicas e os obxectivos da etapa.

Mediante a Orde do 24 de xuño de 2008 (DOG do 23 de xullo) establécese o currículo da educación secundaria obrigatoria para persoas adultas na Comunidade Autónoma de Galicia, que é o referente para a obtención da titulación básica.

Coa publicación desta orde establécese o procedemento e a regulación das probas libres para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, facilitando que as persoas adultas que abandonasen o sistema educativo sen unha titulación básica poidan demostrar que cumpren as condicións necesarias para a consecución desta titulación sen teren que estar escolarizadas previamente.

En consecuencia, é preciso establecer as normas necesarias para a regulación destas probas, relativas á súa estrutura básica, aos contidos, á avaliación e á proposta de titulación, así como o número de convocatorias e os requisitos que deben cumprir as persoas participantes, establecendo as posibles exencións para quen acreditar coñecementos previamente adquiridos.

En virtude do exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de actuación.

O obxecto desta orde é regular os elementos precisos para organizar e convocar as probas libres para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para persoas maiores de dezaoito anos, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Finalidade.

As probas teñen por finalidade facilitar que as persoas aspirantes obteñan directamente o título de graduado en educación secundaria obrigatoria, demostrando que teñen adquiridas as capacidades e as competencias básicas correspondentes aos obxectivos xerais da educación secundaria obrigatoria.

Artigo 3º.-Requisitos das persoas aspirantes.

Poderán inscribirse para realizar estas probas as persoas que teñan cumpridos dezaoito anos o día anterior á data que se estableza para a celebración e sempre que cumpran as seguintes condicións:

a) Non estaren inscritas para a superación das materias do 4º curso de educación secundaria obrigatoria establecidas no artigo 7, punto 5º da Orde do 21 de decembro de 2007 (DOG do 7 de xaneiro de 2008) pola que se regula a avaliación da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Non estaren matriculadas nas ensinanzas de educación secundaria obrigatoria para persoas adultas no curso académico en que se realice a proba, ou ben, no caso de estaren matriculadas, teren causado baixa nas devanditas ensinanzas antes da apertura do prazo de matrícula para realizar as probas.

Artigo 4º.-Lugar de realización.

As probas realizaranse nos centros autorizados pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, por proposta da delegación provincial correspondente.

Artigo 5º.-Convocatoria.

1. As probas serán convocadas por resolución da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais en dúas convocatorias de carácter ordinario, nos meses de xuño e setembro. Cando exista unha cantidade suficiente de alumnado que, pola súa situación profesional ou de dispoñibilidade de tempo, acredite xustificadamente que non pode realizar as probas nas convocatorias ordinarias, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá convocalos noutras datas de xeito extraordinario.

2. Na resolución da correspondente convocatoria estableceranse as datas concretas de matriculación e de celebración das probas, así como os centros en que se vaian realizar.

Artigo 6º.-Inscrición e matrícula para realizar a proba.

1. Convocadas as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, os centros educativos autorizados para as realizar darán coñecemento público nos taboleiros de anuncios dos prazos de matrícula e das datas de realización das probas. Así mesmo, as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria darán coñecemento público dos prazos de matrícula e das datas de realización a través dos medios de comunicación.

2. As persoas aspirantes, nos prazos sinalados para cada convocatoria, deberán formalizar a súa solicitude de matrícula nos centros autorizados para realizar as probas, no modelo oficial que figura no anexo I desta.

3. Rematado o prazo de matrícula, os centros educativos onde se vaian realizar as probas informarán a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que corresponda, do número de solicitudes presentadas no centro.

4. Os centros educativos farán pública unha listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, en que se indicarán os motivos da exclusión. No caso de que algunha persoa aspirante estea exenta da realización dalgunha parte da proba, nesta relación faranse constar esas exencións.

5. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de tres días hábiles para a reclamación, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación. Transcorrido o prazo de reclamación, publicarase no taboleiro do centro a lista coa relación definitiva de persoas admitidas e excluídas.

6. As direccións dos centros onde se realice a inscrición para realizar a proba facilitaranlles aos tribunais os expedientes de inscrición para comprobar os requisitos das persoas aspirantes.

Artigo 7º.-Características das probas.

1. O obxecto das probas é valorar se as persoas aspirantes teñen adquiridos os obxectivos e as competencias básicas da educación secundaria obrigatoria que se recollen no anexo I da Orde do 24 de xuño de 2008, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. A organización da proba correspóndese cos tres ámbitos de coñecemento da educación secundaria obrigatoria para persoas adultas: ámbito científico-tecnolóxico, ámbito da comunicación e ámbito social.

