DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 27 de febreiro de 2009 Páx. 4.304

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XVIII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, IV Manuel María de literatura dramática infantil e VII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques.

Segundo establece o artigo 1.2º da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, a Agadic é unha axencia pública autonómica das reguladas na disposición adicional quinta do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, facultada para exercer potestades administrativas no ámbito das súas funcións.

A Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables.

Segundo establece o artigo 5º da Lei 4/2008, a Agadic exercerá, entre outras, as seguintes funcións: «estimular a creación, avivar o talento e a capacitación e incitar ao recoñecemento social e económico de artistas e autores e autoras, en canto subministradores de recursos inmateriais no proceso de produción».

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), na súa disposición transitoria primeira establece que «A Agadic sucederá o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais no exercicio das funcións que desenvolve e quedará subrogada na totalidade dos bens, dereitos e obrigas afectos ou constitutivos en virtude das mencionadas funcións».

A lei citada publicouse no DOG o día 10 de xuño de 2008, e a súa entrada en vigor, segundo a súa disposición derradeira segunda, produciuse o día seguinte. Actualmente a Agadic é o organismo ao cal lle corresponde continuar a xestión atribuída ao extinto IGAEM, así como todas aquelas funcións que derivan da xestión das actividades dos centros de produción dependentes do IGAEM.

O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais leva anos convocando os seguintes premios literarios, co fin de incentivar a creación literaria no ámbito do teatro: premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, premio Manuel María de literatura dramática infantil, e premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques. A Agadic, na súa condición de entidade sucesora do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, considera oportuno a continuación de tales premios, e por iso establece as bases reguladoras e convoca a XVIII edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, a IV edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e a VII edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, consonte coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto e réxime xurídico.

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e anúnciase a convocatoria para o ano 2009, baixo o réxime de concorrencia competitiva, da XVIII edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, da IV edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e, en colaboración coa Asociación Cultural Barriga Verde, da VII edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en dúas modalidades: para rapaces e para adultos, segundo o público a que vaian dirixidos os textos.

A concesión dos premios rexerase por estas bases; pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 287/2000; e, en todo o que non contradiga a lexislación galega, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.

Segunda.-Dotación e imputación orzamentaria.

Existirá un único galardoado por premio (e modalidade, no caso do premio Barriga Verde), coa seguinte dotación económica:

-Álvaro Cunqueiro: 6.000 €.

-Manuel María: 6.000 €.

-Barriga Verde (modalidade infantil): 6.000 €.

-Barriga Verde (modalidade para adultos): 6.000 €.

Estas cantidades serán imputadas aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para este exercicio 2009, con cargo á aplicación orzamentaria da Agadic-12.A1.432B.480.0, acreditándose a existencia de crédito axeitado e suficiente, e estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

Coa finalidade de difusión cultural que lle compete á Axencia, a Agadic poderá editar os textos premiados nas súas coleccións, reservando para si os dereitos de edición ou coedición durante un período de dous anos desde a comunicación do ditame.

Terceira.-Participantes, incompatibilidades e motivos de exclusión.

Poderán optar aos premios persoas físicas que presenten textos teatrais inéditos escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados anteriormente noutros concursos ou convocatorias.

Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo para cada un dos premios, quedando excluídas, xa que logo, as obras de teatro breve. Quedan excluídos, así mesmo, os textos para teatro de monicreques nos premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María.

En cada un dos premios quedarán excluídos os orixinais que resultasen ser obra de autores premiados nas dúas convocatorias inmediatamente anteriores. Nesta mesma liña, os autores que resulten galardoados na edición 2009 non se poderán volver presentar nas dúas convocatorias posteriores do premio acadado.

Durante o proceso de resolución desta convocatoria, os participantes teñen a obriga de comunicarlle á Agadic a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do proceso.

Non poderán acceder a estes premios os participantes que se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta.-Forma e prazo de presentación.

Textos:

Os textos deberán ser presentados por sextuplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A-4, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara, paxinados e grampados ou encadernados.

Na portada de cada unha das copias indicarase unicamente o título e/ou lema e o premio a que optan (no caso do Barriga Verde, especificando, ademais, a modalidade: rapaces ou adultos). Non poderá figurar ningún dato que poida identificar o participante e romper o anonimato.

Documentación:

Acompañando os textos, os participantes nesta convocatoria deberán entregar un sobre pechado que reflicta no exterior os mesmos datos que na portada dos textos presentados (título e/ou lema e premio a que optan, coa modalidade no caso do premio Barriga Verde). No interior deste sobre pechado deberá incluírse:

-Solicitude de participación debidamente cuberta e asinada segundo o anexo I que figura ao final destas bases.

