DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Martes, 03 de marzo de 2009 Páx. 4.443

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 38/2009, do 19 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

O Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán, constituíu un referente normativo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia garantindo os dereitos que o bloque constitucional recoñece á cidadanía nas súas relacións coa Administración, dereitos tales como o dereito de información e atención ás cidadás e cidadáns, o dereito de acceso aos rexistros e o dereito a presentar suxestións e queixas.

No tempo que transcorreu desde a súa publicación tense producido una modificación da estrutura da Xunta de Galicia e varias modificacións da estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que aconsellan adaptalo a estas, numerosos cambios nas denominacións e situación dos rexistros que fan imprescindible a actualización dos datos, e certas disfuncións no funcionamento dos rexistros que aconsellan retocar a súa regulación aproximándoa ás doutras administracións públicas.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de febreiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

O Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán, queda modificado como segue:

Un.-Modifícase o título da disposición, que queda redactado como segue:

«Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención á cidadanía».

Dous.-O artigo 6 quedará redactado do seguinte xeito:

«Artigo 6º.-Das actividades propias dos rexistros.

Constitúen actividades propias dos rexistros:

a) A recepción de solicitudes, escritos e comunicacións presentadas polas cidadás e cidadáns, así como dos documentos que os acompañen dirixidos ás administracións públicas.

b) A expedición de recibos de presentación de solicitudes, escritos e comunicacións.

c) A expedición de copias seladas e compulsadas dos documentos que acompañen as solicitudes, escritos e comunicacións, presentadas polas cidadás e cidadáns, dirixidos ás administracións públicas.

d) A anotación de asentos de entrada e saída das solicitudes, escritos e comunicacións.

e) A remisión de solicitudes, escritos e comunicacións aos órganos ou unidades destinatarias.

f) Emitir certificacións dos asentos do rexistro, das solicitudes, escritos e comunicacións que se presenten.

g) Calquera outra que se lle atribúa legal ou regulamentariamente».

Tres.-Engádese o artigo 8 bis.

«Artigo 8 bis.-Achega de documentos orixinais ao procedemento.

1. Cando as normas reguladoras do correspondente procedemento ou actuación administrativa requiran a achega de documentos orixinais, as cidadás e cidadáns terán dereito á expedición polas oficinas de rexistro dunha copia selada do documento orixinal no momento da súa presentación. As oficinas de rexistro non estarán obrigadas a expediren copias seladas de documentos orixinais que non acompañen as solicitudes, escritos ou comunicacións presentadas pola cidadanía.

2. Para o exercicio deste dereito a cidadá ou cidadán achegará, xunto co documento orixinal, a súa copia. A oficina de rexistro cotexará a copia, e o documento orixinal, comprobando a identidade dos seus contidos, unirá o documento orixinal á solicitude, escrito ou comunicación ao que se xunte para a súa remisión ao órgano destinatario e entregará a copia á cidadá ou cidadán, unha vez dilixenciada cun selo en que consten os seguintes datos:

a) Data de entrega do documento orixinal e lugar de presentación.

b) Órgano destinatario do documento orixinal e extracto do obxecto do procedemento ou actuación para a tramitación da cal se achega.

A oficina de rexistro levará un rexistro expresivo das copias seladas que expida, no cal anotará os datos sinalados no parágrafo anterior.

3. A copia selada acreditará que o documento orixinal se atopa en poder da Administración correspondente, sendo válida para os efectos do exercicio pola cidadá ou cidadán do dereito recoñecido no artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como para solicitar, se for o caso, a devolución do documento orixinal, unha vez finalizado o procedemento ou actuación ou de acordo co que dispoña a normativa de aplicación.

A copia selada será entregada á Administración correspondente no momento en que o documento orixinal sexa devolto ao interesado. Se se producir a perda ou destrución accidental da copia, a súa entrega substituirase por unha declaración achegada pola cidadá ou cidadán en que expoña por escrito a circunstancia producida».

Catro.-Engádese un artigo 8º ter.

«Artigo 8º ter.-Achega de copias compulsadas ao procedemento.

1. Cando as normas reguladoras dun procedemento ou actividade administrativa requiran a achega de copias compulsadas ou cotexadas de documentos orixinais, a cidadá ou cidadán poderá exercer o seu dereito á inmediata devolución destes últimos polas oficinas de rexistro en que se presente a solicitude, escrito ou comunicación que deba acompañar a copia compulsada, con independencia do órgano, entidade ou Administración destinataria. As oficinas de rexistro non estarán obrigadas a compulsar copias de documentos orixinais cando as devanditas copias non acompañen as solicitudes, escritos ou comunicacións presentadas polas cidadás ou cidadáns.