3. As actividades de avaliación realizaranse nun só día e organizaranse en tres bloques de exercicios específicos, correspondentes aos ámbitos de coñecemento descritos anteriormente.

4. Os exercicios das probas para cada ámbito de coñecemento sinaladas no punto 2 deste artigo elaboraranse tendo en conta os contidos e os criterios de avaliación formulados na orde citada no punto 1 deste artigo.

5. A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais remitirá os protocolos de exame ás delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que, pola súa vez, llelos entregará aos presidentes ou as presidentas dos tribunais, velando para que en ningún caso se poida coñecer o contido das probas antes da súa realización.

Artigo 8º.-Avaliación e cualificación das probas.

1. A cualificación das probas será global para cada un dos ámbitos establecidos no artigo 7º 2, e expresarase nos seguintes termos: insuficiente (IN), suficiente (SU), ben (BE), notable (NT) ou sobresaliente (SB). A esta cualificación achegaráselle unha cualificación numérica, sen empregar decimais, nunha escala do 1 ao 10, aplicándose as seguintes correspondencias:

Insuficiente: 1, 2, 3 e 4.

Suficiente: 5.

Ben: 6.

Notable: 7 ou 8.

Sobresaliente: 9 ou 10.

2. A valoración da proba obterase mediante a media aritmética das cualificacións dos tres ámbitos. Cumprirá para superar a proba ter alcanzado como mínimo a cualificación de suficiente en cada un.

3. O profesorado que integre os tribunais avaliará estas probas por ámbitos de coñecemento en función da súa especialidade. No caso de dúbida para a proposta de título dalgunha das persoas aspirantes, actuará de maneira colexiada á hora de establecer a cualificación definitiva de cada ámbito e os profesores e as profesoras deberán pronunciarse expresamente sobre o sentido da súa cualificación.

4. Os tribunais encargados de avaliar as probas publicarán as cualificacións positivas das persoas concorrentes nos taboleiros de anuncios do centro, logo de rematada a corrección.

5. De acordo co disposto na disposición adicional primeira do Real decreto 1631/2006, do 29 de decembro, e no artigo 46 da Orde do 24 de xuño de 2008, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, os alumnos e as alumnas que demostren, mediante a superación das probas, que alcanzaran os obxectivos da educación secundaria obrigatoria, serán propostos polos correspondentes centros para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria a través da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 9º.-Reclamacións.

1. No caso de discrepancia coa cualificación obtida nas probas, as persoas interesadas poderán presentar reclamación por escrito dirixida ao presidente ou á presidenta do tribunal, nun prazo de cinco días hábiles posteriores á publicación das cualificacións, onde expliquen os motivos da reclamación.

2. Nos dous días hábiles seguintes á finalización do prazo de reclamacións, o tribunal realizará unha sesión extraordinaria de avaliación para resolver as reclamacións presentadas. No caso de que algunha cualificación seca corrixida, engadirase na acta a oportuna dilixencia de modificación.

3. Contra a resolución dos tribunais poderase interpor recurso de alzada ante o delegado ou a delegada provincial que corresponda no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, que esgotará a vía administrativa. Así mesmo, poderá interpor calquera outro recurso que estime pertinente ao seu dereito.

Artigo 10º.-Exencións.

1. As cualificacións positivas obtidas polo alumnado en cuarto curso da educación secundaria obrigatoria, no cuarto módulo do nivel II dos diferentes ámbitos da educación secundaria para persoas adultas ou nos módulos voluntarios dos programas de cualificación profesional inicial, serán validadas polo tribunal, para os únicos efectos da superación das probas convocadas ao abeiro desta orde, de acordo coa táboa de equivalencias que figura no anexo II.

2. As cualificacións das probas correspondentes aos ámbitos considerados exentos expresaranse nos mesmos termos que os sinalados no artigo 8º desta orde, atendendo ás seguintes consideracións:

a) No caso de persoas solicitantes inscritas que teñan cursado e superado un ou dous ámbitos de coñecemento de educación secundaria obrigatoria para persoas adultas, algún módulo voluntario de programas de cualificación profesional inicial ou algún grupo das probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria para persoas maiores de dezaoito anos de convocatorias anteriores, consignarase a cualificación obxecto de exención.

b) No caso de persoas solicitantes inscritas que teñan cursado e superado materias illadas do cuarto curso da educación secundaria obrigatoria, as cualificacións consignaranse co resultado da media aritmética, redondeada á unidade máis próxima, e no caso de equidistancia á superior, das materias obxecto de valoración para a exención.