-Fotocopia do DNI, NIF, NIE, pasaporte ou documento equivalente.

-Declaración asinada polo autor de que o texto presentado non foi publicado nin premiado en ningún momento anterior.

Prazo e lugar de admisión:

O período de admisión remata o 2 de xuño de 2009.

O envío debe ser realizado ao seguinte enderezo, con indicación do premio (e no caso do Barriga Verde, da modalidade) a que se presentan:

Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Rúa da Vesada s/n - San Lázaro, 15703 Santiago de Compostela.

Así mesmo, poderase presentar no rexistro xeral da Agadic, así como nos servizos ou rexistros correspondentes da comunidade autónoma, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e na súa disposición adicional 18ª. No suposto de optar pola opción do correo certificado, o envío deberá ser datado e selado por correos na parte exterior.

Ao abeiro do establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de participación a estes premios comportará a autorización á Agadic para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da comunidade autónoma, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias co Estado e coa Seguridade Social. Estes requisitos deberán acreditarse, en todo caso, antes da tramitación dos pagamentos. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao premiado.

Quinta.-Instrución e tramitación das solicitudes.

A dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos e departamentos xestores, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos recollidos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, correspondéndolle realizar de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar o ditame de concesión dos premios.

En particular, terá atribuídas especificamente as funcións de tramitación das solicitudes e orixinais presentados, a instrución e o requirimento aos beneficiarios dos premios da emenda ou achega da documentación necesaria que resultase de obrigado cumprimento para o procedemento de concesión; todo isto consonte o procedemento recollido no artigo 20.5º da Lei 9/2007.

Para a adxudicación dos premios nas súas distintas modalidades serán tidos en consideración os criterios e puntuacións que se recollen na base sétima desta resolución.

Sexta.-Xurado.

Para a valoración dos textos constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico: dous expertos en literatura dramática, dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores, e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un membro do cadro de persoal da Agadic proposto pola dirección da axencia.

Os membros do xurado serán designados polo Consello de Dirección da Agadic, que nomeará pola súa vez, de entre eles, o seu presidente. A súa composición farase pública no momento de se producir o ditame.

O xurado actuará en pleno e será necesaria a asistencia, como mínimo, de dous terzos dos seus membros. As súas deliberacións serán secretas, e da decisión redactarase a acta correspondente, que será asinada polo presidente e o secretario.

Os membros do xurado non poderán presentar textos a esta convocatoria.

Os premios poderán ser declarados desertos se así o considera o xurado.

Sétima.-Criterios de valoración, exame e proposta de resolución: ditame do xurado.

O xurado, tendo en conta os criterios de valoración que se especifican a seguir, relacionará os textos presentados por orde de prelación na acta correspondente.

A dirección da Agadic, á vista da acta, elaborará a proposta de resolución e elevaraa á Presidencia do Consello de Dirección da Axencia, indicando o título dos textos premiados, o seu autor e o importe económico do premio correspondente. A proposta de resolución deberá motivar a valoración de cada un dos criterios, xustificando oportunamente a diferente puntuación entre os participantes.

O xurado, á hora de avaliar os textos presentados, terá en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Calidade literaria: 30 puntos.

b) Calidade dramática: 30 puntos.

c) Viabilidade escénica: 20 puntos.

d) Adecuación á especificidade de cada premio: 10 puntos.

e) Coidado da lingua: 10 puntos.

Oitava.-Comunicación da decisión e prazo de aceptación dos premios.

O órgano competente para a resolución dos premios establecidos nesta convocatoria é a Presidencia do Consello de Dirección da Agadic.

A decisión do xurado producirase antes do 26 de outubro de 2009 e darase a coñecer a través dos medios de comunicación ou ben en acto público, sen prexuízo da súa publicación na páxina web da Agadic. Os galardoados deberán aceptar de forma expresa a concesión do premio no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da comunicación. Transcorrido este prazo sen comunicar a aceptación ou sen se producir manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

De non se notificar resolución favorable dentro do prazo indicado no parágrafo 1º, entenderanse desestimadas por silencio administrativo as solicitudes correspondentes. Contra esta desestimación presunta, así como contra a resolución expresa de adxudicación de premios, poderá interpoñerse no prazo dun mes recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello de Dirección da Agadic, ou interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, na forma e nos prazos previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Novena.-Publicidade das obras premiadas.

A Agadic publicará no taboleiro de anuncios dos seus servizos centrais unha relación que conteña os extremos indicados na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así mesmo, e de conformidade co establecido no artigo 13, punto 5º d), da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Agadic publicará na súa páxina web unha relación dos beneficiarios dos premios, polo que a presentación da solicitude leva consigo a autorización para o tratamento dos datos dos premiados e a súa publicación na páxina web da Agadic.

Os datos relevantes referidos ás axudas, subvencións ou premios recibidos, así como as sancións impostas, incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores e como cautela prevista no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (e coa finalidade de protexer a identidade e os datos persoais dos participantes nesta convocatoria), na relación publicada na páxina web e no taboleiro de anuncios desta axencia unicamente se fará constar unha referencia aos datos dos participantes que resultasen premiados, quedando preservados e debidamente protexidos a identidade e demais datos persoais dos restantes participantes na convocatoria.

Décima.-Pagamento dos premios.

Os premios outorgados por estas bases serán aboados dentro do exercicio económico 2009, unha vez que quede debidamente acreditada a identidade do autor. Así mesmo, e ao resultar que o requisito de achega da documentación necesaria para a xustificación e cobramento do premio xa foi cumprido mediante a presentación da solicitude de participación nestas bases, non será necesario presentar ningunha outra documentación complementaria para a súa liquidación, coa excepción do certificado bancario co número de conta de que sexa titular o adxudicatario.

Décimo primeira.-Retirada de orixinais non premiados.

Os textos non premiados e o resto da documentación administrativa, poderán ser retirados das oficinas da Agadic, logo de presentación de solicitude de retirada asinada polo autor e identificación no momento da súa recollida, nun prazo de trinta (30) días contados a partir do seguinte ao da comunicación do xurado. Aqueles que non sexan retirados no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto.

Décimo segunda.-Información e control.

Os beneficiarios dos premios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas segundo a súa normativa propia.

Ademais, deberáselle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementarias que xulgue precisas para a concesión ou aboamento do importe dos premios.

Décimo terceira.-Supostos de reintegro.

Procederá o reintegro total do premio concedido e dos xuros de demora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu aboamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos de incumprimento por parte dos beneficiarios dos premios das condicións establecidas para a súa concesión ou, de ser o caso, os supostos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei de subvencións de Galicia, aprobada pola Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Décimo cuarta.-Aceptación e desenvolvemento das bases.

A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

A dirección da Agadic poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria.

Disposicións adicionais

Primeira.-Normativa de aplicación.

As bases reguladoras desta convocatoria axustaranse ás instrucións previstas nesta convocatoria, así como ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro e rexeranse ademais, no que naquelas non estiver previsto, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como por calquera outra disposición normativa que pola súa natureza puidese resultar de aplicación.

Segunda.-Posibilidade de recurso.

Esta resolución é definitiva en vía administrativa, consonte o artigo 14.1º da Lei galega 9/2007, do 13 de xuño, e contra ela cabe interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da data da súa notificación, de acordo co disposto no artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Así mesmo, contra esta resolución pódese recorrer potestativamente en reposición, no prazo dun mes desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e ante o mesmo órgano que a ditou, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2009.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Presidenta do Consello de Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais

Ver referencia pdf "04100D016P168.PDF"

EXPÓN:

Que ten coñecemento da convocatoria pública e das bases do XVIII premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, do IV premio Manuel María de literatura dramática infantil e do VII premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques para o ano 2009, publicada por medio de resolución da Agadic do 18 de febreiro de 2009, e que as acepta na súa totalidade.

Autoriza:

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a gravar, nos mesmos termos establecidos no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia -en relación coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal-, os datos que figuran nesta solicitude, así como os que se achegan coa documentación a ela anexada nun ficheiro de solicitantes e beneficiarios de subvencións públicas da Agadic, nos mesmos termos e coas previsións contidas na devandita lexislación; esta solicitude tamén comporta a autorización á Agadic para poder solicitar as certificacións que deberá emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, podendo o solicitante denegar expresamente tal consentimento mediante escrito presentado ante o órgano xestor, coa obriga de presentar os certificados indicados nos termos previstos regulamentariamente.

Quen abaixo asina declara que: dá expresamente o seu consentimento á Agadic para que, de acordo co establecido nos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta resolución no Diario Oficial de Galicia, na súa páxina web oficial e nos rexistros públicos referidos, con expresión da entidade beneficiaria, a cantidade e a súa finalidade, na forma que determine o órgano competente.

..., ... de ... de 2009.

(sinatura do participante)

Director da Axencia Galega das Industrias Culturais