2. Para o exercicio deste dereito a cidadá ou cidadán achegará, xunto co documento orixinal, unha copia. A oficina de rexistro realizará o cotexo dos documentos e copias, comprobando a identidade dos seus contidos, devolverá o documento orixinal á cidadá ou cidadán e unirá a copia, unha vez dilixenciada cun selo ou acreditación de compulsa, á solicitude, escrito ou comunicación a que se xunte para a súa remisión ao destinatario.

O selo ou acreditación de compulsa expresará a data en que se practicou, así como a identificación do órgano e da persoa que expiden a copia compulsada.

3. A copia compulsada terá a mesma validez que o orixinal no procedemento concreto de que se trate, sen que en ningún caso acredite a autenticidade do documento orixinal».

Cinco.-O artigo 9º quedará redactado como segue.

«Artigo 9º.-Rexistro de entrada e saída.

1. Serán rexistradas de entrada todas as solicitudes, escritos ou comunicacións dirixidas a un órgano da Administración da comunidade autónoma ou a outros órganos de calquera das administracións públicas referidas no artigo 2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, nos termos previstos nel e, no caso de entidades que integran a Administración local de Galicia, para os efectos previstos no artigo 38.4º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se subscribise o oportuno convenio.

Non serán obxecto de rexistro:

a) A documentación complementaria que acompañe a solicitude, escrito ou comunicación que é obxecto de rexistro.

b) Os documentos de natureza publicitaria, comercial, informativa e análogos.

c) Aquelas solicitudes, escritos ou comunicacións que carezan absolutamente dos requisitos legalmente establecidos.

d) Os escritos administrativos ou comunicacións oficiais que se transmitan entre órganos e unidades administrativas a que preste servizo o mesmo rexistro.

2. Serán rexistrados de saída os escritos ou comunicacións oficiais dirixidos a outros órganos da Administración da comunidade autónoma, a órganos doutras administracións públicas e aos particulares.

3. Nas oficinas de rexistro a que se refire o artigo 7º a) porase á disposición daquelas persoas que pretendan a presentación simultánea dun número superior a 10 solicitudes, escritos ou comunicacións un impreso, segundo o modelo que se xunta como anexo IV a este decreto, para que relacionen aquelas, numerándoas e especificando a identidade das persoas interesadas, os órganos destinatarios, así como un extracto dos contidos. Este impreso será o único documento obxecto de rexistro».

Seis.-O artigo 17º queda redactado do seguinte xeito:

«1. As actividades que integran a atención á cidadanía son a información, orientación e recepción das suxestións ou queixas que poidan mellorar a calidade dos servizos públicos da comunidade autónoma.

2. O Sistema de Atención á Cidadanía da Xunta de Galicia, dependente funcionalmente da consellería competente en materia de administracións públicas, estará integrado por:

-As oficinas de rexistro e información dependentes da citada consellería.

-As oficinas de rexistro e as de información administrativa e atención á cidadanía das diferentes consellerías e delegacións provinciais ou territoriais.

-As oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

-O teléfono de Información Administrativa e Atención á Cidadanía 012.

-A rede de Portelo Único (anexo II).

-As webs da Xunta de Galicia no enderezo: http://www.xunta.es/

-O correo electrónico 012@xunta.es

3. A relación completa dos órganos que integran o sistema de atención á cidadanía e os seus enderezos postais publícanse como anexos I e V deste decreto».

Sete.-A disposición adicional segunda modifícase do seguinte xeito:

A letra b) da disposición adicional segunda quedará redactada como segue:

«b) Agás o que se estableza durante a xornada de verán, o horario de funcionamento das oficinas de Rexistro e Información dos edificios administrativos de San Caetano, A Coruña (Monelos), Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, será das 7.45 horas ás 19.30 horas nos días laborables e das 9.00 ás 14.00 horas os sábados. O horario de atención ao público será das 9.00 ás 19.00 horas os días laborables, e de 9.00 a 14.00 horas os sábados e os días 24 e 31 de decembro cando sexan días laborables».

Suprímese a letra c).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Referencias.

1. Todas as referencias que no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán, se fagan á Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administracións Públicas entenderanse realizadas á consellería competente en materia de administracións públicas.

2. As referencias que se fan á Inspección Xeral de Servizos entenderanse realizadas ao órgano competente en materia de calidade na xestión dos servizos públicos.

3. Todas as referencias realizadas á atención ao cidadán entenderanse realizadas á atención á cidadanía.

Segunda.-Dependencia das oficinas de rexistro.

As oficinas de rexistro propias da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia dependerán do órgano administrativo ao cal estean vinculadas, agás as oficinas de rexistro unificadas, adscritas ao rexistro xeral da Xunta de Galicia.

Terceira.-Habilitación.

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto, así como para modificar, mediante orde, os seus anexos.

Cuarta.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de febreiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "04300D001P007.PDF"

Ver referencia pdf "04300D002P016.PDF"