DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 27 de febreiro de 2009 Páx. 4.286

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 18 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, modificado polo Decreto 20/2007, do 22 de febreiro, e polo Decreto 14/2008, do 7 de febreiro, a Consellería de Traballo asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora e para aproveitar o potencial das persoas dedicadas á investigación e das persoas con titulación universitaria como xestores dos seus proxectos empresariais innovadores, así como apoiar e fomentar a transferencia do amplo coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e de emprego.

A estrutura normativa do programa das IEBT desenvólvese no Decreto 56/2007, do 15 de marzo (DOG nº 65, do 2 de abril) polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica e se regulan os instrumentos e mecanismos de apoio e de avaliación técnica, así como os requisitos e condicións que deben reunir os proxectos e o procedemento para a súa cualificación e inscrición no rexistro de IEBT. Esta orde establece as bases reguladoras do programa de axudas ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) e procede á súa convocatoria para o ano 2009, que se axusta ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en canto non se opoña ao establecido nesta lei, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o establecido na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de

Galicia para o ano 2009, e no que resulte de aplicación na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Nesta orde establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar nun único procedemento a comparación e prelación das solicitudes presentadas, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80%, a través do Programa operativo do FSE de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola decisión da Comisión Europea do 18 de decembro de 2007. Este cofinanciamento farase constar nas resolucións de concesión.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas e da Intervención delegada, e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e principios de xestión.

1. Coa finalidade de impulsar e facilitar a posta en marcha de iniciativas de base tecnolóxica en la Comunidad Autónoma de Galicia, a través do financiamento parcial dos custos iniciais necesarios para a posta en marcha destes proxectos empresariais innovadores de contido científico e/ou tecnolóxico, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas previamente cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica e inscritas no rexistro administrativo habilitado para o efecto na Dirección Xeral de Promoción do Emprego, en virtude do establecido no Decreto 56/2007, do 15 de marzo, polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), e se procede á súa convocatoria para o ano 2009.

2. As solicitudes, tramitación e concesión desta axuda axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en canto non se opoña ao establecido nesta lei, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, e, no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, de 21 de xullo, e nesta orde.

3. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Persoas e entidades beneficiarias.

1. Poderán beneficiarse das axudas previstas nesta orde as empresas privadas, incluíndo as autónomas e os autónomos, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT ou, de ser o caso, no que se estableza na resolución de cualificación, segundo o disposto nos artigos 3 e 12 do Decreto 56/2007, do 15 de marzo, polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

2. Entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente rexistro mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. Se se tratar de empresaria ou empresario individual, cando cause alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

3. Entenderase que unha empresa inicia a súa actividade produtiva cando cause alta no imposto de actividades económicas ou ben cando cause alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

Capítulo II

Modalidades de axuda

Artigo 3º.-Tipos de axuda.

1. No programa de promoción de iniciativas de emprego de base tecnolóxica recóllense os seguintes tipos de axudas:

a) Axuda á creación de emprego estable.

b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.

c) Apoio á función xerencial.

d) Subvención financeira.

e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

2. Para os efectos das axudas recollidas nesta orde, terán a consideración de persoas desempregadas aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

3. Para os efectos de determinar a contía máxima da subvención financeira e da axuda para o inicio e posta en marcha da actividade, teranse en conta as transformacións en indefinidos dos contratos temporais, calquera que for a súa modalidade, de traballadores e/ou traballadoras que na data da celebración do contrato temporal estiveren en situación de desemprego de acordo coa definición do parágrafo 2 anterior, e sempre que a transformación do contrato temporal en indefinido se realice no mesmo ano natural que o contrato temporal da que deriva.

Entenderase que se produce a transformación en todos aqueles casos en que ambas as modalidades contractuais se sucedan sen ruptura da relación laboral coa empresa, incluídos aqueles supostos en que o inicio da relación laboral indefinida ten lugar no día seguinte ao do termo da vixencia do contrato temporal.

No caso de transformacións de contratos temporais a tempo completo, a xornada do novo contrato indefinido deberá ser a tempo completo.

Nos supostos de transformación de contratos temporais a tempo parcial, a xornada do novo contrato indefinido deberá ser, como mínimo, igual á do contrato que se transforma.

4. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde as empresas resultantes dos proxectos empresariais cualificados como IEBT ao abeiro do Decreto 56/2007, do 15 de marzo, polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT).

5. O cadro de persoal no momento de iniciar a súa actividade produtiva deberá estar constituído nun 25%, como mínimo, por persoas con titulación universitaria, e deberá existir correspondencia entre a categoría da titulación académica de tipo profesional que posúa a persoa contratada e a categoría profesional pola que se contrata.

Artigo 4º.-Axuda á creación de emprego estable.

1. A creación de postos de traballo estables de carácter indefinido, xa por conta propia ou allea, que sexan ocupados con carácter indefinido por persoas desempregadas de acordo coa definición do artigo 3º, parágrafo 2 , incentivarase cada un deles cunha subvención de 6.300 euros. No suposto de que sexa ocupado por unha traballadora, o incentivo incrementarase nunha contía de 600 euros.

Cando o posto de traballo creado o ocupe unha persoa desempregada con título universitario, o incentivo será de 6.600 euros e, de tratarse dunha muller con titulación universitaria, de 7.200 euros.

Cando as contratacións se realicen con mozos e mozas menores de 30 anos, os incentivos anteriores incrementaranse en 300 euros.

Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legal.

2. As contratacións indefinidas, para poderen ser obxecto de subvención, deberán formalizarse por escrito no modelo oficial que facilite o Servizo Público de Emprego, e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

3. Nos postos de traballo creados e polos cales se solicite subvención deberá existir correspondencia entre a categoría da titulación académica de tipo profesional que posúa a persoa contratada e a categoría profesional por que se contrata.

4. Cando se trate de contratacións indefinidas de traballadoras e/ou traballadores por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os beneficios poidan superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato obxecto de subvención.

5. Poderán ser obxecto da axuda prevista neste artigo os postos de traballo estables de carácter indefinido creados antes de transcorrer un ano desde a data de inicio da actividade, e son subvencionables ao abeiro desta orde as contratacións realizadas entre o 16 de setembro de 2008 e o 15 de setembro de 2009.

6. Non se concederá esta axuda cando se trate de traballadores ou traballadoras que prestasen servizos na mesma empresa en virtude dun contrato de carácter temporal.

7. As solicitudes deberán presentarse no prazo xeral establecido no artigo 10º.6 desta orde.

Artigo 5º.-Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.

1. Para a contratación de persoal técnico de alta cualificación poderá concedérselles ás empresas cualificadas como IEBT unha subvención cuxa contía será equivalente ao 50% dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos, segundo a duración do contrato, cun máximo de 12 mensualidades.

2. Quedan excluídos desta modalidade de axuda os contratos realizados coas persoas titulares ou socias da empresa, co/a cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive. Non será de aplicación esta exclusión cando o empregador/a sexa un traballador/a autónomo/a que contrate con traballador/a por conta allea os fillos/as menores de trinta anos, tanto se conviven ou non con el/a, ou cando se trate dun traballador/a autónomo/a sen asalariados, e contrate un só familiar menor de corenta e cinco anos, que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

3. A subvención terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 30.000 euros, e estará condicionada á xustificación pola empresa de que, coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela.

4. Poderán ser obxecto da modalidade de axuda prevista neste artigo as contratacións realizadas antes de transcorrer un ano desde a data de inicio da actividade, sendo subvencionables as contratacións realizadas entre o 16 de setembro de 2008 e o 15 de setembro de 2009.

5. Esta modalidade de axuda é incompatible, para a mesma persoa traballadora, coa establecida no artigo 4º desta orde, e é compatible, se é o caso, coas bonificacións de cotas á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que entre ambas poidan superar o 60% do custo salarial anual.

6. As persoas expertas técnicas que sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego e se contraten con carácter indefinido poderán computarse para os efectos do cálculo da subvención financeira e da axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

7. As solicitudes deberán presentarse no prazo xeral establecido no artigo 10º.6 desta orde.

Artigo 6º.-Apoio á función xerencial.

1. Para o acompañamento no lanzamento da empresa e coa finalidade de favorecer a permanencia dos novos empregos creados, poderán ser obxecto de apoio as funcións xerenciais para axudar á persoa promotora ou empresaria/o na toma de decisións necesarias para o funcionamento da empresa.

2. Este apoio poderá revestir as seguintes modalidades:

a) Axuda por titoría, entendéndose por tal o acompañamento técnico que unha persoa experta allea á empresa, persoa física ou xurídica que reúna garantías de solvencia e profesionalidade, presta á persoa promotora ou empresaria/o nas súas actividades xerenciais durante un prazo de tempo determinado.

b) Axuda por formación, que incluirá os cursos que a persoa promotora ou empresaria/o poida recibir para obter e mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial.

c) Axuda pola realización externa de estudos e informes sobre a actividade para que a persoa promotora ou empresaria/o poida dispoñer de mellor información sobre os bens ou servizos obxecto de produción, incluíndose nesta epígrafe os estudos de mercado, organización, comercialización, diagnose e outros de natureza análoga.

3. Poderá ser obxecto desta modalidade de axuda o gasto orixinado polo apoio á función xerencial producido no primeiro ano de actividade, que deberá ser efectivamente xustificado mediante facturas e documentos acreditativos do pagamento.

4. A contía do incentivo para o apoio á función xerencial, que se pagará por unha soa vez, será do 75% do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 12.000 euros polo conxunto das modalidades de asistencia técnica previstas.

5. A solicitude deberá presentarse no décimo segundo mes contado desde o inicio da actividade.

Artigo 7º.-Subvención financeira.

1. A axuda financeira ten por finalidade favorecer a creación de postos de traballo, mediante a redución dos xuros dos préstamos para financiar os investimentos en activo fixo que sexan necesarios para a creación e posta en marcha das empresas cualificadas como IEBT. Cómo mínimo, o 75% do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado fixo e poderase destinar ata un 25% do préstamo para financiar o activo circulante.

Non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo aos préstamos obxecto da axuda agás no suposto de traspaso de negocios.

Os préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos por entidades financeiras que teñan subscrito un convenio para tal fin coa Consellería de Traballo e deberán formalizarse entre os tres meses anteriores ao inicio da actividade e os seis meses posteriores.

2. Esta axuda, pagadoira dunha soa vez, será equivalente á redución de ata seis puntos do tipo de xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia destes sen que en ningún caso o tipo de xuro que deba satisfacer a empresa beneficiaria, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto. A contía calcularase como se a subvención se xerase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. O tipo de xuro poderá ser fixo ou variable, tomándose como referencia para o cálculo da subvención, o tipo de xuro vixente na data da resolución da subvención, ou vixente na data da sinatura do contrato do préstamo, se esta é anterior.

A contía máxima desta axuda non poderá ser superior a 6.300 euros por emprego estable creado durante o primeiro ano de actividade para os colectivos definidos no artigo 3º, parágrafos 2 e 3 desta orde. Para os efectos desta axuda, só se terán en conta os postos de traballo creados desde o 16 de setembro de 2008 ata o 15 de setembro de 2009.

3. Para os efectos da xustificación desta axuda, teranse en conta os investimentos realizados a partir da formalización do préstamo, e sempre co límite temporal de 12 meses desde o inicio da actividade.

4. A solicitude de subvención financeira deberá presentarse nos dous meses seguintes ao inicio da actividade, respectando, pola súa vez, o prazo xeral establecido no artigo 10º.6 desta orde, aínda que non transcorresen os dous meses antes citados.

Artigo 8º.-Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

1. Esta axuda ten por finalidade financiar parcialmente os custos dos gastos necesarios derivados da posta en marcha da actividade e do funcionamento da empresa. Serán subvencionables, a través desta axuda, os gastos de constitución, os gastos pola compra de mercadorías, as materias primas e outros aprovisionamentos, o arrendamento do local, gastos do seguro do local, a man de obra empregada na reforma ou na adecuación do local, o arrendamento de equipos informáticos e maquinaria, a publicidade e a subministracións. En ningún caso serán subvencionables, a través da axuda regulada neste artigo, os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo.

2. Poderán ser obxecto de subvención os gastos realizados no primeiro ano de actividade. Estes gastos deberán xustificarse mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento.

3. O importe máximo desta modalidade de axuda determinarase en atención ao número de postos de traballo estables creados durante o primeiro ano de actividade para os colectivos definidos no artigo 3º, parágrafo 2 desta orde, de acordo coa seguinte escala:

-De 1 a 2 postos de traballo: 18.000 euros.

-De 3 a 10 postos de traballo: 30.000 euros.

-De 11 a 20 postos de traballo: 42.000 euros.

-21 ou máis postos de traballo: 54.000 euros.

En ningún caso o importe desta axuda poderá superar a contía de 9.000 euros por posto de traballo estable creado, nin superar o custo dos gastos subvencionables.

Para os efectos desta axuda, só se terán en conta os postos de traballo creados desde o 16 de setembro de 2008 ata o 15 de setembro de 2009.

4. A solicitude deberá presentarse no décimo segundo mes contado desde o inicio da actividade.

Capítulo III

Competencia e procedemento

Artigo 9º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas presentadas ao abeiro desta orde corresponderalle, por delegación do conselleiro de Traballo, ao director xeral de Promoción do Emprego.

Artigo 10º.-Solicitudes, autorizacións, prazo e período de vixencia.

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ao director xeral de Promoción do Emprego, e presentaranse no rexistro da Consellería de Traballo ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A presentación da solicitude de subvención pola persoa ou entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, quen solicita poderá denegar expresamente o consentimento, debendo achegar coas solicitudes as devanditas certificacións.

3. Mediante a presentación da solicitude de subvención, a persoa ou entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo para incluir e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC, como responsable dos ficheiros, con domicilio na Rúa Domingo Fontán, 9 - 15702 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

4. Coa presentación da solicitude de subvención, a persoa ou entidade interesada autoriza expresamente a Consellería de Traballo para que, de acordo co establecido nos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia, con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario co que se imputan, a entidade beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da subvención, e na páxina web oficial da Consellería de Traballo.

5. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo: http://traballo.xunta.es.

6. Para o ano 2009, o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 15 de setembro de 2009.

Para o cómputo dos prazos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da contratación. Se o último día de prazo for inhábil, enténdese prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

7. De acordo co previsto no artigo 4º do Decreto 56/2007, do 15 de marzo, na presentación das solicitudes, os solicitantes poderán contar co asesoramento dos e das axentes con especialización en IEBT, da rede coordinada pola Consellería de Traballo (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es).

Artigo 11º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde, xunto coa seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada:

1. Documentación común para todas as modalidades de axuda:

a) Se quen solicita é persoa física, DNI e acreditación do número de identificación fiscal, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente da persoa representante que actúa en nome da entidade e NIF da empresa.

b) Alta no imposto de actividades económicas, ou ben alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

De tratarse de persoa xurídica, escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas.

c) Declaración abranguente do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo V) ou, de ser o caso, unha declaración de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións (no modelo de solicitude).

d) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que quen solicita é titular da conta (anexo VI).

e) Documentación acreditativa de se encontraren ao día nas súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma, unicamente no suposto de que a persoa ou entidade solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

2. Documentación específica:

a) Axuda á creación de emprego estable:

-Unha declaración do número de empregos estables de carácter indefinido polos cales se solicita subvención, indicando se son ocupados ou non por persoas con titulación universitaria, e expresando a data de incorporación efectiva á empresa (anexo III).

-Copia simple do DNI das persoas traballadoras contratadas, os contratos de traballo e as altas na Seguridade Social, e, se é o caso, certificación académica de terminación dos estudos ou copia compulsada do título universitario.

b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación:

-Memoria descritiva da necesidade da contratación dos técnicos de alta cualificación, número e perfís profesionais e funcións que van realizar en relación coas categorías profesionais polas cales se contratan. Os custos laborais totais de cada un deles.

-Copia simple do DNI da persoa técnica pola cal se solicita subvención, contratos de traballo e as altas na Seguridade Social.

c) Subvención ao apoio á función xerencial:

-Memoria descritiva da medida de apoio solicitado, na cal debe constar, entre outros, a xustificación da súa necesidade para o desenvolvemento da actividade empresarial e o orzamento desagregado por conceptos, os servizos que se desenvolven e o calendario da súa realización, así como a conformidade da empresa, entidade ou persoa física que prestou o apoio e a aceptación da persoa ou entidade solicitante.

-Documentación acreditativa da solvencia profesional da empresa que prestou o servizo de apoio.

d) Subvención financeira:

-Memoria económica do proxecto que inclúa o orzamento de investimentos e o plan de financiamento en relación coa finalidade ou obxecto da subvención.

-Contrato de préstamo ou, na súa falta, compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, no cal figuren as características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin (anexo IV).

-Plan de investimentos xunto coas facturas, facturas proforma ou orzamentos dos activos fixos.

-Declaración do número de empregos estables creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, indicando aqueles que haxa que ter en conta para o cálculo da subvención (anexo III).

e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade:

-Memoria descritiva da actividade e relacion detallada dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, con indicación daqueles a que se vai destinar a subvención.

-Se é o caso, facturas e documentos acreditativos do gasto, así como documentos bancarios acreditativos do pagamento.

-Declaración do número de postos de traballo estables creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daqueles que hai que ter en conta para o cálculo da subvención (anexo III).

Artigo 12º.-Procedemento de concesión, instrución e tramitación.

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programación e Xestión da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

3. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se presentar a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán a persoa ou entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

4. No suposto de que a axuda estea cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informarase a persoa beneficiaria de que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos beneficiarios, das operacións e da cantidade de fondos públicos asignada a cada operación e que a autoridade de xestión do programa operativo públicará conforme o previsto no artigo 7.2º d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007).

Artigo 13º.-Procedemento de concesión, resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización pola intervención das propostas emitidas polo dito servizo, as resolucións serán ditadas polo órgano competente por delegación do conselleiro de Traballo, e deberán serlles notificadas ás persoas ou entidades interesadas. As resolucións, de concesión ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar será de seis meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen se ditar a resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1º e 2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14º.-Xustificación e pagamento.

1. De non terse achegado, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación no prazo, nos termos e na forma que se sinale na resolución de concesión da documentación común e específica que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a seguinte:

A. Documentación común para todos os tipos de axuda:

-Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da actividade para a cal se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda.

-Declaración complementaria da establecida no artigo 11º.1 c) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas e subvencións (anexo V).

B. Documentación específica:

a) Subvención ao apoio á función xerencial:

-Documentos bancarios acreditativos do pagamento das facturas do custo do servizo recibido.

-Informe escrito da actuación de apoio desenvolvida e, no caso de consistir na elaboración dun estudo de mercado ou similar, presentarase copia deste.

-Certificación da empresa, entidade ou persoa física, da finalización do servizo de apoio prestado, coa aceptación ou conformidade da empresa solicitante cos servizos recibidos.

b) Subvención financeira:

-Copia do contrato de préstamo, caso de non se xuntar á solicitude.

-Copia simple do DNI das persoas traballadoras contratadas tidas en conta para o cálculo da contía da subvención.

-No caso de contratacións iniciais, os contratos de traballo e as altas na Seguridade Social.

-No caso de transformacións, o contrato temporal de que deriva e as súas posibles prórrogas, así como a comunicación da conversión do contrato temporal en indefinido á oficina pública de emprego e a comunicación de variación de datos á Seguridade Social.

c) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade:

-Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas e documentos acreditativos do pagamento delas.

-Copia simple do DNI das persoas traballadoras contratadas.

-No caso de contratacións iniciais, os contratos de traballo e as altas na Seguridade Social.

-No caso de transformacións, o contrato temporal de que deriva e as súas posibles prórrogas, así como a comunicación da conversión do contrato temporal en indefinido á oficina pública de emprego e a comunicación de variación de datos á Seguridade Social.

2. Non obstante o sinalado no artigo 11º e no punto 1 deste artigo, a documentación exixida para a fase de pagamento, común e específica, que sexa de posible achega poderá presentarse xunto coa solicitude á opción da persoa ou entidade interesada. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

3. Cando concorran varias modalidades de axudas, só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude como na de xustificación do pagamento.

4. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa ou entidade beneficiaria non se ache ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

5. Os beneficiarios deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 30 de novembro de 2009. Excepcionalmente, o dito prazo poderá ser prorrogado por un período de 15 días.

Capítulo IV

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 15º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. Os incentivos económicos establecidos nesta orde serán complementarios e compatibles entre si, agás no disposto no artigo 5º.4, e con calquera outra axuda da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, pero sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non se poderán imputar os mesmos gastos para as distintas modalidades da axuda previstas nesta orde, agás naqueles casos en que só se toman como referencia para o cálculo da contía do incentivo.

3. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos programas de iniciativas locais de emprego e de iniciativas de emprego rural, de promoción do emprego autónomo, de integración laboral das persoas afectadas de diversidade funcional en centros especiais de emprego e de promoción do emprego autónomo das persoas afectadas de diversidade funcional, así como no programa de promoción do emprego en cooperativas e sociedades laborais, agás que se trate da axuda para a adquisición da condición de socio ou socia traballador/a dunha cooperativa de traballo asociado ou dunha sociedade laboral, convocados pola Consellería de Traballo.

4. A axuda á creación de emprego estable e a subvención para a contratación de persoal experto técnico de alta cualificación serán incompatibles coas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Traballo. Os ditos incentivos serán compatibles, de ser o caso, con axudas ou bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.

Artigo 16º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

a) Os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas en que participasen persoas ou entidades que, pola súa vez, sexan promotoras da empresa solicitante.

b) As persoas promotoras que, nos tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, estivesen de alta como traballadoras autónomas ou traballadores autónomos en calquera réxime da Seguridade Social.

c) Así mesmo, serán excluídas as persoas ou entidades solicitantes que incorran nalgunha das prohibicións que aparecen recollidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

1. Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das axudas e subvencións:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos, salvo cesamento por causas alleas a súa vontade, o que deberán acreditar de maneira que faga fe.

c) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas ou entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo, así como, se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1828 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L371, do 27 de decembro).

e) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e fornecer canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Crear, no primeiro ano de actividade, emprego estable para persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, respectando a proporción dunha persoa con titulación universitaria por cada 4 postos de traballo.

g) As empresas deberán manter os postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda durante un período mínimo de tres anos.

h) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde deberán cumprir respecto das distintas modalidades de axuda as seguintes obrigas:

a) Axuda á creación de emprego estable: as empresas beneficiarias, co fin de garantiren o mantemento dos postos de traballo estables creados que fosen obxecto de subvención, deberán presentar, dentro do primeiro trimestre de cada ano, unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito.

Esta obriga manterase durante tres anos desde a data de realización da contratación indefinida obxecto de subvención.

Cando no período de tres anos, desde a data da incorporación á empresa, se produza o cesamento dalgunha persoa traballadora subvencionada, a empresa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante no prazo dun mes e, polo menos, en tempo de dedicación igual ao anterior, debendo reunir o novo traballador ou nova traballadora o requisito de pertencer a algún colectivo beneficiario polo cal se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa e, de ser o caso, a condición de posuír titulación universitaria, o que deberá ser comunicado ao órgano que concedeu a axuda dentro dos 20 días seguintes ao da substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda por creación de emprego.

b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación: manter no cadro de persoal a persoa técnica contratada, como mínimo, polo tempo subvencionado, e presentar no prazo de dous meses desde a finalización do período subvencionado:

-Unha memoria das actividades realizadas polos técnicos subvencionados.

-Nóminas e transferencias bancarias e boletíns de cotización á Seguridade Social (TC2) do persoal técnico contratado, correspondentes ao período subvencionado.

No suposto de cesamento da persoa técnica contratada, a empresa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante no prazo dun mes e, polo menos, en tempo de dedicación igual ao anterior, o que deberá ser comunicado ao órgano que concedeu a axuda dentro dos 20 días seguintes ao da substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

c) Subvención financeira:

1. A persoa ou entidade beneficiaria da subvención acreditará, no primeiro trimestre natural de cada ano e ata a súa completa xustificación, mediante facturas, escrituras públicas ou contratos, así como os correspondentes xustificantes de pagamento, que o importe de préstamo subvencionado foi destinado a financiar os investimentos obxecto da subvención.

A persoa ou entidade beneficiaria, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

2. As empresas deberán manter os postos de traballo tidos en conta para o cálculo da axuda durante un período mínimo de tres anos desde a data de realización da contratación indefinida.

Cando no período de tres anos desde a data da contratación indefinida se producir o cesamento dalgunha persoa traballadora, a empresa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante no prazo dun mes, debendo reunir o novo traballador ou nova traballadora o requisito de pertencer a algún colectivo beneficiario, o que deberá ser comunicado ao órgano que concedeu a axuda dentro dos 20 días seguintes ao da substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda por creación de emprego.

d) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade: as empresas deberán manter os postos de traballo tidos en conta para o cálculo da axuda durante un período mínimo de tres anos desde a data de realización da contratación indefinida.

Cando no período de tres anos desde a data da contratación indefinida se producir o cesamento dalgunha persoa traballadora, a empresa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante no prazo dun mes, debendo reunir o novo traballador ou nova traballadora o requisito de pertencer a algún colectivo beneficiario, o que deberá ser comunicado ao órgano que concedeu a axuda dentro dos 20 días seguintes ao da substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda por creación de emprego.

Artigo 18º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión de axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 19º.-Revogación e reintegro.

1. Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

2. No caso de incumprimentos parciais, o órgano competente determinará a cantidade que reintegrará polo beneficiario respondendo ao principio de proporcionalidade en función dos custos xustificados e as actuacións acreditadas. No caso de incumprimento, salvo que se acrediten causas alleas á vontade do beneficiario respecto da obriga establecida no artigo 17.1º b) de manter a súa actividade empresarial e a súa alta na Seguridade Social ou equivalente durante polo menos tres anos, e sempre que o cumprimento se aproxime de forma significativa ao cumprimento total, entendendo como tal ter mantido a actividade durante polo menos dous anos, e acredite o beneficiario unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, procederá o reintegro das subvencións percibidas, de forma proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos tres anos.

Artigo 20º.-Seguimento e control.

A Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 21º.-Réxime de axudas.

1. Estas axudas están sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado CE ás axudas de minimis. Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución das solicitudes de subvención. Por tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada.

2. Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello.

b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

d) Carbón, segundo se define no Regulamento (CE) nº 1407/2002.

e) No suposto das empresas que realicen por conta allea operacións de transporte por estrada, non poderán concederse axudas para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.

f) Empresas en crise.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Traballo levará a cabo a función de control, así como da avaliación e seguimento deste programa.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Traballo para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Ademais, os e as axentes con especialización en IEBT que realizan os labores de acompañamento e asesoramento, colaborarán nas actuacións de seguimento e avaliación das empresas cualificadas como IEBT, unha vez iniciada a súa actividade.

As empresas beneficiarias das axudas recollidas nesta orde terán a obriga de cubrir anualmente un cuestionario elaborado polos e polas axentes con especialización en IEBT, para os efectos da realización dun seguimento anual delas.

Segunda.-A Consellería de Traballo poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axuda previstas nesta orde, agás aquela que de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se encontre en poder da Administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo no director xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación do conselleiro.

Cuarta.-A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego non ocupado, na data de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinta.-A concesión das axudas e subvencións previstas para o ano 2009 nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución do director xeral de Promoción do Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Sexta.-No exercicio 2009 as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.02.322C.470.2, código de proxecto 2009 01 016, cun crédito de 5.085.208 euros; 16.02.322C.472.1, código de proxecto 2009 01 039, cun crédito de 5.343.345 euros; 16.02.322C.472.2, código de proxecto 2009 01 047, cun crédito de 1.876.608 euros.

Estas contías están recollidas na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, e constitúen o importe global para o financiamento desta orde e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a persoas emprendedoras, autoemprego e integración laboral das persoas con discapacidade, incluídos no programa orzamentario 322C.

Así mesmo, os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de promoción do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Sétima.-Os incentivos ao programa de axudas ás empresas cualificadas como IEBT está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa Operativo do FSE de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola Decisión da Comisión Europea, do 18 de decembro de 2007, no marco da programación 2007-2013, polo que están cofinanciadas as axudas deste programa reguladas na Orde do 2 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas ás empresas cualificadas como IEBT cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2007 (DOG nº 88, do 8 de maio) e as axudas deste programa reguladas na Orde do 25 de marzo de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas ás empresas cualificadas como IEBT cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2008 (DOG nº 61, do 31 de marzo).

Disposición transitoria

Aquelas IEBT para as cales en virtude da data de inicio da súa actividade finalizase o prazo de presentación de solicitude de axudas entre o 16 de setembro de 2008 e a data de publicación desta orde poderán acollerse ás modalidades de axudas previstas nesta orde; neste caso o prazo para a presentación destas solicitudes rematará o 31 de marzo de 2009.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas cualificadas como IEBT.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2009.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

Ver referencia pdf "04100D013P146.PDF"

Ver referencia pdf "04100D014P161.PDF"