Artigo 11º.-Tribunais.

1. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria designarán os tribunais que xulguen as probas a que se refire esta orde, que estarán integrados por un presidente ou unha presidenta e catro vogais, actuando como secretario ou secretaria o vogal de menor idade.

2. Cinco días antes do inicio da proba faranse públicos os nomes dos membros dos tribunais que actúan no centro, no taboleiro de anuncios de cada centro docente onde estas se vaian celebrar.

3. Os vogais do tribunal nomearanse entre o profesorado pertencente aos corpos de catedráticos e de profesores de ensino secundario, preferentemente que preste servizo no nivel II da educación secundaria de persoas adultas nos centros de educación de persoas adultas ou nos IES con estas ensinanzas.

4. Os presidentes e as presidentas dos tribunais serán inspectores ou inspectoras de educación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

5. Entre os cinco membros do tribunal, garantirase que exista un membro do profesorado que imparta docencia en cada un dos ámbitos de coñecemento. Así mesmo, garantirase a existencia dun profesor ou unha profesora que imparta docencia no ámbito de comunicación en idioma estranxeiro.

Artigo 12º.-Persoas con necesidades educativas especiais.

1. As persoas con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de discapacidade que teñan a declaración legal de discapacidade poderán solicitar a adaptación da proba, así como recursos adicionais para a desenvolver.

2. A solicitude para a adaptación da proba dirixirase ao delegado ou á delegada provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que corresponda, durante o período de inscrición e de acordo co modelo que se detalla no anexo III.

3. A delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará se procede adoptar medidas ou facilitar recursos adicionais para cada caso, e informará a persoa interesada e o tribunal correspondente da súa decisión.

4. A presidencia do tribunal adoptará as medidas e facilitará os recursos adicionais que se determine para permitir que estas persoas poidan realizar as probas de referencia, sen prexuízo de atender ao disposto nos artigos 7º e 8º desta orde.

Artigo 13º.-Actas de avaliación e propostas de títulos.

1. As actas de avaliación das probas obxecto desta orde axustaranse ao modelo que se xunta no anexo IV.

2. Os resultados da avaliación debaixo da especificación dos ámbitos de coñecemento expresaranse con cualificación de insuficiente (IN), suficiente (SF), ben (B), notable (N) e sobresaliente (SB), e coa cualificación numérica obtida do 1 ao 10.

3. Ás persoas aspirantes que non se presenten ao exame dalgún dos ámbitos que integran estas probas faráselles constar esta circunstancia coa expresión non presentado/a (NP).

4. Nas actas reflectiranse, así mesmo, as decisións sobre a expedición do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, coa anotación si ou non no cadro de proposta de expedición de título.

5. Os centros sede das probas, á vista das actas de cualificación, son os responsables da xestión e da tramitación dos títulos a través da aplicación de xestión administrativa de centros (Xade), así como da súa custodia e da entrega ás persoas que obtivesen o título.

6. Os centros en que se constituíran os tribunais conservarán toda a documentación relativa á proba, as actas de avaliación, as cualificacións e demais documentos relacionados, que quedará ao dispor da administración educativa.

7. Logo de avaliadas as probas, o tribunal facilitaralle a cada participante unha certificación en que conste a cualificación recibida en cada ámbito de coñecemento, e onde se indique se se propuxo para a expedición do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, segundo os modelos que figuran nos anexos IV e V desta orde.

8. En caso de superar só algún dos tres ámbitos, os tribunais estenderán certificación dos ámbitos superados e manterase a cualificación positiva de cada un en termos de suficiente, ben, notable ou sobresaliente. Tales cualificacións deberán ser tidas en conta polos tribunais de sucesivas convocatorias, e as persoas aspirantes non estarán obrigadas a realizar as probas correspondentes aos ámbitos superados.

9. Os ámbitos superados na proba serán validados para participar en novas convocatorias ou para continuar ensinanzas de educación secundaria obrigatoria para persoas adultas.

Disposición transitoria

No caso de alumnado que se presentase á proba libre para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos, convocada ao abeiro da Orde do 22 de abril de 1997 ou da Orde do 2 de abril de 2002, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e obtivese cualificación positiva nalgunha materia ou nalgún dos grupos de materias que integraran esas probas, manterase a vixencia desas cualificacións para as probas convocadas ao abeiro desta orde.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 2 de abril de 2002, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e todas as disposicións de rango igual ou inferior que se opoñan a esta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións oportunas para o desenvolvemento e a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2009.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "04400D001P006.PDF"

ANEXO IV

Ver referencia pdf "04400D001P006.PDF"

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES